Category: Tecnoloxías
Amazon aposta polo contido
A publicidade do Kindle Fire subliña o seu carácter de servizo. Amazon aposta máis pola distribución de contidos, que poden estar aloxados na nube, ca pola marxe que puidese obter pola venda dos propios aparellos. Amazon quere vender ou alugar contidos dixitais, sen pretender contar coa taboíña máis fermosa e sofisticada; unha estratexia que lle permite ofrecela a un prezo máis competitivo e asequible ca Apple.
Onte 21: a taboíña de Amazon
A presentación do Kindle Fire, a taboíña con sistema operativo Android de Amazon, amosa, outra volta máis, que a actual batalla pola creación dun modelo sostible de libro electrónico dirímese en moi boa medida entre os tres xigantes estadounidenses da distribución dos contidos dixitais de cultura e lecer, Amazon, Google e Apple. Polas informacións que fomos coñecendo, semella que a estratexia do xigante da loxística cultural é apostar por liderar o negocio da distribución de libros e de aplicacións (creará un Amazon Apps Store), o que non lle impide presentar unha renovación completa da súa gamma de lectores de tinta electrónica (a uns prezos xa moi asequibles e cunhas prestacións atractivas), como a de intentar crear un espazo no das taboíñas, cun aparello de prezo asequible (arredor de 150 euros), moi inferior ao do IPAD, e de prestacións e deseño semellantes ao PlayBook de RIM. En todo caso, Amazon onte deu un paso importante apostando pola distribución dos contidos dende unha biblioteca dixital e por un modelo de negocio (Amazon premium) baseado na suscrición. Diante de tan interesantes propostas, supoñemos que Google non tardará en mover a súa ficha neste mercado de distribución de contidos dixitais textuais. Fronte ao dinamismo das multinacionais estadounidense, os modelos de libro electrónico que utilizamos os editores europeos (baseados na tinta electrónica e no emprego do antipático DRM de Adobe) quedan cada vez máis afastados das necesidades dos potenciais usuarios. A presentación deste novo Kindle de Amazon, que se comercializará a partir do 15 de novembro, suscita moi numerosas preguntas: Debemos rendirnos diante de Apple e Amazon, empresas que utilizan lectores propios con formatos de encriptación propietarios? Apple poderá continuar vendendo os seus teléfonos e taboíñas a prezo de ouro? Google continuará negociando cos editores europeos para ampliar a súa xigantesca biblioteca dixital?
Visión 2020, tendencias das tecnoloxías sociais
O meu admirado Javier Celaya publica na revista dixital Dosdoce unha moi valiosa anotación prospectiva arredor do futuro das tecnoloxías sociais ao longo desta década que comeza. O interesante do traballo non son tanto as predicións que realiza como as tendencias que cada unha delas sinala. Un texto que axudará a superar prexuízos, vencer algúns medos e modificar moitas das estratexias actuais que empregamos os que traballamos nos diversos eidos da comunicación cultural. En definitiva, estamos diante dunha anotación que propón un bo exercicio de reflexión prospectiva.
Celaya arrisca moito e utilizando a fermosa metáfora 2o/20 (unha persoa pode identificar unha liña de letras de tamaño pequeno a unha distancia de pés) predí, entre outras cuestións, que en España antes de 2020:
- A prensa impresa desaparecerá e algúns medios publicaran nas fins de semana suplementos impresos en papel.
- O 60% dos ingresos das editoriais terán a súa orixe nos contidos dixitais.
- O sector cultural (libros, música, cine…) aunará esforzos nunha plataforma conxunta para distribuír os seus contidos dixitais.
- O móbil converterase na ferramenta de pagamento principal dos contidos culturais.
- As tecnoloxías de recomendación converteranse nos principais prescriptores de contidos culturais.
- As tecnoloxías sensoriais incorporaranse ao mundo da cultura.
- A pirataría de contidos culturais será residual pola evolución da propia tecnoloxía.
- O español pode deixar de ser un dos cinco idiomas máis utilizados na web debido á escaseza de contidos culturais nese idioma na rede.
- Os datos persoais converteranse na moeda de troco da economía dixital.
- As bibliotecas como entidades culturais sen ánimo de lucro converteranse en portos seguros xa que son institucións nas que temos a certeza que os nosos datos persoais non van ser utilizados con fins comerciais.
Hai moito zume que tirar das tendencias que enxerga Celaya, que eu condensaría en tres:
- A substitución progresiva dos soportes analóxicos polos contidos dixitais de xeito que ao remate da década estes constituirán a cerna do negocio da comunicación cultural e educativa.
- Os contidos dixitais non serán gratuítos. Os usuarios pagarán o prezo que supoñerá ceder os seus datos persoais.
- O desenvolvemento das redes sociais e das bibliotecas como portos seguros serán decisivas para a prescrición e acceso aos contidos culturais.
Seguiremos coa maior atención o debate que abre esta magnífica e suxestiva anotación de Javier Celaya, con quen volveremos compartir mesa nun coloquio que está previsto que se celebre na Coruña na vindeira primavera.
Chega Google eBooks
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZKEaypYJbb4" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
A posta en marcha de Google eBooks, probablemente, será un dos maiores empurróns para o libro electrónico en todo o mundo. Este novo modelo de distribución de ebooks supera algunhas das máis importantes carencias existentes até hogano, sobre todo as referidas aos soportes (admite a lectura sobre todo tipo de pantallas: computadoras, teléfonos, e-readers e taboíñas dixitais) e ao papel do editor (sinalará o prezo e os sistemas de protección de dereitos de autor). Semella que a partir de Google eBooks o acceso ao contido dixital na nube será o principal, superando as limitacións que puidesen existir de soportes ou formatos. No entanto, aínda descoñecemos cales son os termos dos contratos de distribución que se asinarán cos editores, as posibilidades de préstamo das licenzas de acceso (cuestión vital para as bibliotecas) e outros pormenores do funcionamento do proxecto, así como a relación que Google que manterá cos clientes finais. A apertura dunha pasarela de pagamento por parte de Google ábrelle unhas posibilidades enormes para calquera outro tipo de comercio electrónico, o que pode constituír un feito moi salientable. Sen dúbida, este modelo abre unha competencia moi dura de Google con Amazon (que insiste con Kindle, o seu e-reader propietario) e, en menor medida, con Apple. As tres empresas estadounidenses semella que pretenden controlar todo o mercado da distribución do libro dixital. Haberá espazo para outros modelos alternativos? Polo menos, agardo que nesta batalla entre xigantes os libros electrónicos de linguas minoritarias coma a nosa teñan o seu espazo.
O futuro do libro e os libros do futuro
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/BU2hcMZaR70" width="740" height="480" wmode="transparent" /]
Vía Libreros.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/HRhTiUMWaDc" width="740" height="480" wmode="transparent" /]
Reportaxe do programa «Página 2» da TVE2. Vía Trafegandos ronseis.
Este debate non dá acougo.
Cultura impresa, cultura dixital

Mañá nos III Encontros de Bibliotecas Escolares participarei nun debate con Javier Celaya arredor do temas «Cultura impresa, cultura dixital».
Como fago adoito, aquí pode baixarse o pdf que utilizarei no meu parlamento.
«O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino»
O luns e o martes celebraranse na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña unhas interesantes xornadas sobre «O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino». O programa pode baixarse aquí en pdf.
As organizadoras tiveron a deferencia de convidarme a falar o luns á mañá de «Propiedade intelectual: implicacións, tendencias e cambios no libro electrónico» e a participar o martes na mesa redonda xunto aos outros participantes nas xornadas, Tati Mancebo, Antonio Quirós, Juan Blanco Valdés, Catuxa Seoane e Camilo Franco.
Aquí pode baixarse o borrador do texto que utilizarei no meu parlamento.
Libros impresos e dixitais

No artigo da semana, ao fío da participación na Feira de Frankfurt, reflexiono sobre o proceso de tránsito cara ao paradigma da comunicación cultural dixital, no que entendo convivirán os libros impresos e os libros dixitais.
[Foto: Estand de Moleskine en Frankfurt 2010]
Kindle versus Ipad
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/HGmRKSds9OY" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
Aínda que é un anuncio de Amazon, achega moi ben as diferencias entre os libros electrónicos de tinta dixital (como Kindle) das taboíñas electrónicas (como o fermoso e atractivo Ipad). O futuro do libro electrónico dirímese entre estes dous tipos de soportes, sen esquecer a influencia que sobre o segundo poida ter a nova xeración de telefonía móbil (androide ou iphone).
O futuro das pantallas
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/g7_mOdi3O5E" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
Aconsello este vídeo, enlazado por Manolo Gago (grazas, meu), no que se especula sobre como será a lectura sobre pantallas na fronteira do ano 2014. Unha interesante peza para ser utilizada como recurso didáctico.
Nook, o novo e-book de Barnes & Noble

A aparición de tantos novos trebellos de lectura dixital xeralmente xa non constitúe noticia. Porén, este novo aparello presentado por Barnes & Noble, o chamado Nook, creo que achega varias novidades que poden convertelo nun bo rival de Kindle: pantalla a cor para os menús e tinta dixital (branco e negro) para a lectura dos textos, teclado táctil wifi, navegación utilizando o sistema operativo Android e custa apenas 259 dólares (catro vantaxes que o fan moi superior a calquera dos lectores que se venden hoxe en España). A aparición de Nook demostra que os novos aparellos serán cada vez máis atractivos, ademais da importancia de contar cun formato de lectura aberto ecompatible con diversos lectores.
Plan Ceibal 2009 Uruguai
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SnLo-j8GvPM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]Aquí máis información sobre o Plan Ceibal 2009.
Vía Mirá.
Sony aposta polo formato EPUB
O que máis me interesa da oferta de libros electrónicos de Sony é a súa aposta decidida polo EPUB, o formato libre que pretende converterse no estándar da edición dixital. Os arquivos que posúen a extensión “.epub” adáptanse e reformatéanse segundo o dispositivo e a pantalla, o que supón un enorme adianto con respecto ao tradicional PDF empregado nas computadoras. Ademais, os libros adquiridos neste formato poden funcionar indistintamente en diferentes lectores (dispositivos de tinta electrónica, teléfonos móbiles, programas de ordenador) a diferencia doutros formatos como Kindle, que só o fan no propio reprodutor de Amazon ou software desenvolvido por eles (como é a aplicación Kindle de iPhone). A aposta de Sony polo EPUB é unha importante noticia para o desenvolvemento do libro electrónico.
Pode atoparse máis informacións sobre as características do formato EPUB nas diversas anotaciónas de Soybits e ediciona ou na web do IDPF.
Actualización (27-08-2009): Proba de que a necesidade de saber manexar este formato respírase no ambiente do mundo da lectura é esta magnífica anotación de hoxe de Marcos Taracido: «Receita caseira para cociñar un EPUB».
El Corte Inglés xa ten o seu libro electrónico

Creo que esta noticia é importante para o desenvolvemento do libro electrónico nos nosos mercados. El Corte Inglés, baixo a súa marca Inves-Book 600, comeza a comercialización do seu primeiro e-book a un prezo xa atractivo, 299 euros. Paréceme moi alentador que o aparello utilice tamén, o formato EPUB, que semella pode converterse no estándar do libro dixital na actualidade. Pola súa banda, Sony actualiza os seus eReaders con estes novos modelos. Será xa este nadal o do libro electrónico en España como prognostica Pedro de Andrés o presidente da Federación de Gremios de Editores?
Bibliotecas do futuro
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UjoJd_uN-7M" width="425" height="350" wmode="transparent" /]Este un recurso didáctico e divulgativo sobre o que serán as bibliotecas do futuro, como centros de acceso á información e coñecemento. Interesante reportaxe (case 10 minutos).
Vía Booktailors (Obrigado).
Do libro electrónico á lectura dixital
Esta noticia de Ediciona paréceme moi importante: por fin Amazon reorienta a súa estratexia do negocio dixital renunciando ao seu modelo de dispositivo de lectura propietario (actualmente o Kindle 2 e o Kindle DX) para facer, pola contra, maior fincapé na distribución dos contidos. Semella que a irrupción do IPhone como posible dispositivo de lectura dixital (e tamén doutros teléfonos) e o desenvolvemento do formato ePub aconsellan esta mudanza do equipo de Bezos, ao que, quizais tampouco, sexa allea a ameaza de Google.
A aposta por formatos de libro electrónicos o máis estándares e compatibles posible (neste momento ePub de Adobe, mais pode mudar pola dinámica tecnolóxica e empresarial) imponse sobre a posibilidade do monopolio que dos dispositivos de lectura pretendía impoñer Amazon. A avalancha de modelos de e-books promete que o negocio en España pode comezar a desenvolverse a partir desta campaña de Nadal. No entanto, o futuro do libro electrónico está na sua capacidade de propoñer unha cadea de valor que faga viable o negocio da distribución e propiedade dos contidos dixitais (non esquezamos que non van ser todos gratuítos, aínda que si, seguramente máis baratos cos analóxicos). Asumindo que toda a edición internacional está nun proceso de reconversión e reconstrución tanto da súa actividade como da súa cadea de valor, dificilmente vai existir a curto prazo unha única forma de distribución do contido textual dixital e do seu consumo (a lectura dixital).
Móbiles en galego
Cando mudei hoxe de móbil levei unha sorpresa moi agradable: o meu Nokia utiliza o galego como a súa lingua vehicular. Unha gozada! Nestes tempos de tan malas novas para o futuro do idioma, quedei contento coma un cuco. Vencellar o emprego da lingua cos novos trebellos tecnolóxicos continúa sendo unha das estratexias principais para o seu fomento. Beizóns para os fineses de Nokia e para os promotores destas iniciativas, que foron impulsadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non está de máis que os defensores da lingua tomemos nota de cales son as compañías e os provedores que contan con software en galego; o respecto aos nosos dereitos lingüísticos pode ser un criterio determinante para o comportamento que adoptaemos como consumidores.
Guillermo Schavelzon
A entrevista a Guillermo Schavelzon, o axente de autores literarios como Suso de Toro ou Paul Auster, é moi clarificadora sobre o actual momento da edición literaria. Algunhas das súas respostas a José Antonio Millán constitúen un diagnóstico das incerteza que presiden este momento de tránsito (mudanzas e continuidades) entre os soportes analóxico e dixital e entre o modelo de edición «lecturas literarias» e o o de «lecturas de grande consumo».
Para Schavelzon, a primeira mudanza produciuse no papel do propio axente literario convertido no interlocutor principal do autor. Os editores, vítimas da concentración das súas empresas e dos seus amplos plans editoriais, serían incapaces de manter o nivel de esixencia que implica a relación cos autores.
Con respecto á cuestión dos dereitos dixitais é tremendamente clarificadora esta súa afirmación: «Un libro non é só “un contido”, é moito máis», facendo, sen dúbida, referencia ao seu carácter de ben cultural, tantas veces minusvalorado ou conscientemente esquecido. Comparto, tamén, con Schavelzon a súa convicción de que o camiño para o negocio do libro electrónico se abrirá cando se dirima a batalla dos dispostivos (hoxe temos o claro exemplo de que este un vieiro aberto),proceso que pode durar, quizais, dous ou tres anos. Con todo, o máis clarificador desta entrevista tan recomendable é o seu diagnóstico contundente sobre a situación global da da edición literaria:
Los problemas más urgentes que deberá enfrentar el libro son otros, como la reducción de las páginas de cultura de los diarios o su transformación en secciones que llaman “tendencias”, o la desaparición de suplementos literarios, que siguen siendo los principales prescriptores para el buen lector.
Efectivamente, hoxe o problema principal da edición literaria é o da súa visibilidade, tanto nos espazos libreiros (coa excepción daquelas poucas librarías de cultura que resisten) como nos dos medios de comunicación. Quizais, quedoulle a Guillermo a posibilidade de abrir unha xanela de esperanza que, sen dúbida, está hoxe no traballo da rede bibliotecaria e do voluntariado para a lectura.
[A foto é de © Daniel Mordzinski]
O novo Kindle DX
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/myqkadSYT2Q" width="425" height="350" wmode="transparent" /]O novo Kindle DX de Amazon, presentado hoxe, presenta algunhas novidades. Semella concibido pola súa pantalla grande e polo seu lector de PDF nativo para poder ler con toda a comodidade documentos (A4), prensa e para ser utilizado como «libro de texto». Este novo lector portable de tinta electrónica ten un prezo de 489 $. Seguro que a competencia ofrecerá axiña resposta.
Identidades dixitais
No artigo da semana de «Campo de Granada» (non aparece na web de Faro de Vigo) abordo, dende un punto de vista xeral e divulgativo, a cuestión das Identidades dixitais, unha das compoñentes, xunto a literacidade electrónica, do paradigma da comunicación cultural electrónica.
Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.
Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbil da que moi dificilmente somos xa capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia. No móbil recibimos mensaxes instantáneas que nos convocan a un acto cultural (como fan sistematicamente concellos como o de Soutomaior) ou nos recordan unha cita médica; dende o teléfono enviámolas para expresar intimidades ou para comunicar un resultado deportivo ou unha noticia que escoitamos na radio. Outrosí sucede coas utilidades de Internet que, a pesar da fenda dixital que aínda padecemos no noso país (Galicia continúa á cola pola súa porcentaxe de usuarios), xa son empregadas adoito por maior número de usuarios. Xa non fai falta ser un friqui nin un experto nos trebellos informáticos para utilizar o correo electrónico coma a nosa primeira identidade dixital (onde recibimos comunicacións persoais e institucionais), ou a navegación na rede para ler os nosos xornais e blogs preferidos (onde, e isto é moi importante, deixamos publicadas as nosas opinións sobre os seus contidos), consultar as nosas contas bancarias ou visionar as nosas series preferidas, mesmo adiantándonos a súa emisión polas canles de televisión.
Usuarios algo máis avanzados non teñen moitas dificultades para aproveitar as utilidades destas tecnoloxías que se «actualizan» (sería máis axeitado dicir que mudan e melloran o seu funcionamento) a unha velocidade de vertixe. Empregan as terminais dos seus móbiles para publicar os vídeos e fotos que tiraron con elas nos seus blogs ou no seu perfil de Twitter, o que lles permite compartilas de forma case inmediata con todos os seus amigos e amigas de Facebook ou Tuenti, dúas das redes de sociais onde teñen aberta a súa identidade dixital. Outrosí sucede con eses case dous mil mozos e mozas entre os 16 e 35 anos que durante tres días desta fin de semana se reuniron no «Xuventude Galiza Net 09» (un encontro informático que vai xa na décima edición) para compartir de forma incansable arquivos e expresar a creatividade e a potencia informática da mocidade do noso país.
Dende estes usuarios máis avanzados até aquelas persoas que comezan a súa alfabetización na cultura dixital todas asumen unha nova literacidade, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas, ao tempo que van construíndo unha identidade dixital, como parte da súa identidade persoal. Estes dous compoñentes, literacidade e identidade dixital son as dúas trabes do paradigma da comunicación dixital do que ningunha persoa, institución, administración, sociedade, empresa ou calquera tipo de entidade pode quedar alleo. Como salienta Juan Freire, o blogueiro Nomada e profesor da Universidade da Coruña, no marco dunha Internet que se está construíndo diante nosa e que pretendemos sexa un espazo de aprendizaxe e socialización, será necesario que neste futuro-presente cada persoa ou cada organización xestione a súa propia identidade dixital. Eis un reto ineludible.
Unha identidade dixital confórmase a partir das identidades fragmentarias que construímos a partir da nosa aprendizaxe das competencias da cultura dixital e das utilidades asociadas a ela que somos capaces de manexar. As identidades dixitais, tanto as individuais como as das organizacións, vanse conformando na conversa activa que mantemos na rede sexa na rede de blogs (como Blogaliza no caso noso) ou nos espazos multimodais (os vídeos en You-tube; a música en Last.fm; as noticias en Chuza, Delicious ou Technorati, as fotos en Flickr ou en Picassa). Conversa que agora se amplía e axiliza pola participación nas redes de “status” (que estás facendo?) e “presenza” (onde estás?) conformadas polas utilidades de microblogueo (Twitter, Lareta ou Gmail Google Talk) ou as de participación social e de lecer (Facebook ou Tuenti). Como as abellas, na rede imos tecendo a nosa tea cos fíos que achegamos en cada un destes espazos. Eis o reto da nova Internet 2.0 ou 3.0, mais optar por unha denominación u outra é outro debate.
Primeiro e-book a cor
Nesa carreira tecnolóxica por atopar o soporte de lectura móbil dixital faltaba un modelo de tinta electrónica que non fose monocromo. Fujitsu acaba de poñer á venda en Xapón o primeiro modelo de e-book con pantalla a cor. O noso amigo Roger Michelena recolle unha ampla información sobre as utilidades deste xoguetiño e do competidor coreano do Kindle 2. Mágoa que, polo momento, este modelo de Fujitsu saía un pouco caro (sobre 777 euros).
Actualización (19-03-2009): Máis información sobre o FLEPia en Soybits.
Wikisaber
Este novo portal educativo, promovido por Intel Educación, presentarase en Madrid o vindeiro 11 de marzo. Ten carácter gratuito e aposta polo ensino e aprendizaxe colaborativas. Anúnciase como concibido para ser utilizado en todos os cursos do ensino obrigatorio por alumnado, profesorado e familias. Semella que algúns contidos son tradución e adaptación ao castelán doutros nativos en inglés. Non vimos na interface nin na información a presenza doutras linguas oficiais españolas. Wikisaber xa mantén un blog de noticias sobre o proxecto. Imaxinamos que nos vindeiros meses aparecerán outras iniciativas de oferta de contidos educativos electrónicos, formalmente vencelladas ao desenvolvemento da competencia dixital nas aulas. Seguirémolas co interese de valorar as tendencias que expresan.
Como será o mundo do libro en 2020?
A revista Qué leer convocou a seis expertos para que fixesen a súa análise de como cren que será o mundo do libro en 2020. A verdade é que algúns dos prognósticos son moi interesantes.
Para Juergen Boos, director da Feira do Libro de Frankfurt, en 2018 a venda de contidos dixitais superará a dos libros tradicionais (impresos), o que non supoñerá, en ningún caso, a devaluación da industria editorial nin a desaparición do libro impreso, xa que para el se convertirá na de maior facturación das industrias culturais (mesmo por riba de Internet).
Para Stuart Applebaum, directivo de Random House, a explosición dixital incrementará as oportunidades dos lectores. Como retribución ao autor das vendas dos libros electrónicos propón o 25% dos ingresos netos obtidos polo editor.
Para Alberto Rollo, director literario de Feltrinelli, o libro, tecnoloxicamente falando, ten unha longa vida por diante. Outrosí sucede coas librarías que en dez anos se terán transformado en espazos multiproduto.
Para Will Moore, directivo deIngram Digital, as librarías deben ofrecer indistintamente produtos impresos coma dixitais, emulando a estratexia das actuais redes de sociais, xa que os lectores quererán interactuar entre eles. Para el, como sucedeu no sector da música co ipod que levou ao seu cume á música dixital, os novos dispositivos de lectura portátil farán o mesmo no mundo editorial.
Para Mike Shatzkin, fundador de The Idea Logical Company, o crecemento da industria editorial virá da man do e-book e os beneficios dos editores medrarán grazas á creación de novos contidos específicos que pendurarán das súas webs e que se distribuirán por medio dos teléfonos móbiles. Tamén acredita no desenvolvemento de novos xéneros literarios baseados na interacción entre os distintos formatos creativos.
Para Kalev Leetaru, da Universidade de Illinois, o problema do libro dixital non reside tanto na tecnoloxía como no feito de que os editores non saben como financialos. Apunta que paradoxicamente o libro dixital pode incrementar o consumo de papel, pois moita xente optará por imprimir os textos que se descargue. «A auténtica revolución chegará cando os aparellos de lectura dixital maduren ata o grao de ser tan confortables como o papel.»
Revolución dixital?
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/NN3ZlOH4knM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]Se contas con sete minutos, recomendo seguir con atención este videoartigo sobre o concepto e os límites do dixital e da «revolución» que introduce na cidade contemporánea. Aínda que é de 2007 (e, dende entón, as cousas xa mudaron), algunhas afirmacións aínda son luminosas.
Grazas, Txetxu, res razóns, esta peza convida á reflexión desprexuizosa.
Olladas Atlánticas
Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.
Kindle 2
Como xa anunciabamos hai tres días, o luns foi a estrea de Kindle 2 de Amazon. As expectativas desta presentación son grandes.
Libros electrónicos, algunhas novidades
Hoxe coñecimos dúas noticias sobre dispositivos electrónicos portátiles de lectura, o novo modelo de sony e o novo kindle de Amazon. O Sony PRS-700 é un e-book que presenta a pantalla táctil como novidade máis importante sobre o modelo anterior, o coñecido como Sony reader. Pola súa banda, Amazon presentará o luns en Nova York o Kindle 2 que, polas fotos filtradas, parece moi semellante ao modelo anterior e manterá o seu carácter pechado. No entanto e a pesar destas novidades de dispositivos específicos de lectura baseados en tinta electrónica, o futuro da lectura en pantallas pode estar en dispositivos non especializados (pedeás, ultraportátiles, iphones e outros teléfonos ou as consolas portátiles domo a PSP ou a Nintendo) asociados á posibilidade que proporciona Google Book Search. Cada vez parece máis claro o futuro da lectura sobre pantallas portátiles, porén non se albisca, aínda, cál pode ser o soporte que se impoña no mercado.
txtr reader
Este novo e-book ten moi boa pinta. Este txtr reader proporciona prestacións que semellan mellorarían aos soportes actuais, sobre todo, polo seu carácter aberto e a posibilidade de lectura de varios formatos.
O libro electrónico no «Diario Cultural»
Manuel Gago e máis eu fomos convocados hoxe polo Diario Cultural da Radio Galega para opinar sobre o libro electrónico. As entrevistas de Anxo Quintela poden escoitarse aquí.
«Palabras maiores», libros electrónicos de Carmen Balcells
Esta anotación de onte de José Antonio Millán non pode pasar desapercibida. Carmen Balcells, a gran axente catalana, promove «Palabras maiores», unha colección de libros electrónicos dalgúns autores que xestiona a axencia, editados por Leer-e, unha empresa navarra que ata agora se dedicada só á distribución de e-books. Cada un dos títulos (o catálogo total recolle máis de seiscentas referencias) pode descargarse por prezos sempre inferiores aos cinco euros. Ademais de poder descargarse dende a rede, o sistema de venda de Leer-e contempla a implicación, polo momento, de 18 librarías. «Palabras maiores» é unha experiencia de distribución de libro electrónico en España chamada a converterse en referente (para emular, mellorar, modificar…).
Mudar o paradigma
Frankfurt 2008 e os futuros do libro
A pesar dos efectos da «crise financeira» da economía globalizada, a Feira do libro de Frankfurt continúa sendo a Babel da edición contemporánea e a máis importante cita mundial de todos os profesionais da industria editorial. As cifras desta 60ª edición, na que Turquía foi o país convidado, falan de seu: participaron máis dun centenar de países, sete mil expositores e mil autores (entre eles, Orhan Pamuk, o premio Nobel 2006); exhibíronse máis de 400.000 mil títulos; realizáronse 2.700 actos e foron máis de trescentos mil os visitantes que durante os cinco días da feira encheron os 172.000 metros cadrados dos seis pavillóns da «Buchmesse».
Frankfurt xa non é só a primeira plataforma mundial na que se comercializan títulos, licenzas e traducións de libros impresos, senón que dende hai varias edicións inclúe, ademais, a de guións e adaptacións cinematográficos (no Forum Film & TV), a de software para aprendizaxe de linguas, a de audiolibros, libros electrónicos e libros de vello ou a dos máis diversos produtos impresos (papelaría, cartelaría, almanaques…). Con todo e a pesar das facilidades proporcionadas ao sector pola comunicación electrónica (dende o correo electrónico á información web), a principal función da feira continúa sendo a de ser o punto de encontro anual dos editores, axentes literarios, «scouts» e xornalistas literarios que acoden alí para atoparse, para negociar cara a cara, para follear as novidades da competencia, para identificar tendencias na presentación e promoción dos produtos ou simplemente para sentar a tomar un café xuntos e aliviar durante uns minutos a presión (cada vez maior) que viven en todos os países (sen excepción) os profesionais deste sector cultural. Máis alá das cifras de negocio acadadas ou da poxa entre axentes e grandes grupos polos «supostos grandes best sellers» de cada tempada, para a maioría dos visitantes profesionais o maior valor de Frankfurt reside, pois, nas posibilidades relacionais que lles ofrece. Os editores van para verse e ser vistos. Aí é onde reside boa parte do éxito e da tradición desta feira alemá.
Nesta edición de 2008, o maior ruxe-ruxe da feira foi, sen dúbida, o grande peso que adquiriu o debate sobre libro electrónico, cuestión que centrou as intervencións nos fórums (sempre moi concorridos), mais que, coa excepción das presentacións espectaculares realizadas por Amazon do seu «Kindle» e de Sony do seu «Reader», non conseguiu contaxiar ao resto dos expositores. Falábase en todos os pavillóns do libro electrónico e do seu imparable ascenso (unha enquisa realizada entre un milleiro de profesionais concluía que no ano 2018 desbancará ao impreso nas preferencias dos lectores e na facturación do sector), mais, paradoxicamente, se expuxeron moi poucos (busqueinos canto puiden, abofé!) destes aparellos móbiles de lectura nos diferentes estands. A información publicada polo enviado do xornal El País, que estimou en só o 42% o material impreso exposto na feira, pareceume excesivamente «entusiasta» sobre a presenza real acadada polos medios dixitais. No entanto, entre os editores internacionais (sobre todo os anglófonos) semella existir un importante consenso na actual definición do libro na que prevalecería o contido sobre o soporte, así como na necesidade ineludible de dixitalización dos fondos impresos e da inevitable coexistencia no mercado editorial, durante un período de tempo sen determinar, entre os produtos impresos e os de tinta electrónica. Para acomodarse a este proceso de cambio radical (diante do cal os editores españois se amosan, en xeral, pouco entusiastas e escasamente preprados) é imprescindible unha profunda transformación da estrutura da empresa editorial tal como hoxe a entendemos, tanto no que atinxe aos procesos de creación editorial e produción, da xestión dos dereitos e da retribución dos autores, como da comercialización e promoción. En definitiva, hai un consenso no mundo da edición internacional, de que o sector debe afrontar de inmediato unha profunda reconversión, tanto do produto como da súa cadea de valor, aínda que polo momento non existen modelos de negocio que garanticen éxitos inmediatos. O futuro do libro sería, polo tanto, os futuros do libro, recollendo unha afortunada expresión do editor Joaquín Rodríguez.
En semellante Babel como este Frankfurt non é doado facerse notar. Como atinadamente expresou o escritor Miguelanxo Murado na súa intervención de presentación de Telling Stories from Galicia (unha antoloxía de narradores galegos, editada pola Consellaría de Cultura e Deporte), «Galicia é unha nación oculta» á que lle faltan doses da autoestima necesaria para proxectar a súa literatura. Unha doenza que, por fortuna, semella irse curando grazas ao esforzo dos seus editores (presentes en Frankfurt, a pesar das escasas axudas coas que contamos, dende hai dúas décadas) e da vontade política do novo equipo da Consellaría de Cultura e Deporte que asumiu esta proxección como unha das súas prioridades na política do libro.
É un feito obxectivo que a presenza galega en Frankfurt (como no resto das feiras internacionais) gañou en espazo, dignidade e visibilidade nas tres últimas edicións. O espazo expositivo da Consellaría de Cultura presenta un deseño moi atractivo e funcional (con certeza, o mellor das Comunidades Autónomas españolas). Aumentou na Feira de forma significativa a presenza de editores galegos (mesmo algúns, como Kalandraka e Nova Galicia edicións, alugando espazos propios e a súa cifra de negocio (sobre todo o daquelas empresas que venden libros ilustrados). Porén, non podemos dicir o mesmo, da visibilidade da literatura galega e da venda de dereitos de tradución. Eis, a grande asignatura pendente que temos en vindeiros Frankfurt, que non se vai aprobar só coa presenza dun par de autores nin coa edición dunha antoloxía preparada coas presas da última hora nin sequera con revistas de promoción. Aprendendo da exitosa experiencia catalana (foron cultura convidada en 2007), deberiamos contar cunha estratexia de país para proxectármonos, consensuada entre a Xunta de Galicia e os axentes do sector do libro, e unha ferramenta pública (sexa a Oficina do Libro e a Literatura galega no exterior, sexa o Instituto Rosalía de Castro) que a xestione ao longo de todo o ano.
(Artigo publicado en Protexta 08, outono 2008)
Literatura no móbil
A reportaxe de El País, a pesar de non achegar grandes novidades, constitúe un interesante repaso sobre o fenómeno xaponés dos keitai shousetsu e, en xeral, sobre a actual situación actual do libro electrónico en España.
Gallimard aposta polos libros electrónicos
Editions Gallimard acaba de anunciar que antes que remate este mes de setembro ofrecerá un catálogo de libros electrónicos descargables dende a súa libraría electrónica, «Le Divan». A selección de obras incluirá algunhas das novidades literarias da vindeira tempada. Este anuncio coincide co lanzamento en Francia do Sony Reader pola FNAC, a un prezo de 299€, e por Hachette livre como proveedor exclusivo de títulos durante tres semanas deste soporte electrónico de lectura. O libro electrónico móvese en Francia.
Libros baixo demanda
Vía Leroy Gutiérrez.
Tinta electrónica
Via Leroy Gutiérrez.
Novas tecnoloxías e dinamización lingüística
Mañá estaremos en Carballo participando no IV curso de Verán Traballando en lingua: novas tecnoloxías e dinamización lingüística. Interviremos nunha mesa redonda sobre “Recursos pedagóxicos e culturais na rede”, xunto a Xoán Costas Casas, Henrique Quintáns Míguez e Camilo Regueiro.
Numilog, libraría dixital francesa
Numilog é un libraría dixital francesa que ofrece máis de corenta mil títulos de e-books dispoñibles en formatos pdf en prc . De moitos títulos ofrece tamén a posibilidade da lectura ou consulta gratuíta en liña da totalidade ou parte do contido ou de adquirir a versión audiolibro. Os prezos das descargas son sensiblemente inferiores aos libros impresos en papel. Tamén ten un espazo de libros de descarga gratuita. O interese deste portal dixital é que ofrece formatos múltiples de lectura electrónica adaptados aos diferentes tipos de contidos. Os títulos en formato pdf están concibidos para a súa lectura con Adobe Reader sobre a pantalla de calquera tipo de ordenador. Outras posibilidades interesantes desta libraría dixital son a posibilidade de compra de determinados capítulos, partes ou artigos dun libro ou o encargo da súa impresión baixo demanda. O modelo de Numilog anticipa algunhas das tendencias que parecen detectarse como principais na comercialización e distribución de libros electrónicos: versatilidade, segmentación do contido e oferta de produtos de lectura para utilizar nunha multiplataforma dixital. Volveremos en futuras anotacións sobre este interesante modelo.
Barreras, orgullo de todos
No artigo da semana volvo sobre o interesante traballo de innovación tecnolóxica que desenvolve o estaleiro Barreras.
Bidibooks
Esta noticia de hoxe é interesante. Aproveitando a lectura dos códigos bidimensionais, os chamados bidibooks –editados pola editorial coruñesa Netbiblo– pretenden completar a lectura sobre un soporte analóxico coa dixital proporcionada por unha pantalla de teléfono móbil. Un intento de fusión entre libro impreso e móbil, unha lectura hipertextual apoiada na rede e nas súas aplicacións. Semella que esta nova tentativa recolle algunha das experiencias xaponesas de lectura sobre móbiles e o desenvolvemento da conectividade da telefonía de nova xeración. Ademais, esta é unha noticia moi significativa de como se move en Galicia a edición dixital. Con todo, e a pesar da evidente utilidade dos bidibooks para tipoloxías de edición específicas (como o das guías de viaxe), o sistema de lectura paréceme un chisco rebuscado. Porén, estoutra noticia, referida á aposta dalgúns grandes grupos de edición polo kindle paréceme máis significativa (polo que ten de tendencia).
Morreu o libro electrónico?
Interesantísima esta anotación de Joaquín Rodríguez sobre as dificultades de viabilidade do libro electrónico. Semella cada vez máis certo que fóra dun debate entre apocalípticos e integrados, son reais as dificultades para atopar un lector electrónico portable máis amigable que os actuais libros analóxicos. Isto non quere dicir, porén, que o proceso de dixitalización de determinados contidos sexa tan irreversible como necesario. Vexo cada vez máis claro que o futuro dunha edición viable e racional (que poña couto á inflacción editorial e ao mesmo tempo permita unha edición cultural de calidade) pode vir da edición dixital baixo demanda. Aí quizais estea un dos futuros do libro neste período de coexistencia de formatos e soportes.
Libros dixitais xa!
Keitai shousetsu, novelas no móbil
Hai meses en Trafegando ronseis (para min hoxe un dos mellores blogs en galego) dábse conta do fenómeno dos keitai shousetsu, novelas por entregas que os mozos e mozas xaponeses (de quince a vinte anos) baixan e len no móbil. Dicíanos que se trataban “en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos “manga”. Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente”. A anotación de ronseis remataba salientando que estas noveliñas cando eran, despois, editadas en papel acadaban vendas enormes.
Onte Bibliómano e Libros & Tecnología (outros dos meus blogs preferidos) volvían a facerse eco do fenómeno “keitai” salientando que en Xapón (un país con 78 millóns de móbiles) constitúe o fenómeno principal da “cultura telefónica“. O móbil serve para atender chamadas, escoitar música, enviar mensaxes de texto e de imaxe, ler novelas por entregas, utilizarse como moedeiro electrónico, tirar fotografías e vídeos ou mesmo recibir alertas en caso de terremotos… En definitiva, unha multiplataforma comunicacional de peto.
A verdade estes keitai shousetsu (habería que traducilos por novelas celulares) a pesar da súa importancia no mercado editorial, non semellan literariamente moi atractivos (apenas outra versión de produtos de lectura de consumo). Porén, este fenómeno xaponés sinala, outra vez, a tendencia da integración das utilidades de comunicación nun aparello portable multiplataforma, onde a lectura tería, por pequeno que fose, tamén o seu oco. O debate sobre os libros do futuro continúa.
O big bang dixital
A reportaxe de Babelia e outros textos sobre o big bang dixital provocado sobre o mundo do libro non achega grandes novidades. O texto que máis me interesou foi o de Edmundo Paz Soldán sobre “El ‘blog” y la literatura del siglo XXI“, no que se aposta pola consideración dun determinado tipo de blog como un novo “xénero literario”. Coincido con Paz Soldán en que “El blog debe abrirse al diálogo con las múltiples posibilidades interactivas de la red, hacer navegar al lector: un post debe contener muchos enlaces que nos lleven de aquí para allá (artículos, noticias, foros, blogs, vídeos). También permite que los lectores comenten los posts. Algunos blogueros lo impiden, lo cual va contra la naturaleza misma del blog: la posibilidad de interactuar de forma inmediata y sin filtros con los lectores, de hacer que los comentarios conviertan al post en un foro de discusión”. Efectivamente, o formato blog pode ir máis aló de ser un soporte de publicación electrónica (algo xa interesante), xa que pode aproveitar as posibilidades da textualidade electrónica. Eis un camiño a seguir explorando.
Ler libros na pantalla
A editorial Harper Collins ofrece no seu espazo web a posibilidade de ler libros completos (como a versión en inglés do libro máis recente de Paulo Coelho), aínda que non poden ser descargados nin copiado nin impresos. Os textos estarán dispoñibles para os lectores durante un mes. A directora da editorial considera que “o mellor xeito de vender libros é permitir ao lector a lectura do seu contido”. Tamén hai posibilidades de facelo dende o iphone. O dispositivo funciona de forma bastante amigable. Esta é unha iniciativa chamada a abrir un debate profundo sobre o emprego da rede na promoción editorial e da lectura, máis aínda cando está promovida por un dos grupos de edición máis poderosos do mundo. Seguirémola para poder valorala acaidamente.
Libros de mañá, a posición de Manuel Gago
Manuel Gago publica hoxe unha anotación importante, a raíz do debate sobre “Os libros de mañá“, ao que tantas referencias fixemos no blog. A posición de Gago resúmese no derradeiro parágrafo da anotación:“A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel.”
Pouco que obxectar a unha posición que como lector comparto, o mesmo que a da inevitable chegada dun dispositivo electrónico portable de lectura, que ha substituír, máis ou menos cedo ao papel impreso. O reto que temos por diante os editores é crear unha nova cadea de valor para esta nova tipoloxía de edición, algo que nestes momentos aínda está por consolidarse. O futuro a medio prazo da edición está na excelencia do contido e non, como até agora, na fabricación de unidades impresas e a súa distribución ao detalle. Agradécese unha achega esperanzadora como a de Gago.
Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica. 



