A reportaxe de Babelia e outros textos sobre o big bang dixital provocado sobre o mundo do libro non achega grandes novidades. O texto que máis me interesou foi o de Edmundo Paz Soldán sobre “El ‘blog” y la literatura del siglo XXI“, no que se aposta pola consideración dun determinado tipo de blog como un novo “xénero literario”. Coincido con Paz Soldán en que “El blog debe abrirse al diálogo con las múltiples posibilidades interactivas de la red, hacer navegar al lector: un post debe contener muchos enlaces que nos lleven de aquí para allá (artículos, noticias, foros, blogs, vídeos). También permite que los lectores comenten los posts. Algunos blogueros lo impiden, lo cual va contra la naturaleza misma del blog: la posibilidad de interactuar de forma inmediata y sin filtros con los lectores, de hacer que los comentarios conviertan al post en un foro de discusión”. Efectivamente, o formato blog pode ir máis aló de ser un soporte de publicación electrónica (algo xa interesante), xa que pode aproveitar as posibilidades da textualidade electrónica. Eis un camiño a seguir explorando.
A editorial Harper Collins ofrece no seu espazo web a posibilidade de ler libros completos (como a versión en inglés do libro máis recente de Paulo Coelho), aínda que non poden ser descargados nin copiado nin impresos. Os textos estarán dispoñibles para os lectores durante un mes. A directora da editorial considera que “o mellor xeito de vender libros é permitir ao lector a lectura do seu contido”. Tamén hai posibilidades de facelo dende o iphone. O dispositivo funciona de forma bastante amigable. Esta é unha iniciativa chamada a abrir un debate profundo sobre o emprego da rede na promoción editorial e da lectura, máis aínda cando está promovida por un dos grupos de edición máis poderosos do mundo. Seguirémola para poder valorala acaidamente.
Manuel Gago publica hoxe unha anotación importante, a raíz do debate sobre “Os libros de mañá“, ao que tantas referencias fixemos no blog. A posición de Gago resúmese no derradeiro parágrafo da anotación:
“A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel.”
Pouco que obxectar a unha posición que como lector comparto, o mesmo que a da inevitable chegada dun dispositivo electrónico portable de lectura, que ha substituír, máis ou menos cedo ao papel impreso. O reto que temos por diante os editores é crear unha nova cadea de valor para esta nova tipoloxía de edición, algo que nestes momentos aínda está por consolidarse. O futuro a medio prazo da edición está na excelencia do contido e non, como até agora, na fabricación de unidades impresas e a súa distribución ao detalle. Agradécese unha achega esperanzadora como a de Gago.
É moi interesante esta anotación de Calidonia sobre as razóns que o levaron a mercar un Sony Reader que pode axudarnos a valorar as posibilidades deste dispositivo de lectura electrónica. Seguiremos as súas anotacións de usuario que semellan, polo comentario que nos deixa nunha das nosas, moi favorables e demostran que esta cuestión está “máis aberta que nunca”:
“Adianto que para min o único inconveniente é o prezo, o cal non é un inconveniente a ter en conta, se atendemos á evolución da tecnoloxía e do mercado. O fetichismo ou o atractivo da presentación é unha cuestión que máis que un obstáculo á difusión destes trebellos é un criterio de segmentación do mercado de lectores. Quen lle confira a iso importancia é evidente que seguirán apostando por encher as estantes de papel. Quen non se importe con iso e coide que a obra, o contido, enche as súas expectativas de lectura, non terá, na miña opinión, ningún problema: nin de lectura (resolución superior á das edicións de peto), nin de portabilidade (2GB de libros nun moleskine!), nin de batería (centos de horas de lectura!). Antes ao contrario, os dispositivos de lectura presentan vantaxes sen igual que entroncan co mundo dixital. Imaxinan os textos da Galipedia automaticamente convertidos a un libro que se pode consultar (e navegar!) neste dispositivo. É só un exemplo. Por iso coido que non é só que o asunto no nestea pechado, senón que está máis aberto que nunca. E parece que si, que 2008 é xa o seu ano de despegue.”
Agradecemos a Calidonia tan interesante anotación. Quizais probemos con este dispositivo.
Esta explicación de Joaquín Rodríguez amosa moi claramente cáles son as razóns polas que ata agora veñen fracasando os e-books, os dispositivas de lectura electrónicos. Como ben sinala Martín Gómez (na anotación que enlzao, magnífica e oportunísima coma sempre) os dispositivos fracasaron por que non acertaron nin coa portabilidade (os libros impresos son máis versátiles aínda neste aspecto), nin coa comodidade para a lectura (a a interface das pantallas non superou á páxina de negro sobre branco do papel), nin coa usabilidade nin cun prezo suficientemente atractivo. Se a isto engadimos, que unhas tecnoloxías non teñen porque substituír ás anteriores e que o acceso aos contidos electrónicos continúa limitado, podemos agardar a existencia e a viabilidade dos libros analóxicos durantes uns cantos anos. Isto non quere dicir, porén, que este sexa un tema pechado.
Xavier Alcalá é dos primeiros autores galegos que propón unha reflexión pública sobre a utilidade dos libros sen papel. Alcalá, como tecnólogo que é expresa a súa posición, con prudencia, mais sen deixar lugar a moitas dúbidas:
“O libro sen papel está na rúa, conectado sen fíos á rede de redes, e capacitado para almacenar moreas de textos que se len comodamente pasando páxina ao premer un botón. Polo momento estes libros «electrónicos» non son baratos, pero a curva de aprendizaxe vainos converter nunha vulgaridade coma a dos teléfonos móbiles.”
Quen pode negar que o debate sobre o libro electrónico xa entrou na cultura galega?
Vía Martín Gómez coñezo as tendencias que para un gurú como Mike Shatzkin, previsiblemente, se desenvolverán na industria editorial internacional para 2008. Coincido con Martín Gómez que non se propoñe cousas moi diferentes das que non vimos ocupando nos blogs de libros e edición nos últimos tempos. Con todo, nunca está demais recollelas para botar man delas nalgún apuro. Aí vai o resumo que fixo Martín Gómez:
“Las previsiones de Shatzkin tienen que ver con aspectos tan diversos como la penetración del e-book, las cartas que jugarán los grandes desarrolladores de tecnología y proveedores de contenido implicados en este negocio, la relevancia que cobrará públicamente la figura del autor, la compra por parte de las editoriales de sitios Web especializados para obtener contenidos y alcanzar ciertos nichos de la audiencia, el auge de la venta de libros hechos a la medida del comprador gracias a la impresión bajo demanda, la evolución de la competencia entre las grandes cadenas de librerías, el replanteamiento de la estrategia de publicación de ediciones rústicas y de bolsillo, la consolidación del sector de los agentes literarios y el crecimiento de la utilización de Internet como canal promocional por parte de las editoriales.”
Continúa a procura dun estándar amigable para a lectura electrónica. A empresa española FacThor anuncia a comercialización dun dispositivo electrónico que permite a reprodución de contidos dixitais (libros e documentos diversos) “cunha calidade de lectura como a dun libro en papel”. Custa 350 € e xa se pode solicitar por teléfono. Como será?
Estes días sorprendeunos ler que Google pretende crear a súa enciclopedia web (bautizada como “Knol“, contración de “unidade de coñecemento”) coa intención de desbancar á Wikipedia. O mestre Juan Varela clarifica a estratexia do Google futuro: “Knol, el nuevo proyecto de enciclopedia en internet, es el último paso de Google para dejar de ser el Gran Buscador y convertirse en el gran medio con la receta mágica de esta era: tecnología, publicidad y contenidos.” Recomendo ler completa as dúas anotacións de Juan, son fulcrais para identificar as tendencias polas que pode transitar a web e a edición de contidos nos vindeiros anos. Un tema importante a seguir.
Este si que pode ser unha das modalidades do libro electrónico do futuro. Da factoría Amazon. Recomendo a lectura do comentario de Enrique Dans sobre esta nova intentona de libro electrónico:
“El anuncio me ha parecido bastante impactante: no se trata de un dispositivo para navegar, ni tiene WiFi, pero puedes navegar por un montón de blogs, periódicos y contenidos –incluido acceso gratuito a la Wikipedia- sin preocuparte de la conexión, que es vía EVDO a través de Amazon Whispernet, rápida (un libro se baja en un par de minutos) e incluida directamente en el precio de los contenidos que compras. Pesa menos de trescientos gramos, acepta tarjetas SD Card para que puedas llevar tus propios contenidos, te puedes enviar por e-mail documentos en .JPG, .GIF, .BMP, .PNG para verlos en el dispositivo, y la batería dura un par de días con la conectividad abierta, y más de una semana con ella apagada, pero se recarga completamente en dos horas. El Kindle sólo está disponible por el momento en los Estados Unidos (la red Amazon Whispernet está construida sobre Sprint, un carrier norteamericano), y por el momento no he visto fecha para su salida internacional.”
Non menos interesante é estoutro comentario de Comunicación Cultural: somos conscientes editores e libreiros das mudanzas que este novo aparello pode provocar?
Actualización (21-11-2007): Alfaias dá conta do fenómeno xaponés das Kentai bunko, novelas para ler no móbil. 20.000 subscritores anuais e unha facturación de 60 millóns de euros. Aí queda. Moi interesante son tamén os comentario sobre a presentación do kindle de Alessandro Martins, que o considera o futuro da lectura, e, nunha posición contraria, de Martín Gómez. O debate sobre o formato futuro do libro seguirá aberto.
Google maps acaba de introducir a posibilidade de que as súas buscas poidan ser publicadas nos blogs. Premendo en “establecer unha ligazón con esta páxina” aparece unha ventá, na que aconsello escoller a opción “personalizar e visualizar previamente o mapa que se inclúe”. Alí podemos escoller tamaño e copiar o código html para pegar na nosa anotación. Desde o blog poden utilizarse todas as utilidades e mesmo enlazar co mapa ampliado; así, as posibilidades de emprego didáctico, aumentan considerablemente. Eis a busca da miña oficina.
Esta interesante curta de anticipación, promovida polo grupo Editis, propón unha reflexión sobre o que poderá ser o futuro do libro: posible ou probable? Inevitable, diría eu. Recoméndoa.
Os blogs, google e, quizais, internet desaparecerána antes que os libros analóxicos? Cal é o ritmo da aceleración tecnolóxica? Eis un vídeo de especulación futurista que corre pola rede cunha visión tecnófila abondo determinista. Vía Juan Freire.
Aínda que non foi lanzado coa espectacularidade do iphone (unha marabilla!), o Sony reader é unha nova proposta de libro electrónico. Aparecido no mercado norteamericano hai catro meses, utiliza a tecnoloxía de tinta pasiva que imita a iluminación natural, o que permite ao usuario ter a impresión de estar lendo unha folla de papel (o que quere dicir que permite unha mellor lectura de pantalla que a maioría dos LCDs). Na tarxeta de memoria pode almacenar arquivos de textos, pdf, imaxes e formatos mp3. Sen mudar a batería ten capacidade para ler 25 libros (unhas 7.500 páxinas). Nos EE.UU. custa 280 € e as vendas din que son mellores do agardado, sendo consideradoun dos mellores gadgets de 2006. A verdade é que os e-books, ata agora, non acabaron de arrincar (as novas pedeás de HP xa nin sequera montan o reader). Será o Sony reader outra intentona fracasada? Nos vindeiros meses estará aquí á venda. Haberá que probalo.
Via Bibliomano sei da aparición nos Estados Unidos dunha máquina para imprimir e encadernar libros á carta. A impresión baixo demanda levada as súas máximas consecuencias: pode facer dous libros de 500 páxinas cada sete minutos! Chámame a atención o seu aspecto, semellante ao dun caixeiro automático. Con que nome a bautizamos?
Vía barbol cheguei a este vídeo onde Phillips presenta un prototipo de libro electrónico baixo a denominación de “dispositivo de tinta electrónica”. A verdade é que, a pesar desa pantalla desenrolada, aínda non lle vexo moito xeito como máquina dixital de lectura.
Vía Libreros chego a este espazo monográfico de Literaturas sobre Libros e tecnoloxía. Interesante para facerse cunha idea xeral sobre o debate no que vimos insistindo.
Hoxe no Ciberpaís aparecen dous importantes artigos que abordan a cuestión da dixitalización dos fondos textuais, feito (para min incuestionable) que rexeiten a maioría dos editores internacionais e que promove, fundamentalmente, Google. O traballo de Francis Pisani analiza o estado da cuestión, mentres que o de Eric Schmidt (director mundial de Google inc) defende abertamente a dixitalización como xeito de democratizar o acceso mundial á información. Nos próximos días, unha vez que pase o rebumbio das primeiras sesións do máster de edición, estudareinos máis devagariño.
O da dixitalización dos fondos analóxicos impresos (trinta e cinco millóns de libros dos que só o 10% están en dominio público) é un dos debates claves do novo paradigma da literacidade electrónica, xa que afecta ao papel tradicional dos editores e das bibliotecas, ademais das implicacións que supón para a regulación do dereito de autor e ao funcionamento do modelo actual de comercialización dos contidos textuais.
Leovixildo García Bobadilla, asesor xurídico do Grupo Filmax, abordou no Simposio a cuestión dos dereitos de autor en relación coas novas tecnoloxías. Foi a súa unha conferencia técnica interesantísima. Iniciou a súa intervención explicando que está en cernes o anteproxecto de reforma da Lei de Propiedade Intelectual, que, na súa opinión, presenta grandes eivas no que atinxe á edición dixital (a lei redactouse antes das novas posibilidades de edición, repetíndose, por pór un caso, constantemente a palabra “exemplares”), polo que presentará problemas, xa que non se explicitan asuntos concretos como os que debe recoller un contrato editorial no relativo a: -número máximo e mínimo de exemplares (na edición dixital descarga da obra?) -obrigas do editor (certificación da impresión, venda, existencia de exemplares, venda en saldo, tiraxe, etc como se resolven se a lei non o explica?) Este tipo de cuestións poden anular un contrato de edición, tanto por parte do editor como do autor se non se pactan antes e se refliten no contrato. No anteproxecto de reforma da Lei de Propiedade Intelectual non figura cómo se vai resolver para a edición electrónica o rexistro nin do ISBN nin do Depósito Legal. Actualmente na Comunidade Autónoma de Madrid, por exemplo, para unha edición electrónica non se esixe Depósito Legal, mais si, pola contra, en Catalunya. Para García Bobadilla no contrato dunha obra que vai ser editada electronicamente hai que contemplar distintas necesidades de explotación, mencionar o territorio (a explotación limitada a un só país non tería sentido) e a súa posibilidade de fragmentación (cando se trata de libros de consulta pode interesar pór á venda capítulos por separado, pero habería que explicitalo no contrato). Subliñou, tamén, a importancia que cobrarán as entidades de xestión colectiva da obra electrónica (Cedro, SGAE…) e de termos específicos xurídicos como o “dereito de sincronización”, que tradicionalmente só se usaba no cine (libro dixital con música), e “dereito sui generis” (a base de datos pode ter dereitos de autor á marxe da información contida nela cando se estime que por si mesma ten orixinalidade suficiente (obras de referencia por exemplo). Por último, abordou a cuestión das licenzas Creative Commons, de proxectos de dixitalización de obras en dominio público como o de Google Print,e da xerencia dos dereitos dixitais (DRM). Baixo este nome acóllense unha amplia variedade de sistemas que protexen o uso dos contidos dixitais e que poden controlar como se está movendo (accesos -número ou tempo de uso-, etc.). O asociacionismo de editores pode ser moi importante para este tipo de controis e mesmo para fornecer formatos de dixitalización aos seus asociados.
Noa Orizales presentou no Simposio unha panorámica moi completa sobre o estado en Galicia da teleformación, formación a distancia, e-learning, educación virtual, teleaprendizaxe, e-formación, telemática educativa, variadas denominacións para referirse ao novo sistema educativo que emprega internet como canle para a distribución e xestión do coñecemento. Na actualidade, conceptos como educación a distancia, educación virtual ou “blended learning” mestúranse entre si e coas novas tecnoloxías da aprendizaxe, dando orixe a unha nova era educativa, que está redefinindo os clásicos conceptos de espazo, tempo e alumno, para abrir un novo período, máis acorde coa Sociedade da Información na que estamos inmersos.
Noa Orizales debuxou un mapa da teleformación no noso país noso, dende as iniciativas pioneiras de Radio Ecca, Ciberuned e CESGA, dando conta logo das actuais experiencias universitarias de aulas virtuais de Santiago, Vigo e da Coruña e doutras experiencias promovidas pola Consellaría de Educación (Siega, Platega), concellos, deputacións, sindicatos e asociacións, e preguntándose polas razóns da paralización do proxecto da Universidade Virtual Galega.
Concluíu Noa Orizales a súa interesantísima ponencia propoñendo unha reflexión sobre as consecuencias da boa saúde da que goza a teleformación en Galicia, o que conlevaría para ela repensar o papel que no futuro terán os métodos de ensinanza tradicional. Consecuencia disto afirmou que “a edición tradicional ten moito camiño que andar, xa que se non quere converterse nunha reliquia de museo, deberá aprender a procurar novas vías de expansión e comunicación ligadas ás novas formas de distribución do coñecemento. O tradicional libro de texto impreso, tal e como ata o de agora o coñecemos, tende paseniñamente a converterse nun elemento secundario no proceso de ensinanza-aprendizaxe, deixando un maior protagonismo aos materias interactivos e dixitais”.
No Simposio foi moi interesante a intervención do editor Juan Blanco Valdés sobre o futuro da edición no contexto da aceleración tecnolóxica que se desenvolveu dende 1980. Juan (quen posúe un magnífico blo) fixo unha retrospectiva moi clarificadora do sucedido entre o “pizarrillo” e a bitácora e Google print sinalando que para el existiron tres momentos principais: a escola dos anos sesenta; o seu primeiro ordenador persoal (1985); e, o terceiro, a montaxe que realizou do primeiro web da universidade (1995), recordando que o primeiro web galego foi o da Facultade de Física (1993). Juan sinalou, logo, que para a historia da edición actual os dous momentos claves foron: o primeiro a creación do formato poscrit en 1985 (que supuxo o nacemento da autoedición), e, o segundo, a creación da web entre 1989-90.
Particularmente importante foi a reflexión de conclusión de Juan: “hoxe a preocupación sobre o soporte -dado o carácter manipulable do texto, e dado que todas as formas de edición teñen o mesmo obxectivo: manipular e transformar o texto-, debe dar paso ao da lectura. O anuncio realizado por Google de que en abril de 2006 contará con quince millóns de libros dixitalizados na rede abre posibilidades insospeitadas para o libro e a lectura”.
Conclusión moi clarificadora, que ben podería ser unha das principais do Simposio.
Certamente no Simposio non se abordou a cuestión do papel electrónico. Óscar González proporcionounos informacións sobre esta cuestión: o proxecto que o MIT leva desenvolvendo dende hai seis anos e a presentación dun lector de Sony e Philips na páxina de E-Ink que avala a tese de que o papel de celulosa pode ser substituído no futuro polo papel electrónico. Obigado, amigo Óscar González. Máis datos para a reflexión.
Na Mesa de experiencias de aplicacións educativas do Simposio, salientou a presentada por Carme García Mateo. O traballo do grupo de investigadores das tecnoloxías da fala e do sinal da Universidade de Vigo ao que pertence é tan interesante como escasamente coñecido fóra do eido académico. Carme presentou o funcionamento de varias aplicación: Cotovía (primeiro conversor de texto-fala en galego); Laverca (primeiro conxugar de verbos galegos) e Transcrigal DB (base de datos de programas da TVG, que se pode consultar como unha auténtica hemeroteca audiovisual entre 2002 e 2004). Este grupo tamén promove o proxecto de TelCorreo (cliente de correo electrónico por teléfono) e outras aplicacións para a axuda a persoas discapacitadas. Recomendo visitar as páxinas das aplicacións.
Xa está operativa en castelán a versión beta de Google print. Consultando a páxina de Catuxa (sempre alí hai sorpresas) un pode facerse unha idea cabal das posibilidades e dos problemas deste novo buscador que pretende indexar a información e os contidos existente en millóns de libros. Non hai dúbida de que para os editores este sistema pode supoñer un xeito de promocionar os seus libros, ao tempo que transformar, un pouco máis, a estrutura do proceso de edición. Móvese e de forma moi acelerada o mundo da edición internacional. Polo momento, non está de mais ensaiar co buscador para atopar as súas posibilidades.
Efectivamente, o xerador funciona de forma impresionante. Velaí o primeiro poemario electrónico galego. Poetas e editores convencionais debemos tomar moi boa nota. Beizóns para os aduaneiros.
Quen teña dúbidas da eficacia da lectura en pantalla, pode consultar aquí. Unha tecnoloxía que permite pasar publicacións impresas en papel a soporte web. A calidade da lectura é sorprendente e a interface amigable. O programa tamén permite facer zoom sobre cada páxina e nalgúns casos establecer enlaces. Un programa a ter moi en conta, sobre todo, para recuperar na rede revistas impresas.