O serán frío de Pontevedra non impedíu que os membros do Ateneo completasen o aforo da Casa das Campás para participar na presentación de Extramunde, a novela de Xabier Queipo premiada co Xerais 2011. Recén chegado dunha xuntanza da Axencia Europea de Pesca, centrada na remontada do rodaballo no Mar Negro, Xavier comezou o seu parlamento agradecendo aos ateneístas, entre os que había un numeroso grupo de escritores, a súa presenza, xa que «actos coma a presentación dunha novela galega son actos de resistencia activa». Antes de confesar que a xénese desta novela estivo nalgúns soños coloridos e brutais que tivo, o compostelán lembrou un proverbio coreano que viña ao caso: «A forza do vento detense diante da paciencia do mar.» Foi unha inxección de esperanza moi oportuna, que apuntamos no caderno como pacientes mariñeiros que somos.
Dende hai cinco anos Fervenzas Literarias é un espazo de referencia na rede para a literatura galega. O seu seguimento diario da actualidade editorial, as conversas con autores e editores e, sobre todo, o repositorio de recensións merecen o noso maior interese. No entanto, son os seus premios anuais, outorgados por votación entre os seus lectores e lectoras, que abranguen todos os subxéneros de edición e actividades relacionadas coa edición e a lectura en galego, referencia indiscutible de rigor e independencia para todo o noso sector. Onte coñecimos os correspondentes ao ano 2011. Polo que nos atinxe non podemos estar máis agradecidos, tanto polos recoñecementos recibidos polos libros editados por Xerais e, outra edición máis, por estas Brétemas. Expreso a miña gratitude a todas as persoas (case cincocentas) que participaron nas votacións e a Fervenzas Literarias pola continuidade de labor tan importante para facer visible a literatura galega.
Saín moi satisfeito da presentación do premio Merlín deste ano, un acto que evidencia a madurez adquirida por Anxo Fariña, un dos nosos autores hoxe con maior proxección. Como sucedera hai vinte e cinco anos, cando unha nova e ampla xeración de autores iniciou o proxecto dunha literatura infantil e xuvenil en galego normalizada, identifico nestes últimos anos varias xeiras de autores e autoras moi interesantes que se afanan en continualo e anovalo. Unha noticia excelente. Entre eles atopamos a singularidade e dinamismo de Fariña que, como fai tamén o xenial Jacobo Fernández Serrano, arrisca escribindo e ilustrando dende as marxes da fantasía e da ciencia ficción sobre temas clásicos da literatura xuvenil. Tras o éxito rotundo dos Megatoxos, serie que será reeditada na súa totalidade por Xerais o vindeiro ano, Fariña escribiu e ilustrou un formidable relato no que visita o mito de Prometeo, como fixera Mary Wollstonecraft Shelley co seu Frankestein. Faino coa intención de procurar, dende a confianza nas posibilidades da ciencia –máis en concreto da biotecnoloxía e a robótica–, os límites da perfección do ser humano. Unha angueira científica, a da paixón polo coñecemento, á que engade outra mítica, a da procura da Atlántida. A busca da porta da civilización labiríntica perdida da que falaba Platón permite viaxar ao lector ou lectora (vivir unha aventura), como sucede nos Megatoxos, entre os espazos do pasado e o futuro. Mención á parte merece gabar o estilo comunicacional de Fariña empregado nunha presentación de formato tan innovador como eficaz. Parabéns, Anxo!
Non o puido dicir mellor Bieito Ledo nas súas breves palabras de benvida da cea na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2011: «durante tres décadas estes premios baseáronse no galeguismo integrador que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como fortiter in re suabiter in modo, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre». A de onte foi unha noite para a esperanza no entorno da desolación actual sobre a situación da industria cultural de noso: uns premios arriscados e sólidos, unha representación numerosísima e plural, ademais dun traballo dos organizadores en man común, tan discreto coma eficaz. Con estes vimbios e a vontade amosada, a continuidade dos Premios da Crítica Galicia está asegurada. Os meus parabéns para Bieito Ledo e Antón Pulido, capitáns dunha operación tan necesaria como exitosa para consolidar unha tradición contemporánea.
Coa presentación en Compostela de Extramunde, a novela de Xavier Queipo gañadora do Premio Xerais 2011, iniciamos a nosa tempada de Nadal. “O embigo do mundo” é un espectáculo artístico, unha presentación literaria de formato innovador, onde se mestura o teatro da man de Quico Cadaval e Anabel Lago, a danza contemporánea de Olga Cameselle e a música e a palabra do colectivo Río Lagares (Mister Choco e Xavier Queipo) para convidar e incitar aos lectores a participar do espazo e da aventura de Extramunde. Un acto, ademais, que pretende recoñecer a traxectoria dun dos escritores que posúen unha das obras (non só narrativa, tamén ensaística e poética) máis sólidas e orixinais das dúas últimas décadas. A metáfora do embigo do mundo acuñada por Queipo, como a dos círculos e dos ollos de grafiti de Ce Tomé, o autor da magnífica cuberta de Extramunde, nos centos de fotografías proxectadas na derradeira parte do espectáculo, lonxe de calquera intención narcisista dos seus autores, ten que ver coa exaltación colectiva do valor da diversidade e da construción dun mundo creativo propio dende a identidade galega, alí onde residen as células nais da nosa lingua e dende onde se continúa a nosa cadea de transmisión cultural. “O embigo do mundo” é a afirmación da nosa centralidade creativa, fronte a calquera condición periférica que pretenda rebaixar o noso horizonte. O de Queipo é un espectáculo moi interesante que repetiremos o serán do venres no Museo do Mar de Vigo. Aconsello non perdelo.
Hoxe participei na constitución da nova xunta directiva da Fundación Premios da Critica Galicia, un proxecto do galeguismo integrador que non podía crebar a súa andaina despois do seu funcionamento ininterrompido dende 1978.
Os reunidos acordamos nomear a seguinte xunta directiva: presidencia, Bieito Ledo; vicepresidencia, Antón Pulido; secretaría, Manuel Bragado; vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó; vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela.
Ademais, tras analizar aspectos relativos ás características de cada unha das modalidades, acordamos que o fallo dos premios correspondentes ao ano 2011 realizarase na cidade de Vigo o serán do 22 de outubro. O 26 de agosto celebraremos en Compostela unha nova xuntanza.
Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.
Eis a relación e os seus enlaces:
Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de Novela por Extramunde.
Héctor Carré, gañador do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por Febre.
Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil por A chave da Atlántida.
Esta foi a fin de semana dos Premios Xerais. No blog da editorial fixemos xa anotacións abondas sobre un serán que resultou intenso, interesante e festeiro. A grande novidade deste ano foi, sen dúbida, a irrupción de Twitter. No hastag #xerais11 pode seguirse todo o que se dixo e a conversa que se mantén aberta. O agarimo de todos os amigos e amigas que participaron e a inxección de optimismo que nos contaxiaron son, nestes tempos difíciles, moi de agradecer. Beizón para todos e todas!
Esta semana no artigo de Faro de Vigo, ao fío da homenaxe á edición histórica tributada polos membros da AGE na Noite da Edición, gabo o traballo da editorial Ir Indo e do seu editor Bieito Ledo Cabido.
O pasado sábado no transcurso da “Noite da Edición”, celebrada en Lugo, os membros da Asociación Galega de Editores rendemos homenaxe a Ir Indo edicións con motivo do vinte e cinco aniversario da súa fundación. Un recoñecemento merecido para a traxectoria e o catálogo desenvolvido por un dos proxectos editoriais sen os que non se podería entender a modernización da cultura e da edición galega contemporáneas, mais tamén unha mostra de admiración e agarimo cara a traxectoria de Bieito Ledo Cabido, o editor da aldea de Pedroso da parroquia de Abeleda no concello de Xunqueira de Ambía, afincado en Vigo dende hai case corenta anos, que encarnou tan importante travesía editorial.
A editora viguesa, instalada primeiro na rúa Torrecedeira e, máis tarde, na sede actual da avenida da Florida, coa intención de encher os baleiros editoriais existentes na cultura galega, artellou na súa historia un amplo catálogo (hoxe máis de medio milleiro de títulos) que abrangue dende a edición lexicográfica e enciclopédica (unha das actividades principais que a singularizou), pasando pola edición infantil e xuvenil, até a de narrativa, materiais didácticos e obras de referencia sobre o coñecemento do país. No entanto, foron até hoxe os dezaseis volumes da Enciclopedia Galega Universal o maior logro do equipo editorial de Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o seu primeiro colaborador e xerente do proxecto empresarial. A “EGU”, comezada a publicarse en 1999, é unha obra magna, extraordinaria, que constituíu a primeira visión completa do mundo feita en Galicia, en galego e dende a óptica de noso. Un fito senlleiro na edición galega, continuado en 2003 con semellantes criterios co Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), como tamén o foron outras iniciativas da editorial, entre as que non se poden deixar de citar as series de libros fotográficos dedicadas ás cidades e vilas de Galicia ou a colección de biografías “Galegos na Historia” que continúa publicándose.
É difícil atopar un proxecto editorial máis identificado coa personalidade do seu editor, que o de Ir Indo creado por Bieito Ledo. O propio nome escollido para editorial –foi tamén o da libraría que o editor abriu nas galerías de Príncipe cando chegou a Vigo en 1975– expresa a teimosa paciencia de Bieito Ledo de percorrer en irmandade os vieiros todos dun país que se ama e ao que se pretende transformar dende o seu coñecemento máis profundo e detallado. Consciente de que “as ideas son as que xeran riqueza”, Bieito Ledo propón a tarefa colectiva de construír demoradamente o país dos galegos, con intelixencia, autoestima e confianza nas propias posibilidades, sabendo que existirán dificultades que poderán ser superadas con traballo duro e compartido. Neste difícil e ilusionante proxecto temos que saber gañarnos a nosa xente. Esa é a tarefa permanente de facer país. Esa foi a proposta vital que este emprendedor nato –así foi definido polo seu amigo o editor Víctor Freixanes– despregou na fantasía da súa editora, sempre comprometida en manter un diálogo permanente coas mudanzas da sociedade galega á que ofrece os seus servizos.
Mais tamén foi esa mesma ansia de facer país cos libros á que impregnou o seu traballo como xerente da editorial Galaxia durante os anos decisivos da transición, nos que promoveu a importantísima “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e no que quedou para sempre inoculado do virus adictivo da edición. Un espírito aberto, inequivocamente cívico e galeguista, que o levou a crear espazos de encontro e amizade cando encabezou a renovación do Círculo Ourensán Vigués, cando creou os “Premios da Crítica Galicia” en 1978 ou cando participou na creación da Fundación Galicia-Empresa, entre outras moitas das súas angueiras polas que foi merecidamente recoñecido como “Vigués distinguido” en 2005 e como “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía” o ano seguinte, dúas condecoracións das que fachendea abertamente.
Por riba de todo, Bieito Ledo é un editor nato que acredita na idea de que son os libros, a lectura, o que máis nos axuda a medrar coma persoas. Foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores contribuíndo nestoutra agra a sementar ese espírito gremial imprescindible para desenvolver un sector no que até entón existía escasa experiencia empresarial. E como editor do século XXI que é asume sen complexos a mudanza profunda que se está producindo no paradigma da comunicación cultural apostando por ofrecer os produtos enciclopédicos e lexicográficos da súa editorial na rede e promovendo a creación dunha plataforma editorial galega que distribúa ese tipo de contidos. As nosas beizóns para el e para o seu equipo editorial, agardando poder celebrar con eles outras vinte e cinco primaveras máis.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.
Gálix anunciou hoxe o nomeamento do escritor Agustín Fernández Paz como candidato da OEPLI ao Premio Andersen. Este premio, convocado polo IBBY, está considerado como o auténtico nóbel da Literatura infantil e xuvenil, razón pola que esta candidatura constitúe, xa en si mesma, outro importante recoñecemento para o autor de Contos por palabras. O fallo deste premio farase público dentro dun ano, na Feira de Bolonia de 2012, e a entrega de Medallas realizarase durante o 33º Congreso de IBBY, que se celebrará en Londres, o mesmo ano.
Agustín Fernández Paz remata estes días a súa vindeira novela, que Xerais publicará na colección Narrativa antes do verán, ao tempo que corrixe as probas de Fantasmas de luz, libro ilustrado por Miguelanxo Prado que aparecerá no mes de setembro. Os nosos parabéns a Agustín por tan merecida candidatura e por tan intensa actividade.
Coñecín a Oliver Laxe o pasado ano no xurado do Premio Cinema e Ciencia que promove ese infatigable e xeneroso amigo que é Martin Pawley. Naqueles dous días quedei deslumbrado polo discurso de Oliver, pola súa poética cinematográfica, literaria ou pictórica e, sobre todo, pola súa ansia teimosa en perseguir na conversa a beleza nos territorios das artes. Foron os seus argumentos os que nos levaron a premiar tamén Ljusär, unha película pouco convencional na que o sueco Mikael Kristersson relata só con imaxes, durante máis dunha hora, o que sucede nunha hortiña dunha vivenda das aforas da cidade ao longo do ciclo dun ano.
Tras aquela experiencia tan grata, non me colleu por sorpresa a noticia de que Todos vós sodes capitáns, a súa primeira película longa, fose a gañadora do premio Fipresci, un galardón co que os críticos presentes no Festival de Cannes pretenden cada ano favorecer a visibilidade de novos valores. Nas conversas daqueles días, Oliver contáranos que levaba en Tánxer dende o ano 2006 e que traballaba nun obradoiro de cine con adolescentes. Adiantáranos, tamén, coa súa ironía perspicaz, que acometera o seu primeiro proxecto de longametraxe coa intención de filmar unha oliveira que moito lle impresionara, situada preto dunha das fortalezas defensivas existentes as beiras de Tánxer. Dende entón quedei co formigo no corpo e non tiven oportunidade de ver a película até a gala de Cineuropa, na que Laxe recibiu a primeira e merecida homenaxe na súa terra. E abofé que o film quedou moi por riba das miñas mellores expectativas.
Efectivamente, Todos vós sodes capitáns é unha homenaxe a sobria beleza dunha oliveira que debuxa o seu perfil sobre o horizonte. Unha árbore que serve ao autor para culminar un proceso de indagación dos límites existentes entre a realidade e ficción, fronteira que dinamita ao longo de toda a metraxe asumindo todos os riscos posibles. Baixo a aparencia dunha película documental de tintes autobiográficos sobre a experiencia dun director novo que pretende facer unha película cun grupo de adolescentes acollidos nun centro de menores inadaptados, Laxe reivindica a estirpe do cinema clásico máis sobrio e espido de calquera ornato, mesmo da presenza da música. Empregando os formatos máis primixenios do cine, dende as cámaras manuais á película de 35 mm en branco a negro, utilizando coa maior economía as escasas horas de filmación, Laxe amosa que son as imaxes e as palabras axeitadas a ferramenta indispensable para expresar o poder creador do cinema. A película toda é unha reivindicación dese poder extraordinario do cinema como arte, para o que non cómpren medios técnicos desorbitados nin industrias con pretensión de elefante, senón apenas unhas humildes cámaras nas mans dun grupo de rapaces inexpertos que viven en condicións moi precarias, mais que queren deitar a súa ollada na pantalla. Eis nese carácter artesán da súa indagación –na liña do expresado por Richard Sennet do traballo ben feito– é onde reside unha das claves da obra.
Ademais, nesa tarefa de procura colectiva, Laxe é capaz de amosar toda a intimidade do seu grupo de alumnos de xeito indirecto, case desenfocado, nun exercicio abraiante de sutileza e discreción. Moi lonxe da espectacularidade do documentalismo presuntamente naturalista, á que tan afeitos estamos polos produtos televisivos, a película consegue con enorme eficacia unha abordaxe educativa na que a vivencia do proceso acada cotas de beleza equiparables ás da propia fita, case sublimes no seu derradeiro treito. Poucas veces teño visto na pantalla un traballo tan interesante dende o punto de vista educativo. Aquí non hai paternalismo, nin o dogmatismo tan frecuente nas películas protagonizadas por rapaces con problemas. Aquí o director confía cegamente nos seus protagonistas, aos que enfronta coa construción do seu propio relato (en boa medida, sabemos que en base dun guión máis bosquexado que rotundo) diante da cámara. Asistimos así as súas crises cognitivas e afectivas, as súas desputas polos liderados, aos seus momentos de tristeza e a outros de plenitude na descuberta, momentos todos eles nos que as figuras das persoas adultas sinalan os límites e amosan os horizontes a enxergar. Eis nesa educación concibida como práctica da liberdade onde reside outra das claves da película.
Os moitos premios que ven recibindo avalan, sen dúbida, esta película de beleza inquedante que nos reconcilia co cinema máis transparente, co cinema que supera toda clase de fronteiras, linguas e culturas. Non teño dúbida que o seu éxito é unha das máis importantes noticias literarias deste 2010. Anuncia que o mellor de Oliver Laxe aínda está por chegar. Agardamos que a copia galega se poida proxectar nas salas do país nas vindeiros semanas ou meses. Hoxe, as nosas beizóns para Oliver e, tamén, para Felipe e Óscar, que sei comparten ao seu carón idéntico espírito e entusiasmo.
Foi unha satisfacción poder celebrar onte en vivo un novo premio literario de An Alfaya, unha das máis interesantes narradoras galegas do noso tempo. A súa novelaVidas cruzadas resultou gañadora do Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia, esa feliz iniciativa que dende hai unha década recupera o folletín ou folletón como xénero literario en galego. Alédame moito este novo premio para An Alfaya, que hai semanas recibía a noticia da obtención do Premio Arcebispo San Clemente por Areaquente, unha autora que dende a súa discreción e constancia está ofrecendo unha das obras máis sólidas da narrativa actual. Desque en 1997 gañara o Premio Merlín por ¡Sireno! Sireno!, An foi desenvolvendo unha obra narrativa (comezou como autora teatral) moi diversa, tanto no seu enfoque temático (sempre atento a problemática humana), na abordaxe técnica (moi coidada, tanto na prosa coma na forma utilizada) como no público ao que se dirixía, dende os lectores autónomos deica as persoas adultas. As novelas de Alfaya sempre son interesantes, sempre sorprenden, sempre están ben montadas, sempre teñen persoanxes ben construídos, sempre deixan pegadas na nosa memoria de lectores. Alfaya, ademais, desminte con toda a súa obra, ese prexuízo do carácter da LIX como un «xénero menor» demostrando que para as narracións e as autoras de calidade non existen as fronteiras de idade do seu lectorado. As súas tres máis recentes novelas –a multipremiada A sombra descalza (unha das máis interesantes novelas da década), Illa soidade (o premio Fundación Caixa Galicia 2007) e a xa citada Areaquente– demostran a súa progresión imparable cara a unha madurez literaria moi prometedora, na que o mellor de An Alfaya aínda está por chegar. Sen dúbida que este mes de agosto, no que será publicada día a día a novela premiada onte, será o que popularice entre o grande público a unha das nosas grandes narradoras. Recomendo seguir estas Vidas cruzadas dende o primeiro de agosto, teño a certeza de que serán dunha lectura engaiolante. Beizóns, An!
No blog de Xerais poden consultarse as vídeoentrevistas que realizou Alfredo Ferreiro ás gañadoras, secretarios e membros de xurado, así como a diversos escritores, editores e críticos. Unha cobertura excelente.
No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono, a raíz da cerimonia dos Xerais e da entrada de Bernardino na Academia, na feliz continuidade do proxecto de desenvolvemento dunha literatura nacional en galego. Unha feliz continuidade, na que haberá rupturas e modificacións froito do tempo novo que enxergamos.
Sen menoscabo ningún da alta calidade do discurso de Fina Casalderrey como mantedora literaria da cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010, nin da orixinalidade e emoción da intervención de Teresa González Costa para agradecer o Premio Merlín, os tres folios que leu Iolanza Zúñiga, tras recibir o Premio Xerais de novela por Periferia, foron memorables. As súas palabras potentes, expresadas co ritmo de rap, sinalaron simbolicamente o inicio dunha nova etapa na literatura galega. O que sucedeu onte en San Simón expresa a feminización e renovación da narrativa galega actual. Algo que debemos celebrar de forma entusiasta.
No blog de Xerais e no perfil de Facebook é onde iremos recollendo estes días toda a información xerada polo fallo destss premios.
As fotos, oportunísima, é de Pilar Ponte. Grazas, profa!
O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria celebrando o 25 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil.
Blogaliza.tv repite a experiencia desta retransmisión, facilitada nesta edición pola mellora das condicións técnicas das instalacións do Auditorio da illa de San Simón. Para a retransmisión, como informa Pedro Silva, responsable de Blogaliza, «utilizaránse estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reprodución de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.»
Se queres comprobar que vas poder asistir a este evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste de blogaliza.tv.
Quen me coñece sabe ben da miña admiración pola obra de Amin Maalouf, o escritor francófono, de orixe libanesa, que vive dende hai anos na Normandía francesa. Coñecímolo hai dez anos cando viu a Compostela a presentar a edición en galego da súa, até agora, última novela A viaxe de Baldassare, traducida por Xavier Queipo e Lolis Torres París. Dende aquela viaxe quedamos engaiolados tanto pola súa proximidade humana e elegancia como pola causa que defende a da esperanza, a de enxergar camiños de encontro entre civilización e culturas, sen menoscabo ningún para asumir a diversidade e a diferencia como esencial á condición humana. Para Maalouf «a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais» son dous principios tan intanxibles como inseparables para poder volver a repensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade.Velaí o interese con que recibimos o seu informe sobre a diversidade lingüística como un reto proveitoso para contribuír a consolidación de Europa. Velaí o entusiasmo co que editamos o pasado ano A deleiba do mundo, un ensaio fulcral na súa traxectoria, no que diagnóstica de xeito anticipatorio a profundísima crise do capitalismo da mundialización. O feito de que hoxe obtivese o Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010 constitúe, pois,unha fachenda que non podemos agochar. O pasado ano, Amin Maalouf xa recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia do ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente. As nosas beizóns para o bo de Maalouf que sempre ten a deferencia de recoñecer a Xerais como súa editora en lingua galega.
Eva Moreda Rodríguez é a autora A Veiga é como un tempo distinto, a novela que resultou gañadora da IXª edición do Premio de Narrativa Terra de Melide 2010. Unha novela emocionante, elegante e de indubidable calidade que tiven a oportunidade de ler como membro do xurado que lle concedeu o cada vez máis prestixiado premio melidense. Gostei da novela polo xeito orixinal e atrevido de abordar o tema da emigración galega en Europa, neste caso a Londres, durante a década de 1960 dende un punto de vista das mulleres emigrantes e da súa toma de conciencia. Gostei da técnica narrativa utilizada, tecnicamente moi coidada, tecendo unha prosa elegante e medida, para relatar en segunda persoa a historia dunha parella de emigrantes d’ A Veiga, Elisa e Gelo, obrigados a construír en Londres as súas vidas de xeito ben diferente a como viñan facendo na súa terra de orixe. Gostei dos temas que aborda, dende os límites do amor e o desamor, da amizade e a solidariedade, até a soidade e o compromiso síndical e político construídos sempre sobre o valor das emocións e a súa influencia no devir das vidas dos personaxes. A Veiga é como un tempo distinto é, pois, unha novela que actualiza con moito xeito o tema da emigración galega no contexto das mudanzas profundas que se xermolaron na Europa dos sesenta, dende o nacemento da música pop, o movemento de liberación da muller, e que, máis tarde, tanto influíron nos cambios profundos da sociedade galega. A Veiga é un tempo distinto será publicada por Xerais na colección Narrativa nos vindeiros meses. Os meus maiores parabéns para Eva Moreda, unha autora da que xa coñeciamos algúns outros textos. Alerto da calidade da novela erótica Organoloxía, Premio Narrativas Quentes 2010, que axiña será publicado por Edicións Positivas.
O xurado da XXVII edición do Premio Xerais de Novela formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas, entre as 38 obras participantes, as presentadas baixo os lemas «Fría e negra», «Hovercraft» e «O avesso do avesso».
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 12 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora Fina Casalderrey actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será retransmitido en directo por Internet por Blogaliza tv.
Onte na presentación de Níxer na Casa Museo Casares Quiroga tiven oportunidade de comprobalo unha vez máis: o concello da Coruña en cuestión de lectura é un modelo a seguir. Xa non é só o funcionamento modélico da rede de Bibliotecas Municipais, agora tamén o é a súa campaña transversal de animación lectora que baixo a denominación «A cidade que le» ofrece un dos máis completos programas deste tipo que coñecemos. Velaí ciclos de actividades que aquí temos gabado noutras ocasións como o «Poetas di (n) versos», o s «Encontros na cidade da Coruña» (este ano coa presenza do noso admirado Alberto Manguel) ou os itinerarios literarios. A pesar do completo do programa, aínda queda espazo para a sorpresa. Velaí a convocatoria de »Vémonos na Biblioteca. Concurso de Biblioclips das Bibliotecas Municipais da Coruña«, unha iniciativa pra promover o feito lector entre a cidadanía cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas. O concurso consiste na realización dun anuncio (aquí nas brétemas, dende hai tempo chamámolos «book-trailers» dunha duración máxima de 35 segundos de visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados. As bases poden baixarse en pdf aquí e o prazo de envío das obras remata o 1 de setembro. O primeiro premio consistirá nunha cámara de vídeo. Estou seguro que, a pesar da sobriedade e utilidade do premio, a participación será moi numerosa e dará moito xogo futuro na rede. Os meus parabéns aos promotores de tan interesante concurso.
Onte cheguei tarde á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2010 celebrada en Mondariz Balneario. Magooume non poder ver a entrega do premio de creación literaria que recibiu Suso de Toro. Un premio que moito me aledou. O esforzo literario de Sete palabras merecía un recoñecemento deste tipo; a novela recibira boas valoracións da crítica e de moitos lectores e lectoras, porén deica agora non asomara por premio ningún dos fallados a obra editada. Entrei na sala coincidindo coas palabras de agradecemento do maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra Xoan Xosé Barreiro Prado, declarado Galego Egrexio polo seu destacado papel na creación da Irmandade Xurídica Galega e, en xeral, polo seu traballo arreo na galeguización da xustiza. Logo chegaron as intervencións dos políticos. Abriunas Anxo Lorenzo, logo interviu Roberto Varela e pechou Antón Louro. Aí saltou a sorpresa. O discurso do Delegado de Goberno foi magnífico, memorable. Moi lonxe do carácter protocolario destes parlamentos, Louro axiña atrapou a atención do auditorio coa súa defensa firme dos principios que forxaron os consensos arredor da normalización da lingua galega. Salientou con claridade a falacia que agocha o argumento do «equilibrio das linguas» que para el «só prexudica a máis feble, a galega» e solicitou con enerxía a recuperación dos espazos de encontro para evitar problemas de convivencia entre os cidadáns. Mágoa que nas notas de prensa sobre a cerimonia publicadas hoxe non aparecese referencia ningunha a estas tan ponderadas declaracións que foron longamente, moi longamente aplaudidas.
O éxito extraordinario da película de Oliver Laxe merece as nosas beizóns. Como tamén o apoio que lle leva proporcionando tan discretamente o noso admirado Martin Pawley. Para eles dous as miñas maiores beizóns.
Achegámonos a Padrón esta mañán para asistir ao acto de entrega dos premios anuais da Fundación Pedrón de Ouro. Abriron o acto as palabras agarimeiras e firmes de Xosé Ramón Fandiño que saudou aos homenaxeados, Camilo Nogueira (Pedrón de Ouro) e Fermín Bouza (Pedrón de Honra), e aos numerosos asistentes que ocupabamos os xardíns da Casa da Matanza en día ben soleado.
Parlamentou logo Justo Beramendi que comezou salientando que tanto Nogueira como Bouza eran galeguistas de segunda xeración. Relatou o periplo biográfico de Camilo, dende a súa orixe en Lavadores até a súa actividade como eurodeputado, deténdose no papel que ao seu xuízo tivo na modernización do nacionalismo galego e no valor dalgunha das súas múltiples iniciativas parlamentarias, como foi a iniciativa da Lei de Normalización Lingüística (que subliñou non lle correspondeu a Piñeiro) e a repatriación dos restos de Castelao. Beramendi ocupouse despois de chufar a Fermín de quen destacou tres aspectos: o seu extraordinario labor docente e investigador na Universidade Complutense, a calidade da súa obra literaria, poética e narrativa, en galego, e o seu compromiso en defensa da lingua dende o seu blog «El voto con botas». Tras a entrega das medallas, falaron os premiados.
Fermín Bouza iniciou o seu discurso advertindo que formaba parte dunha «xeración galega fumigada, emigrante, dispersa polo mundo, moi politizada, razón pola que sigo dando a vara». Tras agradecer o premio e lembrar ao seu pai Fermín Bouza e a súa nai Emilia Álvarez, detívose no momento tremendo que vive a lingua, «que sofre unha caída de vertixe da que non somos conscientes», sinalando que esta batalla dirímese, tamén, en Madrid, onde se moven unhas forzas poderosas contra o actual modelo de estado. Rematou Fermín facendo unha chamamento a proseguir este combate cívico a prol do galego, que é a razón de ser do seu blog, lembrando con inevitable saudades o berro da súa xeración: «Venceremos NÓS».
Pechou os parlamentos Manuel Caamaño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que reiterou a gabanza a Camilo e Fermín pola súa traxectoria no labor de facer país e fixo unha defensa afervoada da lingua nun momento crítico para o seu futuro.
Nos xardíns da Casa da Matanza atopábanse máis de dous centos de persoas. Académicos como o presidente Ferrín, o secretario Axeitos, o vicesecretario Fernández Rei e membros da corporación como Xosé Neira Vilas, Margarita Ledo, Antón Santamarina, Vítor Freixanes, Xesús Ferro Ruibal, Andrés Torres Queiruga e o recentemente elixido Henrique Monteagudo. Numerosos escritores como Xosé Manuel Beiras, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Antón Baamonde, Xesús Rábade Paredes, Xavier Castro. Profesores como Xosé Henrique Costas, Antón Costa Rico, Antón Figueroa, Lourenzo Fernández Prieto, Xosé María Dobarro, Xosé María Lema Suárez, Henrique Harguindey, Maruxa Barrio, Lois Ferradás, Madó Domínguez, Luís Álvarez Pousa, Xulián Maure, Valentín Arias, Manuel Méndez, Moncha Fuentes… Economistas como Enrique Sáez Ponte e Xan López Facal. Blogueiros e xornalistas como Manuel M. Barreiro, Gonzalo Vázquez Pozo, Concha Pino, Marcos S. Pérez e. Políticos como Martiño Noriega, alcalde de Teo, e Xosé Deira, alcalde de Boiro. Ademais dos membros da Fundación Pedrón de Ouro como David Otero ou Rodríguez Abella; premiados en edicións anteriores como Xosé Lois García, Mini e Mero ou as familias dos homenaxeados e moitos amigos e amigas dos que son incapaz de recoller todos os seus nomes (as miñas desculpas para eles). Moita xente e moito agarimo para un acto magnífico en defensa do país, ao que non acudiu ningún membro do Goberno Galego nin foi cuberto polos medios de comunicación públicos, a pesar de tratarse da cuadraxésima sexta edición destes galardóns.
Foi a de onte para min unha noite memorable. Catro obras de Xerais premiadas e, se isto xa non abondase, o premio para Brétemas (bautizado pola COPE como Nieblas) como Blog literario. Máis non se pode pedir. En todo caso, é de xustiza agradecer de corazón aos membros da AELG este recoñecemento, que sei desmesurado, e aos compañeiros de viaxe de Blogaliza por facelo posible cada día. Beizóns.
Recibo con sorpresa a noticia de que os lectores e lectoras de «Fervenzas Literarias» declararon estas Brétemas como o mellor blog de 2009. É este o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do blog nestes cinco anos de andaina, razón pola que non podo estar máis que agradecido. Beizóns!
Os editores galegos celebramos onte no Liceo de Ourense a quinta Noite da Edición, na que se entregaron os premios ás mellores producións de 2009 e rendimos homenaxe á Nova Galicia Edicións pola súa brillante traxectoria nos seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Tras as catro edicións anteriores nas que os premios se outorgaron por votación directa dos membros da Asociación Galega de Editores, a da presente edición foi a primeira na que foron concedidos por un xurado que valorou as obras presentadas e escollidas polos editores en cada unha das categorías.
Velaí as decisiónsadoptadaspolo xurado que como en todos os premios á obra editada serán, sen dúbida, sometidas ao debate do público. Mágoa que Rosa Aneiros non puidera recibir personalmente o seu merecidísimo premio XoséMaría Álvarez Blázquez á mellora autora do ano, xa que ao mesmo tempo recibía o recoñecemento de «Caldereta do ano» outorgado en Ferrol pola Asociación Cultura Lefre de Caldereta. Máis alá das intervencións dos gañadores (maxistral foi a do profesor don Xesus Alonso Montero, gañador do premio Ánxel Casal, na categoría de non ficción), o prato forte da noite foron a estimulante condución que da velada realizou Camilo Franco –brillantísima nalgúns momentos, sobre todo, nos envites cómicos aos númeroso políticos presentes (dous conselleiros, o de Cultura e Educación; o alcalde Ourense; o presidente da Deputación; o director xeral de Cultura)– e o discurso de Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, que reclaou ao Goberno Galego un consenso arredor do decreto de galego e das políticas de incorporación das novas tecnoloxías nas aulas. Volvimos de Ourense, nunha noite xélida, satisfeitos da vitalidade e do inconformismo que amosa o noso sector, unha magnífica noticia para os difíciles tempos que corren.
O relato gañador (1.200 euros) foi «A partida» de Saúl Rivas González, estudante lucense que remata Filoloxía Galega en Santiago e que obtivera recentemente o terceiro premio do concurso de relato convocado polo concello de Ames.
O segundo premio (600 euros) foi para «Cando foi a última vez que sentín fame de verdade?» de Andrea Maceiras Lafuente de Cambre, licenciada en Filoloxía Hispánica e actualmente estudante de Filoloxía galega en Coruña.
O accesit (sen dotación económica) correpondeu a «Adagio, main non moltto» de María Xosé Castelo Letón de Culleredo, funcionaria do concello da Pobra do Caramiñal que xa obtivera o premio Galicia en Euskadi 2009.
As obras gañadoras serán publicadas polo concello de Redondela nun volume que aparacerá o vindeiro mes de novembro.
Falaba cun xornalista cando souben da concesión do Nobel a Herta Müller, a escritora romanesa de lingua alemá. Pensei que era unha brincadeira e díxenlle tan farruco que non me soaba de nada. A verdade é que axiña me decatei que se trataba da autora d’ O home é un grande faisán no mundo, obra que publicamos en 2001 como un dos primeiros títulos da serie «As literatas» (catorce extraordinarios títulos de narrativa escrita por mulleres) que dirixe a escritora María Xosé Queizán. Nun primeiro momento quedei moi sorprendido, quizais por non tratarse dun deses nomes que sempre saen nas quinielas do Nobel (aínda que si na do blog The Literary Saloon da que se facía eco Que leer), para máis tarde, celebrar a afouteza dunha elección acertadísima, a dunha escritora perseguida pertencente á minoría suaba, a da comunidade alemá de Bánat, rexión do centro de Europa dacabalo de tres estados Romanía, Hungría e Serbia. Axiña comezaron as chamadas dos medios para interesarse pola «rareza» da elección e a «sorpresa» de que contásemos no noso catálogo cunha das súas obras. A verdade é que cando preparabamos a anotación para o blog de Xerais, resultábanos moi divertido facer números sobre o noso elevadísimo nivel de acerto con respecto a este premio (cuxa concesión depende de factores moi diversos e dificilmente controlables), xa que dos últimos seis autores e autoras premiados, catro (Jelinek,Pinter, Le Clézio e agora Müller) xa formaban parte do noso catálogo con anterioridade ao seu nomeamento. O máis probable será que se trate dunha coincidencia azarosa, aínda que haberá quen a atribúa a nosa «influencia» sobre os académicos suecos. Sexa como for, este premio da Herta Müller énchenos de fachenda e permitirá que mañá todos os xornais falen dunha autora literaria (que tamén está traducida ao galego, o que constitúe un orgullo para a lingua de noso). Beizóns para a nosa autora, para María Xosé Queizán (a súa descubridora en Galicia), para Franck Meyer (o seu tradutor na nosa lingua) e para Marga Romero (a autora do limiar d’ O home o grande faisán do mundo, por certo unha fermosa metáfora que expresa a torpeza machista nun mundo dividido). Ademais, non perdemos a esperanza de que algún ano celebremos o Nobel dun dos autores ou autoras que escriben na nosa lingua; se mantemos esta incrible estatística, ese feito grandioso chegará antes do que soñamos.
Dende o pasado domingo andamos enleados poñendo orde en toda a información xerada polo serán dos Xerais. A verdade que estou moi satisfeito pola repercusión do acontecido na illa tanto na prensa impresa como nos medios electrónicos; tanto nas anotacións dos blogs (todas tana agarimeiras con nós) como nos perfís de Facebook (a gran novidade desta edición), onde se están publicando moitas galerías de fotos e comentarios sobre o acontecido en San Simón. Ademais do arrollador discurso de Agustín, que afortunadamente comeza a viralizarse na rede (sobre todo no eido educativo), o éxito da comunicación do serán dos Xerais chámase Blogaliza. Goretoxo, Alfredo, Tati e Martin Pawley fixeron un traballo marabilloso. Retransmitiron moi satisfactoriamente a cerimonia (empregando uns medios ben modestos), editaron decontado as pezas das intervencións da cerimonia, entrevistaron a ben de xente. Non podo estar máis que agradecido con eles. Beizóns. Tras todo este rebumbio, que amainará nuns días, volveremos ao noso traballo sobre os textos. Temos o obxectivo de poder presentar as obras premiadas na primeira semana de outubro. Daquela volveremos sobre elas.
A foto é de Pilar Ponte, que publicou no seu blog unha galeríafotográfica preciosa.
O de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a merenda saborosa que nos preparou Fita, a presentación da velada e a organización perfecta de Celia, as zanfonas de «Sobre rodas», a retransmisión por Blogaliza.tv, as travesías delicadas de Ángel, o agarimo dos trescentos amigos e amigas foron algunhas das cousas bonitas dun serán no que ata a chuvia nos deu unha tregua sobre a ría durante seis horas. Con todo, o de onte foi o serán de Agustín que arrollou cun discurso extraordinario. Un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas. A súa defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade pasará a formar parte do arquivo dos grandes discursos da literatura galega. Apenas recollo un fragmento do discurso, titulado Oito doas para San Simón, que se pode descargar completo dende aquí:
Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces
Despois da súa última deliberación, o xurado da XXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.
Pola súa banda o xurado da IVª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.
Por último, o xurado da XXVIª edición do Premio Xerais de novela despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.
A cerimonia de entrega, na que participan máis de trescentas persoas, estase celebrando na illa de San Simón podendo ser seguida dende Blogaliza.tv.
Reunido, hoxe 29 de maio, no castelo de Soutomaior, o xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que participaron corenta e cinco obras, formado por Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «A soidade dos leóns», «Dinara», «Limiar da conciencia» e «O retorno das aves».
Pola súa banda, o xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que participan dezanove obras, formado por Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Ás de bolboreta», «Dragal» e «Quiromántico».
O xurado da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que participan vinte e catro obras, formado por Rosana Estévez (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 6 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón.
A vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán. Os nosos maiores parabéns para el.
Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.
Era de agardar. O blog de Juan Palomo de El Cultural (El Mundo) publica unha anotación na que expresa a súa indignación pola concesión de dous premios nacionais a dous autores galegos. O comentario non ten perda:
También en los premios Nacionales de Literatura que otorga el Ministerio de Cultura parte el bacalao la cuota nacionalista. Asombroso, dada la distancia abismal entre el número de libros publicados al año en castellano y los editados en las otras lenguas de España. Viene esto a cuento de lo sucedido la semana pasada: un libro en gallego (O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz), se alzó con el premio Nacional de Literatura Infantil, y otro en gallego, sólo en gallego (De provincia a nación. Historia do Galeguismo político, de Justo Beramendi), con el Nacional de Ensayo. Me pregunto cuántos de los miembros o miembras del jurado lo habrán leído, aunque lo extraño es que esto no pase con más frecuencia. La clave, lo digo por experiencia, es la composición del jurado. Los catalanes votan siempre a los catalanes, los vascos a los vascos y los gallegos a los gallegos. De inicio, jamás a un autor en castellano. Y a medida que en cada ronda es eliminado un autor “autonómico”, los jurados votan al “periférico” que va quedando. Siempre, todos los años lo mismo. Y cuando los “periféricos” son mayoría, gana el que quieren.
A verdade é que se nos facía raro que non aparecesen estes comentarios antes. Afortunadamente entre nós, hai outras voces sensatas.
O bretón Jean Marie Gustave Le Clézio é o Nobel de literatura 2008. Como case sempre a elección semella inesperada, a pesar de que neste caso era un dos candidatos que se manexaban nas quinielas. Ao coñecer a noticia axiña nos decatamos de que se trataba do membro da xeración do «nouveau roman» do que Xerais publicara en 1987, dentro da colección Xabarín (daquela dirixida por Ferrín e Luís Mariño), Mondo e outras historias. A tradución de Valentín Arias e Raquel Villanueva (ademais de premiada co Nacional e co Ramón Cabanillas) fora a primeira desta obra a outra lingua. O Nobel constitúe unha oportunidade para descubrir a un dos autores da literatura contemporánea francesa máis aclamados. Precisamente, a pasada semana, apareceu nas librarías francesas a súa última novela, Ritournelle de la faim, publicada por Gallimard (como a maioría dos seus case cincuenta libros), a historia dunha rapaza de vinte anos que se converte en heroína.
A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado: – A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos. – O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes. – As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso. – No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez. Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar. Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).