Celso Emilio Ferreiro continúa tendo moito tirón. O auditorio do Areal encheuse no acto de lembranza organizado polo Club Faro de Vigo con motivo do centenario do seu nacemento. Luís Ferreiro dedicou a súa intervención a deitar luz, moita luz, sobre o tan controvertido episodio da estancia do poeta de Celanova en Venezuela, do que naceu Viaxe ao país dos Ananos. Pola súa banda, Ramón Nicolás enfiou un fermoso discurso sobre a súa relación con Celso, desde o primeiro día que o viu de lonxe nunha presentación na Libraría Castelao dos Choróns até agora cando está a piques de rematar a súa monumental biografía do centenario. Con todo, o momento máis emocionante do serán foi cando Isabel Ferreiro leu e cantou tres poemas do seu pai, poñendo o dedo na chaga.
Tal día como hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Sumámonoso con esta lembranza a esta celebración que abre, tamén, o Ano Ferreiro. Hoxe por hoxe, a súa figura sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega.
Este documento sonoro, publicado pola Mediateca do Consello da Cultura Galega, recupera unha hora e cuarta das conversas que Ferreiro mantivo con María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo. Emociona escoitar a voz grave do noso poeta rebelde relatando devagariño a súa vida, confensando as súas conviccións e compromisos políticos, reflexionando sobre a súa obra e a tradición da poesía galega na que se inscribe.
Este ano 2012, que agardamos sexa ventureiro e sereno, será o do poeta Celso Emilio Ferreiro. Celebraremos o centenario do seu nacemento, o 4 de xaneiro 1912 en Celanova, e o cincuentenario da publicación na colección Salnés da editorial Galaxia da primeira edición de Longa noite de pedra, o seu poemario esencial e libro insignia da memoria cívica e literaria de varias xeracións. O poeta que reclamou “voz e voto”, o grande poeta político e social da Galicia contemporánea, o poeta galego do século XX, probablemente, máis querido e popular volverá ser lembrado e apupado en Galicia e fóra dela.
O primeiro obxectivo da celebración de ambas as dúas efemérides debe ser ampliar a divulgación e o estudo da obra ferreiriana. Tras a reedición anotada de case todos os seus libros en lingua galega dentro da Biblioteca das Letras Galegas de Xerais, de varias antoloxías ilustradas dedicadas ao público infantil e das novas edicións en Xerais da súa obra poética e narrativa en galego completas, así como parte da xornalística, aquela que inclúe os artigos publicados na sección “La jaula de los pájaros raros”, recuperada no volume titulado Semblanzas, crónicas e artigos, ao longo deste 2012 publicaranse os seus textos literarios no xornal ABC e unha edición bilingüe galego e castelá de Longa noite de pedra por parte de Auga edicións. No entanto, será a agardada publicación da monumental biografía literaria do poeta, que está preparando Ramón Nicolás, tras unha minuciosa consulta dos arquivos familiares, a que probablemente desvele aspectos até agora privados do autor de O soño sulagado. A descuberta recente por parte de Nicolás de dous poemas inéditos en libro, “Mozo” (un texto que data nos anos 60) e “O atraco” (publicado na revista “Correo de Galicia” de Buenos Aires en 1969), adianta algunhas das novidades que coñeceremos dun autor insuficientemente estudado do que faltan aínda por descubrir cuestións relevantes na súa actividade política ou no seu traballo como editor e promotor cultural.
Unha ferramenta esencial para a popularización da figura de Ferreiro no centenario será a nova páxina web na que por vez primeira se presenta cos recursos hipertextuais (arquivo fotográfico e fonoteca incluídos) a súa traxectoria biográfica e cronoloxía literaria. Un recurso didáctico moi valioso para achegarse a unha figura sempre moi valorada no eido educativo, que contará, ademais, cunha exposición multimedia que percorrerá centros escolares e bibliotecas e coa fermosa iniciativa didáctica “Cen anos, cen poemas en Celanova”, apoiada pola asociación de comerciantes da súa vila natal. Os concertos que se están preparando axudarán a poñer en valor os textos dun autor presente en máis de trescentas cancións, traducidas a máis de vinte linguas e musicadas por autores das máis diversas procedencias e estéticas. Non se pode esquecer que Ferreiro –o letrista máis prolífico da música de noso– continúa presente na conciencia da sociedade actual por medio dos ritmos rap de Dios ke te crew, como noutrora o fixera da man de Voces Ceibes, Benedicto, Bibiano, Fuxan os Ventos, Pucho Boedo, Luís Emilio Batallán, Amacio Prada, Jei Noguerol, Xocaloma, Aquenlla, Astarot, Pilocha ou Suso Vaamonde, entre outros.
Coa maior parte da obra traducida ao castelán, a celebración do centenario debería contribuír a proxección internacional de Celso Emilio. O goberno da municipalidade de Caracas aprobou colocar unha placa co texto “El poeta que sintió a súa pueblo” na Cuarta transversal, a rúa onde Ferreiro viviu os sete anos da súa estancia en Venezuela. A publicación da edición en inglés de Longa noite de pedra, traducida por Jonathan Dunne, coincidindo no mes de agosto cos actos de celebracion en Vigo do cincuentenario da publicación deste poemario, suporá outro pequeño milagre nesa difícil estratexia de visibilizar a literatura galega no mundo.
Con todo, presinto que o máis importante deste centenario será volver a comprobar a actualidade dos poemas de Celso Emilio Ferreiro. Mergullada nas incertezas tremendas desta crise do capitalismo financeiro, sometida a retallazos dolorosos que amplían inxustamente as desigualdades, a cidadanía galega do século XXI precisa enxergar luces. Aí reside unha das funcións desa poesía necesaria, a que alenta na loita contra a inxustiza, o paro, a emigración, a guerra, a destrución da natureza ou a defender o tesouro da lingua de todos, temas fulcrais na obra deste noso poeta clásico, indignado e rebelde. Coma a de Rosalía, coma a de Curros ou a de Pondal, a de Ferreiro é a voz perenne do escritor nacional. Sei que neste seu centenario, a súa voz afouta continuará poñendo o dedo na chaga, investigando no coñecemento da verdade do seu tempo, do noso tempo.
[Todos os anos adoito este noite de fin de ano facer unha homenaxe aos meus admirados Oasis. O pasado ano fixen unha excepción con Lois Pereiro, que repetirei este ano por mor do centenario de Celso Emilio Ferreiro.]
Na derradeira hora deste Frankfurt 2011, xa a piques de coller o avión, participamos no acto da presentación da colección «Galician Classics», que promove a editorial Small Stations Press e a Consellaría de Cultura e Turismo. Creo que este proxecto, promovido polo tradutor e editor Jonathan Dunne, é un das máis eficaces achegas para facer visible a literatura galega no mundo. Dunne, cando presentou a edición inglesa de Xente de aquí e acolá, reiterou a súa convicción (que compartimos) de que unha unha literatura nacional se dá a coñecer no mercado internacional polas súas traducións. Até o momento a colección ten apenas dous títulos, a antoloxía poética de Lois Pereiro e este primeiro Cunqueiro, aos que o vindeiro ano se engadirá Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. Non hai dúbida que a grande asignatura pendente continúa sendo Rosalía de Castro, a nosa autora fundacional, que non conta aínda cun libro completo traducido ao inglés. En 2013, ano rosaliano por excelencia, no que se celebrará o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, habería que incorporar a esta serie os dous grandes poemarios rosalianos. Dúas traducións que, a un custe moi asumible, poden abrir unha xanela para todo o noso catálogo literario.
Nota: O acto rematou cun recital do poeta Elías Portela, que leu e cantou en islandés, alemán e galego algúns dos seus poemas do libro O mariñeiro con cabalos marítimos baixo o vestido. Unha intervención memorable, moi aplaudida polo público que ateigou o noso stand. Un broche magnífico para un Frankfurt que resultou máis interesante do que agardabamos.
O traballo atrasado impediume viaxar a Pontedeume e sumarme á homenaxe dos amigos a Ramiro Fonte. Sentino ben, mais debo asumir que non son un atlas que pode con todo e que debo poñer límites o meu entusiasmo. Tras tres anos do seu pasamento a pegada do agarimo de Ramiro na memoria nosa mantense intacta. O seu recordo é limpo como foi a escritura de cada un dos seus versos de poeta cidadán. Eis a proba daquel fermoso que nos dedicou: «Todo o mar na fragrancia da ribeira». Á tarde, xa co acougo do domingo volvo sobre as páxinas de «Cronos no Casco Vello», un dos seus libros que máis aprezo:
¿Quen dixo que non ve a poesía
Con ollos de pintor esta cidade?
Naquela fiestra morta vive a ría
Con toda a súa luminosidade.
A humilde homenaxe nosa a Ramiro foi, aproveitando a fresquiña do serán, saírmos camiñar polo Casco Vello na procura daquela fiestra na que el atopou a man do tempo. Querémoste, Ramiro!
Co gallo do terceiro aniversario do pasamento do escritor Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro celebrarase en Pontedeume, vila natal do poeta, un acto literario organizado polos seus amigos. O encontro pretende converterse nunha cita anual que contribúa a manter viva a obra e a memoria dun dos autores máis senlleiros das letras galegas do século XX.
«Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións. A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos os lectores. E como amigos del, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza», sinalan os organizadores do encontro. «Ao cabo, é algo no que Ramiro sempre se significou: el teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir a intereses espurios. O escritor, insistía adoito, escribe exclusivamente para os lectores, procurando neles futuros cómplices».
O acto celebrarase ás 12.30 da mañá na Praza das Angustias, fronte á casa na que o poeta viviu na súa infancia. Alí, Elsa Baluja, viúva do poeta, descubrirá unha placa na súa lembranza e amigos de Ramiro lerán algúns dos seus poemas.
Moi interesante documental sobre a pelegrinaxe rosaliana de 1951. Interveñen Borobó, Antía Cal, Paco del Riego e Pura Vázquez. Os seguintes capítulos poden enlazarse aquí: 2, 3, 4 e 5.
Grazas a Xurxo Martínez González que divulgou os enlaces de tan interesante material.
A Real Academia Galega elixiu a Valentín Paz Andrade (VPA) como o persoeiro do Día das Letras Galegas de 2012. O empresario e escritor vigués, nacido na pontevedresa parroquia de Lérez, representa a concepción de Galicia como tarefa, como angueira permanente e inacabada, como encrucillada dos eidos da cultura, da economía e da política, imprescindibles para sacala do atraso e da marxinación na que viviu durante séculos. Nestes tempos tan difíciles para Galicia, onde para vergonza da cidadanía as súas institucións propias viran as costas ao patrimonio esencial do país, é oportunísimo que a institución presidida por Ferrín promova a figura deste emprendedor galeguista, un cosmopolita que viaxou polo planeta case enteiro e nunca perdeu os seus alicerces chantados nos portos de Bouzas e do Berbés e nas rúas de Vigo, a cidade do mundo para el máis querida.
En 1922, tras licenciarse en Dereito e participar na guerra de Marrocos, aquel xornalista noviño chegou a Vigo coa intención de fundar un xornal de inspiración liberal, independente e galeguista. Contando co apoio económico de Ernesto Cádiz Vargas, e coa axuda, entre outras persoas, do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, VPA conseguiu que o 25 de xullo aparecese o primeiro número de Galicia, un novo xornal da mañá que levaba por subtítulo Diario de Vigo. Aquel proxecto do que VPA foi o seu primeiro redactor xefe e logo director –no que participaron mártires do xornalismo galego como Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustres Rivas, ou no que mestres do humor gráfico de noso, como Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside ou Fernández Mazas, publicaban os seus debuxos e caricaturas– uniuno para sempre co mundo do xornalismo e cunha cidade que consideraba como o motor principal da Galicia moderna. Así o expresou nun extraordinario artigo, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia»: «Mientras Vigo no sea lo que merece (…), Galicia vivirá incapacitada para la vida intercontinental». Unha idea que reiterou en traballos posteriores nos que presentou a Vigo como o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesario dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino». Unha idea que traduciu no seu periplo vital na tarefa de facer Galicia dende o mar de Vigo.
O xornalismo foi a súa gran vocación profesional. Tras o Galicia, un proxecto que durou catro anos, mais cuxo fulgor librepensador mantivo acceso de por vida na súa alma mareira, en 1927 comezou a asesorar xuridicamente á sociedade «La Marítima» de armadores de Bouzas e a escribir en Industrias pesqueras, a revista técnica fundada por José Barreras da que logo sería director dende 1942. Aí naceu a súa vinculación co sector da pesca, do que foi un dos máis destacados coñecedores e dinámicos emprendedores, fose como experto internacional en economía pesqueira ou como participante en proxectos empresariais tan destacados como os de Pescanova e a súa primeira flota conxeladora ou a organización en Bouzas, en 1973 e dende a iniciativa privada, da primeira Exposición Mundial da Pesca.
A política tampouco lle foi allea. Pertencente á xeración dos xigantes do galeguismo, como Otero Pedrayo, Bóveda e Castelao, contando con apenas vinte e un anos participou na segunda Asemblea Nacionalista Galega de Santiago, sendo o primeiro presidente do Grupo Autonomista Galego fundado en Vigo en 1930. Membro do Partido Galeguista, foi candidato ao parlamento republicano e tras o alzamento militar sufriu desterro en varias ocasións. En 1974 foi designado como representante galego na Xunta Democrática creada en París, despois formou parte, representando a Galicia como independente, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, sendo elixindo senador pola Candidatura Democrática Galega nas primeiras eleccións democráticas.
Poeta de espírito reflexivo e sentimental, biógrafo de Castelao, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.
Esta acertada elección da Academia Galega permitirá recuperar a obra literaria e facilitar o coñecemento popular desta figura moderna que soubo poñer en diálogo permanente a tradición e os retos do seu tempo. Unha aposta de futuro.
Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas convocan Vento Lois, un recital expansivo que se celebrará en todo o mundo 0 vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde. Eis a súa carta, que pregamos difundir:
Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.
Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro…
Solicitamos a túa colaboración por se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora. Se é así, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, «quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (Por exemplo)».
De momento, están xa confirmados un concerto no cárcere da Coruña, (a partires das 21,00 horas), un recital aberto no Centro de Interpretación de Viño de Monforte e outro en Toulouse (en lugar por confirmar)
Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas en cada localidade, e así xuntar xente, propostas e esforzos. O resultado –fotografías, vídeos, comentarios- será recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.
A proposta de escaleta do acto pode consultarse aquí:
Hoxe é o “Día mundial da poesía”. Proclamada en 1999 pola XXX Conferencia Xeral da UNESCO, esta xornada, que no hemisferio norte coincide co comezo da primavera, constitúe un convite para converter a poesía nun espazo de encontro onde os pobos poidan atoparse por riba de cal sexa a súa lingua e a súa ubicación dentro do planeta. A poesía concibida como un dos alicerces da cultura universal, como unha voz superadora de barreiras e valados, capaz de expresar a esencia da condición humana e os matices máis sutiles das emocións e dos sentimentos dos seres humanos. A poesía convertida, ademais, en ferramenta de reflexión sobre o poder da linguaxe e en vehículo de expresión das capacidades creadoras de cada persoa. A poesía, en definitiva, transformada en código universal, nesa grande invención do mundo que permite o diálogo entre culturas, no territorio común das palabras, da creatividade e da innovación.
A UNESCO chama cada ano aos seus membros para celebrar esta xornada tamén coa intención de soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética, con singular interés polas manifestacións do patrimonio inmaterial de tradición oral e pola visibilidade dos poetas e dos seus textos na sociedade. Un día para promover a lectura, o ensino, a edición, a tradución da poesía entre lectores e lectoras de todas as idades e de todas as linguas. Vinte e catro horas, pois, para que a poesía e os poetas sexan os grandes protagonistas nos medios de comunicación, nos centros educativos e nos espazos públicos. Esta “Primavera dos poetas” convoca a milleiros de persoas dispostas a escoitar aos seus poetas que ocupan prazas, auditorios, bibliotecas e institutos. Consultar o programa de actos e recitais que hoxe se desenvolven en París, Lyon, Tours, algunhas das cidades francesas onde a celebración pula, provoca auténtico asombro. Canto menos por un día, os poetas son atendidos como merecen, como os xenerosos cabezaleiros da república das letras capaces de inchar as palabras, de escrutar os seus límites ou de alongar o alcance da lingua, servizo que a cidadanía sabe agradecer coa súa admiración cara eles.
Mágoa que non sexa, aínda, esta a consideración e o respecto que reciben os poetas galegos. Os nosos teñen cada vez máis dificultades para publicar os seus libros, menos oportunidades para recitar os seus poemas en espazos públicos e nin sequera a honra de ser coroados como hai cen anos lle aconteceu a Curros Enríquez. Dificultades de visibilidade para a poesía, ao que cremos non é allea a súa consideración prexuizosa como o xénero literario da minoría das minorías, a pesar de que nos textos poéticos reside o ADN de calquera outra expresión literaria. Outrosí sucede no propio sistema educativo, onde a pesar do importante esforzo realizado por un profesorado entusiasta en desenvolver un criterio literario entre o alumnado, a poesía tamén precisa de ser desmitificada e reivindicada.
Outra ollada da infancia e da mocidade sobre a poesía é posible. Este é o suxestivo convite que ven realizando o poeta e editor Fran Alonso en libros como Cidades (1997), Poetízate (2006) ou O meu gato é un poeta (2011), unha recente proposta de edición expandida (un libro, un cedé e unha web), na que engaiola a lectores novos e adolescentes retorcendo as palabras de xeito lúdico e divertido. Semellante proposta, dende hai vinte e cinco anos, ven realizando Antonio García Teijeiro, poeta pioneiro que acredita na capacidade contaxiosa do texto poético para ser apropiado polos nenos e nenas, como sabemos sucede en Recendos de aire sonoro (2011), o seu último libro onde esculca os límites entre poesía e música. Propostas de idéntica raíz e interese defenden Carlos Negro, Gloria Sánchez, Elvira Ribeiro, Antón Cortizas, Helena Villar Janeiro e unha longa nómina de poetas teimosos de noso que teñen ofrecidos poemarios que tamén poden ler os nenos.
Esoutra ollada poética desprexuizada non debe deitarse só sobre as crianzas. A poesía, a poesía galega, debe ocupar os espazos públicos que lle corresponden; os nosos poetas, como sucede hoxe en Francia, teñen tamén dereito a súa palestra. A lectura e a literatura deben entrar a formar parte da axenda pública, unha carencia moi grave nunha cidade como Vigo que a pesar de ser a capital editorial do país é incapaz de superar a súa endémica anemia lectora e bibliotecaria. Que a Concellaría de Cultura, fóra das actividades do Verbum, non teña prevista hoxe celebración ningunha para o “Día Mundial da Poesía” é triste, ademais doutra mostra da necesidade de contar cunha política municipal de lectura. Abondaría que os responsables vigueses consultasen a programación da concellaría coruñesa do seu ramo para atopar un modelo de cidade respectuosa cos seus poetas. En poesía e en bibliotecas, A Coruña é un exemplo a seguir.
O domingo estarei na Coruña para participar en «Vento Lois». Primeiro na manifestación poética que comezará ás doce e media na Praza de María Pita; logo, a partir da unha, no recital cívico do Teatro Rosalía de Castro. Será unha boa oportunidade para intensificar a presenza social da obra de Lois Pereiro e preparar ese gran recital expansivo polo país enteiro que se celebrará días antes do 17 de maio.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.
No artigo da semana de Faro de Vigo abordo as razóns do acaído nome que levará o auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar.
«Mar de Vigo» será o nome do Auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar. Un gran acerto do xurado de personalidades viguesas, constituído como efémero “comité de expertos” para tan difícil tarefa como foi a de bautizar unha instalación chamada a ser icona viguesa do século XXI. Unha denominación que non desmerece de maneira ningunha outras posibilidades como as de chamalo «Valentín Paz Andrade» (VPA), a proposta que defendimos neste espazo, ou as dos trobadores «Martín Codax» e «Mendiño», lembrando así os máis universais escritores vigueses e senllas insignias da historia da cidade.
«Mar de Vigo» é, dende o punto de vista literario un acerto rotundo xa que remite directamente aos propios versos de Martín Codax, o gran poeta e cantor de Vigo do século XIII, a quen, por certo, o profesor Xesús Alonso Montero acaba de dedicar unha fermosa e moi recomendable biografía, publicada polo Plan de competitividade turística de Vigo. «Ondas do mar de Vigo» é o primeiro verso da primeira cantiga codaxiana; referencia poética que se repite no segundo verso da quinta cantiga, «vinde comigo ao mar de Vigo». Faise xustiza así, despois de anos de certo esquecemento municipal (só hai que comprobar o estado de abandono do parque do Castro na súa lembranza), á figura de quen Álvaro Cunqueiro consideraba o auténtico fundador da nosa cidade. «Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Codax que bailaba ‘no sagrado, en Vigo’ y veía a su amiga bañarse en las ondas…» escribiu Cunqueiro na guía sobre Vigo e a súa ría (Everest, 1971), referíndose á quinta e sexta cantiga do poeta que alicerzou o mar de Vigo con palabras de amor, un feito extraordinario que don Álvaro consideraba en “Cancionero de Vigo”, un artigo publicado en Faro de Vigo (1957), como algo do que poderían fachendear moi poucas cidades na vella de Europa.
Dende que o poeta vigués Teodosio Vesteiro Torres (outra figura que merece ser reivindicada e mellor coñecida) publicase en 1876 no periódico ourensán El Heraldo Gallego a primeira publicación, impresa e autónoma, do heptaedro lírico de Martín Codax, comezaron a aparecer moitas referencias literarias que acrisolan o mar coa cidade de Vigo. Unha escolma destes textos apareceron hai poucos meses na Axenda de Vigo 2011 publicada pola Alcaldía, o que constitúe unha nova mostra do vínculo literario desta cidade co seu mar. “Vigo namorada das naos, doce noiva do vento” (Celso Emilio Ferreiro); “Vigo, a ría antes que nada” (Ángel Vázquez de la Cruz); “Mais ti, cidade, vas cangada como un barco” (Manuel Forcadela); “É o mar o que me envolve esta tarde” (Afonso Pexegueiro); “Cando a luz é unha forza a meternos a Ría polos ollos” (Xabier Paz); “Vigo está tan lonxe que se desorientaron as cartas mariñas” (Manuel Antonio); “Vigo naceu fronte ao mar, un mar recollido e familiar” (Xosé María Álvarez Blázquez); “[Vigo] vixía dos veleiros, val disperso” (Xosé María Álvarez Cáccamo…
No entanto non son razóns só literarias as que avalan esta denominación de «Mar de Vigo» como acaída para o impoñente Auditorio que o concello inaugurará no vindeiro mes de abril. Unha é a propia ubicación privilexiada do edificio ao pé da ría, converténdose en balcón e anfiteatro que permite gozar dun espectáculo visual extraordinario e dos poderes euforizantes da maruxía. Outra é o interese que para a mercadotecnia e proxección internacional da instalación supón levar o nome da súa cidade. Como non son menos relevantes, as pegadas que sobre aquel espazo de beiramar deixaron na memoria de xeracións de vigueses, primeiro os areais de San Sebastián, e máis tarde, a factoría de Casa M.A.R (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por emprendedores nosos como Valentín Paz Andrade e Javier Sensat Curbera.
«Mar de Vigo» é un sintagma de significado equivalente a outros como «cidade de sal» (María Xosé Queizán), «cidade de salitre» (Fran Alonso) ou «abella da ribeira» (Manuel Lueiro Rei) que expresan o carácter marítimo dunha cidade que ten no seu porto e nas actividades estruturadas ao seu arredor, dende a construción naval, pasando polas actividades pesqueiras, ao tráfico de mercadorías, un dos seus principais alicerces económicos. Carácter portuario presente, tamén, nas actividades deportivas e de lecer, na mobilidade metropolitana e, sobre todo, no valor da ría como o principal patrimonio que a humanidade deixou á atención dos vigueses. Dese espírito de sal quedou bautizada unha instalación cívica, cultural, comercial e turística cuxos contidos agardamos contribúan a preservar esta estirpe. Eis outro dos retos dun fermoso auditorio que a todos sen matices debería encher de fachenda.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do bicentenario e da inauguración da oliveira de Silverio Rivas, recompilo algunhas das metáforas e definicións que os autores e autoras da literatura galega teñen feito da cidade de Vigo.
O 27 de outubro foi a data escollida pola Alcaldía para celebrar o bicentenario da declaración por parte do Consello de Rexencia de España e Indias de Vigo como “Cidade, Fiel, Leal e Valorosa”. A concesión deste título foi a máis importante honra que nos deixou a Reconquista, ao tempo que a publicación deste decreto sinala formalmente a epifanía da nosa cidade facendo xustiza ao esforzo da súa veciñanza (daquelas xa unhas catro mil persoas) para lograr a súa liberación e a de toda Galicia, xa que tras a vitoria popular de Vigo, se organizaron as forzas que venceron na batalla de Pontesampaio. Cidade bicentenaria cunha historia milenaria –non esquezamos que os xacementos catalogados proban a existencia de asentamentos humanos sobre os brazos estendidos da ría e do Val do Fragoso dende o Paleolítico–, Vigo foi modelando ao longo destes dous séculos o seu celme de vilar mariñeiro chantado no Berbés e de comunidade agraria estendida sobre as farturentas terras do Val do Fragoso até ofrecer a súa actual fasquía de cidade metropolitana atlántica, especializada nas industrias do automóbil e da construción naval, con vontade inequívoca de liderar o proxecto de modernización e de benestar de Galicia.
É un gran acerto que se chantase no que foi un dos recantos do Campo de Granada, o noso campo da feira, a oliveira de aceiro creada por Silverio Rivas para lembrar a efeméride do Bicentenario e o esforzo colectivo desta cidade que tras sufrir crises e penalidades soubo inventarse e reinventarse manténdose leal e fiel consigo mesma. O escultor, autor tamén da formidable porta pétrea da praza das Travesas, representa coa rotundidade xeométrica desta oliveira metálica, que dialoga nas súas formas coa árbore xa centenaria do paseo de Afonso e co propio escudo da cidade, tanto o carácter de “cidade en estrépito”, sintagma co que Méndez Ferrín definiu a vertixe da nosa transformación urbana da segunda metade do século XX, como o de “cidade en bisbarra”, co que Otero Pedrayo salientaba a importancia que para Vigo teñen cada unha das súas vinte e tres parroquiais, presentes nesta árbore inoxidable co seu nome escrito en cadansúa póla.
Foron moitos os creadores de noso que trataron de representar o código do ADN de Vigo, tratando de aunar o carácter industrial e portuario do Berbés coa cultura agraria do Fragoso. Entre os escultores, Francisco Leiro atopou ese xenoma na fraxilidade do seu Sireno, metade home, metade peixe; Xoán Oliveira na potencia dos seus cabalos en desequilibrio ou Ramón Conde no esforzo dos seus traballadores empurrando unha rede que sae da profundidade da terra.
Os escritores tamén se esforzaron en acuñar coa beleza das palabras ese polímero urbano fragmentado: “volcán de dinamismos” (Méndez Ferrín), “cidade revolcada” (Xela Arias), “abella da ribeira” (Manuel Lueiro Rey), “cidade, puro milagre” e “cidade teorema” (Celso Emilio Ferreiro), “Barcelona atlántica” (Castelao), “cidade pedramol” (Fran Alonso), “o porto dos portos” (Xurxo Souto), “o ímpeto creador” (Xosé María Álvarez Blázquez), “Vilagrande do sur” (Xosé Fernández Ferreiro), “a cidade nova e activa que quere ser o motor do noso país” (Suso de Toro), “capital das altas undas” (Anxo Angueira), “mar da brétema gris” (Helena de Carlos) “[cidade] de grúas asombradas” (Antón Reixa) ou “a cidade do horizonte” (Alfonso Pexegueiro), por citar só algunhas das definicións ou metáforas das últimas décadas.
Con esta mesma intención de esculcar dende o eido literario na alma viguesa, a Fundación de Vigueses Distinguidos publicou o libro “Vigo é palabra”, a primeira antoloxía poética protagonizada por esta cidade bicentenaria. Un volume esencial para a historia literaria local no que trinta e tres dos nosos poetas alongan o patrimonio da metáfora viguesa: “o triunfo do metal” (María Xosé Queizán), “[cidade] en revolución ascendente”, (Mónica Bar Cendón), “cidade que recende a salgado” (An Alfaya), “o sorriso do barcos” (Román Raña), “[cidade] de oliveira e orballo” (Alfonso Álvarez Cáccamo), “unha cidade que nunca quixo morrer” (Antonio García Teijeiro), “a cidade dos agoiros” (Anxo Quintela), “[cidade] de carácter Feroz” (Iolanda Zúñiga), “[cidade] abismo e paraíso” (Manuel Forcadela)… Patrimonio enriquecido coa achega de Ánxel Vázquez de la Cruz, o autor de Luz de Tebra (Xerais 2010), que dedica un capítulo das súas historias médicas á súa estancia a finais dos anos sesenta no Hospital Municipal do Regueiro. “O xardín equívoco” é o título dun texto no que o doutor tudense realiza unha das máis excepcionais gabanzas literarias realizadas a Vigo, cidade para el, “de reiteradas xeometrías fabrís, mariña e montesía, [que provoca] esquizofrénica fascinación”. Unha acaída coda literaria para este bicentenario.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración do ciclo «A Illa das palabras» e da fotografía da ría de Vigo do astronauta Soichi Noguchi, apoio a candidatura do Campus do Mar como campus de excelencia universitaria.
Recomendo moi vivamente a lectura devagariño do pregón que o poeta Joan Margarit pronunciou o pasado 23 de setembro con motivo das Festas da Mercé. O poeta salienta algunhas reflexións moi atinadas arredor das linguas: «Un cop la vida es desenvolupa al voltant d’una llengua necessitem veure-la respectada a tot arreu, però d’una manera ineludible en el seu territori.» Margarit aborda sen medo as posibilidades futuras da relación de Cataluña con España: «Potser la necessitat de supervivència, de progrés material i espiritual que té Catalunya en aquest moment crític de canvis en l’equilibri social i econòmic del món fa que avui s’hagi de renunciar al tipus d’unió que fa segles va convenir a les dues parts.» Aínda que ben sei que semella quedar lonxe, é bo tomar nota por onde discorren os debates na sociedade catalá, que tarde ou cedo, inflúen sobre nós.
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo son os retos do vindeiro 17-M: acadar unha nova fronteira para a efeméride, incorporando novos públicos e soportes, e facer de Lois Pereiro un autor popular.
Lois Pereiro 2011
A designación por parte da Academia do poeta de orixe monfortina Lois Pereiro (LP) como escritor homenaxeado no vindeiro día/ano das Letras Galegas (17-M) foi todo un acerto. A pesar da lexítima discrepancia dalgunhas voces (poucas) e do moi desputada que foi a toma de decisión (tras numerosas votacións), a elección deste poeta maldito, punk e postmoderno provocou unha descoñecida onda de entusiasmo no mundo literario galego e xerou decontado unha inagardada expectativa de renovación para o futuro dunha efeméride en evidente retroceso de interese popular que, dende hai anos, arrastra esas terribles doenzas do esmorecemento provocadas pola rotina e pola minorización elitista.
Con esta designación non servirá o dilema habitual tan utilizado nestas efemérides: “que pode facer o 17-M por LP?” ou “que pode facer LP polo 17-M?” Para ben ou mal, en 2011 o futuro quedou vencellado entre autor e efeméride. Ese “talento inmenso e cósmico” de LP, salientado estes días por Fermín Bouza nun artigo memorable, constituirá unha oportunidade excelente para atopar novos públicos, novos soportes, novas expresións e novas iniciativas para celebrar unha efeméride, como a do 17-M, até agora centrada na necesaria e imprescindible ritualización académica e na abordaxe didáctica nos centros educativos da figura homenaxeada. Mais tamén, será unha ocasión única para que, por fin, se lea e popularice a LP, este poeta da furia, que posuía coiraza de aceiro e utilizaba verbas curativas de mel, cuxa presenza, en palabras de Manuel Rivas, “tiña o efecto dunha bomba silenciosa, envolta en flores, lanzada ao patio de butacas da ópera do mundo”. Con esta designación, a institución presidida por Méndez Ferrín enxerga outra derrota (unha necesidade moi reiterada polos sectores culturais máis inquedos), ao tempo que pretende converter ao que foi, até agora, un “poeta de culto” nun “autor popular”. Dous retos ilusionantes, perfectamente acadables, aos que estamos convidados a corresponsabilizarnos da súa procura os editores, o profesorado, as bibliotecas públicas, as asociacións culturais e cívicas e (non o esquezamos) as administracións públicas.
“Andou polas beiras salvaxes da vida”, escribiu o seu leal compañeiro Manuel Rivas, con quen Lois, o seu irmán Xosé Manuel, e o pintor Antón Patiño, forxaran en Madrid, a súa primeira trabe de futuro: o colectivo poético artístico “Loia”, que chegou editar de 1975 a 1978 catro números fotocopiados da revista homónima, na que publicou o seus primeiros poemas, recollidos en “Poemas para unha Loia” (1996), volume póstumo no que se incluíu o seu ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Ao longo de só trinta e oito anos, Lois Pereiro percorreu, utilizando unha estética punk, o camiño tráxico que o levou da tristeza violenta da mocidade, –ao abeiro de José Angel Valente, referente fundamental nos seus primeiros pasos– á aniquilación nostálxica que o acompañou dende que en 1981 foi vítima da doenza da colza. Foi a súa unha loita implacable “contra a morte” (ese é, tamén, o título dun longo documental biográfico que sobre el ultiman Iago Martínez e Álex Cancelo), que marcou tanto a súa vida como o seu esforzo creativo, expresado en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Das Capital” e, sobre todo “Luzes de Galiza”, nas letras das cancións que preparou para Radio Océano ou nos seus dous poemarios, publicados ambos os dous por Francisco Macías: “Poemas 1981/1991” (1992) e “Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995” (1995).
Lois Pereiro quixo que a súa literatura estivese feita cos vimbios da tenrura mais non asumiu moitas cortesías para que os seus poemas de aceiro funcionasen como “un bisturí que diseccionase a vida”, imaxe a que acoden para definilo os seus compañeiros do grupo poético “Do amor e desamor” (Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Lino Braxe, Xulio Valcárcel…), ao que se incorporou en 1984, cando chegou á Coruña, cidade na que “xaspeaban as nubes” e onde viviu dende entón.
Volver aos seus textos ou descubrilos é a primeira oportunidade que nos ofrece este vindeiro 17 de maio. Estamos diante dun poeta oceánico, dunha economía expresiva rotunda, capaz de enfeitizar e curar con cada un dos seus poemas: “Que a vida non me sorprenda xamais / desprevenido calado e neutral / e que un segundo antes de renderme / vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro”, comezaba o seu poema “Alerta e vixiante”, escrito un ano antes do seu falecemento, o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que foi anunciada a famosa sentenza da colza, a doenza que o ferira de morte quince anos antes. Outra ironía da nosa recente historia da infamia. Saudamos con esperanza este Lois Pereiro 2011.
Dende a pasasa semana pode seguirse o twitter de Lois Pereiro, onde aparecen diariamente textos e noticias sobre o autor de orixe monfortina. En Twitter existe, tamén, a marca #pereiro utilizada xa por máis dun cento de referencias.
A designación de Lois Pereiro como escritor homenaxeado no 17 de maio de 2011 volve demostrar o liderado da actual Academia Galega no proceso constante de actualización do pensamento e da creación galeguista. Non podo agachar que moito me emocionei cando onte lin na pantalla de twitter do meu teléfono a nova que adiantaba Iago Martínez (atinadísimo o seu artigo de hoxe). Esta designación de Lois Pereiro, como o ditame sobre o borrador do «Decreto de Plurilingüismo», énchenos de fachenda de pertencer a un país que conta cunha corporación cultural independente con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano resultará clave para coñecer a súa traxectoria vital e artística. A designación de Lois Pereiro desfai toda clase de prexuízos sobre a institución de Tabernas e convida á sociedade civil a corresponsabilizarse sobre o éxito da homenaxe. Agora, somos os editores, os estudosos do feito literario, o profesorado, o tecido do asociacionismo cultural os que temos a obriga de achegar á sociedade unha resposta acorde co espírito de permanente renovación do poeta apupado pola Academia. Nunha xornada de entusiasmo coma a de hoxe, as nosas beizóns todas son para Josito e a súa familia toda, e para Manuel Rivas e os restos dos membros da Academia por tan importante designación, que non vai en menoscabo de ningunha outra das candidaturas participantes nas votacións.
Como sinalan no blog Trafegando ronseis esta proposta foi elaborada en formato LIM e presenta dúas versións diferenciadas segundo o nivel de lectura e o tempo do que se teña para traballar o libro:
Cremos que estamos diante dun recurso didáctico e de animación lectora e poética extraordinario. Expresamos o noso maior agradecemento a Rosa Salgueiro.
Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.
Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»
Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»
No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha gabanza da figura de Uxío Novoneyra con motivo do acto de homenaxe que terá lugar hoxe no Club Faro de Vigo (Salón de actos do edificio do Concello de Vigo, rúa Areal) e da celebración da Semana das Letras Galegas na súa honra.
No artigo da semana percorro as homenaxes que se lle tributan mañá, 9 de novembro, ao poeta Ramón Cabanillas con motivo do 50 cabodano do seu pasamento.
A pesar de que as concellarías de Cultura do BNG promoveron ao mesmo son a candidatura de Ricardo Carvallo Calero, non creo que quedasen descontentas coa elección do poeta courelao Uxío Novoneyra e da elección como académico (xa era tempo!) de Bernardino Graña. Haberá que agardar outro ano pola sorte de candidaturas como as de Lois Pereiro ou pola do editor Ánxel Casal. Estou convencido de que a figura potente de Uxío dará un grande xogo no 17-M, tanto a nivel popular como académico, nun ano onde o debate sobre o futuro do idioma e o papel da creación literaria en galego continuarán sobre a mesa. Parabéns para Elba e para Branca, Arturo e Uxío que conservan a súa memoria literaria e dignidade humana.
Xosé Rivadulla Corcón, director d’ A Casa do vagabundo, o programa de libros (e con especial dedicación á poesía) da Radio Galega envíanos esta carta de despedida:
Estimados habitantes da Casa do vagabundo:
Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón
Outra carta que nos enche de tristeza e decepción. Máis cando o programa de Corcón, que se emitía todos os sábados á hora do xantar, creaba unha media hora de acougo ben bonita. Os centos de autores e autoras que participaron no programa sempre falaron marabillas deste espazo para a poesía e para a conversa vagarosa e culta. Agardo que esta despedida apenas sexa un até logo, e Corcón volva ser chamado polas novas responsables da RG para continuar co programa.
No entanto, tras mudanzas de enfoque tan lamentables como as introducidas no programa Aberto por Reformas, ben sería que os novos directivos da CRTVG fixeran explícitos os seus criterios de programación, tanto para o verán como para o reinicio da tempada. Máis alá do Diario Cultural (ao que sería inimaxinable que acoutasen), na nova programación da RG haberá algún outro espazo destinado a facer visible a nosa creación cultural?
Un doce de xuño de 1909 nacía en Seivane, unha aldea do concello de Abadín o que sería o grande poeta chairego Aquilino Iglesia Alvariño.
Afortunadamente o PEN de Galicia estivo atento e este centenario do autor de Señardá (1930), Corazón ao vento (1933) ou Lanza de soledá (1961) non pasará completamente desapercibido, a pesar de que os medios apenas, coa excepción cremos que de El Progreso, repararon na noticia.
Recomendo vivamente ler e arquivar a entrevista que Roxelio Garrido realizou ao poeta Carlos Oroza con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Admiro moito a Carlos, o noso poeta camiñante. Cada encontro con el na rúa é unha beizón, a pesar de que el humildemente afirma que «Todas las tardes paseo mi derrota por las calles de Vigo, alguna vez me paro en la orilla y espero algún barco». Beizóns, Carlos!
Quedei satisfeito da presentación/recital de Ámote vermella en Lugo. Medio cento de persoas acudiron á Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, onde está instalada Vermellas. Chamábanlles «rojas», a magnífica exposición da que forma parte principal este poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas. Tanto a exposición como o libro, un mesmo proxecto creativo multisoporte, promovido por Claudio co apoio de Carmen Blanco, constitúen unha homenaxe a aquelas mulleres represalidas polo franquismo. Nacido de «Vermellas», o número de 2006 da revista Unión Libre que ambos os dous dirixen, este poemario inscríbese, ademais, na triloxía que Rodríguez Fer ven ofrecendo sobre a memoria histórica, Lugo Blues sobre a memoria de Lugo, A loita continúa sobre a memoria de Galicia e este Ámote vermella sobre a memoria de muller.
Na súa intervención, Claudio R. Fer salientou que a intención deste proxecto é afirmar a vida, loitar contra a morte. «Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica». Antes de comezar a lectura dos poemas, comentou que lembrabamos a mulleres perseguidas por ter ideas. «O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero». Claudio agradeceu a presenza de varios familiares dalgunhas das vítimas lembradas no poemario: «Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos.»
Rodríguez Fer leu unha decena de poemas. «A derradeira lección da mestra» (dedicado a Mercedes Romero Abella e a todas as mestras represaliadas), «A Juana Capdevielle»; «Amada Amada» (fusilada, en Ferrol despois de ter o seu fillo, por ter rexeitado a un pretendente falanxista); «As tres mapoulas de Montecubeiro» (homenaxe as tres fusiladas de Castroverde); «Un tranvía chamado Urania» (lembrando a Urania Mella); «A árbore da vida» (lembrando a Cintia Rey, a nai de Víctor Casas, fotografada por Amalia Álvarez Gallego, a muller de Alexandre Bóveda); «A viaxe vermella» (homenaxe a María Casares; «Memorial dos foxos de Lugo» e «Paz para sempre», derradeiro poema, tamén do libro, dedicado a todas as persoas que mantiveron viva as rosas da memoria.
A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado: – A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos. – O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes. – As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso. – No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez. Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar. Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).
Descubro hoxe con enorme ledicia este texto de Uxía Fernández sobre a homenaxe que se lle tributou a Ramiro Fonte o pasado 28 de xullo. Na súa casa viguesa do Areal, Ramiro ultima estes días o orixinal de Reversos, o seu novo libro de poemas (de formas clásicas) que teremos a fortuna de publicar proximamente en Xerais.
Hoxe presentamos en OurenseA neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.
A raíz da miña proposta de creación dunha Oficina do Libro Galego, como xestor da estratexia de promoción da literatura galego a nivel internacional, o amigo Jonathan Dunne (o máis importante tradutor da literatura galega ao inglés) remíteme este enlace coa páxina do Centre for the Promotion of Galician Literature in Translation (CPGLT) que creou en 2000 cando traballaba na Universade de Bradford. O recurso é utilísimo para a promoción da nosa literatura en inglés (inclúe textos traducidos e referencias de Mendinho, Rosalía, Cunqueiro ou Manuel Rivas) ou a relación de textos da literatura galega traducidos ao inglés (até 2001). O traballo de Dunne (que actualmente está traducindo ao inglés Os libros arden mal e ten lista para a edición unha magna Antoloxía histórica da literatura galega bilingüe inglés-galego) demostra que é absolutamente viable, se houbese vontade institucional abonda, acometer un proxecto deste tipo dirixido ao marco profesional e comercial da edición internacional (editores, axentes literarios, “scouts” e profesores de estudos galegos), na que se incluísen traducións de mostra, sinopses, entrevistas con autores, información sobre axudas públicas. Non deixaremos de insistir nesta idea que cremos viable e imprescindible.
Grazas a Marcos podemos coñecer na rede os grandes murais de Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios sobre o perfil vigués que constitúen o fondo dos recitais de Fóra de sagrado de Anxo Angueira. Espectaculares, a verdade!
No artigo da semana abordo por segunda vez a figura de don Xosé María Álvarez Blázquez, nesta volta na súa relación con Vigo, cidade da que foi Cronista Oficial e á que dedicou dous dos seus máis importantes libros, La ciudad y los días e Vigo y su historia. Nas próximas semanas pretendo rematar a serie cun traballo sobre XAMB editor. Sei que a figura de don Xosé María ocupará unha importante atención nestas bretemas ao longo deste ano. Non é casual que o primeiro libro que nos chegou do prelo foi, o pasado venres, a Poesía galega completa en edición de Xavier Rodríguez Baixeras; na próxima chegara a nova edición de Roseira do teu mencer (que incluímos na colección Xerais Merlín e diriximos ao escolares de Primaria) ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico e un estudo literario sobre o poemario preparado por Darío Xohán Cabana, autor tamén dunha importante biografía que sobre o editor e escritor tudense publicaremos a finais de xaneiro.
Unha noticia ben bonita: o noso amigo o editor Carlos Lema obtivo o premio de poesía Johán Carballeira convocado en Bueu. O xurado salientou que a obra gañadora por unanimidade, O xeito de Freud. Transferencias da realidade, foi escollida “pola solidez da súa construción”, o que demostra “ser moi complexo na súa elaboración”, así como pola “riqueza que establece no diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo”. Non teño dúbidas que o debú literario de Carlos será unha obra importante. Beizóns!!!
“Non comparto a idea de que se editen moitos libros en galego, penso que un moito de cantidade sempre implica un pouco de calidade.”
“Estou a prol de que se lle devolva á xente, ao pobo, algo que sempre foi seu, que soubo gardar, e que agora que llo quitan non me estraña que o abandone, a obra literaria colectiva máis impresionante que coñezo: a lingua galega, o ghallegho, o galego-portugués, o kastrapo ou como raio se lle queira chamar. Nunca entendín por que lle hai que inventar á nosa fala un rexistro “vulgar”.”
“Teño clarísimo que se non fose polo blog este libro non existía. Fundamentalmente porque son tan lacazán que de non principiar un blog nunca me había pór a rexistrar a diario as cousas que me epatan de cada día, todo o que me fai rir ou emocionarme, que é o que son estes “haicus”. O papel é un soporte diferente, que impón a súa lei, que se traduce nunha escolma. Se cadra gústame máis o concepto de work in progress que impón o blog, pero inda non podemos levar os ordenatas a onde nos pete… E amais, molestas máis se escribes estas cousas nun libro ca nun blog. É algo que me sorprendeu e do que me decatei despois da saída do libro. O libro é, por desgraza, un espazo elitista e sacrosanto que cómpre emporcar e sobar coas mans.”
“É moi importante o retrete como espazo, porque é o único espazo realmente privado que nos queda. E unha das condicións para a poesía é a privacidade. Ademais, hoxendía a poesía popular só resiste nos baños.”
[Sobre o "Espectáculo Multimerda"] De convencional non vai ter nada. Vai ser unha performance na que basicamente vou cagar en directo, e polo tanto dependendo de como teña o día terá unha duración variable, quince minutos ou unha hora se estou estreñido ou retraído. E nese tempo farei todo o que eu fago no váter habitualmente: monólogos interiores, recitar, escribir, tocar a guitarra, cantar. O baño é o lugar da casa con mellor acústica, iso sábeo todo o mundo.
Onte acompañamos a X.H. Rivadulla Corcón na presentación na Coruña do seu máis recente poemario, O adeus do vello mariñeiro. O libro foi presentado polo poeta Xavier Seoane que comezou salientando que a poesía é unha arte da pervivencia e como tal o libro de Rivadulla (a quen imaxina coma un vello baleiro namorado de salitre) transmite unha visión do mundo dunha rara intensidade. A continuación, Seoane debullou a estrutura do libro, conformado por dous cadernos simétricos de poemas de tres estrofas de tres versos libres, o primeiro do vello mariñeiro e o segundo da súa muller. “No poemario nárrase unha historia de amor e morte. Un triángulo entre home, muller e mar presidido pola aura dun soño. Un mar saudosento, misterioso, penetrado pola melancolía. Amor, morte, tempo, soidade. O mundo dos recordos e do esquecemento. O recordo como forma de vencer á morte. Un libro mergullado no mar de sentimentos: saudade, melancolía e da perda dos soños en dialéctica coa realidade. O que non impide ao poeta ofrecer unha visión estoica, serena, de xente que está afeita a enfrontar dificultades”. Continuou Seoane cualificando o poemario como “canto ao amor, aínda que ten tamén unha dimensión profundamente elexíaca. O amor é o que salva da morte. O amor como legado da vida. Ser de mar e pensamento”. Rematou a súa intervención recomendando a lectura do “fermoso libro de Corcón” no cuarto do vello mariñeiro de Lugrís e citando os versos de T. S. Elliot “O mar ten moitas voces /moitos deuses e moitas voces”. Rivadulla, antes de ler coa tamén poeta Enma Couceiro unha boa parte do poemario, sinalou que rematara o libro en xuño de 2002, antes do que sucedeu co Prestige. “Ese mundo do mar desfacéndose do que falo no libro é anterior ao Prestige. A grande traxedia do mar son as políticas que se están tomando sobre a pesca. A frota de Muxía da miña infancia cuadruplicaba á actual. Os meus amigos mariñeiros vense obrigados a abandonar unha profesión que aman, recordade que os mariñeiros o son para toda a vida. É unha traxedia cultural e económica que debo denunciar”. Rematou as súas palabras recordando que a imaxe que conserva de pequeno é “a das mulleres dos mariñeiros no malecón de Muxía, quietas, agardando polos seus homes. O malecón, precisamente, que fora construído por elas. cando chegaban, o primeiro que elas recollían era o cesto, onde levaban a comida. Agora non hai malecón e agardan dentro dos coches. os tempos mudaron”.