No Metro, dende Barajas ao centro, comprobo que viaxa moita xente lendo. Sorpréndeme, ademais, que algunhas lectoras o fagan sobre os seus e-books, o que constitúe unha tendencia a ter en conta. No entanto, o que continúa chamando máis a miña atención é a exitosa campaña publicitaria de fomento da lectura –«Libros a la calle»– que, dende hai quince anos, promoven o consorcio metropolitano de transportes e a Asociación de Editores de Madrid en milleiros de vagóns de metro, trens de cercanías e autobuses urbanos. Cando leo estas carteliñas de fragmentos literarios, penso que debería propoñerlles a Vitrasa e á Tranvías da Coruña emular a campaña cunha escolma de literatura galega. Cun custe moi baixo podería acadarse unha ampla visibilidade para mensaxes como “Vigo le” ou “A Coruña le”. Desta volta, agardo poder facelo.
O soño de Culturgal é un proxecto consolidado. Na derradeira xornada o público familiar volveu encher as instalacións do Pazo da Cultura pontevedrés confirmando a tendencia exitosa de xornadas anteriores. Especialmente seguidas polo público foron as conversas de Salón, un modelo atractivo e alternativo ás presentacións convencionais de libros e discos. A este interese non foi alleo a intervención do equipo de xornalistas culturais que conversaron cos autores e autoras. Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga, Belén López e Teresa Cuíñas amosaron o alto nivel do xornalismo cultural que se está facendo no país. Hoxe merecen o noso maior recoñecemento.
Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.
Cando inicio o regreso cara Galicia, o equipo galego de autores (Aneiros, Calveiro e Fernández Paz) comezan o programa de encontros con clubes de lectura e alumnado de centros escolares de secundaria e participan por vez primeira nas actividades literarias da FIL até o vindeiro sábado. A atmosfera tan emotiva desta feira, algo que non viviramos en ningunha outra, provoca unhas desconcertantes saudades nunha partida na que levo a maleta chea de libros sobre libros e lectura, o obxecto da miña angueira estes días polos anaqueis dos estands de Colofón, Fondo de Cultura Económica, Siglo XXI, Almadía ou Nostra, entre outros formidables editores mexicanos.
Como xa fixera coas xornadas de Frankfurt, arrisco a expresar algunhas reflexións ao fío destas de Guadalajara:
O DISCURSO DA LECTURA como construción social do libro e o protagonismo dos lectores e lectoras sobre a propia industria do libro é o modelo que lle acae ao proceso de tránsito entre soportes impresos e dixitais. Nesta FIl os chamamentos a prol da lectura e a reafirmación do protagonismo dos cidadáns que len («Somos lectores» foi o lema escollido polos organizadores) sobardan a súa incorporación como simples reclamos da promoción editorial.
OS PAÍSES EMERXENTES, como Brasil e México, incorporan o discurso do fomento da lectura como eixo das súas políticas educativas e culturais. Moi lonxe da trivialización da cultura reducida a mero espectáculo postmoderno, a lectura preséntase así como unha das ferramentas que contribúen á construción dunha sociedade con maiores niveis de inclusión. A metáfora de Millás, empregada no maxistral discurso de Agustín («estamos feitos de pan de novelas»), expresa esta transversalidade social da lectura. Esta idea, que temos acuñado dende hai tempo como «o libro, o pan da cultura», é pouco frecuentada en Galicia, mesmo entre os chamados «sectores da cultura» que semellan ler pouco e preferir outras expresións das artes máis «a la page».
O ÉXITO DE PÚBLICO da FIL, unha feira internacional do libro que coincide cunha grande festival literario dirixido a todos os públicos, convida a reflexionar sobre as posibilidades de organizar en Galicia un evento literario internacional que contribúa a inocular na sociedade galega o virus da lectura literaria. O éxito do fenómeno dos clubes de lectura por todo o país adiante axuda a profundizar na idea dun grande encontro anual de todos eles.
O PREMIO RECIBIDO POR AGUSTÍN é unha oportunidade de visibilidade iberoamericana que a nosa literatura non debe desaproveitar; como tampouco a inxección de autoestima que supón para a nosa literatura e para o sector da edición galega.
O desenvolvemento da segunda xornada superou as mellores expectativas sobre esta FIL 2011. A de Guadalajara é tanto unha feira internacional do libro do perímetro iberoamericano como un festival literario dirixido cara todos os públicos, razóns pola que o sintagma que semella mellor lle acae é o de tratarse dun auténtico espazo para a lectura. Ademais, a FIL expresa unha vontade inequívoca de contribuír á mobilización lectora, tanto polo contido dos seus programas de actividades como polos numerosísimos chamamentos a prol da lectura e dos seus valores presentes tanto na sinalética do evento como, e sobre todo, nos espazos expositivos. Fun recollendo na libreta algúns deles que, a pesar de ser, na súa maior parte, xa coñecidos constitúen un recurso didáctico valioso: “Somos o que lemos”; “O libro abre os teus ollos”; “Os libros son para todos”; “Todos somos lectores”; “Facemos máis rica a túa lectura”; “Unha cidade lectora”; “Pase e lea”; “Ler é algo mellor do que podes imaxinar; non deixes que che impoñan a lectura; ler é máis engaiolante cando ninguén che obriga a facelo”; “Ler acelera os teus sentidos”; “Ler cos teus fillos é o teu mellor papel”… Estes chamamemtos a prol da lectura son apenas outro indicio do entusiasmo contaxioso deste evento no que, ademais, fomos capaces de mercar até media ducia de títulos moi interesantes relacionados co fomento da lectura, entre eles dous dos clásicos de Aidam Chambers (Conversaciones e Dime), e o clásico de Michèle Petit (Lecturas: del espacio íntimo al espacio público), ambos os tres da colección “Espacios para la lectura” do Fondo de Cultura Económica, a editora pública mexicana. Esta feira está axudándonos a interrogarnos e estimular a nosa curiosidade, si señor.
Intensa primeira xornada da FIL de Guadalajara, ateigada de milleiros de persoas, que aquí de forma respectuosa son chamadas “lectores” e “lectoras”. Esta feira é capaz de contaxiar entusiasmo pola crenza das súas organizadoras (case todas son mulleres) nas posibilidades da lectura e do libro (aquí, impreso, de forma abrumadora) para desenvolver civilidade e mellorar a educación, Esta feira, promovida dende hai vinte e cinco anos pola Universidade de Guadalajara, pon o acento, sobre todo, na actividade literaria, nos debates e no protagonismo dos escritores, situándose moi lonxe do conformismo e do derrotismo ao que tan afeitos estamos. Aquí o libro é o pan da cultura e a lectura a actividade cultural primeira, O mellor exemplo do que dicimos foi participar na conversa entre Herta Müller e Mario Vargas Llosa, dous nobel, seguida por máis dun MILLEIRO de persoas, que agardamos o seu comezo cunha hora de antelación. A autora de Randea do alento brillou coa súa defensa dunha literatura que doa e fascine ao un tempo, Vargas Llosa cubriuse de gloria cando case ao remate afirmou que “Salvo en Cuba, non houbo totalitarismo en América Latina”, demostrando que non sempre os mellores escritores acertan nas súas análises políticas e sociais.
Tras case vinte horas chegamos a Guadalajara, onde participaremos nas actividades da FIL e acompañaremos a Agustín Fernández Paz na recollida do premio Iberoamericano de LIX. A pesar de que os avións trasatlánticos non son os mellores espazos para a lectura, aínda fun capaz de debullar as primeiras setentas páxinas (dunha extraordinaria CALIDADE) da nova novela de Anxo Angueira que publicaremos a comezos da primavera. As actividades literarias da FIL ábrense cunha conversa entre dous premio nobel, a nosa benquerida Herta Müller e Vargas Llosa. Se o wifi o permite, iremos dando conta do que vexamos máis interesante destes intensos tres días e medio en México.
A pesar do escaso tempo do que dispoñemos, a visita ao hall 8 é obrigada. Os interminables corredores onde se presenta a edición de fala inglesa son o máis concorrido da feira, no que se refire a visitantes profesionais. A oferta dos editores do Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Canadá, Australia, Israel e outros non ingleses falantes, mais que teñen a súa sede social nalgúns destes estados, polo seu carácter anticipatorio e pola primacía da edición en inglés, foi sempre a miña preferida para tratar de identificar algunhas das tendencias polas que pode discorrer a edición internacional no futuro inmediato. Co perigo evidente de equivocarme, polo que vin, preguntei e anotei, arrisco a recoller este decálogo de tendencias da edición nun entorno de tránsito entre paradigmas.
O LIBRO IMPRESO CONSERVARÁ O SEU PULO. Nunca vin tantos libros fermosos xuntos. O libro ilustrado -sexa de arte, fotografía ou divulgación- recupera a súa primacía. Semella que serán os libros impresos máis coidados, mellor deseñados e cos materiais máis axeitados os que teñan maiores posibilidades de constituírse en alternativa aos formatos dixitais. Quizais, paradoxicamente, a fotografía sexa para o papel, como os grandes libros de arte, eis ese extraordinario The Art Museum, convertidos en fetiche para caprichosos bibliófilos. Outrosí sucede cos de cociña, algúns de fasquía marabillosa como o de Ferrán Adriá, The Family Meal, un libro que presenta de forma hiperminuciosa o proceso de cada receita, foto a foto.
AMAZON, APPLE E GOOGLE ACAPARARÁN A DISTRIBUCIÓN DOS E-BOOK. Os tres xigantes estadounidenses entrarán no noso mercado, xa este nadal, para implantar o seu modelo de comercialización de e-books, en base a formatos pechados e protección propia (os dous primeiros) e compra a un clic (por parte dos tres). Os modelos europeos alternativos semellan conducidos ao fracaso. Semella resolta a carreira dos aparellos. Apenas hai novidades, fóra da consolidación da oferta diversificada de Kindle e das taboíñas xa coñecida. O papel dos teléfonos como soportes de lectura, tamén, semella indiscutible.
A OFERTA EDITORIAL EDUCATIVA SERÁ HÍBRIDA: IMPRESA E DIXITAL. Os libros de texto preséntanse en formato de edición estendida, en papel e con contidos dixitais de carácter interactivo. O Encerado Dixital Interactivo (EDI) convértese na ferramenta didáctica principal da aula. A elaboración dos contidos dixitais educativos é probable que quede en mans dos actuais editores de texto.
AS APLICACIÓNS INTERACTIVAS GAÑARÁN ESPAZO NA EDICIÓN DE DIVULGACIÓN E DE REFERENCIA. O caso da proliferación de apps para Ipad de guías de viaxe é moi significativa, sobre todo pola súa posibilidade de xeolocalización. Outrosí sucede con aqueloutras nas que se emprega a realidade aumentada.
OS AUDIOLIBROS MEDRARÁN DE FORMA NATURAL COMO UN DESENVOLVEMENTO MÁIS DO LIBRO DIXITAL. Os e-book gañarán en interactividade e multimodalidade. Libros para ler e/ou escoitar.
AS AXENCIAS ADQUIRIRÁN MAIOR PESO DEBIDO AO PROCESO DE CONCENTRACIÓN E TRASNACIONALIZACIÓN QUE ESTÁN VIVINDO. O caso da The Wylie Agency, a que representa a utores como Calvino, Borges, Philip Roth, Bob Dylan ou Antonio Muñoz Molina, é un modelo a ter moi en conta. A negociación de dereitos dixitais de carácter global e os de adaptación cinematográfica impulsará este proceso.
AS LITERATURAS VENDERANSE POLAS SÚAS TRADUCIÓNS. O caso da exitosa experiencia da “Ireland Literature Exchange”, así o demostra. Presentar o catálogo de obras traducidas é o mellor aval para proxectar unha obra, un autor ou unha literatura nacional.
A IMAXE DE MARCA DE PRESTIXIO CONTINUARÁ SENDO MOI RENDIBLE. Os casos de Penguin e Moleskine demostran que a marca achega un grande valor engadido, sexa no deseño de novos produtos impresos ou dixitais (cada vez máis diversificados e persoalizados), como (e esta é a novidade) a doutros sectores alleos á edición. Penguin presenta nesta feira louza coa imaxe das súas primeiras coleccións; Moleskine, unha liña de bolsos de coiro. As posibilidades quedan abertas.
O IPHONE E O IPAD SERÁN O TELÉFONO E A TABOÍÑA PREFERIDA POLOS EDITORES. Fóra da discusión sobre o futuro do libro impreso ou sobre as posibilidades dos e-readers de tinta dixital, os editores semellan apostar de xeito abrumador polos produtos de Apple.
AS EDITORAS INGLESAS CONTINUARÁN APOSTANDO POLO EMPREGO DO NEGRO SEVERO NO SEU VESTIARIO. Unha tendencia que se mantén inalterable dende hai dúas décadas. Un signo de permanencia neste proceso profundo de mudanza que vivimos.
Foi unha fachenda nosa asistir ao acto no que a Federación de Gremios de Editores entregou os premios de fomento da lectura 2010 a Julia Otero e á Biblioteca Municipal de Verín. Recoñecíase así o labor da comunicadora monfortina no seu programa «Julia en la Onda» onde as novidades editoriais e os autores teñen unha presenza continuada. Cun entusiasta «seguimos lendo», Otero pechou unha intervención magnífica na que reivindicou a contribución da lectura ao benestar e a presenza dos libros na radio e nos medios de comunicación. O traballo dos voluntarios e voluntarias, entre os once e os dezaseis anos, foi un dos aspectos máis valorados polos editores das actividades desenvolvidas pola Biblioteca Municipal de Verín e polo seu centro multimedia, así como a súa implicación no proxecto de cidade transfronteririza Verín-Chavez. A bibilioteca como espazo público especializado en servizos de lectura e de acceso á información e a visibilidade dos libros e dos seus autores nos medios son esenciais no fomento da lectura. Parabéns a nosa admirada Julia Otero e aos profesionais e equipo de voluntariado da Biblioteca de Verín.
Xa o anunciei hai días en Twitter. Esta campaña de escaparatismo de Ópticas Santorum de Lalín é magnífica. O emprego de libros como apoio publicitario da venda de lentes é unha sinerxia que paga a pena divulgar, tanto pola súa capacidade para visibilizar o libro e fomentar a lectura como pola beleza que os álbums ilustrados achega a cada vitrina. Beizóns para a promotora dunha iniciativa que ben podería ser emulada por outros sectores do comercio.
A pesar do fraquísimo «Ano do Libro da Lectura» promovido pola Consellaría de Cultura, as experiencias de fomento da lectura en Galicia colleron en 2010 un importante pulo en Galicia. Entre todas elas destaca pola súa dimensión e enorme transcedencia o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), promovido dende o curso 2005/2006 pola Consellería de Educación e concibido xa no curso anterior, o que para nós constitúe unha das noticias máis destacadas do ano.
Actualmente participan no plan 374 centros, entre os cales está o 51% do IES públicos. Paralelamente a esta Plan, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia promove a campaña Hora de Ler de fomento da lectura, da que forman parte acccións tan interesantes como as Mochilas Viaxeiras, Ler e Escoitar (concurso de lectura en alta voz), os Apadriñamentos lectores, a hora de ler (o tempo específico dedicado á lectura nos centros), a edición de guías e materiais, a celebración de módulos formativos con especial atención á alfabetización informacional e a mudanza de paradigma no eido da lectura ou a celebración do Encontro de Bibliotecas Escolares, nos que puidemos comprobar este ano que participan 1.200 persoas que rebentan a sala grande do Pazo de Congresos de Santiago. Dentro deste plan ten espcial significatividade o funcionamento de 177 clubs de lectura, nos que participan máis de 5.000 lectores adolescentes. O traballo desta rede de Clubs de Lectura recóllese nos blogs Ler en mancomún, Libros a eito e Rede Lectura e compártese cada ano nas xornadas dos Clubs de Lectura.
Un traballo intensísimo promovido dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares por só dúas persoas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, que merecen toda a nosa admiración e aplauso por conseguir semellante proeza. Un plan modélico que merece e debe ser potenciado en recursos humanos e materiais como unha das actuacións máis estratéxicas no noso sistema educativo. Constitúe, ademais, un modelo e unha referencia para o resto das Comunidades Autónomas, o que nos enche de fachenda.
Mención á parte e xa noutros ámbitos merecen dúas experiencias de fomento da lectura por min moi queridas: Espazo Lectura e Trafegando ronseis.
A primeira como modelo pioneiro do traballo do que eu entendo será un dos axentes de fomento da lectura no futuro: o voluntariado pola lectura. Espazo Lectura co seu traballo case diario no concello de Gondomar, concibindo a lectura de xeito transversal e interxeracional, transforma radicalmente a concepción das políticas culturais nunha comunidade local. Unha experiencia interesantísima que xa constitúe un modelo fóra do noso país.
Outrosí sucede con Trafegando ronseis, o blogue de Anxo e Gracia, que dende 2007 realiza un seguimento polo miúdo da produción editorial infantil e xuvenil, e dalgunhas outras novidades literarias, destacando, tamén, polo seu rescate na rede de materiais audiovisuais para ser utilizados como recurso didáctico nas aulas. A súa atención a compilar materiais contra a violencia machista merece ser destacada.
A todos os tres, ás responsables da Asesoría e os participantes no PLAMBE, aos voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura e Trafegando ronseis as nosas beizóns e maiores azos polo seu xeneroso traballo.
Eis o magnífico vídeo que preparou Fernando Lema do acto da presentación o pasado 14 de outubro na praza de Cervantes de Todo é silencio de Manuel Rivas, organizado pola Libraría Couceiro. Iria Peña canta o fado «Chaves da vida», acompañada nas guitarras por Miguel Ladrón de Guevara e Gastón Rodríguez.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZGHPUxRISnQ" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
Booktrailer de promoción da novela Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, editada orixinalmente ne lingua galega por Edicións Xerais de Galicia.
A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez.
A pasada semana representei aos editores galegos en “La nit de l’edició”, a cita na que o Gremio de Editores de Catalunya entrega os premios Atlántida que recoñecen anualmente a persoas e medios de comunicación polo seu labor no fomento da lectura. O premio especial desta edición correspondeu ao señor Josep Guardiola, o adestrador do F.C. Barcelona, a quen deste xeito se lle abeizoa a súa contribución na promoción da lectura. A amizade de Josep Guardiola co cantante Lluis Llach e co poeta Miquel Marti i Pol, un grande barcelonista que lle dedicou a súa derradeira obra, o Llibre de les solituds, constitúe un feito moi coñecido na sociedade catalá que, porén, apenas pasou ás páxinas deportivas dos xornais do resto do estado.
A figura dunha icona deportiva como a de Guardiola, o adestrador de fútbol profesional co mellor palmarés do continente, asociada á lectura e ao mundo dos libro desmitifica tanto os tópicos asociados co deporte como coa lectura, actividades presentados tantas veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles. Hai futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais. Un feito asumido dende hai tempo no Reino Unido, a sociedade onde mellor funciona esa feliz converxencia entre fútbol e lectura. Alí non é infrecuente que os clubes da Premiere Leage teñan asociado cadanseu clube de lectura ou se recoñeza cada mes na súa web oficial ao lector máis destacado do seu cadro de xogadores. Como tampouco é lenda urbana que narradores do prestixio de Nick Hornby acrediten nas lapelas das súas novelas dentro da súa formación, xunto aos seus estudos en Cambridge, a súa presenza dende a infancia no estadio de Highbury do Arsenal de Wenger e Cecs Fábregas.
Os editores cataláns abeizoando a Guardiola envían unha mensaxe coa que pretenden ampliar a sociedade lectora. Un feito máis significativo, cando se está desenvolvendo unha transformación profunda do xeito de ler e acceder á información textual. Xa non se pode definir o libro só como un obxecto físico; libro tamén é un texto longo que se ofrece en formato dixital. O libro é hogano un artefacto temporal definido polo tempo que lle dedicamos a súa lectura. Eis a cerna da nova definición do libro, onde a lectura –unha actividade individual que para os psicólogos da aprendizaxe presenta patróns cognitivos diferenciados en función dos soportes de acceso– adquire unha centralidade inédita como práctica cívica saudable e necesaria para a convivencia. Un modelo, ademais, que despraza o eixo dende a triade tradicional analóxico-formativo-cultural cara aos mercados de consumo onde compite con outros produtos de lecer dixital.
No entanto, o lector actual vive coa sensación de estar desbordado pola cantidade de textos dispoñibles (tanto nas mesas das librarías como en Internet) e indefenso diante da dificultade de atopar información valiosa entre tantos textos, algúns efémeros e inútiles. Para evitar os perigos de semellante diabete textual precísase de lectores moi ben formados, armados de lentes críticas que separen o gran da palla, que saiban identificar a melodía entre tanto ruído. O lector para iso precisa de ferramentas de intermediación que o axuden a orientarse nas súas escollas e doutros lectores cos que participar nunha conversa compartida.
Para o fomento da lectura hoxe son esenciais estratexias da educación lenta na abordaxe escolar da lectura e da alfabetización informacional; o papel das bibliotecas públicas como portos seguros (en afortunada expresión acuñada por Javier Celaya) que orientan a deriva que cada un dos lectores escolle, así como a participación activa en redes sociais e especializadas en lectura (como é o caso de www.redelibros.com , presentada esta semana en Vigo) para alongar a conversa provocada polos textos.
As políticas tradicionaias de fomento de lectura deben ser repensadas. Non abonda con chamamentos publicitarios a prol da lectura, nin coa realización de actividades literarias decontextualizadas. O momento actual de crise require unha activación estratéxica e transversal das políticas de fomento da lectura, concibidas como eixo das políticas culturais, educativas e de acceso á sociedade da información. Nese contexto debemos entender a iniciativa mediática dos editores cataláns de recoñecer a actitude prolectora de Guardiola; nesa mesma tea técese o simposio internacional de expertos sobre o fomento da lectura que se celebrará esta semana en Santiago, organizado pola Asociación Galega de Editores, no que se pretende explorar esta nova fronteira para o libro.
Booktrailer de promoción da novela Todo é silencio de Manuel Rivas, editada orixinalmente en lingua galega por Edicións Xerais de Galicia. A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez. A música e a interpretación é de Lara Domínguez.
No meu perfil de Facebook publiquei a reportaxe fotográfica que fixen co teléfono móbil no Líber e na Feira de Frankfurt. Incluín nos pés de fotos algúns comentarios ao fío. Como documento complementario das catro crónicas sobre a Feira pode ter o seu interese.
[Na foto: Masaxes para os visitantes proporcionados por fisioterapeutas contratados pola Feira. Frankfurt 2010]
Dedicamos a derradeira xornada para visitar o pavillón dedicado á lingua inglesa, onde case sempre se producen as maiores noticias de Frankfurt, para dar sequera un paseíño pola exposición arxentina. Sendo sábado, o nivel de estrondo da Feira aumenta a niveis pouco soportables nos novos pavillóns 1 e 3 aos que acude o entusiasta e moi numeroso público alemán. Porén, tiven a fortuna de dispoñer de tres horas para percorrer devagariño os longos corredores do inglés pavillón 8, inusualmente calmos e con menos xente da que agardaba.
Volvín comprobar que o modelo da Oficina Literaria é o que mellores resultados está ofrecendo para a promoción internacional e a exportación de textos. Cada vez son máis as experiencias que utilizan este modelo: «Books from Scotland», «Books from Wales« («Llyfram o Gymru») ou a «Ireland Literature Exchange». Anotei na libreta a importancia de levar ao noso estand algunhas edicións de obras xa traducidas, un feito que chama a atención doutros editores. Todas estas Oficinas comparten espazo no estand cos editores privados do seu país e todas elas teñen un lema ou marca para presentar a súa literatura e edición. Chamou a miña atención a convocatoria en Australia en 2012 do seu ano da lectura, un programa ao que cómpre seguir con interese que se está organizando con moito vagar. Inevitablemente fotografei o libro máis grande do mundo, Earth (Platinum Edition), un atlas de 1,8 x 1,4 m, que utiliza para representar o planeta unha formidable escala de 1:1.750.000, editado pola editorial australina Millenniun House. Tiven a curiosidade de revisar a toponimia de Galicia, que presentaba algúns erros (aparecía correctamente A Coruña, mais tamén Santa Eugenia de Ribeira). Imprimiuse en Italia cunha tirda de 31 copias que se venden cada unha a 100.000 dólares. deEarth hai unha edición azul, máis manexable e económica, ao prezo de 5.800 dólares. Non deixa de ser curioso que nun momento de transición cara ao paradigma dixital se acometan proxectos de edición impresa destas abraiantes características.
A pesar de que o libro impreso continúa reinando de forma abrumadora en todos os espazos da Feira, neste pavillón de lingua inglesa atopei xa unha presenza importante de edición dixital. Son moi numerosos os modelos de e-readers que se presentan, a un prezo sempre inferior aos 150 dólares, o que supón unha baixa moi considerable. Aparecen Ipads en moitos estands, como por exemplo no de Moleskine (o editor das famosas libretiñas e cadernos de debuxo, produtos analóxicos por excelencia); un feito significativo que amosa a pegada da taboíña da que, tamén, comezan a aparecer ofertas de apps (gustei moito dos preparados pola revista GEO, por exemplo). Curioso é algún produto infantil que emprega a tecnoloxía da realidade aumentada (como os de Magic Book) baixo o reclamo de «libro en 3D». Outrosí sucede coa Galaxy Tab de Samsung, unha taboíña de 7 pulgadas que utiliza tecnoloxía Android. Pareceume un produto interesantísimo, sobre todo polo seu código aberto e polo seu tamaño, maior cos teléfonos e máis manexable que os Ipads actuais.
Acabei a miña feira visitando a correr o pavillón arxentino e dedicando apenas a derradeira hora dispoñible ao pavillón alemán. Arxentina presentouse cun deseño minimalista, cheo de pantallas (con información turística) e cunha exposición de libros non moi grande. O máis fermoso do pavillón era unha proxección múltiple sobre a silueta do país presentando os monumentos principais das distintas provincias arxentinas. Encheume de fachenda comprobar que na exposición de «Libros de Argentina» estaba o exemplar que enviaramos da biografía do Galego Soto que preparara Lois Pérez Leira para Xerais Crónica.
Da visita ao enorme pavillón alemán o que máis me sorprendeu foi atopar a eses centos e centos de adolescentes disfrazados de personaxes de manga e de literatura gótica que alí se reuniron. Un espectáculo, propio do entroido, expresión da enorme forza que, paradoxicamente, ten para estes nativos dixitais personaxes que coñeceron na edición impresa e que logo, nalgúns casos, pasaron ao eido audiovisual, converténdose en novos mitos urbanos. Con todo, o que maís impresiona no pavillón alemán é o entusiasmo dos lectores para seguir aos seus escritores. As entrevistas do «Sofá azul» (un programa de televisión que grava ADR e pode verse en internet por streaming) son seguidas por centos de persoas, as lecturas dos autores arremuíñan nos estanss a ducias de persoas. O interese pola edición de gastronomía é incrible, coa presenza dos propios cociñeiros cociñando en vivo nos estands das editoriais (unha idea para Culturgal?). Con todo, o máis memorable que vin neste percorrido que non puiden completar por falta de tempo foi a unha autora, Nadja Benaissa (cantante de No Angels), asinar exemplares acompañada dun gardacostas.
Antes de marchar da Feira a correr para coller o avión de regreso a Porto (sempre que podo evito a viaxe con escala en Madrid), tiven oportunidade de fotografarme para o Book Faces 2010. Escollín a palabra «Brétemas», a verdade que non fun moi orixinal. Agardo poder facerme coa foto que me fixo Bianca Gutberlet.
O día 14 de setembro foi o día elixido por Cornelia Funke para a aparición simultánea da edición orixinal en alemán de Reckless. Carne de pedra e das súas traducións ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a outras linguas (até unha ducia) que comparten un lanzamento mundial de máis dun millón de exemplares. Non podemos agochar a nosa satisfacción por termos participado neste feito pioneiro (froito en grande medida da convicción e do esforzo extraordinario realizado pola tradutora María Xesús Bello Rivas, as nosas maiores beizóns para ela) que sitúa á edición galega á altura das máis importantes do mundo.
Como estaba previsto a novela foi presentada hoxe en Nova York e o acto puido ser seguido en directo en todo o mundo dende a páxina de fans da grande escritora alemá que respondeu as preguntas que lle foron chegando dende en Internet. Un modelo de presentación mundial que nos pareceu moi interesante e atractivo, tanto pola coidadosa posta en escena da lectura, polo vestiario da autora como, e sobre todo, polo elaborado do discurso literario. Agardamos que a edición desta obra (o inicio dunha triloxía que, previsiblemente, contará con versións cinematográficas), axude a ampliar o lectorado en galego. Teño moita fe nesta estratexia.
No blog de Xerais poden baixarse os dous primeiros capítulos en pdf da nosa edición.
No artigo da semana en Faro de Vigo relexiono sobre o devir do soño da LIX galega, ao fío da celebración do Congreso IBBY 2010 e do próximo vindeiro cincuenta aniversario de Memorias dun neno labrego, o libro fundacional do xénero en galego.
Ademais das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores (AGE). Nel amosaranse as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia. Ademais, no mesmo stand poderase contemplar a mostra «A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías». Trátase dunha escolma cos 40 libros de literatura galega que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.
Así mesmo será de grande interese para o coñecemento, visibilización e proxección da nosa Literatura Infantil e Xuvenil a exposición «50 anos de literatura infantil-xuvenil galega», un percorrido polos libros fulcrais do xénero en galego, dende Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas de 1961 a O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz de 2007.
Ao longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.
Velaí unha versión de «El dinosaurio« de Augusto Monterroso, un booktrailer producido, tamén, por Gandhi. Se che gustou aquí tes outros onde escolleres. Moi interesante.
A historia da edición en Galicia aínda está por facer. Velaí esta peza publicitaria (hoxe chamaríamola «book-trailer», como estoutra a primeira da historia da edición en galego) que preparamos en Xerais hai dezaoito anos para presentar nos centros de Primaria e nas xuntanzas que faiamos co profesorado os materiais curriculares da reforma curricular da LOXSE. Transcorridos o tempo (fixémonos maiores neste traballo, como os mociños e mociñas do Colexio Martín Codax de Vigo que aí aparecen), vemos atrás con certa melancolía e orgullo o noso inequívo discurso galeguizador e de renovación pedagóxica, plenamente vixente. Convido a ver o vídeo de sete minutos e medio con eses ollos de escola galeguizadora.
O profesorado da Sprague Elementary School (USA) gravou este lipdub (“Put Books in your head”) para animar ao seu alumnado a ler no verán. Chamoume a atención polo que ten de testemuño do que se está facendo na maioría dos sistemas educativos por presentarlle ao alumnado a lectura como unha actividade atractiva; todo un claustro non dubida a poñerse a bailar para seducir aos rapaces e rapazas a que se atrevan cos libros. Bravo! Outrosí sucede coa fórmula dos lipdub, eses vídeos de danza colectiva e contínua (utilizada con éxito para a defensa da nosa lingua), asociados á cultura viral das redes sociais. Vencellar ambos os dous elementos, semella unha fórmula a ensaiar na promoción da lectura nos centros educativos.
O lipdub permite, ademais, coñecer por dentro as instalacións dunha Escola Primaria estadounidense, é moi recomendable reparar nos detalles, así como na letra da canción de Jason Derulo.
Onte na presentación de Níxer na Casa Museo Casares Quiroga tiven oportunidade de comprobalo unha vez máis: o concello da Coruña en cuestión de lectura é un modelo a seguir. Xa non é só o funcionamento modélico da rede de Bibliotecas Municipais, agora tamén o é a súa campaña transversal de animación lectora que baixo a denominación «A cidade que le» ofrece un dos máis completos programas deste tipo que coñecemos. Velaí ciclos de actividades que aquí temos gabado noutras ocasións como o «Poetas di (n) versos», o s «Encontros na cidade da Coruña» (este ano coa presenza do noso admirado Alberto Manguel) ou os itinerarios literarios. A pesar do completo do programa, aínda queda espazo para a sorpresa. Velaí a convocatoria de »Vémonos na Biblioteca. Concurso de Biblioclips das Bibliotecas Municipais da Coruña«, unha iniciativa pra promover o feito lector entre a cidadanía cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas. O concurso consiste na realización dun anuncio (aquí nas brétemas, dende hai tempo chamámolos «book-trailers» dunha duración máxima de 35 segundos de visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados. As bases poden baixarse en pdf aquí e o prazo de envío das obras remata o 1 de setembro. O primeiro premio consistirá nunha cámara de vídeo. Estou seguro que, a pesar da sobriedade e utilidade do premio, a participación será moi numerosa e dará moito xogo futuro na rede. Os meus parabéns aos promotores de tan interesante concurso.
Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.
«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.
Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).
O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra
Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.
Ademais, recomendaremos o traballo sobre o magnífico documento de Anatomía de la edición: «Manual de comunicación on line editorial: Twitter» (pódese descargar en pdf)
Moitas grazas a Alberto Vicente e Silvano Gozzer, responsables de Anatomía de la edición por deixarnos compartir o seu excelente traballo.
É moi atractivo o portal Leer.es que acaba de abrir o Ministerio de Educación coa intención de transmitir o entusiasmo pola lectura e animar a súa práctica. Ademais do seu deseño coidado e contemporáneo (na liña da web 2.0), pareceume de gabar o esforzo por chegar os contidos tanto ás familias como aos docentes. Recóllese un catálogo extenso de recursos de animación en diversos soportes, que poden ser empregados na biblioteca de aula ou de centro. É novidosa a axenda da lectura así como a insistencia en todos os espazos na procura da participación do lectorado. Outrosí sucede coa posibilidade de escoller a navegación nas catro linguas oficiais (aínda que non estean todos os contidos en todas as linguas), algo abondo infrecuente nestes espazos. Non deixa de ser curioso que cando aparece este magnífico portal do Ministerio de Educación coñezamos que os espazos galegos públicos dedicados á promoción da lectura e da nosa literatura e edición no eido internacional (dependentes da Consellaría de Cultura) deixaron de ser actualizados esta semana, poucos días antes de que sexa anunciado o programa de «2010. Ano da Lectura».
Hoxe as librarías quedarán asolagadas polo novo libro único. Paradoxicamente, La Voz de Galicia a pasada semana xa consideraba no seu suplemento o libro de Brown como o máis vendido (antes mesmo de poñerse a venda). O fenómeno da primacía absoluta do bestsellers ten moito de contraditorio, xa que resulta absolutamente beneficioso para a ampliación da base social de lectores e lectoras, ao tempo que , inevotablemente, reduce a biodiversidade de títulos e autores nos andeis e mesas de novidades. Un fenómeno, que sabemos non é novo, mais que está adquirindo dimensións incribles (como amosa a imaxe-denuncia promovida por A Libreira).
Este serán, agardando polo vitrasa para volver do chollo, sorprendeume a publicidade da traseira do bus dos Caños: «Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro». A bonita iniciativa marqueteira, que tamén de promoción lectora, corresponde a Óptica Studio, unha cadea de ópticas nacida en Cangas hai trinta anos e na que nunca reparara. Esta oferta en termos económicos é modestiña (apenas un desconto dun par de puntos), porén supón unha iniciativa singular a gabar, xa que non é adoito empregar o libro como un reclamo de prestixio para vender outros produtos. Nada sei sobre cales son os libros agasallados por esta pequena cadea de ópticas (mágoa que no seu sitio web tampouco anuncien, polo momento, a promoción) nin nunca pisei ningún dos seus establecementos. A partir de agora conta coa miña simpatía. Os meus parabéns.
Hoxe aparece publicada en La Voz de Galicia parte da conversa que mantivemos, o pasado venres, Xosé Ballesteros e mais eu arredor da situación da edición en Galicia.
Como é adoito nestes encontros, falamos devagariño de moitas máis cousas ca do diagnóstico inicial do noso sector, dende o sentido da presenza nas feiras internacionais, pasando pola relación do editor cos autores e autoras e a nosa formación autodidacta, até o balance dalgunhas carencias de xénero.
Agradézolle ao xornalista Ángel Varela o seu convite e o admirable traballo de síntese e a Gustavo Rivas as súas magníficas fotos. [As miñas desculpas polo autobombo.]
Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.
Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!