Saín moi satisfeito da presentación do premio Merlín deste ano, un acto que evidencia a madurez adquirida por Anxo Fariña, un dos nosos autores hoxe con maior proxección. Como sucedera hai vinte e cinco anos, cando unha nova e ampla xeración de autores iniciou o proxecto dunha literatura infantil e xuvenil en galego normalizada, identifico nestes últimos anos varias xeiras de autores e autoras moi interesantes que se afanan en continualo e anovalo. Unha noticia excelente. Entre eles atopamos a singularidade e dinamismo de Fariña que, como fai tamén o xenial Jacobo Fernández Serrano, arrisca escribindo e ilustrando dende as marxes da fantasía e da ciencia ficción sobre temas clásicos da literatura xuvenil. Tras o éxito rotundo dos Megatoxos, serie que será reeditada na súa totalidade por Xerais o vindeiro ano, Fariña escribiu e ilustrou un formidable relato no que visita o mito de Prometeo, como fixera Mary Wollstonecraft Shelley co seu Frankestein. Faino coa intención de procurar, dende a confianza nas posibilidades da ciencia –máis en concreto da biotecnoloxía e a robótica–, os límites da perfección do ser humano. Unha angueira científica, a da paixón polo coñecemento, á que engade outra mítica, a da procura da Atlántida. A busca da porta da civilización labiríntica perdida da que falaba Platón permite viaxar ao lector ou lectora (vivir unha aventura), como sucede nos Megatoxos, entre os espazos do pasado e o futuro. Mención á parte merece gabar o estilo comunicacional de Fariña empregado nunha presentación de formato tan innovador como eficaz. Parabéns, Anxo!
Edicións Xerais de Galicia e o IES Rosalía de Castro de Santiago organizan o vindeiro xoves, 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro , rúa San Clemente, s/nº de Santiago, o acto literario “25 aniversario da publicación de Polaroid de Suso de Toro” que contará coa participación de Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato, Suso de Toro e Iago Martínez que actuará como moderador.
Con motivo desta celebración, Suso de Toro escribiu:
Tras «POLAROID» Por Suso de Toro
No ano seguinte á súa edición Polaroid entrou nas aulas dalgúns institutos de ensino medio, e non deixou de sorprenderme. Cando estaba a escribir, fabricar, aquel artefacto sentía o gozo da creación un tanto desesperada: quén me había editar aquel libro tan extravagante e bizarro?
Lembro que foi o meu amigo Pepe Barro quen lle falou do libriño anterior, Caixón desastre, a Luis Mariño, naquela altura o editor de Xerais, e o Luis interesouse polo que estaba a escribir. Luis Mariño era todo un personaxe dun Santiago e dunha época que merece ser contada algún día, sobre calquera outra cousa era un home moi culto e sempre a uliscar calquera nova na cultura e nas artes. O que estaba no aire apañábao el e logo transmitíao, era un axente comunicador. Non sei ben a lectura que fixo daqueles folios escritos na máquina “Underwood” que aparece fotografada no libro nin tampouco da idea de que a fotografía fose parte do discurso do libro. Sei que a min amosoume o entusiasmo dun rapaz que estivese a argallar unha trasnada, como que estabamos a armar un foguete literario. Anos despois díxenlle a outro editor que se non fose o Luis ninguén me editaría semellante libro naquel tempo, contestoume que el si o tería editado. Non o crin daquela nin o creo hoxe, editar Polaroid foi un dos atrevementos do Luis Mariño, un editor que estaba alén da intrepidez. Obrigado, Luis.
Foron tamén intrépidas aqueles ensinantes que se atreveron a introducir entón nas aulas un libro así e que lles creou problemas en varias ocasións. Desde aquela ten mudado a cultura social e a través da televisión e da internet os rapaces medran co coñecemento dun nivel de violencia e de brutalidade na linguaxe que daquela era impensábel fóra dun libro adulto e minoritario, naqueles anos aqueles anos un libro así nunha aula era unha brasa nas mans. E, con todo, déronllo a ler aos seus alumnos adolescentes, había ser interesante lembrar os motivos daquela elección literaria. Pode que fose porque achasen nel méritos expresivos e pode que fose tamén porque encontrasen alí cousas que lles resultasen novas e que considerasen útiles para o seu alumnado.
Pasaron os anos e así e todo, a pesar da miña mala memoria, lembro con moita claridade o día no que á fin fun a Vigo coñecer o meu editor. O anterior libriño editáramo a universidade de Santiago e aquela era a primeira vez que trataba cun editor profesional e que ademais mostraba ilusión por editar o libro, supoño que é algo que un autor non esquece. Son ben lindos case sempre os comezos e mais é linda a xuventude. E coido que Polaroid ten algo do espírito da xuventude, téñolle envexa, pego no libro agora e aínda me bate con forza. Os primeiros libros créanlle logo incomodidade ao autor que foi escribindo outros e evolucionando, tamén Polaroid lla crea ao autor e con todo non podería renunciar a ese libro. Adoro esa intrepidez, esa insolencia. É evidente que non todo o mundo comparte esa querencia miña, é natural.
Desde sempre entendín que para un escritor non é cousa boa o frecuentar o trato doutros escritores, probábelmente nunca me acabei de sentir un escritor de vez e sempre me sentín un intruso, iso confirmóuseme xa por entón. Debeu ser nese ano de 1986 que coincidín cunha figura das letras, cando logo lle preguntaron “e que tal fulano é ese tal Suso de Toro?”, contestou sen dubidar: “Un completo insensato. Un tipo perigosísimo.” Iso é mesmo música nos ouvidos para ese lado salvaxe e infantil que necesariamente ten todo artista, mais non estou certo eu de que lle deba dar completamente a razón. Hai máis racionalidade da que parece nesa literatura e mesmo nesa figura de autor e non se entende cabalmente Polaroid nin ao seu autor naqueles anos se ignoramos o contexto histórico. Naqueles anos a Galiza estaba envolta nunha brétema de mixtificacións, tanto creadas desde unha autonomía que se estaba a instituír sen convencemento ningún por elementos moi reaccionarios como desde o nacionalismo galego, que vivía nun mundo de ensoñacións, incapaz de ser autocrítico e de aceptar a realidade social existente, tan complexa. E pois é un libro conscientemente inconsciente e por responsabilidade é irresponsábel e custiona ideolóxicamente aquelas mixtificacións consensuadas. E todo por causa de abrir camiños que me pareceron cerrados.
Tamén había de dicir aquí que sigo a pensar que a insistencia dos escritores en ofrecer unha imaxe de respectabilidade, de formalidade, é unha confesión de que desconfiamos de nós propios, tememos á nosa mesma natureza, que se alimenta da irracionalidade na que beben todos os artistas. Todo o que o artista ofrece aos demais nace primeiramente dese lago escuro do irracional. Se a sociedade pídenos finxir o que non somos daquela é que non nos acepta como somos.
O autor nunca foi tan libre como cando o escribiu e, sendo a creación literaria sempre un tipo de gozo, tampouco nunca se divertiu tanto. Pode que toda a graza que teña o libro estea aí, a alegría da liberdade creativa. Eu posteriormente referinme a asuntos estéticos para xustificar o seu valor; mixiricadas, todo se resume nun escritor novo que escribe o que quere e quéreo todo. Pura autoexpresión dun autor.
Desde o momento da edición tiven conciencia de que aquel libro aínda era un paso previo dentro dun propósito, ese propósito aínda me había pedir un libro máis extenso e elaborado e que acabou sendo Tic Tac anos máis tarde. Sen embargo non preciso xustificar Polaroid por propósitos máis amplos, pasan os anos e sigo a velo novo e incómodo, non muda a súa natureza ríspida, sempre a rir, sempre coa súa dor. As súas páxinas percorridas por inesperados arames eléctricos, nunca un “clásico” e sempre deliberada e ferozmente imperfecto. Teño envexa daquel autor que o escribiu, nunca xa alcanzarei a graza que el tiña.
Eis este libro que só existe en galego, nunca acabei de decidirme a editalo noutras linguas. Non sendo un libro autobiográfico e totalmente íntimo, está aquí a miña dialéctica co meu país, o meus países, a Galicia e a Galiza. Sempre pensei que as cousas que se falan a voces entre o autor e os seus países eran cousas moi particulares e que non se comprenderían ben fóra da familia. Quen sabe se non estou equivocado, pois todo cambia. Até desaparece o sistema de revelado da marca “Polaroid”, forma parte xa das cousas idas, da melancolía. Sen dúbida que ler este libro hoxe tamén é viaxar a algunhas cousas idas. Supoño eu. Con todo, trasncorridos vintecinco anos e atravesados limiares na vida do autor que non teñen volta, sigo a gustar del. Será porque Polaroid xa é pasado mais é un pasado presente.
A viguesa libraría Librouro encheuse na presentación de Vía secundaria, a obra de An Alfaya gañadora do Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia 2010. A magnífica e clarificadora intervención de Ramón Nicolás salientou a importancia dunha obra na que se formulan algunhas preguntas esenciais sobre os problemas do ser humano no noso so tempo, como son a incomunicación e a soidade, sen esquecer a memoria, así a secas, sen o adxectivo, «histórica», para evitar o pleonasmo. Despois, An Alfaya desvelou que a escrita de Vía secundaria, na que empregou trinta e un días, tantos como capítulos ten a novela, fora un traballo de contención e equilibrio, consciente que de precisaba para axustarse ao xénero solicitado da maior economía da linguaxe. An rematou a súa intervención lendo os títulos de todos os capítulos da novela, que conforman un poema, enfatizando nas palabras claves da obra (tags literarios): soidade, sangre, covardía, vinganza, destino, felicidade… Hai tempo que considero a An Alfaya como un valor seguro da narrativa galega actual, unha autora que acredita un impresionante currículum de premios e un amplo catálogo de excelentes novelas, algunhas memorables, como A sombra descalza, para min unha das novelas galegas da primeira década de 2000 que quedarán. Unha autora que queremos e admiramos polo seu traballo tan sólido como discreto. Beizóns para An Alfaya!
Coa presentación en Compostela de Extramunde, a novela de Xavier Queipo gañadora do Premio Xerais 2011, iniciamos a nosa tempada de Nadal. “O embigo do mundo” é un espectáculo artístico, unha presentación literaria de formato innovador, onde se mestura o teatro da man de Quico Cadaval e Anabel Lago, a danza contemporánea de Olga Cameselle e a música e a palabra do colectivo Río Lagares (Mister Choco e Xavier Queipo) para convidar e incitar aos lectores a participar do espazo e da aventura de Extramunde. Un acto, ademais, que pretende recoñecer a traxectoria dun dos escritores que posúen unha das obras (non só narrativa, tamén ensaística e poética) máis sólidas e orixinais das dúas últimas décadas. A metáfora do embigo do mundo acuñada por Queipo, como a dos círculos e dos ollos de grafiti de Ce Tomé, o autor da magnífica cuberta de Extramunde, nos centos de fotografías proxectadas na derradeira parte do espectáculo, lonxe de calquera intención narcisista dos seus autores, ten que ver coa exaltación colectiva do valor da diversidade e da construción dun mundo creativo propio dende a identidade galega, alí onde residen as células nais da nosa lingua e dende onde se continúa a nosa cadea de transmisión cultural. “O embigo do mundo” é a afirmación da nosa centralidade creativa, fronte a calquera condición periférica que pretenda rebaixar o noso horizonte. O de Queipo é un espectáculo moi interesante que repetiremos o serán do venres no Museo do Mar de Vigo. Aconsello non perdelo.
Aproveitei as horas de viaxe a Frankfurt, no servizo de Air France, para avanzar na lectura dun relato autobiográfico moi interesante, do que debo gardar discreción. Engaioloume tanto a lectura do orixinal e tomei tantas notas, que nin sequera me anoxei cando agardarmos durante case dúas horas dentro do avión a saída da conexión que fixemos en Charles de Gaulle. Cada vez interésanme máis este tipo de obras, tanto como lector como editor, onde o valor da memoria encárnase nun relato de vida concreto. Creo que son lecturas de madurez, que axudan a reflexionar sobre a experiencia do vivido, onde o relato explora os límites imprecisos existentes entre o ensaio e a narración. O estenso catálogo do libro galego non conta con moitos títulos de memorias, como sucede, tamén, co xénero da biografía literaria, menos frecuentado do que sería desexable. A inminente publicación en Xerais Crónica das memorias de Fernando Pérez Barreiro Nolla, Amada liberdade, en colaboración coa súa compañeira Teresa Barro, así como as biografías de Luís Soto, preparada por Xurxo Martínez, e a de Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás, coincidindo co centenario do nacemento do poeta de Celanova e co ano a el dedicado, pretenden ampliar este catálogo destinado a salientar o valor da memoria.
Viaxamos até Muxía para participar na presentación da novela de Rivadulla CorcónO noso amor será eterno. O salón de actos do Museo do Voluntariado, onde está instalada a impresionante exposición fotográfica permanente dos traballos del impeza do Prestige, foi un espazo ideal para desenvolver un acto onde se falou moito e ben de Muxía, de López Abente, do mar, de cultura mariñeira, de lendas, de literatura e do propio Corcón. Gostei moito da intervención de Vicky Rivadulla, un motor cultural de Muxia, que definíua ao seu irmán como «un militante da vida» que asume a arte como unha forma de estar no mundo procurando unha utopía, «esoutra cousa que é posible para Galicia e para a humanidade». Gustei, tamén e moito, da intervención do poeta Miro Villar, documenda, sólida, serena e moi suxestiva para incitar a lectura dunha novela na que se mesturan os planos do real e do marabilloso, onde a amizade é considerada o valor supremo. Pechou a quenda de intervencións un Corcón pletórico e feliz. Recoñeceu que «esta novela pretende ser un reflexo do que eu sinto é Muxía; este é o meu libro máis muxián». Homenaxeou de forma moi xenerosa aos seus amigos, aos que fixo personaxes da novela, prometendo «que no próximo libro que escriba estará urxentemente Alejandro», o mariñeiro que máis promoveu o seu alcuño de «Corcón», xa que «cando era pequeno eu era moi fraquiño, coma un corcón». Corcón lembrou que «a Costa da Morte é o que é grazas as súas mulleres e aos seus mariñeiros, máis tamén o é polos seus escritores, que sempre tivemos ao longo da historia». Con todo, o máis aplaudido dunha intervención moi celebrada polo público, moi numeroso (agotáronse os libros á venda). foi cando Corcón enfatizou sen aceno ningún de ironía: «Cando alguén te quere, hai que querelo. Non hai outro remedio». Ben sei que Corcón. a quen coñecimos como creador do programa «A canción do vagabundo», é unha auténtica marabilla! Onte foi un deses seráns nos que un agradece desempeñar este oficio de editor. Beizóns para Corcón!
Magnífico o discurso de Carlos Callón na presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos en Compostela. Con sutileza e firmeza rebatiu unha das afirmacións que con anterioridade fixera Francisco Rodríguez: «non é certo que teñamos que ser xubilados ou funcionarios para exercer os nosos dereitos lingüísticos». USAR, SOLICITAR e ESCOLLER son tres dos verbos chaves do novo activismo lingüístico que propón Callón, baseado na corresponsabilidade individual e na confianza de que é posible superar os prexuízos e as falacias tecidas arredor do idioma. Unha inxección de entusiasmo que non significa de maneira ningunha abandonar a cobertura política das estratexias normalizadoras, mais que supón unha valiosísima actualización do discurso hexemónico nacionalista sobre a normalización do idioma. O centenar de persoas que ateigaron o Dezaseis comprobaron como neste eido, afortunadamente, estase producindo unha importante renovación, non só xeracional, que tamén.
Á mañá recibín un novo limiar para o que será A Derrota de Galicia, o libro de ensaio político, que publicaremos a comezos da vindeira primavera, no que Antón Baamonde reflexiona sobre a inexistencia na Galicia actual dun proxecto propio de modernización. Lin decontado o texto lúcido e duro de Baamonde, despois de ter revisado algúns dos comentarios que denuncian o expolio que supón valorar nun 6,87% a participación que a caixa terá no banco que ela mesmo creou. Non deixa de ser desacougante que para algúns medios e «comentaristas de referencia» a noticia non merecese mención. Outra proba desta desfeita enorme. Si, efectivamente, perder un instrumento financeiro propio, en clave de país, é outra derrota do proxecto de construción de Galicia como nación; un fracaso deste anémico goberno de Feijóo, mais tamén da oposición incapaz de ofrecer o entusiasmo dun programa alternativo. Á noite, abrindo a caixa de correo atopo razóns para a esperanza enviadas polo benquerido Agustín. Arnaldur Indridanson, o escritor islandés que lerá o discurso inaugural da Feira de Frankfurt 2012, na que o seu país será o convidado de honra, lembra que «a riqueza dunha nación non está na Bolsa. senón nos seus libros». Quen pode dicir, entón, que Galicia está derrotada?
Creo que é interesante recoller a entrevista (pdf) que me fixo Carmen Alonso publicada o pasado domingo nos xornais El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Creo que dá algunhas das claves das nosas preocupacións profesionais deste tempo.
Non vou especular sobre as hipóteses que manexamos sobre o que nos pasou onte. A anotación de Alberto Quián explica de marabilla os límites tan imprecisos existentes hoxe entre algún tipo de xornalismo dixital e o publicado nas redes informativas e sociais. Quen me coñeza sabe que teño insistido nos últimos seis ou sete anos, xa desde o inicio da andaina do goberno de coalición PSdeG-PSOE BNG, –neste blog, mais tamén nos artigos semanais de Faro de Vigo, nas entrevistas, nas conferencias ou nos debates aos que fun convidado– na idea de que na edición en galego vivimos tempos difíciles, tempos de mudanza e incerteza, provocada polo tránsito entre o analóxico e o dixital, un proceso agravado no caso galego dende a ruptura do consenso arredor do estatus do idioma. Tempos que requiren doses elevadas de esforzo, de innovación e reciclaxe, así como de corresponsabilidade empresarial, gremial e intergremial. A pesar de que me poida custar novos disgustos coma o de onte, por responsabilidade e honestidade, seguireino dicindo coa mesma enerxía e sen perder un ápice do entusiasmo imprescindible para continuar coa que eu chamo «fantasía» de Xerais.
Tras o rebumbio do mediodía, co acougo do serán botei contas do traballo previsto para estes tres vindeiros meses, o da «Reentrada de Outono» e o da «Campaña de Nadal», un dos momentos máis intensos de traballo de cada exercicio, creo que non imos ter mal balance. Xerais publicará máis de 30 novidades impresas, nos eidos da edición literaria, infantil e xuvenil e referencia. Entre eles estará un groso Dicionario xurídico galego, coeditado coa SXPL e Rexurga; unha novidosa Xeografía de Galicia de máis de medio milleiro de paxinas; un volume doutras tantas que reúne todos os contos de Manuel Rivas ou as novidades narrativas de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela,Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo co seu agardadísimo Extramunde, Premio Xerais de novela. Ofreceremos senllas crónicas, fotográfica e narrativa con motivo do vinte e cinco aniversario da movida viguesa. No eido infantil publicaremos a nova novela de Cornelia Funke, anticipándonos seis meses a súa aparición en castelán; a segunda entrega da serie de Jacobo Fernández Serrano, un libro de limericks precioso de Antón Cortizas, ademais dos premios Merlín de Anxo Fariña e Caixa Galicia xuvenil de Héctor Carré. Edicións impresas ás que engadimos á da Axenda Xerais, un produto con máis de vinte anos de vida. Editaremos media ducia de novidades nativas en e-book de formato e-pub; inauguraremos a Biblioteca Dixital Xerais, que permitirá, inicialmente, acceder de balde á lectura na nube de oito títulos descatalogados das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas e Materiais; ademais de abrir un versión beta do noso espazo en liña para que o profesorado de Educación Infantil e o de Lingua de primeiro ciclo de ESO poidan acceder aos nosos primeiros contidos dixitais educativos. Mentres, o Departamento de Promoción colabora coa Comercial Grupo Anaya nas campaña de lanzamento do novo Dicionario Xerais de Primaria, da serie dos Megatoxos e da presenza de autores e autoras nos centros; prepara máis de vinte e cinco actos de presentación de novidades polo país enteiro –Lugo, Santiago, Ponteceso, Vigo, Marín, Muxía ou Lalín, serán as localidadesda primeira quincena de outubro–, así como a nosa presenza nas feiras internacionais de Madrid, Frankfurt e Guadalajara (onde acompañaremos a tres dos nosos autores). Comezaremos decembro no Culturgal de Pontevedra e, dous días despois, viaxaremos a Durango, onde o libro e o disco galegos son estes ano convidados. Nestas poucas lideiras andamos durante estes tempos difíciles de mudanza.
Moito agradezo recibir noticias tan boas como a concesión do Premio Iberoamericano SM a unha traxectoria infantil e xuvenil a Agustín Fernández Paz. A súa ollada crítica sobre o mundo contemporáneo é dunha extraña lucidez; como a súa escrita clara é froito dunha teimosa procura de textos que para o lector ou a lectora flúan ccoa facilidade da auga do río. Este premio, o primeiro de carácter internacional que recibe a literatura galega, recoñece esas tres décadas de esforzo e compromiso coa escritura e a lectura, sempre dende a lingua galega, a súa primeira patria. Agardamos poder acompañalo en Guadalaxara o 29 de novembro, xunto con Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, os dous autores galegos convidados ás actividades da FIL. Beizóns, Agustín!
Este documento do fallo do xurado quedará para a historia da Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia. [merece ser arquivado]
A omnipresenza nos medios e na rede do décimo aniversario do 11-S activa, inevitablemente, as lembranzas de como coñecimos a noticia e como vivimos aquelas horas. A memoria permítenos traducir a historia en primeira persoa, impregnándoa con todas as nosas emocións e subxectividades. Vivencias que transformamos en testemuñas que serven para verbalizar e darlle coherencia a esoutro relato esencial, o da historia persoal, que todos imos moumeando en silencio día a día. En diversos momentos deste 11-S, lembrei que coñecín a noticia do atentado ás Torres Xemelgas pola SER, mentres viaxaba pola A-9 camiño dunha xuntanza no estudio de Fausto Isorna, que nos presentaría a derradeira versión de Galicia. Unha luz no Atlántico. Naquela oficina do Toural agardábanme Víctor Freixanes e Malós Cabrera, os coordinadores da obra, cos que compartín en amizade aquelas primeiras horas da tarde de profunda inquedanza. Soñara con eles moitas veces aquel libro de referencia, concibido por Xerais coa vontade inequívoca de marcar un novo estilo na divulgación do coñecemento de Galicia dentro e fóra do país, unha contribución que axudase a iniciar con esperanza e altas doses de autoestima o novo século. Porén, aquela obra quedará tamén vencellada animicamente coa perplexidade daquela tarde do 11-S e co que sucedería un ano despois, o 11-N de 2002 coa desfeita do Prestige. Así de selectiva e caprichosa é a memoria persoal.
Hoxe abre a feira do Libro da Coruña, a máis importante do ciclo anual organizado pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais organiza os seguintes actos de presentación aos que estades convidados.
ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas. Participan: Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón. Participan: Xabier P. DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.
Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.
Eis a relación e os seus enlaces:
Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de Novela por Extramunde.
Héctor Carré, gañador do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por Febre.
Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil por A chave da Atlántida.
Esta foi a fin de semana dos Premios Xerais. No blog da editorial fixemos xa anotacións abondas sobre un serán que resultou intenso, interesante e festeiro. A grande novidade deste ano foi, sen dúbida, a irrupción de Twitter. No hastag #xerais11 pode seguirse todo o que se dixo e a conversa que se mantén aberta. O agarimo de todos os amigos e amigas que participaron e a inxección de optimismo que nos contaxiaron son, nestes tempos difíciles, moi de agradecer. Beizón para todos e todas!
Hoxe no blog de Xerais ofrecemos dous textos para descargar en pdf sobre a novela Despois da medianoite, da escritora tamil Salma: un adianto do primeiro capítulo e outro texto no que relata a súa propia vida.
Eis o comezo deste interesantísimo texto autobiográfico (un documento extraordinario sobre a pulsión da escritura e o valor liberador do libro e da literatura na procura da igualdade):
A miña familia púxome de nome Rajathi. Nacín nunha aldeíña onde prevalece unha atmosfera opresiva que impide que as nenas musulmás vaian á escola. Para todas as nenas que nacen na nosa aldea, a escola remata aos trece anos. Os meus días pasaban co medo de que ese día chegase tamén para min.
Os textos para descargar:
1) O adianto do primeiro capítulo (28 páxinas), que inclúe tamén a introdución da tradutora, María Reimóndez. Descargar.
2) «A miña vida»: Un texto de Salma no que relata a súa propia vida, traducido tamén por María Reimóndez e que non se inclúe no libro. Descargar.
Esta semana que comeza visitará Galicia Salma, a escritora e política tamil. Convidada por Implicadas/os no desenvolvemento, a autora de Despois da medianoite, longa novela traducida por María Reimóndez, que acabamos publicar en Xerais Narrativa, viaxou dende Támil Nadu (un estado índio que conta con 65 millóns de habitantes) até Galicia para falarnos de primeira man desta súa novela, da súa realidade e do que implica ser muller, musulmá e escritora na India.
Salma (Thuvarankurichi, 1970) é unha das escritoras támiles máis relevantes do actual panorama literario indio. Provén dunha familia tradicional musulmá dunha aldea próxima á cidade de Tiruchirapalli e como moitas mozas da súa rexión non rematou a escola primaria. Aínda así, dende os trece anos comezou a escribir poesía e máis adiante a publicar en revistas literarias. Durante anos escribiu na clandestinidade, pola oposición da súa familia. A súa obra foi obxecto de críticas destrutivas en sectores literarios polo uso da sexualidade feminina dunha maneira aberta na súa obra e tamén polo contido feminista dos seus escritos. En 2001 accedeu de xeito accidental (pola obrigada cota de xénero na India) á política; comezou sendo membro do Panchayat (asemblea local) para converterse logo en candidata polo seu distrito electoral polo DMK (Dravida Munnutra Kazhagam, partido nacionalista támil laico e progresista) ata chegar a ser directora xeral de Asuntos Sociais do Goberno de Támil Nadu, cargo que ocupa na actualidade.
Queizán merece un recoñecemento institucional e cidadá que aínda non recibíu. Debe entrar a formar parte da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía incomprensible. Como tamén, Vigo, a cidade onde naceu e a que quere, debe homenaxeala como merece, recuperando no espazo de lecer que leva o seu nome a magnolia que ela plantou hai máis de dez anos.
No serán do pasado venres, o Auditorio Mar de Vigo acolleu a presentación do libro Cara unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán (Xerais 2011). Ademais da presentación desta obra colectiva –coordinada por Camiño Noia e Manuel Forcadela, profesores do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, e na que participaron dúas ducias de persoas vinculadas ao ámbito académico e ao movemento feminista–, o acto constituíu unha reivindicación rotunda da achega humana, política e cultural da escritora e pensadora feminista viguesa.
Nacida na rúa Urzaiz en febreiro de 1939, á altura do muro da Estación, aquela nena de posguerra educada en berce de mulleres herdou unha tradición de galeguismo urbano e unha educación liberal que a afastou do fanatismo fascista e relixioso daqueles anos díficiles. Sen perder nunca as súas raíces na ría, viaxou a París hai cincuenta anos, onde tivo o seu primeiro encontro cos pensadores existencialistas e coa literatura máis innovadora do seu tempo. Dende entón, esta viguesa afrancesada, rebelde e independente, mantivo como norte da súa vida a defensa dos principios da razón e da xustiza, concretados nos proxectos da revolución feminista, socialista e galeguista nos que participou, alenta e continúa promovendo dende o seu oficio de escritora.
Desque en 1965 publicara na colección “Illa nova” de Galaxia a novela obxectalista A orella no buraco, e desque en 1977 aparece o seu primeiro libro de ensaio, A muller en Galicia, María Xosé Queizán desenvolve un catálogo literario que non entende de fronteiras de xénero, procurando unha vía de diferencialismo feminista, ensaiando a creación dunha linguaxe específica e abordando temáticas novas para a literatura galega. Oito libros de ensaios, dous de contos, media ducia de novelas, tres pezas teatrais, catro poemarios, conforman un catálogo actual de vinte e catro libros individuais. Unha obra literaria á que cómpre engadir máis dun centenar de artigos publicados en revistas literarias, centos e centos de artigos xornalísticos en seccións como «Lilith», «Antígona» ou «Carrapuchiña feroz» (estas en Faro de Vigo), dúas biografías inéditas, un libro de viaxe en publicación e varios guións de documentais. Unha obra tan extensa como variada, propia dunha escritora total que fixo da literatura e da creación artística un compromiso primeiro e fundamental na súa vida.
En cada unha das súas novelas, relatos, poemas ou artigos –sempre escritos dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia– salienta a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. Toda a súa obra constitúe un esforzo pouco frecuente na literatura galega por ofrecer as lectoras e lectores unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos paradigmas de igualdade na relación entre os seres humanos. Un exercicio de coherencia e de reflexión permanente que xa é tempo de recoñecer. Máis aínda cando é imposible entender a literatura galega contemporánea sen o espazo fulcral, artellado pola obra literaria da pensadora e escritora viguesa.
Alén do seu traballo como escritora, María Xosé Queizán é unha teimuda editora. Dende hai vinte e cinco anos dirixe e terma contra vento e marea esa fantasía chamada Festa da Palabra Silenciada, a interesante revista cultural da FIGA (a organización feminista á que pertence é da que unha das súas fundadoras). Dende 1999 dirixe «As Literatas» de Xerais, unha colección de literatura escrita por mulleres que permitiu verquer para o galego de forma pioneira a autoras como Herta Müller ou Emilia Pardo Bazán. Actividade editorial á que non son alleas outras iniciativas súas como promover a tradución para o galego da obra de Simone de Beauvoir, O segundo sexo, proeza realizada ao longo dunha década pola súa amiga Marga Rodríguez Marcuño.
María Xosé Queizán merece o agarimo e afecto dos membros da cultura galega, mais tamén ser elixida como membro da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía que de forma incomprensible se ven arrastrando dende hai tempo. María Xosé Queizán merece o aplauso, o agarimo e os aloumiños que lle proporcionamos os seus conveciños, mais tamén que no denominado Parque da «Escritora María Xosé Queizán» (situado en García Barbón, á altura da entrada da autoestrada), inaugurado en 1998 con motivo da homenaxe que lle ofreceu a AELG, volva chantarse a pedra na que se gravaron os seus versos e volva plantarse unha magnolia negra como aqueloutra que ela plantou. Reclamo que o concello repare a escape esa inxustiza poética, antes de nomeala Viguesa distinguida.
Esta é a historia de Helena e Xoel. Da súa fermosa amistade e da súa vila, chea de vida ata que un vento fantasmagórico lle rouba a ledicia e o amor e aproveita as deliciosas diferenzas entre as persoas para convertilas en prexuízos: o medo ao diferente, a desconfianza no veciño… Prexuízos adultos suficientes para erguer un VALADO que parte a cidade en dous, deixando a Helena a un lado e a Xoel ao outro. A rebeldía, o inxenio e o amor que os unen serán as ferramentas para crear artimañas de comunicación e seguir así xuntos aínda que separados. Un espectáculo no que a través da música, a máis grande das artes, a danza, a máis efémera, e o teatro, a máis directa, lanzamos ao ceo un papaventos cunha mensaxe de reflexión, esperanza e insurrección.
Coincidindo coa celebración do 17 de maio, dende o blog de Xerais adiantamos hoxe 24 páxinas de Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á obra e vida do poeta, novela gráfica da que é autor Jacobo Fernández Serrano. Tras un demorado traballo de documentación, Jacobo ofrece un volume de 160 páxinas nas que percorre a biografía e a obra literaria de Lois Pereiro. Creo que vai ser outras das obras de referencia deste magnífico e renovador ano Pereiro. Agardo que sexa do voso agrado. A edición é froito dunha coedición de Xerais e da Consellaría de Cultura e o libro chegará ás librarías a comezos do vindeiro mes de xuño.
No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío do primeiro de maio e do día das letras galegas, reflexiono sobre as características da crise actual e da prosa vindicativa que lle fai fronte, poñendo como exemplo anticipatorio os textos da Modesta proposición de Lois Pereiro.
A última Enquisa de Poboación Activa amosa que en España hai cinco millóns de persoas (o 21,29%) paradas. Unha cifra que non é menos desacougante para Galicia, onde o número supera xa as 226.000, situando a taxa de paro nun alarmante 17,33%, que na cidade de Vigo chega ao 20,8%; sendo case 70.000 os fogares galegos nos que todos os seus membros carecen de traballo e máis de 20.000 os que non reciben xa ningún tipo de axuda. Cifras que no caso da poboación xuvenil, a comprendida entre os 16 e os 29 anos, acadan en Galicia a inaudita taxa do 31%, a pesar do aumento do número de emigrantes e do notable alongamento da permanencia no sistema educativo, característico deste tramo de idade. Dende 2007 triplicouse en Galicia o número de parados e descendeu de forma significativa a poboación activa, o que constitúe un pésimo balance para a conxunto da economía nosa. Cifras que non poder considerarse alleas ao fracaso sen paliativos tanto da recente reforma laboral, promovida polo Goberno, como das chamadas “políticas activas de emprego”, competencia da Xunta de Galicia.
Sen dúbida, a situación é moito mellor para os traballadores que contamos con emprego, mais non por iso menos desalentadora, xa que a política feroz de axustes e de redución do déficit acometida polas administracións públicas, motivada pola crise da débeda soberana española nos mercados financeiros, provocou o aumento da idade de xubilación e outras subtracións dos avances e conquistas sociais gañados nas catro décadas anteriores. Se a iso engadimos a usurpación da democracia, realizada por políticos de diversas cores e países que actúan baixo a disciplina das axencias de cualificación e dos chamados de forma enigmática como “mercados”; se lle sumamos as dificultades das caixas de aforro para acometer o seu proceso de privatización e saneamento, que pagaremos a escote os seus clientes e todos os cidadáns durante uns cantos anos; se consideramos a clara tendencia inflacionista que comezamos a sufrir, cun IPC xa preto do 4%, á que non son alleas cuestións como a subida dos prezos das materias primas (alimentos) nos mercados internacionais de futuros, a dependencia dos carburantes fósiles ou o incremento dos intereses das hipotecas, é moi difícil para calquera cidadán, mesmo para o máis optimista, enxergar unha xanela de luz para saír da crise.
Máis alá da utilización apocalíptica da situación por parte dos voceiros mediáticos conservadores, que identifican esta xanela coa desaparición de Zapatero do escenario e a entrada de Rajoy no Goberno –simplificación interesada e falaz motivada pola proximidade das municipais– non hai dúbida que vivimos inmersos nunha crise moi profunda, non só económica, tamén social e política. Unha auténtica crise civilizatoria que pon en cuestión a viabilidade do modelo europeo acuñado tras a Segunda Guerra Mundial, tanto do seu proxecto de unión política e monetaria, como do modelo democrático de participación e de redistribución da renda, o da “sociedade do benestar”, baseado na tributización fiscal progresiva, na existencia de pensións ao remate da vida laboral e no acceso universal aos servizos de sanidade, dependencia, educación e acceso á cultura. Unha crise que hoxe comeza a poñer en cuestión a estabilidade e viabilidade destas conquistas, mais que sobre todo constitúe unha ameaza para a xeración dos nosos mozos e mozas, esa “xeración perdida” ou “xeración sacrificada” (xeración “rasca” en Portugal) cuxo futuro semella cada vez máis incerto.
Neste contexto comezan a aparecer textos vindicativos que rescatando o valor das palabras denuncian con indignación estas ameazas e propoñen o compromiso de non resignarse. Este é o caso do panfleto de Stéphane Hessel Indignádevos! (publicado en galego por Factoría K), que nuns poucos meses leva espallado en Francia mais de dous millóns de exemplares contendo unha mensaxe insurxente, incardinada na insurrección pacifista de Martin Luther King. Chamamento semellante realizaba en 1996 Lois Pereiro, o autor deste 17 de maio, na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia (Xerais 2011), o noso Indignádevos!. Un texto vindicativo anticipatorio no que Pereiro denuncia a inocente indiferencia e reclama o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente: «Quen desexe realmente facer algo, a medida das súas forzas, talento e influencia, que se poña xa mans á obra e axuda a exercer a sabotaxe. Inda que un non consiga aspirar máis que a transformar o seu espírito, a mellorarse tan sequera a súa alma e a súa vida en cada un dos seus actos, só con iso elevará o nivel da súa propia e dormida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo».
Onte anunciamos no blog de Xerais a publicación de Non hai noite tan longa, a nova novela de Agustín Fernández Paz, ao tempo que recomendabamos baixar en pdf o seu primeiro capítulo. Non debe extrañar a ninguén que esta obra sexa publicada na colección Xerais Narrativa, unha iniciativa que como editor lle propuxen a Agustín, tras a lectura da primeira versión da novela. O propio Agustín nunha recente entrevista que Iago Martínez publicou en Xornal de Galicia fala que esa posibilidade xa a valoramos en 2002 cando publicou Aire negro ou mesmo antes, hai case quince anos, cando apareceu O centro do labirinto. Non hai dúbida ningunha que, por riba de etiquetas editoriais ou prexuizosas adscricións de xénero, Agustín é un dos primeiros narradores galegos do noso tempo, tanto pola solidez técnica de cada unha das súas novelas, posuidoras desa complexísima sinxeleza que as fai de lectura engaiolante, como pola profundidade e relevancia dos temas abordados. Nesta nova entrega está o mellor e máis xenuino Agustín, na súa madurez literaria e humana, ofrecendo un relato no que atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. A culpa, a vinganza, a ansia, o amor, a morte, a esperanza son algúns dos temas principais desta novela que constitúe unha ácida ollada crítica (as veces mesmo feroz) sobre a nosa sociedade en dous momentos da historia próxima: os últimos anos da ditadura e os primeiros do século XXI. A elección por parte do autor da famosa fotografía de Rosa Parks para a cuberta da novela non foi casual, xa que esta imaxe de resistencia pacífica até o lirismo, ao mesmo tempo que de dignidade individual e firmeza fronte a discriminación da costureira de Alabama, esta imaxe dunha muller «farta de ceder e ceder» convértese en metáfora visual acaída da confianza no futuro e na recuperación da dignidade das persoas que impregna estas case trescentas páxinas. Outrosí sucede co título, recollido dunha das frases acuñadas por Shakespeare nunha das pasaxes máis citadas de Macbeth: «Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día».
Non hai noite tan longa chegará ás librarías galegas coincidindo coa furia do Vento Lois. Temos previsto que na Feira do Libro de Vigo, na primeira decena do mes de xullo, Agustín manteña unha conversa en público con xornalistas e escritores, ao tempo que asine exemplares aos seus moitos lectores e lectoras.
Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.
Dende aquela e ao longo de seis décadas, Arias dedicou a vida toda ao servizo do desenvolvemento de Galicia. Fíxoo como mestre, editor, tradutor, ensaísta, biógrafo, investigador, empresario agrícola, promotor do cooperativismo ou militante do nacionalismo galego na clandestinidade (foi membro do PSG). Actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi Valentin un home de país.
Como mestre, formouse co espírito activista e anovador da Escola de Barreiros, inequivocamente decroliana, da que tras os seus anos de formación sería tamén mestre responsable durante unha década (1955-1965). Labor docente creador que continuou en Vigo, desque ingresou en 1969 no Colexio Público de Sárdoma, onde se xubilou en 1994 deixando unha gratísima lembranza entre os seus milleiros de alumnos.
Iniciou as súas tarefas no mundo do libro galego en 1970 cando comezou a traballar na Fundación Penzol e, máis tarde, de 1975 a 1978 como xerente da editorial Galaxia, onde publicara, coincidindo coa súa chegada á cidade da oliveira, os seus primeiros libros “A lingua galega na escola” (1970), “Lecturas galegas” (1972), “A escola rural en Galicia” (1975). Máis será coa creación de Edicións Xerais de Galicia en 1979, cando comezará a desenvolver un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, “Arroás”, “Xabarín” e “O rato Pérez”.
Foi quizais do seu labor como tradutor do que Valentín Arias se sentía máis fachendoso e responsable. En 1984 promoveu a creación da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente e animador incansable, coa inequívoca vontade de contribuír dende este eido a recuperación idiomática e a ofrecer a posibilidade de ler en galego calquera tipo de texto do corpus literario e científico universal. O seu esforzo como tradutor foi monumental. Deixa milleiros e milleiros de páxinas traducidas para o galego nas nosas bibliotecas. Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit. Un labor polo que foi recoñecido por premios como o Ramón Cabanillas (1989), o Plácido Castro (2001) ou coa homenaxe que recibiu en Vigo o 30 de setembro de 2008 con motivo do Día da Tradución, sendo declarado o “patriarca dos tradutores galegos”.
Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase “Tradutor e mestre Valentín Arias”. Con todos os nosos abrazos para Amparo Castaño, a súa inseparable compañeira, e para os seus fillos e netos.
Propóñome ao longo desta derradeira semana do ano escribir varias anotacións de balance sobre o que entendo foron as noticias máis destacadas no eido da lectura neste 2010 que remata:
O éxito de público e de lectores dun bo monllo de novelas publicadas ou premiadas ao longo do ano: A intervención de Teresa Moure, O Cabo do Mundo [Premio da Crítica] de Xabier Quiroga, Sete palabras [Premio da Crítica Galicia] de Suso de Toro, Denso recendo a salgado de Manuel Portas, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Todo é silencio de Manuel Rivas, Periferia de Iolanda Zúñiga, Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz… [desculpas por non poder citar outras tantas novelas valiosas publicadas en 2010] Un feito que demostra a vitalidade da nosa ficción e o apoio da sociedade de lectores e lectoras, ao que non son alleos o funcionamento dos Clubes de Lectura das bibliotecas públicas, outro dos fenónomenos culturais do ano.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/6aoTiBbM4iQ" width="750" height="448" wmode="transparent" /]
Booktrailer de Periferia de Iolanda Zúñiga, novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2010.
O guión e a realización, como as anteriores pezas deste tipo promovidas por Xerais, é de David Rodríguez.
Moito agradecemos a anotación que Galicia Móvese montou arredor da participación de Manuel Rivas en Culturgal en Pontevedra o pasado 28 de novembro. Manuel Rivas conversa co xornalista Camilo Franco arredor de Todo é silencio.
Eis o magnífico vídeo que preparou Fernando Lema do acto da presentación o pasado 14 de outubro na praza de Cervantes de Todo é silencio de Manuel Rivas, organizado pola Libraría Couceiro. Iria Peña canta o fado «Chaves da vida», acompañada nas guitarras por Miguel Ladrón de Guevara e Gastón Rodríguez.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZGHPUxRISnQ" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
Booktrailer de promoción da novela Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, editada orixinalmente ne lingua galega por Edicións Xerais de Galicia.
A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez.
Booktrailer de promoción da novela Todo é silencio de Manuel Rivas, editada orixinalmente en lingua galega por Edicións Xerais de Galicia. A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez. A música e a interpretación é de Lara Domínguez.
Faro de Vigo e La Opinión da Coruña adiantan hoxe o segundo capítulo de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas que aparecerá nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Estou convencido que estamos diante dunha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega. Dará moito para falar, con certeza. Boa lectura deste adianto.
O día 14 de setembro foi o día elixido por Cornelia Funke para a aparición simultánea da edición orixinal en alemán de Reckless. Carne de pedra e das súas traducións ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a outras linguas (até unha ducia) que comparten un lanzamento mundial de máis dun millón de exemplares. Non podemos agochar a nosa satisfacción por termos participado neste feito pioneiro (froito en grande medida da convicción e do esforzo extraordinario realizado pola tradutora María Xesús Bello Rivas, as nosas maiores beizóns para ela) que sitúa á edición galega á altura das máis importantes do mundo.
Como estaba previsto a novela foi presentada hoxe en Nova York e o acto puido ser seguido en directo en todo o mundo dende a páxina de fans da grande escritora alemá que respondeu as preguntas que lle foron chegando dende en Internet. Un modelo de presentación mundial que nos pareceu moi interesante e atractivo, tanto pola coidadosa posta en escena da lectura, polo vestiario da autora como, e sobre todo, polo elaborado do discurso literario. Agardamos que a edición desta obra (o inicio dunha triloxía que, previsiblemente, contará con versións cinematográficas), axude a ampliar o lectorado en galego. Teño moita fe nesta estratexia.
No blog de Xerais poden baixarse os dous primeiros capítulos en pdf da nosa edición.
Simpático tema da humorista e cantante Rachel Bloom que homenaxea ao escritor Ray Bradbury, autor entre outras marabillas de Crónicas marcianas e Fahrenheit 451. A canción de Bloom constitúe unha intelixente parodia do xénero da ciencia ficción, transformando ao nonaxenario escritor en estrela e aos seus libros en pezas moi moi excitantes. Un convite moi interesante dende Internet para a lectura das obras de Bradbury, a pesar de que o velliño mandase a Internet ao inferno.
Tras a agotadora xornada de onte e senllas magníficaspresentacións, hoxe volvemos á Torre para acompañar a Mar Guerra e a Xosé Neira Vilas nos seus actos. As primeiras impresións (xa adianto que moi pesimistas) recibidas dos libreiros apuntan a unha baixada nas vendas da primeira fin de semana con respecto ao ano anterior, a pesar de que o número de visitantes foi moi elevado. No obstante, polo vivido onte non teño dúbida que a Feira do Libro da Coruña , a pesar da crise e do andazo, mantense por ventura como a máis importante cita da cultura do libro en Galicia. Agardamos que a semana continúe co mesmo pulo co que comezou.
Coñecín ao doutor Ánxel Vázquez de la Cruz un día de xuño de 1998 no restaurante Airas Nunes de Compostela. Foi el quen presentou O lapis do carpinteiro, a novela do seu amigo Manuel Rivas. Neste serán mudarán os papeis, e será o escritor Manuel Rivas quen presente o libro de relatos do seu amigo Ánxel Vázquez de la Cruz. Eduardo Galeano definíu ao pediatra escritor de forma certeira: «Ánxel acepta ser llamado doctor aunque él cura contando» e, abofé, de quen le este libro sorprendente dificilmente pode rebater ao xenio uruguaio. Despois de case un ano de preparación, non hai dúbida de que hoxe é o día de Ánxel, que apareceentrevistado en varios xornais falando, como doutor que é, do poder curativo das palabras, sen esquecer o seu papel como «rescatador» de historias. Desta ducia de relatos médicos tecidos cos fíos da experiencia de Ánxel falarán este serán Rivas (autor dun prólogo entusiasta do libro) e o doutor Manuel Salorio.
Mágoa que hoxe tamén despidamos a Xosé Luis de Dios, esoutro xenial rescatador de luces, cidadántudense coma Ánxel, amigo de todos nós e tan importante nas edicións da mítica novela de Manuel Rivas. Para a familia e as amizades de Xosé Luís, todos os nosos abrazos.
Magnífica presentación a do serán de onte. Medio centenar de persoas, entre as que estaban algúns bos amigos dos que descoñecíamos a súa vinculación con Carnota, ateigaron a sede da Confaría de Pescadores de Lira en Portocubelo onde presentamos Ao pé da Laxa da Moa, a recollida de literatura de tradición oral realizada por Antón Cortizas e polo seu alumnado de hai trinta anos. As intervencións do autor (emotiva e un chisco saudosa) e a de Manuel Souto, profesor do Colexio de Carnota, amosaron a actualidade da proposta de galeguización educativa que mestres coma eles veñen desenvolvendo dende hai máis tres décadas, ao tempo que puxeron de manifesto a necesidade de recuperación da memoria e a responsabilidade que ten cada xeración en devolver a tradición que recibíu. As intervencións de Belén Campos e María de Fetós («a música son eu«, dixo a regueifeira), dúas xeracións de mulleres carnotás, engaioláronos polo seu dicir da fala popular. Ademais, esta presentación foi unha oportunidade para coñecermos o traballo que desenvolve a Confraría de Pescadores de Lira promotora de iniciativas tan interesantes como a da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, a promoción do chamado «Turismo mariñeiro», a participación en RECOPADES (Rede de Comunidades Pesqueras Artesanais polo Desenvolvemento Sostible), a venda do seu peixe por medio de Internet ou a edición de diversas publicacións didácticas como mapas e o formidable volume Os nomes do noso mar, no que se recuperan catro centos hidrotopónimos do mar de Lira. Quedei pampo co traballo desta confraría (apenas un cento de asociados), pareceume formidable. Tan estupendo serán foi posible grazas ao esforzo e dedicación do noso amigo Chisco Fernández Naval. Grazas, moitas grazas para el e para os que o axudaron. Volveremos ao Mar de Lira.
O domingo comezará a Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez. Nesta edición volvemos apostar por unha presenza intensa de Xerais nun evento que se consolida no interese do público e que comeza a chamar a atención dentro do sector da edición estatal.
O martes 3, presentaremos ás 20:00 horas, o libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz con Manuel Rivas e Manuel Salorio e as 21:00a novela Settecento de Marcos Calveiro que conversará con Óscar Sánchez.
O mércores 4, ás 19:00 horas presentaremos Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra e a continuación, ás 20:00, Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas.
Todos estes días serán unha oportunidade para compartir augas fresquiñas nas terrazas cos meus amigos e amigas coruñesas, algo que sempre moito agreadezo. Estades todos convidados a estes actos e ao resto dun programa completísimo que, por vez primeira, terá nalgunhas xornadas, tres quendas. Parabéns aos organizadores e moita sorte aos feirantes, que ben a necesitan en tempos de crise como os que vivimos.
Soubemos hoxe do falecemento de Sérgio Klein, o autor brasileiro da serie «Poderosa», da que levamos editadas dúasentregas e da que preparamos a terceira, novelas traducidas todas as tres por Mercedes Pacheco. O personaxe de Joana Dalva, esa rapaza que tiña o mundo na man, que facía realidade todo o que escribía coa súa man esquerda nos eu diario, popularizou a Klein no Brasil, onde conta con milleiros e milleiros de lectores e lectoras. Durante a edición do primeiro volume mantivemos correspondencia electrónica con el, na que amosou a súa satisfacción por contar cunha edición en galego da súa serie. As nosas condolencias para os seus editores de Fundamento por tan prematura perda.
Foi unha satisfacción poder celebrar onte en vivo un novo premio literario de An Alfaya, unha das máis interesantes narradoras galegas do noso tempo. A súa novelaVidas cruzadas resultou gañadora do Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia, esa feliz iniciativa que dende hai unha década recupera o folletín ou folletón como xénero literario en galego. Alédame moito este novo premio para An Alfaya, que hai semanas recibía a noticia da obtención do Premio Arcebispo San Clemente por Areaquente, unha autora que dende a súa discreción e constancia está ofrecendo unha das obras máis sólidas da narrativa actual. Desque en 1997 gañara o Premio Merlín por ¡Sireno! Sireno!, An foi desenvolvendo unha obra narrativa (comezou como autora teatral) moi diversa, tanto no seu enfoque temático (sempre atento a problemática humana), na abordaxe técnica (moi coidada, tanto na prosa coma na forma utilizada) como no público ao que se dirixía, dende os lectores autónomos deica as persoas adultas. As novelas de Alfaya sempre son interesantes, sempre sorprenden, sempre están ben montadas, sempre teñen persoanxes ben construídos, sempre deixan pegadas na nosa memoria de lectores. Alfaya, ademais, desminte con toda a súa obra, ese prexuízo do carácter da LIX como un «xénero menor» demostrando que para as narracións e as autoras de calidade non existen as fronteiras de idade do seu lectorado. As súas tres máis recentes novelas –a multipremiada A sombra descalza (unha das máis interesantes novelas da década), Illa soidade (o premio Fundación Caixa Galicia 2007) e a xa citada Areaquente– demostran a súa progresión imparable cara a unha madurez literaria moi prometedora, na que o mellor de An Alfaya aínda está por chegar. Sen dúbida que este mes de agosto, no que será publicada día a día a novela premiada onte, será o que popularice entre o grande público a unha das nosas grandes narradoras. Recomendo seguir estas Vidas cruzadas dende o primeiro de agosto, teño a certeza de que serán dunha lectura engaiolante. Beizóns, An!