Category: Política
5 Febreiro, 2012 (09:53) | Onte, Política, Vídeos | No comments
1 Febreiro, 2012 (07:33) | Educación, Goberno Rajoy, Onte, Política | 4 comments
Decepcionoume a comparecencia parlamentaria na que o ministro de Educación anunciou as novidades que introducirá na lexislatura. Os contidos foron previsibles, apenas a confirmación da vontade do Partido Popular de cumprir os seus compromisos electorais e satisfacer as demandas da Igrexa e dos sectores máis conservadores: estensión do ensino concertado, adianto da segregación do alumnado na secundaria, elección da lingua de escolarización por parte das familias en comunidades con lingua propia, supresión da Educación para a Cidadanía, utilización do inglés como lingua vehicular dende a Primaria, estatuto de «autoridade pública» para o profesorado… O decepcionante foi a fraqueza argumental e o escaso dominio técnico da axenda educativa dun ministro que sabemos conta con moita labia cando aborda outras cuestións políticas. Denominar «linguas vernáculas» ao galego, catalán ou éuscaro constitúe xa unha anomalía, mesmo para os sectores fóbicos coas linguas propias. Argumentar que a desaparición da Educación para a Cidadanía se debe á intención do Goberno de evitar o seu «carácter controvertido e para non caer adoutrinamento», cando a materia foi avalada por varias sentenzas do Constitucional, non abonda para xustificar a súa substitución por unha Educación Cívica e Constitucional da que pouco se di sobre o seu enfoque e contidos. Expresar tan pancho todo un ministro do ramo que o primeiro ciclo da Infantil, de 0-3 anos, «non é educación senón conciliación», un disparate sen paliativos, agoira que van correr moi malos tempos para o futuro da nosa educación pública. Con todo, o máis preocupante semella será a nova reforma da Secundaria que pretende liquidar o modelo de educación comprensiva, en funcionamento dende hai vinte anos, unha vella teima conservadora que pretende segregar ao alumnado o antes posible segundo a inclinación ou capacidade persoal. Ignacio Wert, quizais pensando que estaba na tertulia de Francino na SER, xustificouna citando a Estapé cunha frase de Schumpeter, chamada a pasar á historia da educación española: «O importante é ter unha boa nai e un bo Bacharelato». Sobran máis palabras, eis a fórmula educativa de éxito paera Wert: nobreza de berce e bo colexio de pago.
30 Xaneiro, 2012 (07:53) | Nacionalismo, Onte, Política | No comments
Seguín con enorme interese por Twitter a derradeira e decisiva xornada da asemblea do BNG. Non hai dúbida que o traballo disciplinado e eficaz da UPG permitiu que, outra vez máis, o partido de Francisco Rodríguez continuase acaparando o liderado do BNG, tanto nas responsabilidades do voceiro como nas da candidatura á presidencia da Xunta. Unha hexemonía indiscutible que, previsiblemente, tras a fase comarcal, se consolidará na composición definitiva do consello nacional. A principal novidade será que por vez primeira un membro da UPG, Francisco Jorquera, asumirá o risco de ser o candidato á presidencia do goberno autonómico. Polos diversos comentarios que puiden ler, temo que esta hexemonía non axude a aumentar o perímetro do entusiasmo que o BNG suscita nos sectores progresistas da sociedade galega. Magoadamente, semella que esta asemblea, con votacións aparentemente axustadas e unha organización dividida en dúas metades, non abondará para relanzar o proxecto nacionalista como eixo dunha alternativa verosímil de goberno capaz de facerlle fronte en Galicia ao abafante poder do Partido Popular. Con todo, haberá que agardar unhas cantas semanas para valorar as súas consecuencias para o futuro do nacionalismo galego.
30 Xaneiro, 2012 (07:52) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cultura, Museos, Política, Vigo | No comments
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do peche do arquivo fotográfico Pacheco e do Museo Liste, propoño a creación do Consello Municipal de Cultura no concello de Vigo.
Vigo comeza a identificar síntomas dunha desfeita da súa política cultural. A importante redución das cantidades que as administracións públicas destinan á cultura, a devaluación da programación da que foi a caixa nosa, como algúns excesos na creación de contedores sen proxecto estratéxico, son factores que na súa converxencia ameazan con provocar un auténtico desastre para unha cidade que, dende hai tres décadas, asumíu a cultura como un dos eidos da súa moderna identidade urbana.
O formidable arquivo fotográfico Pacheco, almeiro principal da memoria viguesa da primeira metade do século XX pechou coa fin do pasado ano. Dende entón, os responsables da concellaría de Cultura e Festas non renovaron o contrato ao equipo de profesionais responsable da recuperación da primeira colección fotográfica viguesa. Nada se sabe do futuro desta peza primeira do patrimonio vigués nin tampouco de cal vai ser o futuro do Centro Galego de Fotografía, cuxas obras están a piques de finalizar no Casco Vello. Un centro onde estaba previsto reunir as valiosas coleccións fotográficas municipais dos arquivos Pacheco, Ksado e Vigovisións. Coleccións ás que se deberían engadir o fondo Llanos, adquirido pola que foi Consellaría de Cultura e depositado no Museo Etnográfico de Ribadavia, e mesmo o arquivo privado de Magar, imprescindible para entender o Vigo dos últimos cincuenta anos.
O Museo Etnográfico Liste anunciou esta semana o peche das súas instalacións. O museo da Pastora, probablemente un dos mellores centros didácticos da cultura tradicional galega, viña funcionando dende 1999 grazas ao financiamento principal do concello de Vigo. Tras a redución drástica desta asignación municipal, cando o BNG xestionaba as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico, que pasou no orzamento de 2011 dos 96.000 a 6.000 euros anuais, semella que por un erro nunca subsanado, o propietario do museo anuncia, coa intención de liquidar as débedas, a posibilidade de vender algunha destas pezas únicas e de trasladar o museo a Oseira.
Tampouco é para botar foguetes a situación do Marco, o museo máis vistado da cidade e o centro de arte contemporánea que convoca en Galicia maior número de visitantes, xa que no ano 2011 acadou os 70.000 rexistros de entrada, o que non está nada mal. A pesar destas cifras alentadoras e da calidade da súa programación, o museo de Príncipe sobrevive grazas ao esforzo financeiro do concello de Vigo que achega 800.000 euros, que cubren máis do 50% do seu orzamento anual, agardando as achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG, que forman parte do seu patronato, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra. Como preocupación continúa existindo sobre cal vai ser o futuro do Museo do Mar de Galicia, a nosa alfaia de Alcabre, dependente agora da Secretaría Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura e Educación, que inicia unha nova xeira, tras a destitución do seu primeiro director, Pablo Carrera, quen durante nove anos loitou case en solitario e con poucos recursos por desenvolver un proxecto museístico esencial para Vigo e para Galicia. Outrosí sucede co futuro de Verbum de Samil, do museificado espazo arqueolóxico do Castro e mesmo coa recén reaberta Pinacoteca, ubicada no reconstruído Pazo de Arias Taboada, onde se exhibe unha parte da colección municipal de pintura galega.
Diante dunha situación tan crítica para o futuro de todos estes contedores culturais vigueses, á que habería que engadir a incerteza existente sobre a creación da Biblioteca do estado na Panificadora, un proxecto do que nada se sabe dende hai meses, e a indefinición sobre os contidos da programación musical (Are More, Transforma e Marisquiño, entre outros festivais de referencia), non abonda só con laiarse pola falta de recursos froito dos retallazos das políticas de consolidación fiscal. No entanto, a cerna da desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible e a longo prazo no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das diversas persoas responsables da Concellaría de Cultura como dos avatares da composición e dos equilibrios de cada goberno municipal. Vigo precisa dun proxecto cultural estratéxico, canto menos para unha década e media, integrador dos necesarios plans municipais de museos e bibliotecas, así como das políticas de fomento da lectura e da creación artística nas diversas modalidades. Un plan que contemple, ademais, o modelo de xestión e financiamento destes contedores e dos centros cívicos que achegan servizos de dinamización cultural nos barrios. A creación dun Consello Municipal de Cultura, onde os sectores sociais, culturais e políticos participasen nun debate aberto e plural, axudaría moito a reconducir a crise actual.
27 Xaneiro, 2012 (09:52) | Cultura, Museos, Onte, Política, Vigo | 1 comment
A crise económica e a falta de políticas estratéxicas públicas no eido da cultura está provocando unha auténtica desfeita en Vigo. O formidable arquivo fotográfico Pacheco, tesouro da memoria viguesa de boa parte do século XX, pechou coa fin do ano. O Marco, o museo de arte contemporánea co maior número de visitantes do país, sobrevive en precario cos fondos municipais, afogado polas débedas das achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG e pola retirada do mecenado da caixa. O Museo do Mar de Galicia, a alfaia de Alcabre, reinicia unha nova xeira, tras a demisión do seu director, fartiño de loitar en soidade contra a falta de medios. Da creación da Biblioteca Pública do estado na Panificadora, hai meses que nada se sabe. O centro arqueolóxico do Castro reduce o seu horario. Os festivais Transforma e Marisquiño ameazan marchar da cidade por falta de apoio do concello. Os centros culturais do que foi a caixa anuncian que cobrarán pola cesión das súas instalacións. E se todo isto non abondase, onte, o Museo Liste, probablemente un dos centros didácticos sobre a cultura tradicional máis importantes de Galicia, anuncia o seu peche. Afogado polas débedas, tras a redución drástica en 2010 da asignación que recibía do concello de Vigo -ollo!, cando o BNG xestionada as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico-, que pasou -por un erro administrativo, nunca subsanado- de 96.000 a 6.000 euros anuais. Incrible!, aínda que custe acreditalo. Como arrepiante é a posibilidade, para vergonza cidadá, que o propietario deste museo (privado) venda algunha das pezas (patrimonio único) coa intención de liquidar as débedas ou que a súa páxina web apareza só en castelán. Non abonda con laiarse, agora, do peche de almeiros da memoria nosa como o Pacheco e o Liste. Ninguén dubida que é obriga do concello de Vigo garantir a continuidade de ambos os dous museos, unha responsabilidade que o alcalde debe asumir sen matices decontado. No entanto, a cerna desta desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das persoas responsables da Consellaría de Cultura ou dos avatares da composición de cada goberno municipal. Con tantos gobernos progresistas como tivemos na dúas últimas décadas, é posible que non contemos aínda con documentos estratéxicos básicos como son un plan municipal de museos ou un plan municipal de lectura? Hai algunha razón para que non se crease un Consello Municipal de Cultura, como teñen outras tantas cidades? Canto tempo perdido, meu deus!
25 Xaneiro, 2012 (07:48) | Goberno Feijoo, Onte, Política | 4 comments
Coñecín persoalmente a Xosé Luís Baltar hai uns quince anos. Na editorial pedíramoslle unha entrevista coa intención de vender á Deputación exemplares dun libro de homenaxe a un escritor ourensán. Despois de agardarmos nunha sala de reunións durante un bo pedazo, apareceu de súpeto Baltar preguntando con enerxía quen era o editor. Cando me identifiquei espetoume: «Vouche mercar os libros, mais non vas facer negocio a miña conta». A verdade que non fixo falta que ocupásemos moito tempo na presentación do proxecto literario, cando a decisión do cliente xa estaba tomada. A pesar daquel éxito comercial, aparentemente doado, volvín a Vigo un chisco melancólico. Dende entón, comprendín que para Baltar a política non era un tema só ideolóxico, constituía apenas unha cuestión de olfacto –outros dirán con palabras bonitas da mercadotecnia: «a política é unha cuestión de confianza»–. Probablemente este pragmatismo foi a súa maior fortaleza, a que permitiu que ninguén fose capaz de dobregalo, nin sequera os que el onte, no momento da despedida, chamou «os de arriba». Coa marcha de Baltar péchase por motivos biolóxicos unha etapa da política galega, aínda que moito me temo que non vai rematar a xestión clientelar das nosas administracións. A melodía da despedida baltariana, mesmo os seus inequívocos acenos galeguistas, non poden agochar que a dereita conservadora en Galicia precisa unha profunda rexeneración democrática, xa que continúa ancorada na desmemoria entre o autoritarismo e o vello caciquismo. Sen Cuíña, sen Barreiro, sen Baltar, sen Palmou, mesmo se me apurades moito, sen o Fraga autoidentificacionista… a dereita en Galicia volve ao seu punto de inicio?
17 Xaneiro, 2012 (08:13) | Historia, In memoriam, Onte, Política | 2 comments
A maior parte dos obituarios sobre Manuel Fraga Iribarne, tan coidadosamente preparados na última semana e algúns mellor escritos, sinalan con todo detalle os fitos principais da súa traxectoria política ao longo de seis décadas. Un longuísimo período no que, coa excepción da década dos oitenta, Fraga detentou o poder e o exerceu de forma tan pragmática como autoritaria. Unha actividade política á que seguramente non foi allea á formación intelectual que recibíu durante os anos da posguerra, bebendo das fontes do pensamento de Carl Schmitt e do conservadorismo español, que modelaron a súa idea autoritaria do Estado, apenas matizada por unha certa preocupación social-cristiana. Con estes criterios foi capaz de adaptarse ás necesidades do poder en cada momento, na ditadura, na transición e no período autonómico, o que lle supuxo asumir un comportamento aparentemente contraditorio. Como ministro do Generalísmo abrazou a ditadura, sen retractarse nunca de ter participado na toma de decisións daqueles gobernos, o que non lle impediu fachendear de ter liderado a chegada do Turismo do «Spain is different» ou da «aperturista» Lei de Prensa, que suprimía a censura previa. Como ministro da Gobernación de Arias Navarro apoderouse da rúa, o que provocou outros episodios escuros, dos que tampouco nunca se arrepentiu, mais que probablemente impediron fose escollido por Juan Carlos para «pilotar» a chamada «Transición». Como líder de Alianza Popular conduciu á dereita franquista até asumir unha Constitucións que recoñeceu –en contra do seu criterio– as tres nacionalidades históricas, como única herdanza da Segunda República. Tras case unha década intentando sen éxito ser elixido Presidente do Goberno, tivo o mérito de entender Galicia, onde naceu, coma un país de seu. Aí, probablemente, residiu o seu maior e innegable éxito político, que lle permitiu gobernar Galicia durante dezaseis anos cun importante apoio popular. Fíxoo empregando os seus criterios autoritarios, utilizando un modelo de xestión clientelar e amordazando de forma tan sutil como eficaz os medios de comunicación. Magoadamente, as infraestruturas, realizadas a maior parte delas con fondos europeos, non abondaron para acometer unha modernización eficaz dos sectores produtivos básicos, especialmente do primario, nin acadaron a vertebración territorial que o país continúa precisando. Con todo, o seu compromiso coas institucións autonómicas, a súa asunción do concepto de galeguidade, o seu respecto aos consensos acadados ao comezo da Autonomía arredor do fomento da lingua e cultura galegas contribuíron a consolidar e prestixiar dentro e fóra o autogoberno galego, unha actitude da que hoxe sentimos saudades, cando gobernan os seus «continuadores».
16 Xaneiro, 2012 (07:47) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Economía, Política, Sociedade, Vigo | No comments
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do foro Vigo Innovación, propoño unha reflexión sobre a necesidade dun proxecto de planificación estratéxica como saída á crise actual:
O domingo 8 de xaneiro, Antón Costas Comesaña, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, publicou un magnífico artigo nas páxinas de «Faro de Vigo» baixo un título aparentemente provocador: «Vigo: innovar o languidecer». Este egrexio veciño de Matamá, hoxe vicepresidente do Cercle d’Economía de Barcelona, puxo o dedo na chaga afirmando que «se Vigo quere evitar esmorecer de xeito imparable polos efectos da crise sobre os seus sectores industriais punteiros, a automoción e a construción naval, debe reinventar os seus vieiros como cidade, nun proceso radical de innovación». Para iso propuxo cinco receitas: 1ª reter e atraer á xente nova; 2ª ofrecerlle vivendas asequibles; 3ª acuñar o «viguismo» como marca; 4ª promover a cooperación entre os innovadores e 5ª contar cun «goberno local intelixente» capaz de implicar a toda a cidadanía nesta estratexia.
Efectivamente, nada podemos obxectar ao diagnóstico de Antón Costas sobre a crise de Vigo e os seus perigos. A pesar do seu carácter de cidade económica-emprendedora, caracterizada ao longo da súa historia bicentenaria por un contaxioso dinamismo innovador, Vigo hoxe esmorece a causa da súa crise industrial, só comparable á que sufríu hai tres décadas, cando coincidiron a reorientación da actividade de Citröen coa reconversión do sector naval e a taxa de desemprego chegou ao 30%. O número de expedientes de regulación de emprego (ERE), a diminución da actividade do pequeno comercio e do sector de servizos, así como as cifras de emprego do último ano demóstrano. Segundo os datos da Consellaría de Traballo, a comarca viguesa pechou 2011 con 46.028 persoas desempregadas, das que 31.759 viven en Vigo, concello no que a taxa de paro se sitúa xa á altura do 21,52 % da media do estado, á cabeza de Galicia. Vigo é un dos puntos negros do desemprego en España.
Ademais do paro, temos outros importantes problemas. Tras a escandalosa valoración de Novacaixagalicia por parte do FROB, xa ninguén pode negar o fracaso rotundo da operación da fusión das caixas de aforro galegas. Fracaso (económico e político) que expresa, quizais mellor ca ningún outro, este esmorecemento. Un proceso de deterioración da que foi a nosa primeira ferramenta financeira durante máis dun século que se agravará coa segunda e inminente onda de fusións destas entidades. Absorbida por outro banco (quizais o de «La Caixa»), é probable que cada vez fiquen menos pegadas do compromiso daquela «caixanova» coas empresas e emprendedores vigueses, así como o importante apoio achegado obra social ao tecido cívico e actividade cultural.
Se non abondase co fracaso da nosa entidade financeira, a crise ameaza o futuro das nosas infraestruturas básicas de comunicación: aeroporto, porto e ferrocarril. No último ano Peinador perdeu destinos, frecuencias e pasaxeiros á mesma velocidade que aumentaron as tarifas dos seus billetes. O porto de Vigo ten moitas dificultades para conseguir a súa consideración de porto nodal da Rede Transeuropea de Transportes. E o atraso da chegada do AVE a Vigo, tanto o que nos uniría con Madrid como o do Eixo Atlántico, xa é unha evidencia que acepta xa até o vigués campión do optimismo. Ademais dos efectos retardatarios da imposibilidade de artellar un diálogo político capaz de poñer en marcha a imprescindible Área Metropolitana de Vigo, que quedará adiada outra lexislatura máis.
Para evitar continuar devalando, o Vigo metropolitano precisa contar cunha estratexia de planificación prospectiva guiada tanto polas luces da innovación e da formación en todos os sectores, como polas identitarias dunha cidade industrial e marítima capaz de liderar o proxecto dunha Galicia europea e atlántica. Vigo precisa reinventarse, mais sen esquecer a súa memoria, aproveitando as súas potencialidades, que as ten, como cidade internacional do automóbil e como vello porto transocéanico, dous dos referentes que foron conformando a nosa marca internacional. Para superar este devalo, xa non abondará, pois, coa coraxe da nosa clase traballadora defendendo os sectores produtivos de noso e co dinamismo dos nosos emprendedores que abriron as rotas do mar de Vigo. Precisarase, ademais, como sinala o decálogo elaborado tras o Foro Vigo Innovación, promovido pola Zona Franca, unha profunda mudanza do modelo produtivo, xa que «as cidades que non sexan capaces de ofrecer algo que as outras non teñen e contar cunha imaxe de marca propia quedarán paralizadas no tempo e non serán capaces de saír adiante e superar a crise con garantías de futuro». Para poder reiventarse, Vigo precisa, como lembrou Antón Costas, doses elevadas de intelixencia e xenerosidade política capaces de implicar a todos os emprendedores e á cidadanía nesta estratexia.
15 Xaneiro, 2012 (14:40) | Educación, Goberno Rajoy, Onte, Política | No comments
Coñecín un interesante artigo de Magisterio Español no que se presenta o probable modelo de reforma do Bacharelato do goberno do Partido Popular. Semella que entre os dous modelos a debate (3+3 ou 4+3), Rajoy decantarase polo primeiro, máis económico e auspiciado pola Asociación de Catedráticos de Bacharelato (Ancaba), transformando o actual 4º de ESO no primeiro curso dun Bacharelato de dúas vías. Máis alá da análise demorada que require unha reforma tan importante, que probablemente supoñerá a ampliación do ensino concertado ao Bacharelato, chamáronme a atención tres anuncios. O primeiro: a clara ruptura do modelo de ensino comprensivo até os 16 anos, xa que a partir dos 15 se contemplaría a posibilidade de optar pola FP de grao Medio e no Bacharelato por unha vía xeral e por outra profesional. O segundo: a creación dun novo modelo de Formación Profesional de Grao Medio, tamén de tres anos, ao que se accedería dende o 3º de ESO. O terceiro: a creación dunha proba final ao remate do Bacharelato, que substituiría á Selectividade, coa intención de homologar a todos os centros e todas as Comunidades Autónomas. Semella que, tras a segregación do alumnado entre as vías xeral e profesional, o currículum do Bacharelato será máis homoxéneo e menos diversificado. Outra vez, impóñense os criterios dos sectores educativos máis conservadores: máis centralización e máis segregación.
9 Xaneiro, 2012 (07:40) | Economía, Onte, Política, Vigo | No comments
Entre os textos da edición dominical de Faro de Vigo destacaba este magnífico artigo de Antón Costas, o catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, vicepresidente do Cercle d’ Economía e unha das personalidades máis achegadas a Pascual Maragall, cando foi president da Generalitat. Este egrexio veciño de Matamá propón que se Vigo quere evitar esmorecer de xeito imparable polos efectos da crise sobre os seus sectores industriais punteiros, a automoción e o naval, debe reinventar os seus vieiros como cidade, nun proceso radical de innovación. Resumindo moito un artigo, cuxa lectura reflexiva recomendo, cinco son para Costas as condicións que este tránsito cara a innovación debería respectar en Vigo: 1ª Reter e atraer á xente nova, que son as persoas con maior capacidade innovdora; 2ª Ofrecerlles vivendas asequibles; 3ª Acuñar o «viguismo» como marca; 4ª Promover a cooperación entre os innovadores e 5ª Contar cun «goberno local intelixente» capaz de implicar a toda a cidadanía nesta estratexia. Temo que, polo momento, haberá que agardar un tempiño para poñer en práctica tan interesante estratexia, na que se xoga o futuro da cidade. Hoxe o forno non está, aínda, para eses bolos.
4 Xaneiro, 2012 (08:33) | Cultura, Goberno Feijoo, Onte, Política | 1 comment
Feijóo quere para Galicia un goberno bonsai. Cun perfil político moi baixo e cun número moi reducido de consellarías, con esta remodelación o presidente envía á sociedade galega unha mensaxe inequívoca de rebaixa do nivel do seu autogoberno. A supresión de dúas consellarías fulcrais, a de Medio Rural e a de Cultura, clonando en Galicia o modelo de Rajoy, é un erro garrafal, moi dificilmente xustificable por criterios de austeridade nin de eficacia da xestión. Máis aínda, a liquidación da Consellaría de Cultura, que xestionaba as competencias plenas de Galicia neste eido, supoñerá outro retroceso para o fomento da cultura galega e para o protección e posta en valor do seu patrimonio, pezas principais da nosa identidade nacional. Incapaz de enfrontar uns índices de paro brutais e unha emigración de postgraduados desbordada, fracasada a súa estratexia de fusión das caixas, sacrificada a chegada do AVE durante as dúas próximas lexislaturas, semella que Feijóo non atopa outra solución que transformar a autonomía galega nunha insípida deputación. O presidente de Galicia, que xa non agocha o seu aborrecemento e escaso entusiasmo, enxerga o seu futuro político fóra do país, despois de gañar o trámite das vindeiras autonómicas adiantadas. Porén, o drama do país non reside nesta actitude escasamente proactiva do seu presidente. O drama é que enfronte de Feijóo e de Rueda (o seu sucesor declarado) non existe, polo momento, máis que un grande baleiro. Ese burato é o que explica en boa medida a existencia deste goberno bonsai.
3 Xaneiro, 2012 (08:18) | Educación, Goberno Feijoo, Onte, Política | No comments
O Goberno de Feijóo non acouga na súa batalla contra o xabaril. O anteproxecto da nova Lei de caza de Galicia, ademais de permitir as «batidas preventivas» fóra de tempada, baixa aos 14 anos a idade para obter unha licenza de caza. O conselleiro de Medio Rural xustifícao para «asegurar o relevo xeracional» no eido da cultura cinexética. Quedei pampo diante de semellante afirmación. Os rapaces e rapazas de 14 anos, o alumnado de 2º e 3º de ESO, vivan no medio rural ou no urbano, nun momento tan decisivo como fráxil das súas vidas precisan que se lles ofrezan máis libros, máis balóns ou máis espazos de encontro e lecer para socializarse. Ofrecerlles a posibilidade de participar en cacerías, aínda que nunha «batida» non poidan empuñar escopetas deica os 16 anos, non é un exercicio que poidamos denominar como formativo. Algunha guía debería ofrecer o conselleiro de Educación ao seu colega para evitar semellante disparate, que anuncian para escarnio noso os noticiarios radiofónicos estatais. Nesta loita contra o porco bravo, o Goberno de Feijóo perdeu o sentido.
31 Decembro, 2011 (13:18) | Economía, Goberno Rajoy, Onte, Política | 2 comments
Inxenuo que son, imaxinaba que Mariano Rajoy tería mellor preparada a posta en escea do seu primeiro retallazo, ese que a súa vicepresidenta cualificou como «o inicio do inicio». Trabuqueime. Estes recurtes para o primeiro trimestre de 2012, a pesar do seu importe elevado, foron un trámite que non mereceu que o noso presidente se mollase durante unha hora para xustificalo diante dos xornalistas. Este retallazo quedou, apenas nun simple «montorazo». Foi o ministro de Facenda quen deu a cara, acompañado do seu colega Luis de Guindos como convidado de pedra. Utilizou un argumento de catón: diante dun déficit público do 8%, máis elevado do previsto polo goberno anterior, a subida do IRPF e do IBI é un imprescindible «recargo temporal de solidariedade». Unha subida de impostos que Montoro compensou decontado coa baixada do IVE para a compra de vivenda nova e coa recuperación da dedución para adquisición de vivenda en propiedade. O resto das medidas do Consello de Ministros, os retallazos, non mereceron nin sequera ser xustificados por Montoro nin polos tres membros do gabinete que o acompañaban. Nin o aumento de xornada dos empregados, que continuarán conxelados. Nin a paralización da incorporación de novas persoas ao sistema de apoio á Dependencia. Nin a rebaixa de 200 millóns a CRTVE, á que se pretende dinamitar. Nin a doutros 200 millóns aos servizos de RENFE. Nin mesmo a redución brutal dos fondos destinados ás políticas de I+D+I. Outrosí sucedeu coa cacarexada subida das pensións, a medida estrela do discurso de investidura, reducida apenas a un decepcionante 1%, que co aumento do gravame do IRPF quedará para a maioría dos xubilados practicamente en auga de bacallao. O mesmo sucede coa aprobación do regulamento da Lei Sinde, unha medida que estaba cantada, a pesar dalgúns acenos de sorpresa. Este primeiro montorazo, destinado a tranquilizar aos mercados, amosa que o Goberno optou claramente polo vieiro da devaluación das rendas do traballo, tanto pola vía impositiva como salarial. As rendas do capital, SICAV incluídas, poden estar ben tranquilas. De medidas de reactivación da economía produtiva non houbo referencia ningunha. Neste montorazo os que pagan son as clases traballadoras, medias e populares, o que inevitablemente ampliará a desigualdade e o desemprego. Con todo, tras as eleccións andaluzas, chegará o máis duro. Entón será a subida do IVE e, previsiblemente, a venda das empresas públicas que quedan. Daquela, quizais, Rajoy falará cos xornalistas.
29 Decembro, 2011 (08:59) | Economía, Goberno Rajoy, Onte, Política | 1 comment
O anuncio da conxelación do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) adianta parte da doutrina económica do Goberno Rajoy. Serán os traballadores, coa perda de poder adquisitivo dos seus salarios, os que pagarán unha boa parte da factura do déficit. En definitiva, unha perda de renda, un empobrecemento, un xeito encuberto de devaluar a moeda, diante da imposibilidade de facelo pola vía da autoridade monetaria europea. A pesar de que o SMI español está aínda moi lonxe daqueloutro da maioría dos países da Unión, o seu importe, fixado polo Goberno (641,40€), orienta a negociación salarial privada, determina os niveis de cotización á Seguridade Social, das bolsas dos estudantes ou mesmo o importe das prestacións non contributivas. Achéganse tempos, aínda máis difíciles.
27 Decembro, 2011 (11:36) | Economía, Goberno Feijoo, Lingua, Onte, Política | No comments
A convocatoria de axudas para a edición de recursos didácticos en galego, por medio do procedemento dunha tramitación anticipada dos expedientes de gasto e por unha contía máxima de 300.000 euros, constitúe outro capítulo dese devalo, até agora imparable, da política de apoio ao libro educativo en galego do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Tras a supresión unlilateral da adxudicación de axudas de 2011 (valoradas en 400.000 euros), os editores de materiais educativos en galego concibimos esta nova convocatoria (cun importe que, respecto á de 2008, supón unha redución do 70%) como unha “repesca” que nos permita aminorar dentro do posible os efectos negativos dun ano perdido. Con todo, non deixa de ser moi inquedante a advertencia, contida no artigo 2 da Orde, de que “o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012″. Algo máis desacougante, aínda, cando é de dominio público que dos 16.500 millóns de euros de redución do déficit das Administracións Públicas, anunciados por Rajoy, corresponderán á Galicia arredor de 850 millóns. Sería esperpéntico e delirante, aínda que non descartable, que os editores de libros de texto en galego fósemos, outra volta, da quenda dos primeiros sacrificados das políticas orzamentarias destinadas a acadar “o equilibrio entre ingresos e gastos” (vaia eufemismo!). É triste que un teimoso optimista da vontade, coma sempre fun, se transforme nun escéptico radical disposto a enfrontar a hipótese máis desfavorable.
25 Decembro, 2011 (10:50) | Onte, Política, Televisión, Vídeos | No comments
Lembro sempre o discurso de nadal como unha imaxe fixa presente na casa dalgunha das avoas antes da cea de Noiteboa. Anunciaba a efeméride, mais ninguén reparaba no que Franco ou Juan Carlos dicían na televisión. Onte foi diferente, xa que compría escoitar o que El-Rei contaba dos negocios do seu xenro deportista. Decontado percibín algo novo na posta en escea, era a fotografía da mesiña supletoria, que aparecía e desaparecía no ángulo dereito da pantalla. Rajoy e Zapatero acompañando a Juan Carlos, substituían ao tradicional retrato de Nadal da Familia Real sorrinte, netos incluídos. Un detalle moi estudado para expresar a unidade de PP e PSOE coa institución da Coroa. Porén, a intervención de El-Rei, a primeira pactada co Goberno coordinado por Soraya Sáenz de Santamaría, non abondará para pechar a ferida aberta por unha tema de corrrupción económica que afecta a súa familia; non abondará por moitas que fosen as referencias elípticas e eufemísticas sobre Iñaki Urdangarín, a pesar de solicitar retoricamente «exemplaridade» ou lembrar que «calquera acción censurable debe ser xulgada e sancionada» ou que «a xustiza é igual para todos». O decisivo foi que El-Rei eludiu calquera responsabilidade persoal e non pediu desculpas en nome da súa familia, mais, ao mesmo tempo, sentenzou ao seu xenro, a pesar de que é xa de dominio público que a Casa Real coñecía dende 2006 os escuros negocios do duque de Palma. Todo un xeito de entender o funcionamento da familia, que non sabemos se algún editor educativo audaz acuñará nos novos manuais de Educación para a Cidadanía de 2º de ESO. Quedei pampo.
17 Decembro, 2011 (15:42) | Economía, Goberno Feijoo, Onte, Política | No comments
A recapitalización de Novagalicia Banco completou a súa primeira fase. Quince empresarios galegos achegaron 70,4 millóns de euros, o que reduce a participación do FROB nun 2,59%. Nin Amancio Ortega nin Rosalía Mera, as dúas maiores fortunas galegas, nin practicamente ningún empresario vigués achegaron cantidade ningunha. Tampouco o fixeron, nesta quenda, os empresarios galegos do exterior que se dixo comprometeran a súa participación nunha das viaxes de Feijóo. Semella que, polo momento, o empresariado galego prefire non participar no proceso que encabeza Castellanos. A pesar de quedar esta primeira fase na metade da cantidade prevista no plan de capitalización, os responsables de NGB (o nome comercial fóra do país) cualificaron o proceso de «éxito». Tras o proceso de liquidación da Obra Social e Cultural –velaí a marcha da caixa do patronato do MARCO–, é case imposible confiar no éxito desta operación de reflotamento da caixa apadriñado polo noso presidente pesimista. Dubida alguén que o da caixa é, até agora, o maior dos fracasos de Feijóo (e xa leva uns cantos).
13 Decembro, 2011 (08:00) | Onte, Política | 3 comments
12 Decembro, 2011 (07:48) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Política | No comments
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración da liña Avant entre A Coruña e Ourense, reflexiono sobre o que entendo debera ser un modelo vertebrador do territorio do ferrocarril galego.
A apertura da liña de velocidade alta entre A Coruña e Ourense e a solicitude do PP ao Goberno en funcións para que non licite determinados treitos reabre o debate sobre a chegada da alta velocidade. É comprensible que o pasado sábado os responsables da dirección do PSdeG-PSOE, tras unha derrota electoral sen paliativos, recibisen coa onda ao ministro de Fomento, cualificando con grandilocuencia o feito como histórico. Porén, non se pode agochar que a posta en marcha deste tren que corre a máis de 200 km por hora entre Santiago e Ourense, evidencia tamén algúns dos erros cometidos nas últimas tres décadas sobre a reforma dos camiños de ferro e, en xeral, sobre a planificación das infraestruturas de transportes en Galicia.
Afeitos como estamos os galegos, quizais pola nosa condición xeográfica atlántica, a ser os últimos en gozar das modernidades viarias da historia –abonda con lembrar que durante o franquismo fomos os últimos en completar o plan REDIA de estradas nacionais, cando no eixo mediterráneo xa contaban coas primeiras autoestradas; ou como na democracia a apertura das nosas autovías con Castela realizouse despois da inauguración do primeiro AVE con Andalucía– recibimos a chegada deste tren veloz con máis escepticismo ca entusiasmo. Prudencia e desconfianza máis que xustificadas tras o anuncio do presidente da Xunta de que nos plans do goberno do pontevedrés Mariano Rajoy a finalización das obras do enlace ferroviario coa meseta adiarase, canto menos, até 2018. Outrosí sucede coa finalización do chamado Eixo Atlántico ferroviario, que debería unir Ferrol coa fronteira portuguesa, para o que se enxergan as peores perspectivas, tras declinar o goberno luso a realización das obras no seu territorio.
Tras a apertura do treito do AVE Santiago-Ourense, as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, ás dúas rexións urbanas sobre as que se alicerza a economía e a poboación do país, continuarán afastadas por máis de dúas horas dun tren exclusivamente diurno (a derradeira frecuencia en cada sentido continúa sendo ás nove da noite), obrigando a que milleiros de persoas utilicemos decote o vehículo privado nunha carísima e incómoda autoestrada de pagamento para a que non existe alternativa ningunha doutro vial semellante gratuíto. Outrosi sucederá coas tres terminais aeroportuarias do país para as que non existen proxectos, nin sequera a longo prazo, de conexión co novo trazado ferroviario, nin tampouco cos portos principais, xa que a infraestrutura non está concibida para o uso por parte de trens de mercadorías (nin sequera durante a noite), o que dificulta, como xa se está comprobando, a apertura en Vigo da autoestrada do mar. Con todo, o caso máis inconcibible sexa o da ausencia de conexión ferroviaria cos portos exteriores de Ferrol e A Coruña, hoxe dúas obras megalómanas, dificilmente xustificables, que pretenden dobregar con formigón a vontade do mar.
Mención á parte merece que os trazados previstos polas liñas de AVE ameazan con liquidar o actual e obsoleto tren de proximidade galego, illando vilas ferroviarias centenarias como Redondela, Lalín, Carballiño ou Monforte; sen contar cun proxecto alternativo de “tren de cercanías”, esencial para a mobilidade interna das rexións urbanas Ferrol-A Coruña e Vigo-Pontevedra. Sen esquecer o papel subalterno que no calendario de desenvolvemento do AVE galego se lle concedeu a Vigo, á derradeira cidade do Eixo Atlántico á que chegará a velocidade alta e, non sabemos, cando a alta velocidade. É innegable que a incerteza sobre o que pode suceder coa prevista variante por Cerdedo aumenta coa redución drástica dos investimentos públicos anunciada por Rajoy.
Deseñado como parte do mapa radial da Alta Velocidade Española, debemos recoñecer que o custosísimo trazado do AVE galego, ademais de chegar con dúas décadas de atraso, non se axusta ás actuais necesidades do país. Galicia ten dereito a contar canto antes cunha conexión ferroviaria de Alta Velocidade con Madrid e con Porto, ninguén o dubida; mais tamén precisa conectar todas as súas cidades por un servizo ferroviario que utilice velocidade europea, sen esquecer a imprescindible interconexión entre os seus tres aeroportos e portos principais, como cos servizos de cercanías das rexións urbanas. Eis un proxecto de transporte intermodal viable, unha rede capaz de vertebrar todas as Galicias, as da beiramar atlántica coas do interior. Daquela poderíamos expresar o entusiasmo que hai cento e trinta anos cantaba Manuel Curros Enriquez na chegada da primeira locomotora a Ourense, que unía en cinco horas a cidade das Burgas con Vigo: “Velahí ven, velaí ven tan oupada, tan milagrosiña, con paso tan meigo, que parece unha Nosa Señora, unha Nosa Señora de ferro”. Ese sería o noso tren.
10 Decembro, 2011 (10:09) | Economía, Goberno Rajoy, Medio_Ambiente, Onte, Política | 3 comments
Tras o pacto do euro, os que saben destas cousas coinciden en que, polo momento, o proxecto europeo saíu fortalecido e que haberá máis e máis duros recurtes dos servizos públicos en cada un dos estados para cumprir a «regra de ouro» de evitar desviacións do déficit superiores ao 0,5%. En definitiva, os politócratas da Unión salvaron o euro in extremis, mais cada un dos cidadáns europeos, cando o precisemos, teremos no hospital que pagar en euros a cama e, quizais, o cirurxián. O modelo autoritario do conservadorismo alemán impuso os seus criterios sobre os do euroescepticismo británico. Frankfurt gañoulle a partida á City londiniense, non nos enganemos, esa era a partida que se xogaba estes días en Bruxelas. Concibidas así as cousas, a ninguén debe chocarlle (nin sequera a Mariano Rajoy) que a «prima de risco» continúe polas nubes, xa que Merkel decidiu que non haberá polo momento eurobonos nin plans ningúns de reactivación da economía. Cada un dos gobernos continuará cos seus deberes. O, até agora, sorrinte Rajoy comezará a cirurxía asumida pola «profunda reforma laboral», na que o mantra da doutrina do «contrato único» será utilizado para abaratar o despido, como dende hai tempo reclama a dirección da patronal. O resto da súa folla de rota económica está publicada nun libro de máis de trescentas páxinas publicado por Alianza Editorial o pasado mes de setembro, Hacia una nueva política económica española. Diagnóstico, desafíos, estrategias, e preparado polo Equipo Económico de FAES. Aí aparecen os plans económicos do PP con todo detalle. Quen dixo que Rajoy agochaba as súas intencións?
Supoñemos que no cumio de Bruxelas no se abordaron as dificultades para chegar a un acordo en Durban sobre o cambio climático. Moi mal imos.
25 Novembro, 2011 (10:07) | Goberno Feijoo, Medios, Onte, Política | 1 comment
Nas conversas do Premio Fernández Latorre non se falou doutra cousa: “a crise”. O pesimismo, mesmo o fatalismo sobre a situación económica e social, é hoxe o único discurso da clase empresarial, financeira e política en Galicia. Coa excepción do premiado, Angel Carracedo, que solicitou apoio para a investigación como garantía de futuro, nin na intervención de Santiago Rey (moi dura co goberno saínte e solicitando máis reformas) nin na do presidente da Xunta puidemos atopar tampouco algunha faísca de optimismo ou esperanza, coñecedores ambos os dous que os máis duros recurtes chegarán tras a investidura de Mariano Rajoy. As declaracións de Stiglitz, coincindo coa súa conferencia na Coruña, denunciando que esta política de austeridade é unha receita para o suicidio confirman os nosos peores agoiros. Coma o salmón, loitamos contra a corrente. Ao remate do longo xantar, non me pasou desapercibido que saísen xuntos da sala, Antonio Fontenla, presidente da CEG, e Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Rural e, segundo o que alí oín, ministro que será do primeiro goberno de Rajoy.
21 Novembro, 2011 (08:16) | Onte, Política | 5 comments
A vitoria esmagadora do Partido Popular, a pesar de que estaba cantada, entristeceunos. En Galicia foron moi raquíticas as ledicias para a esquerda: o mantemento dos escanos do BNG, mesmo a pesar da súa lixeira perda de apoios; e a notable subida de Esquerda Unida, que triplica o seu número de votos e que na provincia de Pontevedra supera a barreira do 5%. O fracaso do PSdeG-PSOE foi brutal, sen facer diferenzas entre Blancos, Pachis, Caballeros ou Camaños, unha desfeita que non se pode agochar. Con estes resultados diante, a posibilidade de reconstruír unha alternativa ao actual Goberno de Feijóo é hoxe inverosímil. Por riba, ver cara os resultados de Catalunya e Euskadi dá envexa, dúas nacións cuxo comportamento político enxerga horizontes de maior autogoberno. No entanto, non é posible abandonarse na desolación. Quizais agoirando o que viña enriba, antes de coñecer o resultado electoral, publiquei este tuit motivado polas recentes derrotas celestes: «Cómpre enxergar os novos tempos cun chisco de ironía. Mudar a «Mellorserá» é unha das propostas para o Celta e para o país.» O progresismo e o nacionalismo galego non poden conformarse con este lamentable resultado nun entorno conservador e recentralizador que dá moito medo.
19 Novembro, 2011 (10:44) | Goberno Feijoo, Onte, Política | 16 comments
No derradeiro día da campaña electoral Feijóo asegurou, nun acto celebrado en Luarca, que Rajoy fará do noroeste español unha prioridade. O presidente de Galicia, que iniciou a súa intervención cun entusiasta «Puxa Asturies» (sic), abandonou a estudada ambigüidade de Mariano Rajoy, para expresar con claridade a súa idea do que somos: apenas un espazo xeográfico do noroeste de España. Estamos, sen dúbida, diante dunha achega audaz á teoría de Galicia, que queda reducida polo seu propio presidente á pura xeografía, consolidando así o proceso de deconstrución identitario iniciado polo seu goberno hai dous anos e medio. Tras o 20N e en tempos de austeridade selectiva, a ninguén debe estrañar que se asumimos que somos noroeste, xa non existen razóns suficientes para xustificar o mantemento de tres «custosas administracións autonómicas» (Galicia, Asturias e Castela-León). Feijóo ben podería ser un bo presidente para esta Noroeste, unha comunidade de máis de seis millóns de habitantes, concibidida como unha confederación de deputacións. Eis o triángulo inscrito na circunferencia da agardada reforma territorial. Si señor, somos noroeste, unha achega innovadora de Feijóo para o día de reflexión.
9 Novembro, 2011 (07:57) | Onte, Política | 57 comments
7 Novembro, 2011 (05:59) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Economía, Goberno Feijoo, Política, Vigo | 8 comments
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación de crise económica na área metropolitana ao fío da manifestación sindical unitaria do domingo.
A grande manifestación sindical unitaria en defensa do emprego na área metropolitana de Vigo é unha chamada de alerta sobre a gravidade da situación económica e social que vivimos. Todos os pilotos xa están en vermello. Cunha taxa de paro do 21%, á altura da elevadísima media española e catro puntos por riba da media galega, no Vigo metropolitano viven 60.000 persoas en paro, das cales máis da metade son veciños do concello de Vigo. Disparadas nos tres últimos anos e con forte incidencia tanto nos sectores da industria como dos servizos, estas cifras sitúan a Vigo como a cidade con maiores taxas de paro de Galicia e un dos puntos negros do desemprego en España.
Estas taxas reflicten as dificultades económicas das empresas da nosa área metropolitana, tanto das grandes de capital trasnacional como aqueloutras pequenas e medianas empresas de capital galego. A crise financeira internacional bate sobre todas. A crise mundial do sector do automóbil supuxo a perda do 24% dos empregos do sector na comarca de Vigo, mesmo a pesar de certa resistencia inicial da factoría de Citroën que prescindiu de tres mil obreiros, a maior parte deles eventuais. Outrosí sucede coa crise do sector da construción naval, no que se perderon máis do 40% dos empregos fose a causa da falta de novos barcos ou de problemas engadidos como o da tax lease. Mais tamén hai perdas de emprego noutros sectores industriais como o do resto do sector metalúrxico, o téxtil, a madeira, a construción e as actividades pesqueiras. Sen esquecer o fortísimo impacto da crise sobre as pequenas empresas do sector de servizos, sometidas ás restricións de financiamento polos bancos, a pesar de que moitas delas sexan viables, e ás políticas de redución do gasto das administracións públicas para diminuír o déficit público. O pequeno comercio vigués vive unha situación catastrófica como se pode comprobar paseando por algunhas rúas viguesas, onde hoxe semella que son máis os establecementos pechados que aqueloutros que continúan abertos.
A situación que vivimos en Vigo é difícil e, magoadamente, as perspectivas a curto prazo non son moi alentadoras. Sabemos que para saír da crise non abondará cunha simple modificación das actuais políticas de contratación, receita salvadora que propoñen os que defenden unha maior flexibilidade para o despido, cando se amosa que outras comunidades coa mesma normativa laboral que temos en Galicia (eis os casos de Euskadi, Navarra) presentan unhas taxas de paro que son a metade das nosas. Como tampouco creo vaian axudar a reactivar a actividade económica, e polo tanto a fomentar o emprego nos sectores privados, as políticas públicas de consolidación fiscal baseadas só nos recurtes dos servizos e na eliminación de calquera investimento en infraestruturas e dotacións de carácter público. Como sobran as proclamas electorais oportunistas, que estes días empregan nos mítins o desemprego como reclamo de partido e prometen a recuperación da confianza como auténtico fierabrás capaz de curar nun plis plas todas as feridas causadas pola crise. Os economistas insisten en que non é posible unha recuperación dos niveis de emprego sen políticas que poñan o seu énfase no estímulo da actividade económica (crecemento do PIB como mínimo por riba do 2%). Aí nesas políticas económicas proactivas e na reorientación da actividade produtiva cara aos sectores máis dinámicos e eficientes pode enxergarse unha saída a medio prazo para crise tan dura como a que vivimos.
A economía viguesa, baseada nun forte sector industrial e nunha presenza importante das actividades pesqueiras e marítimas, deberá asumir ese mesmo reto, tamén esa oportunidade, para modernizarse e reinventarse tecnoloxicamente en sectores en profundaza mudanza. Vigo non pode resignarse a perder sen batalla os seus principais sectores industriais. A identidade viguesa forxouse, ao longo de dous séculos, polo traballo teimudo dos seus mariñeiros, obreiros, empregados e dos seus empresarios e emprendedores, capaces de superar as maiores dificultades. Vigo é unha cidade marítima industrial. Aí reside unha cerna que non pode perder.
A crise actual lembra moito á vivida hai tres décadas, cando a cidade afrontou con toda a súa coraxe os problemas de Citroën e a brutal reconversión do sector naval, sectores defendidos polos traballadores e os seus sindicatos coa maior afouteza, mais que contaron co apoio unánime do resto dos sectores cidadáns. Lembrar aquelas manifestacións de 1984, cando a cidade toda reclamaba a continuidade do sector da construción naval, constitúe hoxe un acicate e un motivo para a esperanza. A nosa laboriosa abella da ribeira posúe, tamén, un carácter revolcado, unha resistencia teimosa que lle imprime dinamismo. Apostemos para que no futuro Vigo será traballo.
6 Novembro, 2011 (18:20) | Onte, Política | 10 comments
Esta interpretación do mestre Fermín Bouza resúltame moi convicente para explicar a confusión politica na que vivimos. Uns niveis insoportables de paro, provocados por unha estrutura produtiva e da propiedade envellecida; unha desafección política, motivada polo noxo que produce a corrupción instalada de forma estrutural nos partidos principais e un avance instrumental moi notable na comunicación cidadá, sobre todo entre a mocidade, que sofre en carne propia as dúas circunstancias anteriores, explican respostas como as do 15-M. Razóns que creo axudan a entender, ademais, o resultado do 20-N, onde a dereita campará as súas anchas, co perigo inminente que iso suporá para o mantemento dos servizos básicos de sanidade, educación e cultura. Como moi ben sinalaba Jaureguizar Rajoy non terá problema ningún para desenganchar os vagóns de cola.
2 Novembro, 2011 (07:27) | Economía, Onte, Política | 18 comments
Como xa adiantei na tertulia da noite do luns, o anuncio de Papandreu de someter a referendo o segundo «rescate» aprobado no cumio europeo da semana pasada actuou como un auténtico tsunami sobre as bolsas e mercados de débeda soberana, que viviron onte un dos peores días da súa historia recente. Papandreu non tivo outro remedio que realizar esta convocatoria, presionado polo rexeitamento moi amplo da cidadanía a aceptar novas medidas de recurte, que padecerían durante toda unha década. Hoxe as consecuencias desta arriscada convocatoria de referendo son impredicibles. Pode supoñer a saída de Grecia do euro pola decisión soberana da súa cidadanía, o que provocaría un auténtica catástrofe para a banca europea, que coa nova moeda grega moi devaluada non recuperaría xa nada da súa débeda. Como podería supoñer un efecto dominó sobre Italia e España, afogados no abismo da súas elevadísimos primas de risco. No entanto, quizais o feito máis significativo da convocatoria de Papandreu é que até agora ninguén ousara arrepoñerse aos ditados emanados por Merkel e Sarkozy, o FMI ou o BCE. A cidadanía grega, diante do desconcerto dos seus partidos políticos, pode estar dando unha volta de torca á historia. Imaxinamos o que sucedería se esta actitude contaxia a outros países?
1 Novembro, 2011 (11:15) | Educación, Onte, Política | 5 comments
28 Outubro, 2011 (07:05) | Goberno Feijoo, Onte, Política, Radio, Televisión | No comments
Despois de rematar a magnífica presentación do libro de ensaio de María Xosé Queizán sobre Mary Wollstonecraft Selley na nova libraría feminista Lila de Lilith, acudimos a participar na concentración en solidariedade cos traballadores e traballadoras da CRTVG, que se celebraba na praza de Cervantes. Impresionoume a claridade dos argumentos utilizados nas intervencións, a unidade sindical e a afouteza dos profesionais que subiron ao estrado para defender a continuidade dos medios públicos audiovisuais galegos. Información plural e de calidade, promoción da lingua e cultura galegas, e desenvolvemento do sector audiovisual foron os obxectivos expresados para defender uns medios de comunicación públicos que, se poña como se poña o Goberno de Feijóo e a súa política de austeridade selectiva, supoñen un custe moi razoable para o noso país (36,6 € por galego, segundo estimacións sindicais). Sendo así as cousas, resúltanme moi difícil entender as razóns que poden ter os membros do grupo parlamentario socialista para apoiar un proxecto de lei que pon en perigo o carácter publico da CRTVG e a subrogación do seu cadro de persoal. O deputado José Manuel Lage, tan activo na rede e participante na redacción do texto, debería expresar unha xustificación convincente.
25 Outubro, 2011 (08:51) | Onte, Política | 65 comments
As tertulias da noite dos luns na Radio Galega permítenme ir seguindo o fío dos argumentos e das actitudes dos sectores conservadores sobre a axenda política que Luís Ojea nos propón a debate. A pasada semana centráronse en minusvalorar a Conferencia Internacional de Paz, o seu comunicado e os seus participantes; esta foi a súa desconfianza sobre a fiabilidade do comunicado de ETA sobre o cese definitivo das súas actividades armadas. Máis alá da validez destes argumentarios, influídos pola proximidade da convocatoria do 20-N, as posicións diversas dos que participamos neste debate radiofónico amosan que non vai ser doado chegar a un convecemento compartido sobre a idea de que a paz é posible en Euskadi e Navarra; requisito, primeiro e indispensable, do longo proceso de reconciliación civil, onde a vontade dos vascos e dos navararros, expresada en liberdade, xa sen coacción ningunha, será a principal protagonista. Teño o convecemento profundo que sen tender pontes e sen mediacións entre partes, este proceso dificilmente pode acadar o seu obxectivo. Como tampouco será posible o seu éxito total sen contar cunha solución política para o tradicional “problema vasco”. Non vai ser doado, non.
21 Outubro, 2011 (05:33) | Educación_para_a_Paz, Memoria, Onte, Política, Vídeos | 16 comments
Cando coñecín a noticia veume a cabeza decontado o sorriso de Suso Jares, alguén para quen estas serían unhas horas de esperanza. O anuncio de ETA do cese definitivo da súa actividade armada abre unha oportunidade para construír a convivencia no País Vasco dende a cultura de paz. Eis o grande reto que deben saber xestionar con prudencia e afouteza o goberno tras as eleccións do 20-N como todos os partidos vascos, xa sen excepcións de clase ningunha. Esta é a hora da cultura da paz, este é o momento do protagonismo do diálogo e da mediación como accións transversais capaces de chegar a todos os espazos da sociedade de Euskalherría, con especial incidencia aos educativos, institucionais e, sobre todo, aos políticos. No entanto sabemos que non vai ser doada nin a reparación da dor das vítimas nin o proceso político que leve á disolución da organización terrorista, cuestións que en Irlanda custaron máis dunha década de esforzos ser superadas. Nin tampouco o será a necesaria reconciliación, baseada na construción dun relato común sobre o acontecido nestas décadas, de xeito que atenda á memoria das vítimas e sexa capaz de erradicar tanto sufrimento encistado en moitas familias vascas. Como non será doado superar as interferencias provocadas pola intolerancia dos sectores (sabemos que minoritarios, mais influíntes) produtores de odio, incapaces de asumir as consecuencias da irreversibilidade deste proceso. Este é, como acuñou Suso Jares, o momento de construír a paz dende a cultura da paz.
4 Outubro, 2011 (05:54) | Lingua, Onte, Política | No comments
Zaira Rodríguez Pérez, membro da xunta de goberno da Deputación Provincial da Coruña, non fala galego. Cabeza do seu partido no concello de Cee confesa nunha entrevista en La Voz de Galicia que «desde que tengo uso de razón soy del PP», partido co que se sinte moi identificada. Presidenta da Comisión Informativa de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da entidade provincial, a pesar desta responsabilidade, non lle parece «chocante» non utilizar o galego: «Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo». Como moi ben sinala Xabier Docampo estamos diante doutro caso claro de catequista atea, xa que unha persoa que asuma a tarefa de promover políticas de promoción e fomento do uso público da lingua galega non pode fachendear de non empregala decote. A falacia da «imposición del gallego» e da liberdade lingüística abrazada polo PPdeG comeza a ofrecer estes autorretratos [cómicos, se o conto non fose triste] de persoas que carecen da altura moral imprescindible para representar a toda a cidadanía galega [tanto aos seus votantes como aos que non o fixeron]. Como propón Prolingua o presidente da Deputación da Coruña debería cesar decontado a esta deputada de todas as súas responsabilidades. Tras semellante respostas, que argumentos pode utilizar para defendela, sen denigrar á lingua galega e sen poñer en perigo as súas políticas de igualdade e benestar?
2 Outubro, 2011 (15:59) | Autores, Cultura, Economía, Ensaio, Goberno Feijoo, Onte, Política, Xerais | 3 comments
Á mañá recibín un novo limiar para o que será A Derrota de Galicia, o libro de ensaio político, que publicaremos a comezos da vindeira primavera, no que Antón Baamonde reflexiona sobre a inexistencia na Galicia actual dun proxecto propio de modernización. Lin decontado o texto lúcido e duro de Baamonde, despois de ter revisado algúns dos comentarios que denuncian o expolio que supón valorar nun 6,87% a participación que a caixa terá no banco que ela mesmo creou. Non deixa de ser desacougante que para algúns medios e «comentaristas de referencia» a noticia non merecese mención. Outra proba desta desfeita enorme. Si, efectivamente, perder un instrumento financeiro propio, en clave de país, é outra derrota do proxecto de construción de Galicia como nación; un fracaso deste anémico goberno de Feijóo, mais tamén da oposición incapaz de ofrecer o entusiasmo dun programa alternativo. Á noite, abrindo a caixa de correo atopo razóns para a esperanza enviadas polo benquerido Agustín. Arnaldur Indridanson, o escritor islandés que lerá o discurso inaugural da Feira de Frankfurt 2012, na que o seu país será o convidado de honra, lembra que «a riqueza dunha nación non está na Bolsa. senón nos seus libros». Quen pode dicir, entón, que Galicia está derrotada?
30 Setembro, 2011 (07:17) | Onte, Política | No comments
2 Setembro, 2011 (22:48) | Política | 2 comments
1 Setembro, 2011 (22:31) | Política | 8 comments
Se o descontento cidadán da ruptura do consenso constitucional non o evita, é moi posible que tras as vindeiras eleccións do 20-N o BNG perda unha parte ou a totalidade da súa representación no Congreso dos Deputados. O anuncio do continuísmo dos cabezas de lista, o adiamento da Asemblea Nacional até xaneiro de 2012 e, sobre todo, a incapacidade de dar unha resposta política ao manifesto dos 18 alcaldes, que reclamaban a actualización do discurso do Bloque, amosa a espera resignada da dirección nacionalista por un novo fracaso electoral, outro máis, que de producirse situaría o seu proxecto político xa no precipicio da irrelevancia.
Tantos os resultados das Xerais de 2008, como o das autonómicas e municipais recentes, como as tendencias que expresan cada unha das súas series estatísticas, aconsellarían unha enérxica iniciativa política capaz de taponar a hemorraxia do desencantado e resignado voto galeguista. Porén, mal que nos pese, dentro do BNG gañou o partido conformista, o dos que prefiren poñerse a cuberto nestes tempos de intemperie. Nos dous últimos anos, tras a última Asemblea Nacional, coas honrosas excepcións dos proxectos desenvolvidos nalgúns concellos (Carballo, Tomiño ou Teo, por citar os máis destacados), non enxergamos apenas actualización da proposta programática, a pesar de que neste tempo reinou de forma obscena o pensamento neoliberal dos mercados, asumido como novo karma polos socialistas en claro retroceso, e comezou o proceso de recentralización do estado promovido pola FAES e executado en Galicia por Feijóo. Tampouco identificamos un atractivo renovado dos carteis electorais nacionalistas e nin sequera unha mudanza significativa nas formas de comunicación e empatía coa cidadanía.
Quedaron electoralmente agotados os proxectos nacionalistas, xerados nas tres últimas décadas arredor do BNG e de Esquerda Galega, que pretendían acadar a hexemonía na sociedade galega? Quédalle marxe ao actual BNG para evitar a súa marxinalización?
1 Agosto, 2011 (07:13) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Política | 20 comments
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da convocatoria de xerais, reflexiono sobre os retos de rexeneración democrática e o discurso do falso pensamento positivo.
Vencido polos mercados e apurado por Rubalcaba, Zapatero decidiu acurtar a agonía e convocar eleccións para o 20-N. Apenas pasara unha hora do anuncio de quen fora o home máis optimista de España, cando Mariano Rajoy tomou a remuda como líder do pensamento positivo asegurando que a saída da crise é apenas unha “cuestión de confianza”. Segundo quen será, moi probablemente, o próximo presidente, co seu goberno volverá a confianza, axiña fluirá o crédito bancario e mellorarán as cifras de desemprego. Unha receita elemental para un electorado ao que se pretende identifique a saída da crise co cambio ofrecido polo Partido Popular, sen máis sacrificios impositivos, sen máis perda de emprego, sen máis rebaixas salariais para os funcionarios e mesmo sen recurtes sociais… O pasado venres Rajoy abrazou a estratexia optimista que Zapatero abandonou aquel fatídico 9 de maio de 2010, cando anunciou o recurte fiscal dos 35.000 millóns de euros, presionado polos bancos e polos líderes da Unión Europea. Outra vaca no millo!
Estes falares optimistas de Rajoy terían escasa transcendencia se non coincidisen, a mesma mañán, coa publicación do informe do Fondo Monetario Internacional sobre a evolución da economía española e co anuncio dunha probable rebaixa da cualificación da débeda española por parte dunha das axencias de rating. Anuncios que agoiran novos e moi severos recurtes a realizar polo novo Goberno. Tomemos nota. Se o FMI pretende que España reduza máis a factura dos seus funcionarios públicos, o Goberno só o poderá conseguir cunha nova rebaixa salarial ou cunha redución dos seus cadros de persoal. Se ao FMI a rebaixa recente da indemnización por despido improcedente a 21 días lle parece insuficiente, o próximo Goberno acometerá unha nova reforma laboral. Se o FMI propón aumentar o capítulo dos ingresos, é probable unha nova subida do IVE e do imposto sobre as gasolinas. En definitiva, non parece difícil imaxinar que estes recurtes preñados polo FMI serán o solimán que dosifique o novo Goberno a comezos de 2012, sen descartar a hipótese de que deba adiantalos in extremis o propio Zapatero, xa que aí están os monstros da crise orzamentaria americana e da subida das primas de risco española e italiana. E sabemos que o novo executivo non terá dificultades en xustificalos co argumento de que o “o estado das contas públicas era aínda peor do previsto”.
Con estes agoiros da existencia dun programa económico agochado, compartido polos dous partidos de quenda e concibido ao ditado dos mercados de débeda, non é doado agardar unha campaña electoral entusiasta. Mais aínda, cando estes anuncios o que procuran é a resignación dos membros do grande partido conformista, o da indiferencia e o fastío co desprestixiado rito da política parlamentaria. Mais non debería ser este tempo de desolación, senón de mobilización cidadá e corresponsabilidade participativa, xa que nestas eleccións dirimiranse cuestións esenciais para o futuro das políticas públicas e temas principais para o devir do autogoberno galego. Non desbotemos a posibilidade de que unha lexislatura con maioría absoluta popular supoña unha recentralización do modelo autonómico, como propoñen algúns medios xacobinos, avalados polos argumentos da redución do déficit e da eficacia na xestión orzamentaria, nin desbotemos a sospeita doutro adiamento dalgunhas das infraestrutras básicas en obras, nomeadamente os AVE do Eixo Atlántico e da Meseta.
Se isto todo non abondase, estas xerais deberían supoñer un xiro rexenerador da actividade política. Así o veñen reclamando o movemento dos Indignados e iniciativas políticas apartidarias como BenComún que deberían ser moi tidas en conta. Non esquezamos que medidas de transparencia pública, de participación cidadá, de racionalización das administracións, de comportamento ético dos cargos públicos ou de supresión dos seus privilexios constitúen parte do ADN da saída da crise. Medidas que deberían entrar na axenda dunha campaña electoral decente, austera, onde o financiamento dos partidos fose transparente; onde todas as candidaturas tivesen posibilidade de debater as súas posicións e contasen cun tratamento equitativo nos medios de comunicación. Un campaña en clave galega, que situase á cidadanía no foco da actividade política, cunha participación activa nas redes sociais na valoración das propostas programáticas e dos compromisos co país que asumen cada unha das candidaturas.
A cuestión de confianza non atinxe, pois, os asertos do pensamento positivo da mercadotecnica política, como á mobilización cidadá que de forma consciente e corresponsable escolle as medidas estratéxicas para enfrontar un tempo decisivo para a sociedade galega no social, no económico e no político.
31 Xullo, 2011 (09:14) | Artigos_Xornal.com, Cultura, Edición, Editores, Educación, Entrevistas, Goberno Feijoo, Lectura, Política | 3 comments
Non sei como debeo agradecer a Xornal de Galicia a deferencia de ter organizado un Café de redacción comigo. Máis aínda cando estiven acompañado por xenerosos amigos de meu como Camilo Nogueira, Xabier DoCampo, Manuel M. Barreiro e Óscar Sánchez e de catro profesionais do xornal como a directora María Val, o subdirector Xabier Blanco, o responsable de Cultura Iago Martínez e a fotógrafa Sonia Daponte.
A eles oito a miña maior gratitude polas dúas horas de conversa tan fluída e (permitídeme a inmodestia) interesante sobre cuestións de actualidade política, edición, lectura, lingua, educación e mesmo un pouco de fútbol en clave galega.
O traballo de transcrición e síntese, moi traballado por Iago Martínez, quedou magnífico. Eis os enlaces dos tres grandes apartados e o retrato de IM e o editorial do xornal («Entusiasmo nos malos tempos»):
25 Xullo, 2011 (19:22) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Goberno Feijoo, Política | 15 comments
No artigo da semana de Faro de Vigo, coincidente co 25 de xullo, propoño unha reflexión sobre a actual situación política de Galicia.
Galicia chega a este 25 de xullo, o seu día nacional, desacougada e cun pulso máis baixo ca noutrora. Coa excepción da luz que provocou durante uns días na conciencia colectiva o movemento dos Indignados, semella que as incertezas e medos provocados pola crise financeira do euro (que sabemos agocha unha crise estrutural máis profunda) e pola escasa iniciativa política, tanto do actual Goberno Galego conservador como da súa oposición parlamentaria, impiden albiscar escintileos de esperanza que se puidesen enxergar no horizonte.
As cifras e os indicadores estatísticos non axudan a atopar razóns para o entusiasmo sobre o futuro do país noso. Ao longo do último ano, o paro afectou a un cuarto millón de galegos e a taxa de desemprego superou o 17%, cifras elevadísimas que sitúan a nosa como a terceira comunidade na que máis emprego se destruíu. O número de Expedientes de Regulación de Emprego medrou de forma notable en todos os sectores produtivos, con singular incidencia nos da automoción, a construción naval e pesca, eidos industriais de noso que arrastran dificultades estruturais de viabilidade por mor das limitacións dun ou doutro tipo que impón a normativa da Unión Europea para o seu funcionamento. A anemia demográfica non cesa e Galicia continúa liderando a perda de poboación en España, volvendo diminuír en 2010, por segundo ano consecutivo, o número de nacementos; crise agudizada nas provincias de Ourense e Lugo onde o número de defuncións duplicou o de nacementos. Sangría poboacional agravada polo incremento da emigración, sobre todo a dos membros da “xeración perdida” –estimada xa en máis de vinte mil persoas, entre 25 e 35 anos, unha barbaridade!–, e pola oferta escasa para poboación inmigrante, fóra do sector do coidado a persoas maiores e dependentes.
Dende a súa toma de posesión o actual Goberno Galego apostou por un modelo de xestión por coiuntura, acomodando a súa axenda á confrontación sistemática coas actuacións do Goberno bipartito (audis, lingua, reparto eólico…) e co agotado e errático Goberno Zapatero (financiamento, desaparición das caixas, xenéricos…). Unha estratexia deseñada en clave de partido, que achegou réditos mediáticos ao presidente Feijóo, convertido pola prensa conservadora madrileña no príncipe da “austeridade” futura e no azoute dos excesos nacionalistas, mais que ameaza deixar o noso país en poucos anos nun auténtico ermo. Abandonadas as crenzas galeguistas dos gobernos de Fraga e transformada Galicia en laboratorio da recentralización prometida por Rajoy e deseñada por FAES, a ninguén pode estrañar que o Goberno Feijóo se desentenda de enfrontar a xestión estratéxica, e polo tanto en clave de país e con elevadas doses de consenso entre os partidos, que require cuestións, entre outras, como a crise industrial atlántica, a reorganización territorial e administrativa, a reinvención das formas de vida da Galicia interior ou o futuro da lingua e cultura galegas como patrimonios que a humanidade deixou ao noso cargo.
Mais tampouco a oposición parlamentaria foi capaz ao longo destes dous anos de lexislatura de mobilizar á cidadanía co aliciente das súas propostas. Sen liderado claro en ningunha das dúas formacións e sen posibilidade de conformar unha alternativa crible para a cidadanía, os actuais responsables do PSdeG-PSOE e BNG asumen de facto que, neste momento, o seu primeiro obxectivo é o de conservar as súas posicións institucionais e manter as súas estruturas partidarias. Unha mesma estratexia conservacionista de coiuntura, incapaz de agochar a crise profunda de dúas formacións minadas polos fracasos electorais recentes. Se queren evitar caer no precipicio da irrelevancia e mesmo, no caso do BNG, da desaparición institucional, os socialistas e nacionalistas precisan reinventar o seu discurso programático e a súa estratexia de comunicación con toda a sociedade galega.
Presentado así o panorama, o balance non pode ser máis desacougante para un país que se afixo a vivir en permanente estado de desánimo colectivo. Como xa sinalabamos o pasado ano, para saír desta situación de desacougo e melancolía paralizante, Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía en clave de país –traducidas politicamente na fórmula de “máis autogoberno, máis consenso, máis cidadanía”– que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como veñen demostrando Cataluña e Euskadi, non se resignan a que outros decidan por elas. Estou convencido que tamén esa é a mellor solución para Galicia. A crise financeira, política e social actual obriga a reinventar o proxecto nacional de Galicia no marco europeo. Quizais sexa a nosa derradeira oportunidade.