Para algúns comentaristas é un lugar común afirmar que Vigo ten tres alcaldes: o do Campo de Granada, o das Avenidas e o do recheo de Bouzas. Un xeito irónico de expresar a escasa cooperación institucional, cando non aberta competencia, entre as tres administracións (o concello, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca), que operan sobre a nosa cidade. Nin sequera aqueles triunviratos monocores dos anos da movida (Manuel Soto na praza do Rei, Elena Espinosa no porto e Francisco López Peña na Zona Franca) ou dos noventa do ciclón fraguista (Manuel Pérez, Juan Corral e Pablo Egerique) foron capaces de que estas tres institucións –tamén tres administracións, local, autonómica e estatal– artellasen un sólido proxecto de desenvolvemento estratéxico para o Vigo Metropolitano.
Coa moi honrosa excepción do fito senlleiro do proxecto “Abrir Vigo ao Mar” nos anos noventa, financiado pola Zona Franca, mais concibido polo goberno tripartito presidido por Carlos G. Príncipe, e comezado a executar sendo alcalde Manuel Pérez, magoadamente non existiu na nosa cidade portuaria un modelo de cooperación estable entre estas tres institucións. Máis aínda, durante a pasada década, xa retirada a Zona Franca da pelexa polo liderado do proxecto vigués, unha loita a cara de can estableceuse entre os responsables do porto e do concello. Cando Corina Porro presidía en minoría a corporación municipal (2004-2007), Abel Caballero dende a Autoridade Portuaria (2005-2007) disputáballe o liderado no deseño urbano do perfil litoral; cando Caballero presidía o goberno municipal de coalición, Porro dende o porto (2009-2011) dirixía a súa estratexia para recuperar a alcaldía. Unha loita estritamente política que, sen dúbida, pexou tanto no óptimo funcionamento das actividades portuarias, onde está unha boa parte da actividade económica metropolitana, como no desenvolvemento urbanístico da beiramar, o espazo de lecer e encontro preferido polos vigueses.
O fallo recente do Xulgado Contencioso-administrativo de Vigo, que dá a razón ao concello sobre a paralización da reforma das naves do Berbés, que Corina pretendeu transformar en restaurantes e logo en Museo do Porto, ademais de solucionar un conflito urbanístico, ten gran importancia política xa que amosa a imposibilidade da Autoridade Portuaria de actuar sobre os espazos portuarios de forma unilateral, sen contar coa preceptiva licenza outorgada polos técnicos municipais. Un fallo que, xunto ao rotundo fracaso da estratexia trampolín de Porro de auparse dende as actuacións do porto á alcaldía, debería liquidar de vez esta competencia interinstitucional, só atribuíble aos intereses de partido, mais tan paralizante para os intereses xerais da cidadanía. Dalgún xeito, con este fallo (e outros que, previsiblemente, virán) tamén queda superado o modelo do triunvirato institucional, e só o alcalde elixido polos votos dos veciños ostenta a lexitimidade de representar o proxecto urbano en todo o límite municipal, incluído o do perímetro do porto. Dificilmente poderá Ignacio López Chaves, o novo presidente da Autoridade Portuaria, continuar coa estratexia da súa predecesora de facer oposición municipal dende a súa cadeira da Praza da Estrela, cando sabe, ademais, que o seu partido ten moitas posibilidades de poñer en moi serias dificultades a unha alcaldía, condicionada polos nacionalistas a gobernar en minoría.
No entanto, moitas e importantes tarefas debe enfrontar López Chaves, neste momento de crise da economía metropolitana, onde é imprescindible a achega portuaria. Non lle vai ser doado –aí temos a crise brutal que está sofrindo o aeroporto de Peinador– desbloquear o proxecto da autoestrada do mar, que debería unir de forma permanente o porto de Vigo co bretón de Sant Nazaire. Como tampouco o será o de solucionar os problemas existentes para a posta en marcha da PLISAN, a plataforma loxística de Salvaterra, promovida pola Autoridade Portuaria de Vigo, xunto coa Zona Franca e a Consellaría de Medio Ambiente. Como tamén se poñerá a proba a súa capacidade proactiva para abrir un diálogo amplo co concello, tanto co goberno municipal como cos grupos da oposición, de cara a acadar ese consenso necesario sobre o Plan de Usos do Porto, que poña de vez orde no actual caos existente nos terreos portuarios, onde se mesturan actividades, que moi pouco teñen que ver coa actividade produtiva vinculada ao mar, e garantice un crecemento das instalacións portuarias (o que non debería supoñer novos recheos) compatible coa protección medio ambiental da ría. Sen esquecer, que Chaves deberá abordar temas de interese cidadán como a mellora do transporte de ría ou a apertura das instalacións portuarias para o lecer dos vigueses. Moita faena, don Ignacio.
Nacín no Pirulí. O meu berce estivo entre a Falperra e o Paseo de Afonso. Meu pai era fillo dun emigrante de Malva, un pobiño de Zamora, e miña nai dun ebanista do Couto. Na casa nosa non tivemos aldea ningunha da que botar man. Son, pois, un deses vigueses de Vigo, educados na casa e na escola en castelán durante o Tardofranquismo. E son, tamén, un deses vigueses que fala sempre galego, unha lingua na que decidín instalar a miña vida dende aquel mes de agosto de 1975. Foi aquela unha decisión adolescente que, como outros moitos membros da miña xeración de neofalantes vigueses, mantiven con fidelidade e firmeza, a pesar de que non é doado nin cómodo facelo nunha cidade na que agroman hoxe faíscas de intolerancia galegófoba.
Sei que algunhas persoas pensan que o meu patrón lingüístico –falo en galego con todas as persoas– é froito das miñas profesións de editor e mestre ou das miñas conviccións galeguistas. Dúas das condicións, xunto coa procedencia aldeana, que para algúns explican as razóns de que non empreguemos por defecto o castelán, en Vigo a lingua considerada de uso preferente. Un reducionismo falso e inútil para explicar o estatus actual do galego e os prexuízos tecidos arredor do seu emprego nunha cidade de acollida, de orixe aldeana e mariñeira, tradicionalmente agarimeira coa cultura e lingua de noso.
No entanto, os galegofalantes enfrontámonos decote a situacións pouco agaradables nos espazos públicos vigueses. Pedimos un “café con leite morno, por favor” e se nos solicita a confirmación como “café con leche templado”, recibindo un eco semellante ao dos estranxeiros que solicitan “warm coffee with milk”. Outro tanto pode acontecer no restaurante cando pedimos robaliza e se nos responde que “hoy no le tenemos lubina”, unha mostra da pobre competencia lingüística como a moi escasa empatía do servizo destes establecementos coa súa clientela. Outrosí acontece nalgúns taxis onde teño comprobado que só con indicar o destino en galego pode ser considerado polo condutor como unha falta de cortesía ou de respecto polo seu traballo. Molestias semellantes prodúcense se cando acudimos a unha consulta médica ambulatoria pretendemos ser atendidos oralmente en galego polo persoal sanitario. Por non falar xa das escasas posibilidades de resolver en galego un asunto nun dos xulgados vigueses, a pesar do dereito que nos asiste, ou de formalizar un trámite nunha das notarías da cidade, onde se solicitamos que un testamento ou unha hipoteca se formalicen en galego, é moi frecuente que se nos ofreza nun prazo de tempo moi superior ao previsto para a súa redacción en castelán.
En todos os ámbitos citados, o castelán é sempre considerada como a lingua por defecto, a lingua escollida, no mellor dos casos, para iniciar o intercambio comunicativo, relegando o galego a un segundo plano, o da lingua subsidiaria, propia dunha minoría en inevitable decadencia. Unha situación que os galegofalantes enfrontamos con paciencia, ironía e cordialidade infinitas, que como sinala Carlos Callón no seu último libro, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011), son as mellores ferramentas para desmontar os prexuízos e as falsidades tecidas arredor do noso idioma. Moi lonxe de desistir na nosa difícil angueira de vivirmos en galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística aconsella conxugar tres verbos para que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas de normalidade: “usar, escoller e solicitar”, aos que eu engadiría os de “ler, escribir e sorrir”.
Non dubidemos en solicitar o servizo en galego alí onde non nolo ofrezan: “por favor, podería ser en galego [a factura, o contrato…]”. Escollamos en galego os servizos onde xa teñamos esta posibilidade: no móbil, no Facebook, no Tuenti ou no caixeiro automático. E, sobre todo, usemos o galego con amabilidade en todos os eidos da vida social, sen o deber de dobregarnos a abandonalo polo feito de que o noso interlocutor utilice o castelán. Ademais, podemos escribir en galego en todas as nosas comunicacións, dende anotacións nas redes sociais, correos electrónicos ou cartas aos xornais; como podemos escoller en galego unha oferta de lectura cada vez máis ampla e de maior calidade. Os milleiros de galegofalantes urbanos, conscientes de que unha lingua é un mercado, tamén podemos escoller o galego como outro criterio de consumo responsable, apostando por aqueles produtos etiquetados en galego, aqueles establecementos que tamén atenden en galego ou por aquelas empresas que o utilicen na súa publicidade.
Quen pode dubidar que as políticas públicas de promoción e uso do galego, sobre todo no eido educativo, son decisivas para o seu futuro? Mais tamén, quen pode facelo da importancia do compromiso de cada un de nós, da lealtade que manteñamos co seu emprego? Eu leo e escribo en galego; uso, solicito e escollo o galego.
Tras “Os adeuses” de Alberto Martí, a sede viguesa da Fundación Barrié acolle outra exposición para non perder, “Ricard Terré. Obras maestras”, unha antoloxía de máis dun cento de pezas do fotógrafo afeccionado catalán instalado en Vigo. Acompañada, ademais dun catálogo de coidada edición (magoa do seu prezo elevadísimo), onde destaca a completísima cronoloxía preparada por Laura Terré, esta exposición da Barrié permite ao público vigués gozar do traballo deste grande fotógrafo humanista, artesán da sutileza compositiva, cazador de emocións e olladas, indagador discreto da esencia da condición humana, modernizador rotundo da linguaxe da fotografía documental nun tempo de silencio. Unha antolóxica que, despois do seu falecemento hai apenas dous anos, volve reivindicar en Vigo a figura principal de Terré, de quen xa en 1991 Manuel Sendón e José Luís Suárez Canal prepararan unha exposición visitadísima na Casa das Artes e a quen Manuel Sendón dedicara un pioneiro achegamento biográfico e un estudo da súa obra nas páxinas de Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionda en Galicia (1950-1965) (Xerais 1999).
Chegado a Vigo en 1959, onde se instalou por razóns familiares e onde montou Spica S.L., un pioneiro comercio de electrodomésticos e de aparellos de alta fidelidade, situado en Gran Vía 6, Terré realizou en 1961 a súa primeira exposición na cidade nosa en Foto Club, a tenda de material fotográfico e de molduras da rúa do Príncipe que dispuña dun pequeno espazo dedicado á exposición de pintores locais. Aquela mostra alboral, na que Terré amosaba a súa vontade inequívoca de fuxir do clasicismo bucólico, característico da fotografía dos salóns de afeccionados do seu tempo, foi visitada por todo tipo de público, demostrando que a fotografía podía interesar a calquera persoa con inquedanza artísticas. Un fito que, ademais de poñelo en contacto con intelectuais como Fernando Alonso Amat, Alexandre Cribeiro, Pepe Bar Boo ou Méndez Ferrín, supuxo para Terré algúns encargos profesionais como o que lle fixo o alcalde Rafael J. Portanet de decorar a gasolineira da Praza de España ou a sala de xuntas da Zona Franca. Un traballo como muralista fotográfico no que chegou a preparar 144 pezas para empresas e mesmo casas particulares viguesas, nas que nunca renunciou ao seu carácter gráfico e a introducir en cada peza unha citación poética ou irónica, senllos riscos de toda a súa obra.
Fora en Vigo, tamén, onde cinco ou seis anos antes, durante os veraneos coa súa dona viguesa, comezará a interesarse pola fotografía, ao que non foi allea a amizade familiar co xoieiro Rainiero Fernández, outro fotógrafo “amateur” que o familiarizou coa técnica fotográfica e o introduciu nos círculos da Agrupación Fotográfica Gallega de Vigo. No en tanto, cando Terré se instala de forma definitiva en Vigo, xa é un fotógrafo feito, que ten acadado prestixio de seu nas exposicións colectivas organizadas en Barcelona pola Agrupación Fotográfica de Cataluña, formando parte do grupo TMM (Terré, Miserachs, Masats). Así se demostra nesta antolóxica comisariada por Chema Conesa en pezas memorables como as da Semana Santa de Sant Boi, a reportaxe do circo ou os retratos roubados nas rúas de Barcelona, onde a súa ollada irónica e o seu afiadísimo sentido do humor equilíbranse cunha tenrura tan elegante capaz de descubrir nas persoas comúns, as máis humildes, aquilo que non se ve ou o fotógrafo por pudor e respecto deixou fóra do seu foco.
Outrosí sucede coas reportaxes realizadas na Galicia tradicional, un dos seus espazos preferidos. Singular importancia teñen na exposición algunhas pezas rescatadas da romaxe de Santa Marta de Ribarteme, fotografada por Terré até nunha ducia de anos cunha intención inequívoca e honesta de deitar unha ollada que na escenificación do tránsito da morte enxergase a esencia do humano. Esa é a intencionalidade sobranceira de todo o seu traballo, procurar os espazos da alma, ese espírito do humano que constitúe a esencia fundamental que permanece no tempo. Quizais fose esa a razón pola que Terré non quixo modificar nunca a súa técnica ao longo de toda a súa andaina (utiliza sempre o mesmo material, película Ilford de 400), renunciando a empregar a cor, procurando a maior simplicidade, xa que para el unha foto é apenas ese medio capaz de deter o tempo e limitar un espazo para amosar o que á maioría das persoas pasa desaparecibido. Nese enfoque humanista, ao noso artista non lle interesa o caso concreto, retrata os vellos ou os picariños, os ataúdes, os exvotos, as túnicas relixiosas ou os disfraces inquedantes do entroido, para identificar nese espazo do dramático o adn universal do ser humano. Recomendo moi vivamente visitar esta exposición, aberta até o 30 de outubro. Conmovedora e emocionante.
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a necesidade de acadar un consenso arredor da Lei da Área Metropolitana de Vigo (AMV).
O resultado das municipais do 22-M trasacordou a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo (AMV). O fracaso do Partido Popular en Vigo e dos gobernos de coalición de socialistas e nacionalistas en Redondela, Cangas e Moaña desequilibrou os compromisos adquiridos –non me atrevo a empregar o termo “consensos”, xa que non foron asinados– antes da convocatoria electoral polos tres partidos arredor da Lei da Área Metropolitana de Vigo.
Tras máis dunha década de complexa tramitación lexislativa, na que houbo acordos e trasacordos abondos sobre o carácter desta nova entidade local concibida naquela alboral “Declaración de Soutomaior” de 1999; tras ter superadas as dificultades de determinar cales serán os concellos (14) que formarán parte da súa contorna inicial, na que se barallaron mapas máis ou menos amplos; tras ter acadado acordos sobre as súas competencias e servizos básicos a ofrecer, no que atinxe a temas claves como a xestión concertada do tratamento e abastecemento de augas, do saneamento, da xestión de residuos ou do transporte de viaxeiros, o proxecto do Vigo metropolitano pode volver quedar encallado nas pedras do partidismo por mor da imposibilidade de chegar a un acordo sobre quen debe presidir o ente metropolitano e cal debe ser o papel da Deputación Provincial de Pontevedra.
Ningún destes trasacordos son menores e ambos os dous teñen carácter político, ligado ao recente resultado electoral do 22-M. Con toda certeza, se Corina Porro fose a alcadesa elixida polos vigueses, o grupo parlamentario do Partido Popular de Galicia non tería introducido na lei as emendas que permitirían que a área fose presidida por calquera dos 47 concelleiros que forman a asemblea da entidade ou que a Xunta de Goberno da AMV non fose formada só por alcaldes. Unha perrencha inxustificable do PPdeG, que amosa a escasa consideración que a dirección dos conservadores teñen no só coa primeira cidade do país, senón coa organización e cos militantes do seu propio partido na cidade nosa. Non se concibe racionalmente que Vigo, a quen só representa o alcalde lexitimamente escollido pola súa corporación, non presida a AMV, tanto polo peso da súa poboación (o 62%), como pola importancia dos servizos e recursos económicos que cedería ao ente metropolitano, como polo carácter vertebrador da cidade sobre a área, tanto no que atinxe ao eido económico (porto, industrias e rede comercial) coma os servizos territoriais públicos (dende os hospitais, xulgados, entidades mercantís até a propia Universidade de Vigo). Concibiría algúen que a sede da AMV non estivese radicada en Vigo? Hai razóns para que sexa diferente a presidencia?
Que a alcaldía de Vigo non fose a que ocupase a presidencia da AMV sería unha anomalía política, ao tempo que, quizais, provocaría un efecto de desimplicación, cando non de aberto rexeitamento emocional dunha parte da cidadanía viguesa sobre a entidade metropolitana. Aínda que lle doa, o PPdeG ten que asumir o fracaso da súa estratexia en Vigo encabezada por Corina Porro e recoñecer que Abel Caballero debe ser o presidente dun ente metropolitano no que estará en clara minoría. Esa presidencia da alcaldía viguesa, condicionada pola necesidade de acadar acordos e consensos nunha asemblea metropolitana de maioría popular –onde se aprobarán cuestións decisivas como as ordenanzas e tarifas ou a incorporación de novos concellos–, pode ser unha fórmula eficaz para alicerzar un proxecto ao servizo dos intereses xerais de todos os concellos e toda a cidadanía, sen ningún tipo de exclusión nin de presidencialismo caciquil.
Outrosí sucede co papel da Deputación de Pontevedra. Fálase das competencias e servizos que a Xunta e o concello de Vigo cederían ao novo ente metropolitano, mais nada se sabe daquelas que cedería a da entidade presidida por Rafael Louzán, moi importantes no que atinxe a axudas e subvencións, sobre as que os responsables do PPdeG manteñen silencio, mesmo o vicepresidente Figueroa, novo líder do partido conservador en Vigo.
Sen consenso político e sen compromiso de redeseño da administración territorial do conxunto do país –falamos do papel das deputacións, mais tamén da redución do número de concellos–, non é viable a posta en marcha con éxito da AMV. Impoñerlle a Vigo a ferro e fariña un modelo metropolitano partidista, como pretenden Feijóo, Rueda e Louzán, sería outro erro, semellante ao que incorreron coa fusión das caixas ou coa paralización do proxecto da nova depuradora, que os populares vigueses pagaron coa súa derrota municipal. A creación das áreas metropolitanas é un proxecto que precisa de doses elevadas de consenso e xenerosidade política, como reclamaba aquela bendita “Declaración de Soutomaior” de 1999. Un espírito que se debería recuperar.
A pasada semana un dos videoclips máis exitosos de Internet foi «El Tiempo Futuro», unha das cancións de «Están ustedes unidos», o segundo disco de Eladio y los Seres Queridos, o grupo vigués que actuará o xoves na primeira xornada do “Vigo Transforma 2011”. Parella artística de Germán Fandiño en Tony Lomba & Elio dos Santos e compoñente que foi de formacións independentes como Starlux, Medusa ou The Foggy Mental Breakdown, Eladio Santos (Vigo, 1973) presentará no peirao vigués as cancións deste disco memorable, de son potente, musculoso e agarimeiro, chamado a converterse no máis importante da súa carreira e capaz de abrirlle o interese de públicos diversos.
Entre a ducia de melodías bonitas e voces claras, nas que Eladio relata historias cotiáns interesantes e ofrece reflexións comprometidas, chama a atención «El Tiempo Futuro«, un dos himnos máis luminosos e acaídos que se teñan dedicado a Vigo, na liña das mellores achegas de Siniestro Total ou Os Resentidos, creadores da «civilización Vigo» daqueles anos oitenta da salvaxe reconversión naval. Trinta anos despois, esta canción tranquiliña de piano e cordas, de melodía moi amable expresa o carácter austeramente revolcado desta cidade nosa construída co esforzo e a inxenuidade xenerosa da súa cidadanía seguindo o ritmo marcado polas sirenas. «Baixo a chuvia medramos máis fortes», «agardamos ao ano que ven, esa loucura é a que hai que crer» son algunhas das afirmacións de Eladio para expresar esa temperanza tan nosa, ese espírito retranqueiro capaz de estragar un penalti no momento máis decisivo e que a inevitable desolación que iso provoca apenas dure uns minutos e ocupe para o duelo colectivo unhas cantas páxinas no Faro. Como é certeiro o remedio que propón de asumir que, nestes tempos tamén de crise, o “tempo do futuro está aquí”, asumindo os riscos de continuar soñando a cidade día a día. Unha proposta de corresponsabilidade moi de agradecer, presente tamén noutros temas como «Eso no es así», «Toneladas de la nada» ou «Están ustedes unidos», que dá título a un traballo no que se reafirma esta mensaxe positiva e agarimeira, esa confianza nas persoas e nas posibilidades de actuar unidas.
Particular interese da proposta de Eladio Santos sobre o Vigo actual ten a peza audiovisual de tres minutos e medio dirixida por Alberto Baamonde e producida por Iria Pinheiro para Zinqin e Esmerarte. Unha marabilla para os ollos, chea de cativos detalles larpeiros para identificar nunha cidade que se presenta luminosa, colorista, dinámica, bonita onde bolen os transportes e a presenza da ría e dos seus portos reclama ese protagonismo que tantas veces se lle roubou. Dende a primeira imaxe («Arrecende a leña a cidade»), as leiras entre os edificios, inequívoca testemuña do noso carácter simbiótico; pasando polo protagonismo das imaxes da Panificadora, da oliveira do Paseo de Afonso, da desfeita urbanística do Casco vello, da acampada dos indignados da praza da farola (de Galicia), da praia de Samil, da costa da Gran Vía, do estadio de Balaídos, do Castro, dos edificios da Travesía, das latas e dos guindastres de Guixar, dos coches da Citröen en Bouzas, da Guía e das instalacións da ETEA, do intenso tráfico industrial da autoestrada, das procesións dos católicos, dos cruceiristas que nos visitan fugazmente, da dureza do actual Campo de Granada, das lonxas do Berbés, da praza das Travesas, dos xardíns do Pazo de Castrelos, da silueta do Museo do Mar, dos soños do Marco, do edificio de Asefal, das Cíes ao lonxe, o Sireno entre o lusco e fusco, deica as derradeiras e moi fermosa do baile sobre a auga das rapazas do equipo de sincronizada do Náutico debuxando na piscina as estelas do futuro compartido, este vídeo arrecende a salitre e pedramol, unha expresión euforizante do optimismo da vontade (“se é inxenuo, que máis dá”), probablemente unha das estratexias máis eficaces nos tempos difíciles. Son perfís, apenas liñas que definen un macrorretrato da nosa abella da ribeira, esoutra afanosa cidade portuaria atlántica.
Este vídeoclip enfróntanos de forma emotiva co exercicio difícil de determinar cales son os compoñentes da identidade viguesa, unha cidade que sabemos en crise permanente, capaz de facer e refacer a sua fasquía ao longo da súa historia bicentenaria, capaz de soportar durísimas reconversións industriais e os máis mediocres liderados institucionais, mais da que temos dificultade para identificar elementos indiscutibles de permanencia. Eis quizais resida unha das cuestións máis decisivas para a planificación estratéxica que precisamos, ese tempo futuro (metropolitano e en mudanza profunda) no que xa vivimos. A actual crise económica, social e política, unha crise de carácter global obrigará a reformular os proxectos urbanos e os servizos ofrecidos polas diversas administracións locais. Ese é o tempo futuro.
Este vídeo vigués é marabilloso. Arrecende a salitre e pedramol. Xa sei que será para o ano que ven, xa sei que esa loucura é a que nos mantén. Que grandes verdades para unha cidade permanentemente revolcada. Apostemos polo optimismo da vontade. O tempo do futuro está aquí. Beizón!
“Galicia é terra de adeuses” dixo Ramón Otero Pedrayo no discurso que pronunciou no paraninfo da Universidade de Santiago con motivo da inauguración do curso 1954-55. Esta frase rotunda, case un manifesto en cinco palabras que subliña a condición emigrante do pobo noso, foi recuperada na fermosa presentación que Ramón Villares escribiu para o catálogo da exposición Os adeuses do fotógrafo coruñés Alberto Martí Villardefrancos, aberta até onte nas instalacións viguesas da Fundación Barrié. Froito da colaboración da Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega, esta mostra itinerante memorable, inaugurada xa o pasado ano na Coruña, contribúe a construír a memoria do acontecido nas estacións marítimas da Coruña e Vigo hai máis de cincuenta anos. Daquela, Venezuela e Arxentina, sobre todo, e, en menor medida, Brasil e Uruguai, foron os destinos escollidos por máis de trescentos mil emigrantes galegos para inventar as súas vidas. Unha cifra elevadísima, arrepiante –supuña o cincuenta por cento do conxunto da emigración española a ultramar entre 1950 e 1970– que amosa canta verdade atesouraban as palabras de Castelao: “o galego en troques de rebelarse, emigra”.
A dor e a tristeza daquel éxodo de milleiros dos nosos compatriotas, que enxergaban alén mar un futuro que daquela en Galicia se lles negaba, quedou inmortalizado na fotografía que Manuel Ferrol fixera no peirao da Coruña en novembro de 1957, mergullado entre os emigrantes, que embarcaban na derradeira travesía do Juan de Garay rumbo a América, e os familiares que foran a ofrecerlles o último aloumiño. Esa extraordinaria foto –na que aparecen un pai e un fillo, Xan e Xurxo Calo, veciños de Fisterra, desfeitos e bagoantes despedindo á nai e a dous irmáns do primeiro– constitúe a icona máis internacional da fotografía galega, formando parte da colección permanente do Museo da Fotografía de Columbia e sendo reproducida en diversas historias da fotografía universal como exemplo dun dos mellores documentos gráficos da humanidade. Aquela fotografía, realizada ao abeiro da reportaxe que sobre a emigración masiva galega lle encargara a Ferrol a Comisión Católica de Emigración, foi publicada por vez primeira en Arxentina, en xuño de 1958, por Luís Seoane na revista “Galicia emigrante”, que a recibira de mans de Isaac Díaz Pardo. Oito anos despois, xunto a outras seis da mesma reportaxe, foi incluída no libro “Galicia hoy”, publicado por Ruedo Ibérico. Dende entón, a foto dos Calo foi considerada como a denuncia máis contundente da emigración nosa durante o século XX.
As fotografías dos adeuses de Alberto Martí non desmerecen de maneira ningunha a emoción e a calidade daquela magnífica e tan gabada reportaxe de Manuel Ferrol. Realizadas na mesma época e no mesmo escenario, estas setenta e tres imaxes, que o veterano fotógrafo coruñés mantivo inéditas até agora, posúen a potencia visual e a sutileza compositiva abondas para captar o estado da alma emigrante en momentos decisivos de transo como son os das saídas e as chegadas. Organizados en tres apartados (a ida, a volta, e a chegada ao porto de Vigo do “Santa María” en 1961, tras o secuestro do DRIL), cada un destes cartaces retrata unha historia secreta do que supuxo a emigración para milleiros de persoas, dende o latexo inicial da saudade, modulado a medida que o buque se afastaba do peirao, até a inevitable incerteza do regreso.
Nesta mostra o espectador atopará fotografías marabillosas, emocionantes, impactantes. Eis ese retrato de gran modernidade, utilizado para a cuberta do catálogo e para a promoción da mostra, de catro persoas de costas saudando cos panos de man aos seus seres queridos, a máis elegante expresión da saudade que nunca vira. Outrosí sucede coa dureza das escenas que retratan o rebumbio das aduanas, onde os emigrantes quedaban espidos, privados de calquera intimidade, mentres os axentes remexían sen o menor pudor nas maletas. Ou coa emotividade de retratos excepcionais dos nenos que perderon o barco, da meniña sentada entre maletas, da rapaza que en cuberta fai de nai cos seus irmáns pequenos, da monxa saudando dende o camarote á súa chegada ou das avoas subindo a bordo co seu obxecto máis querido, un tallo. Mención á parte merece o documento excepcional da presenza do fotógrafo do minuto fotografando no peirao (quizais a peza que recolle mellor o sentido desta mostra), coa intención de captar para sempre a esperanza depositada no derradeiro adeus ou a quentura da primeira apreta tras o reencontro.
Cos estes adeuses e apretas, Alberto Martí desvelou unha fascinante paisaxe humana que contribúe á renovación da iconografía sobre o fenómeno emigratorio galego, a nosa grande epopea colectiva. Coñecela é imprescindible para entender a historia recente de Galicia.
O alcalde de Vigo tivo a deferencia de encargarme a redacción do texto do Bando do Día das Letras Galegas.
Vigueses e viguesas:
A nosa cidade bicentenaria foi en 1963 berce do 17 de maio, o Día das Letras Galegas, unha efeméride creada pola Real Academia Galega a instancias de don Francisco Fernández del Riego, o noso insigne conveciño cuxo pasamento choramos hai uns meses. Unha data escollida para conmemorar o centenario da publicación en Vigo, na imprenta que Juan Compañel rexía na rúa Real, da edición príncipe de Cantares gallegos, o primeiro poemario en galego de Rosalía de Castro. En tempos moi difíciles, cando se negaban as nosas liberdades e o idioma galego carecía de calquera tipo de recoñecemento ou protección, aquela gozosa epifanía celebrada nos salóns da vella casa do concello da praza da Princesa para festexar a proeza rosaliana arraizou devagariño no noso pobo.
O 17 de maio é a festa maior da nosa lingua, da nosa literatura e da industria do libro galego. Hoxe corresponde homenaxear á figura de Lois Pereiro, ese poeta dono da palabra exacta, o poeta do amor resucitado que camiñou en silencio deitando a furia necesaria. Un poeta insurxente capaz de provocar nestes días un vento mobilizador de forza abonda para seducir aos lectores e lectoras máis novos, intensificando a presenza da poesía galega no conxunto da nosa sociedade. Un éxito colectivo do que todos sentimos fachenda e ao que todos responsabiliza na súa continuidade futura.
«Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra», escribiu Francisco Fernández del Riego para expresar o carácter dinámico, emprendedor, innovador que posúe a cidade nosa. Un pulo modernizador que nos levou a liderar os camiños do mar e do desenvolvemento industrial do noso país. Unha luz emprendedora que dende hai sesenta anos permitiu que editores como Xosé María Álvarez Blázquez, Xaime Illa Couto ou o xa citado Francisco Fernández del Riego tomasen a remuda de Compañel e convertesen a Vigo na actual capital editorial de Galicia. Un sector, o da edición, estratéxico para o país, como para a cidade de Vigo, tanto polo considerable nivel de emprego especializado que achega como polo seu papel fulcral para a mellora da calidade da educación, para contribuír ao incremento dos índices de lectura e para promover a proxección da lingua e da literatura galegas no mundo.
Ás portas do cincuentario daquela creación cultural anticipatoria da Real Academia Galega, a celebración deste punxente Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro coincide, ademais, co “Día de Internet” ou “Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información”, efeméride promovida pola ONU coa intención de achegar a toda a cidadanía os beneficios de Internet e das tecnoloxías da comunicación. Unha coincidencia ventureira para a nosa lingua que nesta súa xornada de festa primeira ten a oportunidade de vencellarse máis estreitamente coa innovación e coas mudanzas profundas introducidas polo modelo da comunicación cultural dixital e as utilidades do hipertexto. Porén, a indubidable vantaxe que para o galego supón camiñar da man de Internet, onde conta cunha presenza destacada, non pode facernos agochar que a nosa lingua vive un dos momentos máis decisivos e difíciles para o seu futuro.
É preciso aumentar o número de persoas que valoren este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis innovadora dos galegos e galegas nesta altura do século XXI. É necesario asumir a responsabilidade de considerar o galego como un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado e que debemos entregar á seguinte xeración en condicións óptimas. Cómpre desenvolver unha decidida acción positiva a prol do seu uso en todos os ámbitos da vida social, económica e institucional. É imprescindible recuperar coa maior urxencia o consenso forxado nas tres últimas décadas entre as forzas políticas e sociais arredor do estatus da lingua galega no sistema educativo non universitario. A nosa lingua precisa das maiores doses de agarimo e de entusiasmo por parte de todos e todas.
Lois Pereiro reclamou na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia, un lúcido ensaio sobre a esperanza, «o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente». Foi tamén Pereiro quen definiu a utopía como «a posibilidade de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños». O galego precisa do noso compromiso e dos nosos soños.
Chamo aos vigueses e viguesas a que cada un de vosoutros non renunciedes a traballar arreo a prol do futuro do galego, a que non desistades en utilizalo como o mellor abrazo que podemos ofrecer nas nosas comunicacións. Son moitos os verbos que podemos utilizar para contribuír a agrandar o seu futuro: falar, ler, escribir, abeizoar, agasallar, solicitar… en galego.
Vigo 17 de maio de 2011
O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez
Bando redactado por Manuel Bragado Rodríguez, director de Edicións Xerais de Galicia
En numerosas ocasións temos salientado libros que contribúen ao proceso de construción da memoria histórica viguesa. Desta volta celebramos a publicación de Cabral. Olladas do pasado, un coidado volume de Xosé Manuel Álvarez Estévez que reúne preto de medio milleiro de fotografías sobre os máis diversos eidos da vida cotián do último século da parroquia de Cabral. Un libro que afonda no proxecto de recuperación documental iniciado hai dous anos polo mesmo autor, “Santa Mariña 1947-1997. Memoria dunha andaina deportiva” no que reconstruía a traxectoria do club máis emblemático da súa parroquia natal.
Grazas á colaboración de máis dun cento de particulares, que achegaron fotografías privadas, á consulta dos arquivos das entidades societarias da parroquia e doutras publicacións nas que quedaron algunhas pegadas da historia da que foi unha das parroquias adscritas ao concello de Lavadores, o autor ofrece un entrañable relato visual da historia de Cabral durante o século XX, sen esquecer ningún dos seus catro barrios: Becerreira, Carballal, Figueiras e Sello. Unha historia iniciada en 1904 a carón da lareira campesiña de Flora Vilaboa e rematada coas paisaxes actuais dos muíños de Amaro e dos Lusquiños, apenas unha mostra das dúas ducias de rodicios que no seu tempo moeron nunha parroquia de farturentos eidos de labranza regados polo Lagares, o río que tiña o seu berce na Lagoa Mol, hoxe aterrada polas instalacións deportivas do Aero Club e polas pistas de Peinador.
O autor ten o acerto de reunir no seu limiar, onde bosquexa unha breve historia da parroquia, os nomes dos lugares de cada un dos seus barrios. Borralliño, Mancoña, Gondarisco, Requeixo, Maceiriña, Besada, Rinxela, Gorguiña, Sardomela, Medoña, Parachán, Carballas, Pividal, Nogueira, Grileira, Remesil, Lomba, Sanín, Ameal, Retorta, Peinador, Chans, Rans, Molares, Caeiro, Cruxeira, Riomao, Cerquide, Penís, Fontaíña son algúns dos nomes de lugar que desfilan polas páxinas desta arca da memoria. Nomes que durante moito tempo vertebraron un espazo de cultura campesiña, onde nas primeiras décadas do século anterior emerxeu un potente movemento agrarista, que traballou arreo tanto na abolición foral coma na recuperación para os veciños do patrimonio forestal de Cotogrande, Valadas, Rans, Lodoso, Gorxal, Cotiña ou Bandeira, os montes da parroquia. Un proceso que chegou aos nosos días da man da actual Comunidade de Montes de Cabral, a piques de resolver o seu derradeiro contencioso sobre a propiedade dos terreos no que AENA constrúe o novo aparcamento do aeroporto.
No libro está presente, ademais, o pulo industrial da parroquia, ao que contribuíu a instalación en 1939 da empresa de Manuel Álvarez e fillos. Primeiro, o forno da fábrica de vidro –co que o fundador continuaba en Cabral a actividade industrial que iniciara na rúa Vitoria e despois no barrio de Casablanca–; máis tarde, as fábricas de porcelana Santa Clara en 1941, Royal China de louza en 1948 e Vanosa de vidro na década de 1960 converteron aquela resistente “Rusia chiquita” dos días doa alzamento nun dos principais focos obreiros vigueses deica a súa desaparición a finais da década dos noventa, tras un lamentable e fraudulento proceso de liquidación.
Polas páxinas deste excepcional libro documental recuperamos a imaxe dos tranvías da liña Vigo-Porriño, os ómnibus dos rusos e moita xente dacabalo. Coñecemos as entradas dos cines Camaruxo e Delicias, o mercado da Ponte ou as modernas tendas-bar. Como temos a posibilidade de intentar identificar a milleiros de persoas que participan en vodas, xantares, romarías, ranchos de reis, festas, procesións, enterros, excursións, coros, comparsas… Costureiras como Josefa “A Farrapeira”, lavandeiras, regadores, vendedores de churros e patatillas… sorprenden coa súa presenza. Outrosí sucede cos grupos de escolares e dos seus mestres, ou as ducias de equipos de fútbol que desputaban aqueles encontros de solteiros contra casados tan frecuentes durante a ditadura. No libro aparecen as agrupacións de gaiteiros (Os Olimpios, Os Alegres, Os Parrulos e Os Cuncheiros de Cabral), as orquestras (a Orquesta Bastos, fundada polo acordeonista Arturo Bastos, e a famosa Orquesta Sintonía) ou os grupos pop (Los Gritos e Néctar). Como os deportistas son protagonistas doutro capítulo, dende a figura de Amante Caride, creador en 1929 do Veritas Sporting Club, primeira entidade deportiva da parroquia, pasando por Manuel Augusto Alonso, un dos mellores atletas vigueses de todos os tempos, deica os clubs de fútbol e balonmán, como o Santa Mariña ou o Deportivo Carballal.
Un libro entrañable, moi recomendable e clarificador, tanto para os fillos de Cabral como para o resto dos vigueses, xa que permite identificar unha parte moi significativo do que é o noso ADN urbano.
Cando queremos fachendear de cidade fermosa diante dos visitantes non dubidamos en levalos ao monte do Castro. O formidable outeiro das murallas do Castelo, os miradoiros das áncoras de Rande ou do poeta Martín Códax son anfiteatros privilexiados para gozar de toda a beleza inquedante da ría e do farturento val do Fragoso, para pasmar co ir e vir das embarcacións dos portos ou para identificar entre a xeometría aceirada das guindastres dos asteleiros e dos tellados das naves do enorme recheo de Bouzas o latexar industrial dunha cidade que non desiste. A visita ao Castro é, ademais, para o viaxeiro curioso unha posibilidade magnífica de comprender o que foi a historia da nosa cidade, dende a súa orixe castrexa e as pegadas que deixou a economía marítima romana, pasando polo esplendor dos trobeiros medievais, deica a actual cidade portuaria atlántica, que agromou nos areais do Berbés e se estendeu até Guixar e Samil.
Jaime Garrido Rodríguez, un dos mellores coñecedores da historia viguesa e do seu patrimonio arquitectónico, emprega unha estratexia de comunicación semellante no seu libro máis recente, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación Provincial de Pontevedra 2011). Un documentadísimo volume no que esculcando en todos os eidos desas 17 hectáreas, ubicadas na zona central de Vigo, ofrece tanto unha radiografía do estado actual e da problemática do noso primeiro parque urbano como un ameno percorrido pola nosa historia milenaria. Dende o parque arqueolóxico, museificado neste mandato da corporación, até a orixe da edificación e o estado actual do castelo da nosa señora do Castro, Garrido achega múltiples documentos (fotos e planos), algúns inéditos ou escasamente divulgados, que axudan a coñecer o valioso patrimonio arquitectónico e natural alí existente. Son de salientar os capítulos dedicados á ubicación do castelo do Penço, a descrición das fortificacións do castelo e ao asedio que sofriu en 1719 por mor da invasión inglesa. Como moi clarificadoras son as páxinas que explican as condicións da cesión ao pobo de Vigo do monte do Castro por parte das Cortes e os proxectos de axardinamento que en 1903 realizou o arquitecto Jenaro de la Fuente, case coincidindo coa instalación alí do primeiro depósito municipal de augas. Mais. Garrido, como xa fixera en libros anteriores, especialmente no seu clásico Vigo, la ciudad que se perdió, alerta sobre os numerosos desaforos e excesos cometidos no monte do Castro ao longo dos últimos cincuenta anos, propoñendo actuacións recomendables para a súa posta en valor e protección, especialmente no que atinxe ao conxunto do parque, ao castelo e ás excavacións arqueolóxicas.
Ten toda razón Jaime Garrido cando denuncia as construcións adosadas ao castelo, un monumento datado na metade do século XVII e hoxe sometido a protección como ben de interese cultural. Rematadas as concesións municipais dos tres establecementos hosteleiros existentes no parque, o concello de Vigo debería ter a coraxe de derrubalos e acometer un plan de recuperación integral das murallas do castelo. Como tamén a posúe cando denuncia que o monte do Castro se convertiu no primeiro aparcamento gratuíto do centro da cidade, xa que son centos os coches que durante todo o día permanecen estacionados nos diversos paseos asfaltados, o que semella incompatible cun espazo concibido para o lecer e o acougo, onde os peóns deben de ter preferencia absoluta sobre os vehículos a motor.
O monte do Castro, como o parque de Castrelos, son senllas pezas preciosas e primeiras do noso patrimonio natural e arquitectónico que merecen unha protección integral da que hoxe carecen. E como tales deberían ser peonalizados, sometendo o tráfico ás restricións precisas e acoutando a posibilidade de aparcamento a espazos moi concretos e a un tempo reducido. O monte do Castro require un plan director que contemple a recuperación da muralla e dos baluartes do castelo, mais tamén que facilite o desenvolvemento das excavacións do Parque Arqueolóxico e o arranxo de espazos especializados para o goce dos pequenos, da mocidade e das persoas maiores, os seus principais usuarios. A retirada da chamada “cruz dos caídos” debería incluírse no marco dunha nova estratexia da súa transformación en espazo cultural, sobre todo no actual Paseo de Rosalía de Castro, onde poderían estar presentes os textos da padronesa universal. Como especial atención merece o coidado do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o arranxo dos vieiros, carreiros, vereas ou sendas, que constitúen a única oportunidade que teñen milleiros de cidadáns para durante unhas horas camiñar por terra, gozando da súa fragrancia e do benestar que iso ocasiona. Eis o futuro do Castro.
Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.
Dende aquela e ao longo de seis décadas, Arias dedicou a vida toda ao servizo do desenvolvemento de Galicia. Fíxoo como mestre, editor, tradutor, ensaísta, biógrafo, investigador, empresario agrícola, promotor do cooperativismo ou militante do nacionalismo galego na clandestinidade (foi membro do PSG). Actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi Valentin un home de país.
Como mestre, formouse co espírito activista e anovador da Escola de Barreiros, inequivocamente decroliana, da que tras os seus anos de formación sería tamén mestre responsable durante unha década (1955-1965). Labor docente creador que continuou en Vigo, desque ingresou en 1969 no Colexio Público de Sárdoma, onde se xubilou en 1994 deixando unha gratísima lembranza entre os seus milleiros de alumnos.
Iniciou as súas tarefas no mundo do libro galego en 1970 cando comezou a traballar na Fundación Penzol e, máis tarde, de 1975 a 1978 como xerente da editorial Galaxia, onde publicara, coincidindo coa súa chegada á cidade da oliveira, os seus primeiros libros “A lingua galega na escola” (1970), “Lecturas galegas” (1972), “A escola rural en Galicia” (1975). Máis será coa creación de Edicións Xerais de Galicia en 1979, cando comezará a desenvolver un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, “Arroás”, “Xabarín” e “O rato Pérez”.
Foi quizais do seu labor como tradutor do que Valentín Arias se sentía máis fachendoso e responsable. En 1984 promoveu a creación da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente e animador incansable, coa inequívoca vontade de contribuír dende este eido a recuperación idiomática e a ofrecer a posibilidade de ler en galego calquera tipo de texto do corpus literario e científico universal. O seu esforzo como tradutor foi monumental. Deixa milleiros e milleiros de páxinas traducidas para o galego nas nosas bibliotecas. Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit. Un labor polo que foi recoñecido por premios como o Ramón Cabanillas (1989), o Plácido Castro (2001) ou coa homenaxe que recibiu en Vigo o 30 de setembro de 2008 con motivo do Día da Tradución, sendo declarado o “patriarca dos tradutores galegos”.
Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase “Tradutor e mestre Valentín Arias”. Con todos os nosos abrazos para Amparo Castaño, a súa inseparable compañeira, e para os seus fillos e netos.
Hoxe é o “Día mundial da poesía”. Proclamada en 1999 pola XXX Conferencia Xeral da UNESCO, esta xornada, que no hemisferio norte coincide co comezo da primavera, constitúe un convite para converter a poesía nun espazo de encontro onde os pobos poidan atoparse por riba de cal sexa a súa lingua e a súa ubicación dentro do planeta. A poesía concibida como un dos alicerces da cultura universal, como unha voz superadora de barreiras e valados, capaz de expresar a esencia da condición humana e os matices máis sutiles das emocións e dos sentimentos dos seres humanos. A poesía convertida, ademais, en ferramenta de reflexión sobre o poder da linguaxe e en vehículo de expresión das capacidades creadoras de cada persoa. A poesía, en definitiva, transformada en código universal, nesa grande invención do mundo que permite o diálogo entre culturas, no territorio común das palabras, da creatividade e da innovación.
A UNESCO chama cada ano aos seus membros para celebrar esta xornada tamén coa intención de soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética, con singular interés polas manifestacións do patrimonio inmaterial de tradición oral e pola visibilidade dos poetas e dos seus textos na sociedade. Un día para promover a lectura, o ensino, a edición, a tradución da poesía entre lectores e lectoras de todas as idades e de todas as linguas. Vinte e catro horas, pois, para que a poesía e os poetas sexan os grandes protagonistas nos medios de comunicación, nos centros educativos e nos espazos públicos. Esta “Primavera dos poetas” convoca a milleiros de persoas dispostas a escoitar aos seus poetas que ocupan prazas, auditorios, bibliotecas e institutos. Consultar o programa de actos e recitais que hoxe se desenvolven en París, Lyon, Tours, algunhas das cidades francesas onde a celebración pula, provoca auténtico asombro. Canto menos por un día, os poetas son atendidos como merecen, como os xenerosos cabezaleiros da república das letras capaces de inchar as palabras, de escrutar os seus límites ou de alongar o alcance da lingua, servizo que a cidadanía sabe agradecer coa súa admiración cara eles.
Mágoa que non sexa, aínda, esta a consideración e o respecto que reciben os poetas galegos. Os nosos teñen cada vez máis dificultades para publicar os seus libros, menos oportunidades para recitar os seus poemas en espazos públicos e nin sequera a honra de ser coroados como hai cen anos lle aconteceu a Curros Enríquez. Dificultades de visibilidade para a poesía, ao que cremos non é allea a súa consideración prexuizosa como o xénero literario da minoría das minorías, a pesar de que nos textos poéticos reside o ADN de calquera outra expresión literaria. Outrosí sucede no propio sistema educativo, onde a pesar do importante esforzo realizado por un profesorado entusiasta en desenvolver un criterio literario entre o alumnado, a poesía tamén precisa de ser desmitificada e reivindicada.
Outra ollada da infancia e da mocidade sobre a poesía é posible. Este é o suxestivo convite que ven realizando o poeta e editor Fran Alonso en libros como Cidades (1997), Poetízate (2006) ou O meu gato é un poeta (2011), unha recente proposta de edición expandida (un libro, un cedé e unha web), na que engaiola a lectores novos e adolescentes retorcendo as palabras de xeito lúdico e divertido. Semellante proposta, dende hai vinte e cinco anos, ven realizando Antonio García Teijeiro, poeta pioneiro que acredita na capacidade contaxiosa do texto poético para ser apropiado polos nenos e nenas, como sabemos sucede en Recendos de aire sonoro (2011), o seu último libro onde esculca os límites entre poesía e música. Propostas de idéntica raíz e interese defenden Carlos Negro, Gloria Sánchez, Elvira Ribeiro, Antón Cortizas, Helena Villar Janeiro e unha longa nómina de poetas teimosos de noso que teñen ofrecidos poemarios que tamén poden ler os nenos.
Esoutra ollada poética desprexuizada non debe deitarse só sobre as crianzas. A poesía, a poesía galega, debe ocupar os espazos públicos que lle corresponden; os nosos poetas, como sucede hoxe en Francia, teñen tamén dereito a súa palestra. A lectura e a literatura deben entrar a formar parte da axenda pública, unha carencia moi grave nunha cidade como Vigo que a pesar de ser a capital editorial do país é incapaz de superar a súa endémica anemia lectora e bibliotecaria. Que a Concellaría de Cultura, fóra das actividades do Verbum, non teña prevista hoxe celebración ningunha para o “Día Mundial da Poesía” é triste, ademais doutra mostra da necesidade de contar cunha política municipal de lectura. Abondaría que os responsables vigueses consultasen a programación da concellaría coruñesa do seu ramo para atopar un modelo de cidade respectuosa cos seus poetas. En poesía e en bibliotecas, A Coruña é un exemplo a seguir.
Esta semana no artigo de Faro de Vigo, ao fío da homenaxe á edición histórica tributada polos membros da AGE na Noite da Edición, gabo o traballo da editorial Ir Indo e do seu editor Bieito Ledo Cabido.
O pasado sábado no transcurso da “Noite da Edición”, celebrada en Lugo, os membros da Asociación Galega de Editores rendemos homenaxe a Ir Indo edicións con motivo do vinte e cinco aniversario da súa fundación. Un recoñecemento merecido para a traxectoria e o catálogo desenvolvido por un dos proxectos editoriais sen os que non se podería entender a modernización da cultura e da edición galega contemporáneas, mais tamén unha mostra de admiración e agarimo cara a traxectoria de Bieito Ledo Cabido, o editor da aldea de Pedroso da parroquia de Abeleda no concello de Xunqueira de Ambía, afincado en Vigo dende hai case corenta anos, que encarnou tan importante travesía editorial.
A editora viguesa, instalada primeiro na rúa Torrecedeira e, máis tarde, na sede actual da avenida da Florida, coa intención de encher os baleiros editoriais existentes na cultura galega, artellou na súa historia un amplo catálogo (hoxe máis de medio milleiro de títulos) que abrangue dende a edición lexicográfica e enciclopédica (unha das actividades principais que a singularizou), pasando pola edición infantil e xuvenil, até a de narrativa, materiais didácticos e obras de referencia sobre o coñecemento do país. No entanto, foron até hoxe os dezaseis volumes da Enciclopedia Galega Universal o maior logro do equipo editorial de Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o seu primeiro colaborador e xerente do proxecto empresarial. A “EGU”, comezada a publicarse en 1999, é unha obra magna, extraordinaria, que constituíu a primeira visión completa do mundo feita en Galicia, en galego e dende a óptica de noso. Un fito senlleiro na edición galega, continuado en 2003 con semellantes criterios co Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), como tamén o foron outras iniciativas da editorial, entre as que non se poden deixar de citar as series de libros fotográficos dedicadas ás cidades e vilas de Galicia ou a colección de biografías “Galegos na Historia” que continúa publicándose.
É difícil atopar un proxecto editorial máis identificado coa personalidade do seu editor, que o de Ir Indo creado por Bieito Ledo. O propio nome escollido para editorial –foi tamén o da libraría que o editor abriu nas galerías de Príncipe cando chegou a Vigo en 1975– expresa a teimosa paciencia de Bieito Ledo de percorrer en irmandade os vieiros todos dun país que se ama e ao que se pretende transformar dende o seu coñecemento máis profundo e detallado. Consciente de que “as ideas son as que xeran riqueza”, Bieito Ledo propón a tarefa colectiva de construír demoradamente o país dos galegos, con intelixencia, autoestima e confianza nas propias posibilidades, sabendo que existirán dificultades que poderán ser superadas con traballo duro e compartido. Neste difícil e ilusionante proxecto temos que saber gañarnos a nosa xente. Esa é a tarefa permanente de facer país. Esa foi a proposta vital que este emprendedor nato –así foi definido polo seu amigo o editor Víctor Freixanes– despregou na fantasía da súa editora, sempre comprometida en manter un diálogo permanente coas mudanzas da sociedade galega á que ofrece os seus servizos.
Mais tamén foi esa mesma ansia de facer país cos libros á que impregnou o seu traballo como xerente da editorial Galaxia durante os anos decisivos da transición, nos que promoveu a importantísima “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e no que quedou para sempre inoculado do virus adictivo da edición. Un espírito aberto, inequivocamente cívico e galeguista, que o levou a crear espazos de encontro e amizade cando encabezou a renovación do Círculo Ourensán Vigués, cando creou os “Premios da Crítica Galicia” en 1978 ou cando participou na creación da Fundación Galicia-Empresa, entre outras moitas das súas angueiras polas que foi merecidamente recoñecido como “Vigués distinguido” en 2005 e como “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía” o ano seguinte, dúas condecoracións das que fachendea abertamente.
Por riba de todo, Bieito Ledo é un editor nato que acredita na idea de que son os libros, a lectura, o que máis nos axuda a medrar coma persoas. Foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores contribuíndo nestoutra agra a sementar ese espírito gremial imprescindible para desenvolver un sector no que até entón existía escasa experiencia empresarial. E como editor do século XXI que é asume sen complexos a mudanza profunda que se está producindo no paradigma da comunicación cultural apostando por ofrecer os produtos enciclopédicos e lexicográficos da súa editorial na rede e promovendo a creación dunha plataforma editorial galega que distribúa ese tipo de contidos. As nosas beizóns para el e para o seu equipo editorial, agardando poder celebrar con eles outras vinte e cinco primaveras máis.
Cada tempo ten os seus sons característicos. Cada lugar, aldea, barrio ou cidade posúe, tamén, unha identidade acústica, a creada polos sons do entorno, tanto os naturais como aqueloutros xerados pola actividade humana, que permiten contar a historia cotián das persoas que alí viven. Porén, nun mundo coma o actual, marcado pola supremacía abrumadora da cultura visual, non sempre somos conscientes da importancia que estes espazos sonoros, sexan os musicais ou os medioambientais, teñen nas nosas vidas e, tamén, na estrutura da memoria individual e colectiva.
A memoria almacena lembranzas da infancia, en boa medida apupadas polo seu carácter sinestésico. No meu caso o arrecendo ao anís da fornada dos roscóns na panadaría do Barrio do Cura mestúrase co boureo dos tranvías enfiando a liña de Pi e Margall camiño de Peniche, un son metálico, estrondoso, inesquecible. O son das sirenas da Panificadora, de Casa Mar ou de Barreras, as que se escoitaban no meu barrio, están asociados para min coa imaxe dos guindastres e da montaxe dos circos (Atlas, Mundial, Americano, Ruso, Price ou Ringling Circus) no Campo de Granada e, máis tarde, na chaira de Beiramar. A brétema quedou vencellada na memoria miña co asubío do porto do Berbés que alertaba ás embarcacións; como os días de verán (e de cortes de auga) co balbordo da auga fresca abrollando dos bicos da concorridísima Fonte da Falperra, onde fixen tantas horas de cola. Todos estes sons da miña infancia desapareceron, só quedaron as pegadas na memoria, como a do asubío do afiador e a súa roda diante do portal, a dos camións que repartían as gasosas e sifóns ou o motocarro que traía o xeo.
Lembrei estes espazos sonoros do Vigo de hai corenta anos, cando coñecín en Internet o “Mapa Sonoro de Vigo”, unha moi novidosa iniciativa, enmarcada no Plan de Excelencia Turística de Vigo, que pretende descubrir a cidade aos turistas, dende a perspectiva inédita da sonoridade. Con este mapa (http://www.turismodevigo.es/escoitar/) no que se amosan gravacións de case corenta puntos vigueses de interese sonoro preséntase o que podería ser a identidade sonora do Vigo do novo século: dende o son da cadea de montaxe de Citroën en Balaídos, o quebracabezas metálico do traballo nun asteleiro de Bouzas, o barullo da nave da lonxa do Berbés, pasando polas ondas nos cantís das Cíes, os chíos das aves no monte do Castro, o carillón da sede central de Novacaixagalicia, até, entre outros, o son do vento zoando no paseo de Afonso á altura da Oliveira, o traballo do cesteiro no Casco Vello ou o desfile das rondallas de Nadal. Un documento turístico excepcional, máis tamén de interese para a cidadanía viguesa, que permite coñecer Vigo mediante a escoita. Visitar o espazo web “Sons de Vigo” foi para min unha experiencia apaixonante. Sei que vai permitir desmontar moitos prexuízos e imaxes falsas sobre Vigo, ao presentar unha cidade vital, construída cada día ao ritmo que marcan os seus habitantes, onde se combina de forma harmoniosa o estrepitoso dinamismo industrial coa serenidade dos espazos naturais atlánticos, dos seus parques e museos urbanos.
Este pioneiro “Mapa Sonoro de Vigo”, preparado por Ouvirmos edicións, encádrase dentro da filosofía do proxecto da Asociación Cultural Escoitar (http://www.escoitar.org), nacido en Vigo hai cinco anos e promovido por un grupo interdisciplinar de profesores, artistas e tecnólogos, coa intención de chamar a atención sobre o fenómeno sonoro máis alá da música, identificando as diversas paisaxes sonoras e contribuíndo á conservación da memoria sonora de Galicia, como un elemento máis do noso patrimonio cultural inmaterial. Líderes deste proxecto, como o antropólogo e musicólogo Chiu Longina, insisten nas súas intervencións no fenómeno actual da desaparición, modificación ou ocultación dunha importante diversidade de paisaxes sonoras, asociadas a entornos naturais ou espazos culturais, mentres que, ao mesmo tempo, emerxen outras novas tendentes á homoxeneización, pola influencia dos procesos de urbanización. Identificar os sons en perigo de extinción e realizar o correspondente rexistro fonográfico por medio de gravacións binaurais sería un traballo vital para a conservación deste Patrimonio Sonoro.
En boa medida como froito do proceso homoxeneizador das paisaxes sonoras urbanas, impóñense entre os sons vigueses, o ruído provocado polo tráfico, causante da elevadísima contaminación acústica que padecemos en toda á área metropolitana, así como os rebumbios nocturnos de fin de semana existentes nesas 33 rúas declaradas hai tres anos polo concello como Zonas Acusticamente Saturadas. Eis a outra cara sonora da cidade, aquela á que a Comisión Municipal de Ruído debería poñerlle remedio eficaz.
No artigo da semana de Faro de Vigo abordo as razóns do acaído nome que levará o auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar.
«Mar de Vigo» será o nome do Auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar. Un gran acerto do xurado de personalidades viguesas, constituído como efémero “comité de expertos” para tan difícil tarefa como foi a de bautizar unha instalación chamada a ser icona viguesa do século XXI. Unha denominación que non desmerece de maneira ningunha outras posibilidades como as de chamalo «Valentín Paz Andrade» (VPA), a proposta que defendimos neste espazo, ou as dos trobadores «Martín Codax» e «Mendiño», lembrando así os máis universais escritores vigueses e senllas insignias da historia da cidade.
«Mar de Vigo» é, dende o punto de vista literario un acerto rotundo xa que remite directamente aos propios versos de Martín Codax, o gran poeta e cantor de Vigo do século XIII, a quen, por certo, o profesor Xesús Alonso Montero acaba de dedicar unha fermosa e moi recomendable biografía, publicada polo Plan de competitividade turística de Vigo. «Ondas do mar de Vigo» é o primeiro verso da primeira cantiga codaxiana; referencia poética que se repite no segundo verso da quinta cantiga, «vinde comigo ao mar de Vigo». Faise xustiza así, despois de anos de certo esquecemento municipal (só hai que comprobar o estado de abandono do parque do Castro na súa lembranza), á figura de quen Álvaro Cunqueiro consideraba o auténtico fundador da nosa cidade. «Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Codax que bailaba ‘no sagrado, en Vigo’ y veía a su amiga bañarse en las ondas…» escribiu Cunqueiro na guía sobre Vigo e a súa ría (Everest, 1971), referíndose á quinta e sexta cantiga do poeta que alicerzou o mar de Vigo con palabras de amor, un feito extraordinario que don Álvaro consideraba en “Cancionero de Vigo”, un artigo publicado en Faro de Vigo (1957), como algo do que poderían fachendear moi poucas cidades na vella de Europa.
Dende que o poeta vigués Teodosio Vesteiro Torres (outra figura que merece ser reivindicada e mellor coñecida) publicase en 1876 no periódico ourensán El Heraldo Gallego a primeira publicación, impresa e autónoma, do heptaedro lírico de Martín Codax, comezaron a aparecer moitas referencias literarias que acrisolan o mar coa cidade de Vigo. Unha escolma destes textos apareceron hai poucos meses na Axenda de Vigo 2011 publicada pola Alcaldía, o que constitúe unha nova mostra do vínculo literario desta cidade co seu mar. “Vigo namorada das naos, doce noiva do vento” (Celso Emilio Ferreiro); “Vigo, a ría antes que nada” (Ángel Vázquez de la Cruz); “Mais ti, cidade, vas cangada como un barco” (Manuel Forcadela); “É o mar o que me envolve esta tarde” (Afonso Pexegueiro); “Cando a luz é unha forza a meternos a Ría polos ollos” (Xabier Paz); “Vigo está tan lonxe que se desorientaron as cartas mariñas” (Manuel Antonio); “Vigo naceu fronte ao mar, un mar recollido e familiar” (Xosé María Álvarez Blázquez); “[Vigo] vixía dos veleiros, val disperso” (Xosé María Álvarez Cáccamo…
No entanto non son razóns só literarias as que avalan esta denominación de «Mar de Vigo» como acaída para o impoñente Auditorio que o concello inaugurará no vindeiro mes de abril. Unha é a propia ubicación privilexiada do edificio ao pé da ría, converténdose en balcón e anfiteatro que permite gozar dun espectáculo visual extraordinario e dos poderes euforizantes da maruxía. Outra é o interese que para a mercadotecnia e proxección internacional da instalación supón levar o nome da súa cidade. Como non son menos relevantes, as pegadas que sobre aquel espazo de beiramar deixaron na memoria de xeracións de vigueses, primeiro os areais de San Sebastián, e máis tarde, a factoría de Casa M.A.R (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por emprendedores nosos como Valentín Paz Andrade e Javier Sensat Curbera.
«Mar de Vigo» é un sintagma de significado equivalente a outros como «cidade de sal» (María Xosé Queizán), «cidade de salitre» (Fran Alonso) ou «abella da ribeira» (Manuel Lueiro Rei) que expresan o carácter marítimo dunha cidade que ten no seu porto e nas actividades estruturadas ao seu arredor, dende a construción naval, pasando polas actividades pesqueiras, ao tráfico de mercadorías, un dos seus principais alicerces económicos. Carácter portuario presente, tamén, nas actividades deportivas e de lecer, na mobilidade metropolitana e, sobre todo, no valor da ría como o principal patrimonio que a humanidade deixou á atención dos vigueses. Dese espírito de sal quedou bautizada unha instalación cívica, cultural, comercial e turística cuxos contidos agardamos contribúan a preservar esta estirpe. Eis outro dos retos dun fermoso auditorio que a todos sen matices debería encher de fachenda.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da polémica das áreas metropolitanas, propoño unha reflexión sobre a desaparición das deputacións e reestruturación do mapa territorial e institucional de Galicia.
A proximidade da convocatoria electoral municipal e as dificultades para poñer en marcha o proxecto de áreas metropolitanas ou rexións urbanas de Galicia reabriron o debate sobre cal debe ser o futuro das deputacións provinciais. Sobre o enfoque de cuestión tan polémica veñen manténdose dúas doutrinas, á que non son alleas os intereses e a forma de entender o exercicio do poder dos tres partidos políticos con representación nestas entidades locais. Unha defende a supresión das deputacións, distribuíndo as súas competencias entre a Xunta de Galicia e o que serían as áreas metropolitanas e entidades comarcais de nova creación. Outra propón a súa reconversión en entidades de coordinación e asesoramento dos concellos rurais, sobre todo, no que atinxe á xestión de tributos e determinados servizos e investimentos.
A primeira impulsouna de vello o BNG, que presentou hai días no Congreso dos Deputados unha iniciativa que solicita a modificación da Lei reguladora de bases de réxime local para que no futuro sexan as autonomías “as que artellen e ensamblen as entidades provinciais na súa estrutura institucional, o que posibilitaría maiores niveis de eficacia na acción administrativa e tamén unha utilización máis racional dos recursos públicos, especialmente escasos na actual situación de crise económica”. A segunda defendérona o PPdeG e o PSdeG-PSOE, partidos que se responsabilizan á par da presidencia das catro deputacións galegas. A esta posición adscríbese tanto a proposta de Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, que esta semana propoñía “reinventar as deputacións para evitar as duplicidades de gastos”, como as reiteradas declaracións do socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da deputación da Coruña, que considera estas institucións provinciais como “imprescindibles mentres se manteña a actual configuración municipal”.
O debate sobre o sentido das deputacións provinciais naceu da ambigüidade do artigo 141 da Constitución de 1978, que no seu apartado 2 lles encomenda “o goberno e administración das provincias”, mais que non establece cales son as súas funcións nin tampouco o seu carácter de administracións locais exclusivas, xa que deixa aberta a posibilidade de creación doutras agrupacións de concellos, como poden ser as mancomunidades municipais, comarcas ou áreas metropolitanas. Ao longo destas tres décadas constitucionais, na que se desenvolveron tamén os poderes autonómicos, foron frecuentes as críticas ao papel das deputacións, conformadas entre os concelleiros elixidos nos partidos xudiciais (unhas entidades que non teñen recoñecemento político ningún), por consideralas como poderes paralelos aos dos gobernos autonómicos, incompatibles cun sistema institucional baseado na descentralización e no reparto competencial; xustificadas, tamén, polo custo elevado da súa xestión –lembremos que no caso das deputacións galegas, cun orzamento anual que supera os 600 millóns de euros, apenas o 55% está destinado a investimentos e transferencias, mentres que o resto vai destinado a gastos de persoal e de funcionamento da institución– ou pola utilización clientelar e partidista dos seus fondos por parte da súa presidencia, unha práctica escandalosa e discriminatoria que se converteu en tan habitual que semella xa non merece sequera ser mencionada.
Nun marco como o actual de crise económica global e redución dos gastos superfluos das administracións públicas, nun momento político no que existe un amplo consenso para acometer a urxentísima posta en marcha das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, sería a oportunidade acaída tamén para revisar o conxunto da estrutura municipal e territorial de Galicia. Aí é onde, a pesar da inevitable loita localista que provocaría, se debera encadrar o deseño do mapa das imprescindibles fusións municipais e o recoñecemento institucional e político das comarcas e áreas metropolitanas. Nese novo mapa institucional da Galicia do século XXI, alicerzado sobre unha administración máis próxima, eficaz e económica ca actual, as deputacións terían moi escasa razón de ser, xa que as súas funcións serían asumidas, unhas pola Xunta e outras polas novas entidades comarcais e metropolitanas. A desaparición das deputacións en Galicia supoñería, ademais, a supresión dos cargos dos actuais 108 deputados provinciais, e un aforro anual nada desprezable, estimado en 15 millóns de euros, ao que habería que engadir o traspaso dos seus funcionarios que reforzarían os cadros da administración autonómica ou a dos entes metropolitanos e comarcais.
Unha mostra de responsabilidade e compromiso co país sería que na próxima campaña electoral municipal cada un dos partidos presentase a súa proposta sobre este novo mapa institucional vertebrador da Galicia futura.
No artigo da semana en Faro de Vigo pretendo explicar as razóns do pulo renovado da romaxe de San Brais, un dos sinais de identidade do Vigo popular.
Coas romaxes de san Mauro en Matamá, da Candeloria en Castrelos e de san Brais en Bembrive quedou aberto o ciclo anual das festas populares viguesas. Tres xoldas de frío que, coincidindo coa abrollar das mimosas, agoiran os excesos dos días dun Entroido que desta volta ven moi atrasado e non se celebrará deica a segunda semana do mes de marzo e sinalan, ademais, que as dificultades do inverno comezan a ser vencidas (“Cando a Candeloria chora, o inverno está fóra”) e que os días medran devagariño (“Por san Brais, dúas horas máis” reza un refrán, sen dúbida, un chisco esaxerado). Vencelladas ao ámbito da parroquia, como entidade primeira de participación e socialización da nosa sociedade agraria, cada unha destas festas de orixe relixiosa mantívose dende hai séculos, e a pesar das profundas mudanzas nas actividades económicas e nas formas de vida, como puntos de encontro das xentes populares da Terra do Fragoso. Aí, nese carácter de cita ineludible, marcada como un engrama transmitido de forma inconsciente de xeración a xeración, poida residir a explicación do éxito rotundo e do pulo renovado adquirido pola romaxe de san Brais neste cibernético século XXI.
A fervorosa homenaxe ao avogado armenio dos males da gorxa, de quen se di salvou a vida a un neno que se afogaba por mor dunha espiña alí cravada, non se celebra só na románica igrexa de Santiago de Bembrive. Son abondas as parroquias do noso arredor que procuran a axuda do santo que cura as catarreiras do inverno: a de Budiño no Porriño, a de Meirol en Mondariz, a de Estacas en Cuntis, a de Salcedo en Pontevedra, a de Rubiós nas Neves, a de Cordeiro en Valga, a de san Xoán de Tabagón no Rosal…, como tamén se celebra ao santo do pano milagreiro en Cortegada, Foz, Monforte, Sober, Coirós, Vedra, A Peroxa, Vilardevós, Verín, Vilariño de Conso ou San Cibrao de Viñas… Unha relación na que adoito san Brais comparte celebración coa Candeloria, santa Águeda ou a Virxe da Saúde, que demostra a querenza da relixiosidade popular galega cara a unha figura que encarnaba as duras penalidades que para a saúde supuñan as tarefas agrarias durante as xornadas de inverno.
Dentro do ciclo festeiro de san Brais, a romaxe viguesa de Bembrive merece unha particular atención, tanto pola importancia actual da súa convocatoria popular (máis de vinte mil persoas), como polo feito de celebrarse no entorno periurbano vigués, onde o esmorecer das actividades agrarias no Val do Fragoso non é unha noticia de hoxe. Atopamos o éxito desta convocatoria na súa refundación nunha estirpe de xínea popular, compartindo a tradicional procesión relixiosa, onde non falta a presenza dos exvotos (en claro retroceso), con formas moi renovadas da romaxe popular, onde teñen todo o seu protagonismo a presenza da gaita e da música e a do xantar de inverno. Compréndese así o feito da excitación musical desta festa, comezada polo insólito concerto de campás de José Ocampo (a badalada de tin e a badalada de ton), o vicepresidente da comisión, e continuada pola presenza constante da gaita e das agrupacións musicais máis diversas (eis esa charanga de tubaxes, xa un clásico deste san Brais) que na súa ruada de xolda quecen a entrada dos furanchos, onde corre o viño tinto e un menú de réxime: cacheira, cocido, orella, polbo e callos. O san Brais de Bembrive convértese así por excelencia na romaxe dos furanchos, unha institución popular que non debe desaparecer (e da que tampouco se debe abusar), consolidándose, xunto ao san Roque de agosto, como as dúas festas populares de referencia do Vigo metropolitano actual, o que expresamos sen demérito ningún cara a todas e cada unha das outras festas do noso Vigo popular.
A exitosa traxectoria do san Brais de Bembrive non lle pasou desapercibida aos nosos políticos locais que alí acudiron neste ano electoral coas súas mellores galas. Corina Porro anunciou a súa presenza en Bembrive cunha fotografía no seu Twitter na que definía a festa “como una de las romerías con más marcha de Vigo”; Abel Caballero contou con bo humor na súa páxina de Facebook que en Bembrive unha das charangas cantoulle a ritmo do pirimpimpin para que a contratasen nunha das súas inauguracións; mentres que Santiago Domínguez no seu Twitter confesou que ía a san Brais dende os quince anos, sendo para el “unha festa moi entrañable”. Semellante unanimidade política arredor da importancia da festa do avogoso do pano e do furancho, ademais da mostra da presenza activa dos candidatos nas redes sociais, é un síntoma inequívoco do peso electoral determinante das vinte e dúas parroquias do periurbano vigués, que decidirán un resultado hoxe moi incerto. Beizóns para este san Brais de orixe agraria que gañou o corazón dos vigueses converténdose nun dos seus sinais de identidade máis queridos e valorados por todos.
A piques de finalizar as obras do Auditorio de Vigo, esa formidable caixa de ferro e cristal que César Portela ergueu detrás dos peiraos de Beiramar, a Alcaldía convoca á cidadanía a propoñer denominacións para bautizar un edificio que será icona do noso tempo. Eu a este teor non teño dúbidas. Como fixera hai máis dunha década nesta mesma tribuna, propoño que leve o nome do emprendedor galeguista Valentín Paz Andrade. Máis especificamente, entendo que «Auditorio VPA» debería ser a marca comercial e o emblema dun contedor concibido para funcionar como motor da actividade cívica, cultural, congresual e turística do Vigo de comezos do século XXI. Hai razóns abondas que xustifican unha proposta coa que, por fin, Vigo saldaría ás débedas que mantén con VPA, unha das figuras máis senlleiras, polifacéticas e influíntes da historia da nosa cidade durante o pasado século.
O 23 de maio de 1986 don Valentín recibiu a primeira Medalla de Ouro da cidade concedida polo concello de Vigo. Pontevedrés de nación, naceu na parroquia de Lérez, VPA fixou en Vigo a súa residencia dende os anos vinte, coincidindo coa fundación aquí, en 1923, de Galicia. Diario de Vigo –o xornal liberal de opinión galeguista do que foi director–, e en 1927, de Industrias Pesqueras, o quincenal dedicado aos temas do mar, inspirado por José Barreras, no que colaborará dende o número inicial e do que sería director a partir de 1942.
«Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñecelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza», foron as súas palabras de agradecemento da condecoración, nun dos seus últimos discursos, xusto un ano antes do seu falecemento nesta cidade de sal. Xa sesenta anos antes anunciara, nun dos seus múltiples artigos anticipatorios, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia», esta tarefa que o moveu ao longo da vida toda: facer Galicia dende o mar de Vigo. Para o noso «Mareiro», pseudónimo co que VPA asinou moitos dos seus artigos, escritos con grande agudeza e rigor, Vigo constituía o motor principal, o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesarios dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino».
Don Valentín, empresario de talante tan práctico como imaxinativo, desenvolveu un labor hercúleo na modernización do noso sector pesqueiro dende 1927, ano no que comeza a asesorar a Sociedade de Armadores de Bouzas. Como xa dixemos, empurrou da revista Industrias Pesqueras; publicou estudos e investigacións de referencia no sector; asesorou, por encargo da FAO, a diversos gobernos de Latinoamérica e África en cuestións de ordenación pesqueira; promoveu a creación da empresa Pescanova S.A. (1960), a dun Banco Industrial de Galicia (1964) e a celebración en Vigo da Exposición Mundial da Pesca (1973), proxectos que tiveron fortuna e continuidade até hogano.
VPA foi un modelo de integración de inquedanzas e saberes, unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia, publicado hai agora corenta anos por siglo veintiuno. VPA uniu todo o seu percorrido vital ao de «Galicia como tarefa», emulando o título dun dos seus ensaios máis emblemáticos, que publicou en 1959 a editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.
VPA foi home de entrecruzamentos, mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios, asumindo sempre os riscos da coherencia entre o seu discurso rico e matizado cunha acción tan intensa como diversa. Concibiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente que é unha insistencia no cambio, na modernización, no progreso. VPA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradición son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.
Non é doado atopar en Vigo unha nómina maior de méritos que a acreditada por VPA para bautizar este novo auditorio alicerzado no que foron os areais de San Sebastián e, máis tarde, nos terreos ocupados pola factoría de Casa MAR (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por don Valentín. Dificilmente poderíamos homenaxear mellor a un dos promotores das fazañas do Lemos en Sudamérica e do Andrade en Sudáfrica, embarcacións que dende o porto de Vigo abriron a finais de 1961 da súa man a etapa de expansión pesqueira de Galicia. Eis a proposta: «Auditorio VPA».
En Faro de Vigo de hoxe publico esta homenaxe á figura de don Francisco Fernández del Riego.
Tras unha vida feita, Francisco Fernández del Riego, don Paco, deixa unha extraordinaria herdanza: a súa lección vital de dignidade e coherencia organizando de forma teimosa e continuada en Galicia o partido da esperanza. O pasamento do derradeiro militante do republicán Partido Galeguista, do motor da renovación da actual Academia Galega, do fundador da Editorial Galaxia e co-director da revista Grial, do director da Biblioteca Penzol, do xornalista, do crítico literario, do narrador punxente, do polígrafo, do conversador entusiasta, do celtista prudente, do xeneroso cidadán vigués inconformista e de grande cordialidade abre unha nova páxina na continuidade do proxecto histórico do Galeguismo, iniciado hai xa dous séculos, e do que don Paco foi, sen dúbida ningunha, unha das súas trabes de ouro máis valiosas.
Desque veu ao mundo en Vilanova de Lourenzá no frío xaneiro daquel 1913, a traxectoria de del Riego foi a dun home rede que posuía a capacidade, tan valiosa e escasa en Galicia, de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en “equipo”, como a el tanto lle prestaba dicir nas conversas privadas. Xa o practicaba naquel tempo de entusiasmo republicano, cando sendo secretario xeral das Mocidades Galeguistas mobilizaba aos estudantes composteláns coa súa oratoria sobria e eufónica, característica de quen foi guieiro político dun pensamento federalista e galeuzcano, netamente progresista, que mantería sempre, tanto durante o franquismo, como na posterior restauración monárquica autonómica.
“Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra”, escribiu don Paco da cidade na que residiu dende 1939 até o seu pasamento, á que chegou só cunha maleta chea de libros, eses compañeiros que ateigaron a súa vida toda. Naqueles primeiros anos corenta, del Riego simultaneaba o traballo no bufete que na Ronda tiña Valentín Paz Andrade, coas tarefas de redactor da revista “Industrias Pesqueras” e as de profesor de Literatura e Filosofía, primeiro no Colexio Mezquita e, logo, tamén no Colexio Labor. Participaba nas tertulias do Café Derby, visitaba a don Enrique Peinador, o fundador do Balneario de Mondariz, ou xantaba co seu amigo Carlos Maside, en días de fame, de restricións, de prato único, no Bar Mundial da rúa Velázquez Moreno ou no Bar América da rúa Eduardo Iglesias.
Naqueles difíciles, moi difíciles anos escuros, o noso home rede desenvolveu unha actividade política clandestina intensa (e moi perigosa, cando aínda zunaban as balas e os xuízos sumarísimos), que culminaría coa celebración en Coruxo, no mes de xullo de 1943, da Asamblea constituínte do Partido Galeguista, onde se implicarían no seu primeiro Comité Executivo algúns dos seus amigos, como o arquitecto Manuel Gómez Román, Ramón Piñeiro, Xosé Meixide González, Cesáreo Saco López e Xaime Isla Couto. Como onte sinalou Méndez Ferrín, actual presidente da RAG e continuador nesa institución do proxecto renovador de don Paco, este afouto home rede foi o responsable da reconstrución na clandestinidade do Partido Galeguista e da Fronte Popular e, polo tanto, do nomeamento de Castelao como ministro da República no exilio. Actividade política clandestina que compatibilizaba cunha intensísimo labor epistolar, que o mantiña permanente unido á Galicia do exilio e da diáspora americana, facilitándolle a responsabilidade de ser correspondente da revista “Galicia”, editada polo Centro Galego de Buenos Aires e dirixida por Luís Seoane, onde publicou máis de douscentos cincuenta artigos e cinco mil noticias referidas a accións culturais galegas, asinadas como Salvador Lorenzana, un dos seus coñecidos pseudónimos, xunto a outros como Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo.
Sempre firme, xeneroso, intelixente, prudente, discreto e inquedo, o noso home rede foi xestador e parteiro de moitos proxectos e acordos colectivos. Soubo como ningún outro aproveitar calquera pequena fenda da mesta atmosfera da ditadura, para promover o renacer da conciencia galega. Argallou o primeiro suplemento de artes e letras do compostelán diario La Noche, recabou e redactou cantas colaboracións foron precisas para o programa que en galego emitía, dende Londres, a sección española da BBC de 1947 a 1956. Xunto a Xaime Isla Couto, soubo atopar a fórmula idónea, a dunha sociedade mercantil, que permitise constituír unha empresa, prescindindo da oportuna autorización gubernativa, ao servizo dunha nova política cultural, a editorial Galaxia e logo, non sen dificultades coa censura, a revista Grial.
Mais este home rede foi outrosí home lente. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno e plural, que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria do libro na nosa lingua. Velaí a súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu rigoroso traballo como antólogo, ensaísta ou divulgador nos xornais, onde publicou milleiros de artigos. Del Riego foi, xunto co seu amigo amigo Xosé María Álvarez Blázquez, un dos editores galegos máis relevantes do século XX, asumindo o ronsel da edición republicana de Quintanilla e Ánxel Casal e a que deixaba Luís Seoane nas publicacións no exilio arxentino. Don Paco entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, incitando aos creadores –foi o parteiro de Merlín e familia de Cunqueiro– ou ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas na nosa lingua, como a modélica colección “Illa Nova”, que alicerzou a nova narrativa galega, ou imprimindo unha fasquía rabiosamente moderna para todas as publicacións que promovía dende Galaxia. Un editor obreiro, como sinalaba Bieito Ledo, que asumía o proceso editorial de principio a fin, dende os labores de mecanografado dos orixinais, á corrección das galeiradas, aos traballos de impresión (dedicou boa parte do seu tempo ao traballo en Artes Gráficas Galicia) e distribución dos exemplares (cantos paquetes non terá feito don Paco, cantos non terá distribuído polas librarías viguesas!).
Del Riego foi, ademais, un home ponte. Tracexou a súa aventura vital coma enlace entre os seus mestres, os membros de Nós, e as diversas xeracións da metade e fin do século XX, coas que mantivo sempre un magnífica relación. Home correo escribiu milleiros de cartas que permitiron manter accesa a mesma chama entre a Galicia interior e a da diáspora. Unha ponte sobre unha mesma canle, sobre uns idénticos ideais: defender o noso idioma e a nosa identidade como célula de universalidade, unha definición acaidísima, acuñada polo Partido Galeguista, e aínda non superada, que el asumiu don como programa de vida. Un home espello deste talante aberto de diálogo con todas as culturas, deste compromiso moral cos valores da democracia, da paz e da solidariedade, deste exercicio permanente de autoestima e dignidade que nos permite considerarnos orgullosamente como cidadáns galegos.
Don Paco foi sempre un home aceiro. Metódico, organizado, cerebral, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Contra vento e marea, sen recibir nunca nin un can dirixiu durante corenta anos a Biblioteca Penzol, converténdoa no centro de documentación máis importante do mundo sobre a cultura galega que é hoxe.
Mais e, sobre todo, don Paco foi un home luz, un auténtico patriota que, como sinalamos no inicio, encabezou durante case oito séculos o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita pola causa da nación dos galegos. Unha luz que prende a memoria que nos mantén vivos e dispostos a continuar ese río incesante que nos leva. Esa é a extraordinaria herdanza que nos deixa don Paco.
O retrato de don Paco é o que Antón Pulido preparou para a Real Academia Galega.
Albino Mallo acaba de publicar Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968 (Galaxia 2010), un libro indispensable para a nosa memoria local. O veterano xornalista vigués, correspondente que foi da axencia EFE polo mundo adiante, enfía a historia dos case cincuenta anos do Café-Bar Derby, que o seu pai abrira o 28 de novembro de 1921, no corazón da cidade, na praza da Urzaiz, a que temos proposto que se denomine como praza de Galicia.
Foi o Derby o máis importante café de fasquía clásica dos que existiron en Vigo durante o século XX. De ambiente british, nos seus amplos salóns, na terraza e no xardín posterior, os seus nove camareiros traxeados de smoking severo despachaban café Sical, cervexa de barril da fábrica da Barxa, vermú, máis de trescentas clases de cócteles, sándwichs e outros bocados lixeiros a clientela moi variopinta. O Derby converteuse axiña en algo máis ca un establecemento de hostalaría e lecer, onde nos veráns amenizaba o Trío Corvino. Foi un ateneo aberto onde se xuntaban profesionais diversos, dende os xornalistas de “Faro de Vigo” e do “Pueblo Gallego”, pasando polos membros da peña San Zenón, que mantiñan os arquitectos de estilo racionalista Francisco Castro Represas e Pedro Alonso Pérez, até unha longa relación de escritores como Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, os irmáns Álvarez Blázquez, Xaime Illa, Paco Fernández del Riego, “Chuchi” Kruckenberg, Faustino Rey Romero, de pintores como Carlos Maside, Laxeiro, Urbano Lugrís, Manuel Colmeiro, Xavier Pousa ou doutras artes como o escultor Camilo Nogueira ou o cineasta Manuel Mur Oti.
O Derby foi testemuña e historia cotiá de Vigo durante case medio século. Pechou ao comezo do mesmo ano no que deixaron de troupelear os tranvías Siboney por Colón arriba. Unha coincidencia propia dun tempo de desfeita do noso primeiro patrimonio urbano que provocou a perda dun auténtico liceo popular. Vigo quedaba, ademais, sen un espazo de convivencia onde se forxaron soños futuristas, quen sabe se amparados na tipografía art-decó do seu tan gabado espello. Daquel Derby visitado por viaxeiros tan ilustres como Federico García Lorca ou Eva Perón queda agora apenas a memoria recuperada por Albino Mallo no seu magnífico libro. Testemuñas xa moi esvaídas como a doutros cafés do seu tempo, o Savoy da rúa do Príncipe, o Gran Café Colón de Velázquez Moreno ou o Nuevo Café, situado no edificio Bárcena de Policarpo Sanz, nomes que identificamos só pola súa presenza nos libros de historia local.
Porén, non fai falta ir tan atrás para comprobar como no mapa dos cafés e cafetarías (a denominación “ye-ye”) viguesas da nosa mocidade, desapareceron moitos dos establecementos abertos durante os anos sesenta a oitenta. En Urzaiz pechou o Goya, que recollera a testemuña da tertulia de escritores e artistas do Derby, e o 3 Luces; en Príncipe desapareceu o Flamingo; en Marqués de Valladares, o Rosalía de Castro; en Gran Vía, a cafetaría Lido; en Colón pecharon a Marbella, a Teide e a cafetaría do Fraga; en Eduardo Iglesias, a Trebol; en García Barbón a Suevia; na Laxe, o Universal (un local mítico para a miña xeración) e a Josfran; na praza de Compostela, o Méndez Núñez e a Alameda; na Gamboa, a cervexaría Eusko; no Areal, a cervexaría Joaquín; en Travesas, a Granxa e o Gran Vía; en Teis, a Roxy e o Padrón… Perderon, tamén, as súas cafetarías o paseo de Afonso, o monte do Castro e o cámping de Samil, como desapareceu a chocolataría Bonilla coa súas xanelas abertas ao teatro. Sei que ningunha destas cafetarías tiña a fasquía e empaque do Derby, mais todas e cada unha delas ocupan un lugar na memoria dos vigueses do meu tempo. Sei que neses locais –coma nos cines (todos desaparecidos) e nalgunhas discotecas e pubs– en tardes de chuvia e galerna se forxaron boa parte das nosas vontades e afectos ou se enxergaron os nosos soños de futuro.
No entanto, sería inxusto non render homenaxe de gratitude a algúns daqueles locais, onde se desenvolveu a aprendizaxe da nosa socialización, que aínda continúan hoxe felizemnte abertos e manteñen o seu pulo. A miña lista –sei que cadaquén posúe a súa, única e intransferible– está formada polo Bar León e o Nuevo Derby en Urzaiz; a Flor de Vigo en Gran Vía; o Crisol en Venezuela; o Cosmos en Marqués de Valladares; o Skimo en María Berdiales; a Negrita en Velázquez Moreno; o Paquetá, o Catro a Catro, o Ardora, o Montoto e o Hipólito en Travesas; o Alaska no Calvario; o Caribe na Praza da Industria; o Montesol en Torrecedeira; a cervexaría Liverpool no Barrio das Flores… Uns e outros, os que pecharon e os que continúan abertos, son os nosos cafés da memoria, espazos esenciais dunha cidade desmemoriada onde compartimos as ledicias e inquedanzas das nosas vidas, lugares onde hoxe detectamos cun chisco de melancolía as pegadas irreversibles do paso do tempo.
Desque comecei a fedellar na mediateca de RTVE non paro de atopar alí cousas interesantes. Eis o programa dedicado a Vigo (27 minutos) da serie Cidades para o século XXI. A emisión foi recente, apenas do pasado mes de marzo. No documental, algúns (bastantes) tópicos, mestúranse con imaxes abondo curiosas (sobre todo as aéreas). O resultado é atractivo, sobre todo, no que atinxe á capacidade para presentar a nosa infraestrutura cultural, os tres parques urbanos, a resistencia dos nosos estaleiros, a potente industria do automóbil e a omnipresenza da ría, as Cíes e o porto (fermoso o bulir da lonxa). A verdade é que non lle falta de nada, incluídas algunhas esaxeracións («Samil, unha das praias máis fermosas do noso país»), os concertos de Castrelos e os ramallos de luces de Bouzas («un ceo de flores, a beleza efémera do instante, a inevitable conciencia do presente…»). Mágoa que a referencia ao galego sexa moi desafortunada, atribuíndollo «aos paisanos». Chatas que non pexan para poder recomendarllo aos amigos que convidamos a nos visitar; axudará a irlles abrindo boca das marabillas que atoparán no xardín equívoco. O remate da peza, co skyline ao mencer, paga a pena.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do bicentenario e da inauguración da oliveira de Silverio Rivas, recompilo algunhas das metáforas e definicións que os autores e autoras da literatura galega teñen feito da cidade de Vigo.
O 27 de outubro foi a data escollida pola Alcaldía para celebrar o bicentenario da declaración por parte do Consello de Rexencia de España e Indias de Vigo como “Cidade, Fiel, Leal e Valorosa”. A concesión deste título foi a máis importante honra que nos deixou a Reconquista, ao tempo que a publicación deste decreto sinala formalmente a epifanía da nosa cidade facendo xustiza ao esforzo da súa veciñanza (daquelas xa unhas catro mil persoas) para lograr a súa liberación e a de toda Galicia, xa que tras a vitoria popular de Vigo, se organizaron as forzas que venceron na batalla de Pontesampaio. Cidade bicentenaria cunha historia milenaria –non esquezamos que os xacementos catalogados proban a existencia de asentamentos humanos sobre os brazos estendidos da ría e do Val do Fragoso dende o Paleolítico–, Vigo foi modelando ao longo destes dous séculos o seu celme de vilar mariñeiro chantado no Berbés e de comunidade agraria estendida sobre as farturentas terras do Val do Fragoso até ofrecer a súa actual fasquía de cidade metropolitana atlántica, especializada nas industrias do automóbil e da construción naval, con vontade inequívoca de liderar o proxecto de modernización e de benestar de Galicia.
É un gran acerto que se chantase no que foi un dos recantos do Campo de Granada, o noso campo da feira, a oliveira de aceiro creada por Silverio Rivas para lembrar a efeméride do Bicentenario e o esforzo colectivo desta cidade que tras sufrir crises e penalidades soubo inventarse e reinventarse manténdose leal e fiel consigo mesma. O escultor, autor tamén da formidable porta pétrea da praza das Travesas, representa coa rotundidade xeométrica desta oliveira metálica, que dialoga nas súas formas coa árbore xa centenaria do paseo de Afonso e co propio escudo da cidade, tanto o carácter de “cidade en estrépito”, sintagma co que Méndez Ferrín definiu a vertixe da nosa transformación urbana da segunda metade do século XX, como o de “cidade en bisbarra”, co que Otero Pedrayo salientaba a importancia que para Vigo teñen cada unha das súas vinte e tres parroquiais, presentes nesta árbore inoxidable co seu nome escrito en cadansúa póla.
Foron moitos os creadores de noso que trataron de representar o código do ADN de Vigo, tratando de aunar o carácter industrial e portuario do Berbés coa cultura agraria do Fragoso. Entre os escultores, Francisco Leiro atopou ese xenoma na fraxilidade do seu Sireno, metade home, metade peixe; Xoán Oliveira na potencia dos seus cabalos en desequilibrio ou Ramón Conde no esforzo dos seus traballadores empurrando unha rede que sae da profundidade da terra.
Os escritores tamén se esforzaron en acuñar coa beleza das palabras ese polímero urbano fragmentado: “volcán de dinamismos” (Méndez Ferrín), “cidade revolcada” (Xela Arias), “abella da ribeira” (Manuel Lueiro Rey), “cidade, puro milagre” e “cidade teorema” (Celso Emilio Ferreiro), “Barcelona atlántica” (Castelao), “cidade pedramol” (Fran Alonso), “o porto dos portos” (Xurxo Souto), “o ímpeto creador” (Xosé María Álvarez Blázquez), “Vilagrande do sur” (Xosé Fernández Ferreiro), “a cidade nova e activa que quere ser o motor do noso país” (Suso de Toro), “capital das altas undas” (Anxo Angueira), “mar da brétema gris” (Helena de Carlos) “[cidade] de grúas asombradas” (Antón Reixa) ou “a cidade do horizonte” (Alfonso Pexegueiro), por citar só algunhas das definicións ou metáforas das últimas décadas.
Con esta mesma intención de esculcar dende o eido literario na alma viguesa, a Fundación de Vigueses Distinguidos publicou o libro “Vigo é palabra”, a primeira antoloxía poética protagonizada por esta cidade bicentenaria. Un volume esencial para a historia literaria local no que trinta e tres dos nosos poetas alongan o patrimonio da metáfora viguesa: “o triunfo do metal” (María Xosé Queizán), “[cidade] en revolución ascendente”, (Mónica Bar Cendón), “cidade que recende a salgado” (An Alfaya), “o sorriso do barcos” (Román Raña), “[cidade] de oliveira e orballo” (Alfonso Álvarez Cáccamo), “unha cidade que nunca quixo morrer” (Antonio García Teijeiro), “a cidade dos agoiros” (Anxo Quintela), “[cidade] de carácter Feroz” (Iolanda Zúñiga), “[cidade] abismo e paraíso” (Manuel Forcadela)… Patrimonio enriquecido coa achega de Ánxel Vázquez de la Cruz, o autor de Luz de Tebra (Xerais 2010), que dedica un capítulo das súas historias médicas á súa estancia a finais dos anos sesenta no Hospital Municipal do Regueiro. “O xardín equívoco” é o título dun texto no que o doutor tudense realiza unha das máis excepcionais gabanzas literarias realizadas a Vigo, cidade para el, “de reiteradas xeometrías fabrís, mariña e montesía, [que provoca] esquizofrénica fascinación”. Unha acaída coda literaria para este bicentenario.
Cando se cumpren dous anos da morte de Virxilio Vieitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes, acaba de inaugurarse un completísima exposición retrospectiva no Marco (case trescentas pezas) que desvela boa parte da súa obra que permanecía inédita. A exposición, coproducida polo Marco e pola Fundación Telefónica e comisariada pola italiana Enrica Viganó, vai máis alá do Viéitez que coñeciamos pola exposición e polo libro que hai doce anos publicaran Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón para O Centro de Estudos Fotográficos. Desta volta preséntase o que podedmos denominar «Virxilio total», con atención especial ao retrato dos documentos de identidade sobre fondo branco (de grande interese documental e etnográfico), así como o inicio da súa utilización da cor, que coincide cun momento de profundo cambio social (e político). Como sinala Enrica Viganò cada un destes retratos de Virxilio crávansenos na memoria pola súa elegancia formal, xa que cada unha das súas fotografías é «intensa, nítida e potente». Unha exposición que paga a pena visitar devagariño. Hai tempo para gozala, xa que estará aberta até o 24 de abril. Agardamos a poder coñecer o catálogo, chamado a se converter nun clásico da arte contemporánea galega.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración do ciclo «A Illa das palabras» e da fotografía da ría de Vigo do astronauta Soichi Noguchi, apoio a candidatura do Campus do Mar como campus de excelencia universitaria.
No artigo da semana reflexiono sobre a polémica suscitada arredor da creación dunha aula da UNED no Casco Vello vigués. Insisto na necesidade de acometer unha nova organización territorial superadora de localismos e privilexios decimonónicos. Nese novo modelo, as cidades de Vigo e Pontevedra deberían funcionar como senllos polos urbanos complementarios e hipercomunicados dunha rexión urbana única que aspira a converterse no centro de referencia do suroeste da fachada atlántica europea.
No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha homenaxe a Alejandro Febrero Lorenzo, o primeiro nadador olímpico galego, participante nos Xogos Olímpicos de Londres de 1948 nas disciplinas de 40o e 1500 metros crol (estilo libre). Esta figura debe ser revificada entre os novos deportistas vigueses. O seu exemplo de esforzo, tesón, afouteza, compromiso coa ría e coa nosa cidade de sal non poden perderse. A corporación debía valoralo e darlle o seu nome a un dos treitos do paseo das Avenidas, quizais como «Dársena Alejandro Febrero».
Procurando información na web sobre Alejandro Febrero, o primeiro nadador olímpico galego (Londres 1948), de quen me ocuparei no artigo do vindeiro luns en Faro, volvín dar con este vídeo sobre o Vigo da miña infancia. Non puiden evitar as saudades e aquí o deixo para compartir. Emocionante para min foi atopar aquel home do parisién (1:53′) ou comprobar a impresionante fasquía desa rúa Coruña, co edificio das casas de sindicatos ao fondo, onde estivo sempre a cafetaría Caribe. Memoria e saudades da nosa cidade de sal.
Non quero que quede atrás o artigo de Campo de Granada publicado o luns 16 de agosto, con motivo da viguesa festa de San Roque. Como sanroquista militante que son, non teño vergonza ningunha en asumir a nosa estirpe aldeana, mariñeira, obreira, traballadora e popular, termos cos que dende hai dous centos anos se ven escribindo o ADN da cidade de Vigo.
Bos amigos e amigas laiábanse onte no Facebook do escaso interese que para eles está tendo a Feira do Libro de Vigo. Sen pretender contradicilos e asumindo unha decepción de fondo, que comparto con eles sobre o modelo organizativo rotineiro desta Feira do Libro, froito da profunda crise da cultura participativa en Vigo (algo que merece unha reflexión devagariño), creo que, no obstante, se desenvolveron actos moi interesantes nos que quizais eles non repararon. Velaí esta performance do escritor Marcos Calveiro e o pintor Ramón Trigo, realizada o mércores 7 de xullo, coincidindo co delirio provocado polo equipo de Del Bosque. Outrosí sucederá, con certeza, coa magnífica intervención artística da escritora Teresa Moure, prevista para este serán, que se ven presentando con enorme éxito e interese por parte do público nesta xeira de Feiras do Libro de Galicia. A evidente insatisfacción polo modelo actual das Feiras do Libro de Galicia e pola función que cumpren neste difícil momento, caracterizado pola crise da edición cultural e de autor, como pola transición cara aos soportes dixital, non deben impedir que valoremos con xusteza algunhas experiencias tan valiosas como as citadas.
Os organizadores da Feira do Libro de Vigo acaban de facernos chegar a noticia de que finalmente será posible realizar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o mércores 7, ás 20:30 horas, xa que o concello de Vigo decidiu realizar a proxección do partido do campionato mundial de fútbol nun espazo do Castro. Xerais agradeceu as xestións realizadas polos organizadores da Feira do Libro, ao tempo qe saudou a rectificación do concello de Vigo, a promoción da lectura e o fomento do deporte e do lecer, nunca foron, nin deberán ser no futuro, incompatibles.
No acto de presentación do mércores d’ O pintor do sombreiro de malvas, novela gañadora do Premio Lazarillo 2009, acompañarán a Marcos Calveiro o editor Manuel Bragado e o ilustrador Ramón Trigo que agasallará a todos os asistentes cun debuxo. Na mesma xornada, a partir das 19:00 horas, María Reimóndez asinará exemplares do seu libro máis recente, O monstro das palabras, e do resto da súa obra. O mércores, pois, haberá posibilidade de escoller, tanto para aqueles que desexen ver ao aire libre o decisivo partido do equipo de Del Bosque, como aqueloutros que prefiran escoitar a Calveiro. Aproveitamos para expresar o noso agradecemento a todas aquelas persoas que se mobilizaron en Facebook, así como a Iago Martínez que se fixo eco da inoportuna coincidencia en Xornal de Galicia.
O pregón de Cid Cabido abriu no serán de onte a 36ª edición da Feira do Libro de Vigo. Mágoa que na segunda xornada xa teñamos que amosar o noso disgusto: vímonos obrigados a cancelar a presentación de Sete palabras de Suso de Toro, prevista para hoxe sábado ás 20:30 horas, pola súa coincidencia coa proxección do partido de España nunha pantalla xigante na Praza de Compostela, o mesmo recinto onde se realiza a Feira do Libro. O máis delirante do asunto, non é a coincidencia do horario das presentacións e do partido (que os organizadores e editores da feira asumimos), se non o feito de que sexan a Alcaldía do concello de Vigo e a Caixavigo as entidades promotoras da concentración de seareiros nun xardín histórico, onde ademais se celebra dende hai tres décadas (durante a primeira década de xullo) a cita cultural máis veterana da cidade. Unha coincidencia non fortuíta que amosa unha falta absoluta de respecto e sensibilidade para a cultura do libro e a lectura, sen menoscabo do deterioro que esta concentración de seareiros poida provocar sobre un espazo protexido (a concentración do partido anterior, deixou a praza enlixada de botellas e plásticos, feito que non foi criticado en medio ningún). Sendo moi discutible que as institucións públicas organicen este tipo de concentracións, non teño dúbida de que existen en Vigo outros espazos máis axeitados para instalar esta pantalla xigante (ocórreseme a praza da Estrela, a praza do Rei ou os espazos aberto das instalacións portuarias), o que permitiría, ademais, o normal desenvolvemento do programa de actos da veterana Feira do Libro viguesa para aqueles cidadáns que neles quixesen participar. Se os xogadores de Del Bosque se clasifican para as medias finais, volveremos a ter o mesmo problema o vindeiro mércores 7 de xullo, cando está previsto que visiten na Feira do Libro o escritor Marcos Calveiro e o cociñeiro Benigno Campos. Este Vigo magóanos.
O lamentable espectáculo ofrecido polo Celta, evitando sequera empatar diante do Huesca, é a enésima mostra da decadencia na que o primeiro club de fútbol dos galegos caíu dende que é propiedade do empresario Carlos Mouriño. Tras o descenso de só hai tres anos –a mesma tempada na que fomos eliminados da UEFA en oitavos de final polo Werder Bremen, tras derrotar ao Spartak de Moscova, e na que baixamos a segunda cando o Rácing de Santander non quixo empatar diante do Betis– os celtistas fomos agotando os listados de adxectivos para cualificar de forma mesurada o comportamento do cadro de futbolistas na lameira e o dos responsables técnicos e equipo directivo céltico nos despachos: “decepcionante”, “bochornoso”, “ridículo”, “escandaloso”, “deprimente”, “desilusionante”, “agónico”, “patético”, “suicida”, “horroroso”, “pésimo”, “mediocre”, “nefasto”…
Tras cinco adestradores, dous directores técnicos e dous directores xerais do club, tras tres ducias de fichaxes e cesións estrambóticas, o sucesor de Horacio Gómez nesta cuarta súa tempada tivo como maior mérito clasificar ao equipo apenas a dous puntos da categoría onde a vindeira tempada militará o humildísimo Coruxo, presidido por Gustavo Falque e moi ben dirixido dende o banco por Josiño Abalde (Beizóns aos heroes do Vao!). Unha tempada, como as anteriores, pobrísima en resultados na que, porén, a aposta arriscada do adestrador Eusebio Sacristán pola canteira ofreceu a posibilidade de ver ao Celta co maior número de xogadores galegos das tres últimas décadas, un aliciente que os responsables do club non souberon traducir nun valor abondo para convencer aos milleiros de celtistas a que regresasen ás bancadas do envellecido Balaídos.
Sen negar o incerto dos resultados dunha categoría igualadísima e futbolisticamente pobre como é a Segunda; máis alá da necesidade de axustar os orzamentos a uns ingresos que sofren un descenso en picado pola diminución das taquillas e dos dereitos televisivos, cuestións que afectan á maior parte dos clubs da categoría (utilicen como o Celta o concurso de acreedores para evitar a súa desaparición societaria ou o vaian facer no futuro), o que chama a atención da deriva do Celta SAD nestas tempadas é a ausencia dun proxecto estratéxico, apoiado e asumido polo conxunto do celtismo, que permita enxergar un futuro con algunhas doses de esperanza. Hoxe o Celta non ten proxecto nin rumbo. Neste déficit emotivo é onde se atopa a cerna da actual decadencia celeste, a auténtica e máis dolorosa derrota que padecemos os seus seareiros. Unha doenza grave, moi grave, que o actual propietario do club minusvalora, o que constitúe unha amaeaza para a continuidade dunha institución deportiva con oitenta anos de historia e para unha cidade e un país onde o fútbol é unha actividade deportiva centenaria.
Dende a marcha do club de Félix Carnero como director deportivo, Mouriño prescindiu dos celtistas no cadro técnico e apostou polos “profesionais” de conveniencia. Velaí os pobres resultados de Ramón Martínez e Miguel Torrecilla que enrolaron no cadro vigués a un longa nómina dos seus coñecidos que, coa excepción tan honrosa de Silva (bautizado en Balaídos como “Silviña”), non deixaron pegada na nosa memoria nin amosaron, cando xogaron (algúns moi pouco o fixeron), compromiso ningún coas nosas cores. Pola contra, xogadores de sangue celeste como Gustavo López e Francisco Noguerol, dous dos nosos capitáns máis comprometidos e honrados, foron despedidos sen o mínimo respecto nin recoñecemento pola súa traxectoria en defensa da camiseta nosa. Outrosí sucede coa liquidación de xogadores valiosos como Roberto Trashorras ou Falcón, expostos á venda dunha forma tan pouco discreta que avergonza. Disparates, que demostran a falta de habilidade dos dirixentes célticos (sexa Mouriño ou o actual director xeral) para moverse no territorio dos soños e dos sentimentos, qué é onde, tamén, se xogan o futuro os clubs de fútbol profesional (aí están as eleccións recentes do Barsa para demostralo).
Cada club asina un contrato de emoción coa súa afección. Un documento non escrito, renovado cada inicio de tempada, sometido a análise cada xornada na bancada, onde se recollen os niveis de afouteza, compromiso e xogo bonito a respectar por parte dos xogadores e do adestrador que, máis alá da coiuntura dos resultados, serán correspondidos por niveis equiparables de entusiasmo e apoio incondicional por parte dos seareiros. Esa é a fórmula (“Nunca camiñaredes sós” din en Anfield, “Sempre Celta” dicimos en Balaídos) que asegura a continuidade dos clubs (a “Historia”) máis alá de presidentes e adestradores. Carlos Mouriño nunca quixo asinar ese contrato co celtismo. Temo que mentres o equipo continúe nas súas mans, vaia facelo.
Henrique Otero Covelo, «o gaiteiro do Fragoso», naceu hai case oitenta anos no camiño da Brea, en Lavadores. Os seus primeiros pasos no eido da música deunos ao pé da casa, nas Escolas Nieto, onde Mónico García de la Parra y Téllez, descubriu o seu talento como instrumentista. Con a penas dezaseis anos, entrou a formar parte da Banda Municipal de Música como trompa, para pasar logo a tocar o fliscorno e o bombardino; despois de case cincuenta anos domeando o vento, era o músico máis antigo no momento da súa disolución no ano 93.
No servizo militar serviu na sección de gaiteiros do Ministerio do Exército de Madrid, cidade onde coñeceu o gaiteiro lucense Antonio Martínez, que lle deixou unha forte pegada. O mozo Covelo intuía xa o que era a gaita enxebre, a gaita non lixada, a gaita do arrogante gaiteiro de Penalta que cantou Curros Enriquez, a pureza das notas de Xan Míguez o «gaiteiro de Ventosela», ou a de Avelino Cachafeiro o «gaiteiro de Soutelo».
De volta a Galicia, entrou no grupo de gaiteiros «Vento das Cíes» e, pouco despois en 1958, coincidindo coa celebración do IIº Concurso de Gaitas convocado pola sección viguesa de Educación e Descanso, fundou co gaiteiro Suso Portela «Os Cruceiros»; un cuarteto clásico que completaban Carlos Conde, tamborileiro, e Manolo Solla, bombeiro, e, ao que ocasionalmente, se engadía Militón, un consumado xenio no arte da pandeireta.
«Os Cruceiros» sortearon durante vintecinco anos os perigos trivializadores do folclorismo que promovía a Sección Feminina e os Coros e Danzas do Réxime coas únicas armas do seu talento e da súa intuición; acadaron grande popularidade en todo o país, chegando a gravar un elepé e catro discos singles. «Airiños do Parque de Castrelos», «Airiños de Sampaio», «Os Morenos de Lavadores», «Os Campaneiros de Vilagarcía», «Os Garceiras de Melide» ou «Os Raparigos de Ferrol» foron outros grupos que mantiveron viva a nosa música popular nun tempo heroico para a expresión da nosa identidade.
O gaiteiro do Fragoso non se conformaba e será quen propoña en 1966 ao alcalde Portanet a creación dunha Escola de Gaiteiros na Escola de Artes de Oficios. Iniciativa que se concretaría en 1971 coa posta en funcionamento dunha aula experimental de gaita dentro do Conservatorio Municipal de Vigo da que será o seu primeiro mestre. O fito senlleiro desta primeira «cátedra da gaita galega» levarao a loitar por dar un paso máis aló: facer oficial a gaita. Un novo soño feito realidade en 1977, co apoio do pleno da Corporación, cando o Ministerio de Educación y Ciencia recoñeceu por vez primeira os estudos oficiais desta expresión musical.
Dende a súa cátedra do Conservatorio vigués o gaiteiro do Fragoso desenvolveu unha inxente tarefa como facedor de gaiteiros e defensor da mellor tradición gaitística galega. Coma formiguiña entusiasta puxo os alicerces da alborada actual da nosa gaita no mundo. Velaí a publicación das súas Leccións de gaita no ano 1978. Velaí os seus centos de alumnos e discípulos como o mestre Xaime Estévez Vila ou os recoñecidos Carlos Núñez e Susana Seivane. Velaí a vixencia das súas pezas interpretadas por grupos como Noitarega ou Treixadura. Velaí as súas duascentas dez composicións orixinais, reunidas baixo a denominación d’ Os cantares dos gaiteiros, unha única obra, magno friso creativo da música popular contemporánea de noso. Velaí a profundidade dalgunhas das súas pezas vocais, inesqueciblemente emotivas como a «Oración do gaiteiro» que escribiu no recordo dos rapaciños do Colexio Vista Alegre de Cabral, afogados no accidente do río Órbigo; velaí o virtuosísmo da súa muiñeira da «Marmuradiña», a profundidade da súa «Alborada do Fragoso», a enxebreza da súa «Muiñeira do Lagares», ou a riqueza tímbrica formidable da súa «Jota do Gaiteiro do Fragoso».
O gaiteiro do Fragoso toca a gaita que sabe a herba, a das raíces da terra, a do sabor popular que nos permite brincar con entusiasmo. Os nosos parabéns pola homenaxe que recibiu onte en Vigo, gaiteiro, mestre de gaiteiros!
Este serán ás 20:00 na Libraría Librouro participaremos na presentación de Feijóo, o galego e nós, a escolma xornalística que coordinou Xosé María Álvarez Cáccamo sobre o conflito aberto dende o pasado ano polos sectores negacionistas da nosa lingua. Será unha boa oportunidade para saudar a Pancho Pillado, o noso bo amigo, responsable Laiovento, a editora do libro, ao tempo que reflexionar sobre o momento no que estamos no conflito do idioma. Estes libros que vimos editando nos dous últimos anos arredor da lingua están contribuíndo tanto a profundizar nas análises arredor das políticas lingüísticas e da saúde cada vez máis precaria do idioma noso, como a repensar o discurso e as formas na súa defensa. Comparto as doses de entusiasmo e realismo de iniciativas como GalegoLab, que enxergan novos vieiros para o fomento do galego en todos os eidos da vida social e para a defensa dos dereitos lingüísticos de todos os cidadáns e cidadás do país.
No artigo da semana abordo o que entendo son as perspectivas coas que se abriu a carreira electoral para a renovación da coporación do concello de Vigo.
O programa de Vigo Transforma é xeitoso, interesante, mais cando coñecín a web produciume enorme desacougo que de alí desaparecese completamente o galego. Un feito absolutamente inaceptable nun evento organizado polo Xacobeo 10, organismo dependente da Consellaría de Cultura e Turismo; máis incoherente aínda cando pretenciosamente o festival preséntase adornado cun concepto de sostibilidade dun «acontecemento social cultural que se involucra na cidade». Acaso en Vigo ou en Galicia non falamos tamén o galego? Vai forma de involucrarse coa cidadanía! Parécenos moi valioso facer en Vigo un festival de música independente e de novas expresións artísticas e creativas (non imos debater ni os contidos do programa nin o modelo de organización e financiamento), mais negar outra volta a nosa lingua, facer desaparecer o galego da web do evento, sen tan sequera ofrecer a posibilidade dunha tradución ao galego (xa non pedimos máis) é un escándalo. Anóxame máis cando vexo na grella de patrocinadores institucionais á Tenencia de Alcaldía de Vigo, Concellaría de Cultura (que incumpren a Ordenanza vixente de Normalización Lingüística) e Puerto de Vigo. Non podemos nin debemos calar, esiximos que os organizadores de «Vigo Transforma» pidan desculpas decontado e presenten toda a súa publicidade tamén en galego, é un dereito que nos asiste aos cidadáns que usamos esa lingua.
Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.
Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»
Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»
No artigo da semana reflexiono sobre o papel estratéxico que entendo debe adoptar Vigo tras o novo escenario da reconversión das caixas. O Vigo metropolitano debe asumir un liderado que dependerá tanto do comportamento dos tres grandes motores da nosa economía metropolitana (automoción, construción naval e actividade portuaria) como da capacidade política de artellar un novo modelo de administración territorial baseado na creación dunha área metropolitana que funcione como centro equilibrador desa eurorrexión Galicia e Norte de Portugal de sete millóns de habitantes (o 12% de toda a península ibérica).
O locutorio Khewal estivo na rúa Elduayen, fronte as escaleiras que dan acceso á Ferrería. A comezos do ano 2000 foi o primeiro que se montou en Vigo para inmigrantes. Un local pequeno, apenas vinte metros cadrados, no recanto onde noutrora estiveran ubicadas, nun quiosco modernista, «Mi bebé», «La Rosa de Oro» (unha mercería moi ben surtida que lle facía a competencia a «la Favorita») e a churrería «La Vallisoletana», a que inventou os churros de pico que vendían en cucuruchos do Faro. Ao locutorio –«khewal» significa «sorte», na lingua wolof, que falan os senegaleses– acudían, especialmente os domingos pola tarde, os inmigrantes procedentes de Senegal, Ghana, Nixeria, Angola, Perú, Colombia ou Ecuador.
Moitos dos vigueses que traballaron en Hamburgo, Zurich ou Xenevra lembrarán os locutorios dende os que eles chamaban, en contadas ocasións e con grande esforzo económico, á familia que aquí agardaba. O locutorio Khewal non era moi diferente daqueles que pisaban os emigrantes galegos dos setenta: tres cabinas telefónicas diminutas, onde non cabe sequera un tallo nin unha cadeira, presididas por unha fotocopia dos prefixos telefónicos do mundo e por un moderno tarifador dixital que, a pesar da «tarifa plana», marca inexorable o tempo da despedida. Un fax público, unha fotocopiadora e unha oficina da Wester Union (que xa utilizaba Anais Nin, como conta nun dos seus diarios) para enviar ou recibir cartos en todo o mundo, sen necesidade de tarxeta de crédito ou conta bancaria, completan os servizos que se ofrecen nestes establecementos pensados para os inmigrantes. Paradoxicamente, nestes tempos da telefonía móbil, proliferan estes locutorios da telefonía tradicional; son verdadeiros espazos de encontro onde matan saudades as persoas que tentan entre nós de inventar novas vidas como mariñeiros, vendedores ambulantes de chilindradas, traballadoras do servizo doméstico ou peóns ocasionais daqueles traballos que aquí, a pesar dos 260.000 desempregados e da Gran Recesión, ninguén quere.
Léopold Sédar Senghor, o poeta que foi presidente da República do Senegal até a súa renuncia voluntaria en 1980, autor de poemarios formidables como Cánticos de sombra ou Hostias negras expresou nas Cartas da invernada as súas saudades da estación das chuvias na súa terra natal que comeza en xuño para rematar na segunda quincena de outubro. Aquela invernada, que evocou poeticamente Senghor como «iuiubos que rezuman fragrancias, enchidos do zunido de abellas solares», son as saudades que esta tarde (do chamado por nós e pola nosa mercadotecnia «día da nai») identifiquei volvendo para casa nas olladas duns emigrantes mozos que agardaban a súa quenda á porta do agora ciberlocutorio que funciona no local do pioneiro Khewal de Elduayen. As súas olladas deitaban «fragrancias enchidas de suor e salitre».
A páxina marítima do Faro anuncia que entrou peixe na lonxa: «Dezaseis bakas, con 90.000 quilogramos e un pincheiro con sete mil quilogramos e dous espadeiros con oito mil quilogramos de peixe entraron onte no Berbés». Bacallao, badeixo, berete, bogóns, botos, brecas, castañeta, congrio, quenlla, marraxo, linguado, pescada, pescadiña, pescadiña fina, peixe sapo, polbo, pota, raia, rapante. Son as cinco e dez da mañá. A serea anuncia a entrada dun barquiño de baixura. Axiña vai comezar a poxa nesta cidade do peixe. Xurxo Souto proclámao con fachenda: «Se Galicia é un reino mariño, tecido con mil singraduras, o reino largo do mar ten unha capital verdadeira: O Berbés, o porto dos portos». E non lle falta razón a Xurxo, por que os fíos de todas as mareas enguedéllanse, cada madrugada, desde hai máis de douscentos anos, coma un novelo na nosa Ribeira, dende a humilde praia de pescadores de atún, que impresionou a Hemingway na súa visita do ano 1921, ao desaparecido Tinglado General de Empaque, dende os novos peiraos do recheo á moderna Lonxa de Beiramar. Os vigueses somos o que somos grazas ao boureo diario do Berbés.
Os norais do Berbés están gastados con tanto trafego. Hai noventa anos que os primeiros bous subiron ao Gran Sol, o Mar Céltico, na procura do mar das Galiñas ou do mar do Candil. Daquela comezaron a improvisarse estaleiros nos peiraos e nas rampas dispoñibles do vello barrio de pescadores. Os carpinteiros de ribeira afanábanse en labrar cascos maiores e os primeiros armadores encargaron a Glasgow máquinas e caldeiras para equipar os seus moto-pesqueiros de fume. Cos anos cincuenta, as primeiras parellas, como o «Rande» e o «Rodeira», cruzaron o Atlántico á procura do bacallao de Terranova. Dez anos despois, da man da recén creada Pescanova, o «Lemos», o «Andrade», o «Doncos», «o Pambre», «o Soutomaior» e o «Vimianzo» –nomes dos castelos galegos para os primeiros conxeladores de altura– atracaron nesa cidade galega que dende entón é Capetón (Cape Town, A Cidade do Cabo). A partir de 1977, coa consideración das 200 millas como novo límite das augas xurisdiccionais e coa nova política pesqueira comunitaria as nosas embarcacións foron expulsadas dos caladoiros tradicionais que abriran con velas e carbón, case cincuenta anos antes. Sempre inqueda, a nosa xente do Berbés abriu na dúas últimas décadas novas rotas oceánicas: descubríronse os caladoiros de Malvinas, das Seichelles e Madagascar no Índico, onde traballan os atuneiros dos «Albacora» ou do fletán do Atlántico Norte. Mais iso xa é outra historia que haberá algún día que contar. Hoxe apenas quedan esoutros nomes de embarcacións que quixemos rescatar da memoria nosa.