Fenda laboral e igualdade real

5 Marzo, 2012 (07:47) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Dereitos_humanos, Economía, Efemérides, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Política, Sociedade

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do 8 de marzo, Día das Mulleres, reflexiono sobre a profunda fenda laboral existente entre homes e mulleres.

Ás portas da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Gabinete Económico de CC.OO presentou un informe moi clarificador sobre a situación das mulleres no noso mercado laboral: “A realidade das mulleres en Galicia: o emprego, o salario e a pensión”. Baseado en series estatísticas do Instituto Galego de Estatística, da Enquisa de Poboación Activa e da Axencia Tributaria, analiza con moito detalle os datos de emprego referidos ás mulleres tanto nos entornos do que foi o ciclo económico expansivo de 2005 a 2008, no que se incrementaron as taxas de actividade e emprego, como no recisivo da crise actual 2009 a 2011, no que aumentou de forma brutal o paro e a temporalidade.

O primeiro dato chamativo do informe é o aumento da participación das mulleres no mercado laboral, tanto no ciclo expansivo como no actual. No cuarto trimestre de 2011, en plena crise, acadouse a maior taxa de actividade feminina en Galicia desque existen estatísticas (49,2%), aínda que continúa sendo inferior á masculina (61,7%). Unha porcentaxe de actividade moito máis elevada nas mulleres entre os 25 aos 54 ano (80,2%), o que amosa unha tendencia xa moi consolidada dunha incorporación laboral que non ten volta atrás posible e que debemos celebrar como un éxito da mobilización das mulleres e como efecto das políticas de igualdade.

O segundo dato ten moito que ver coa brutal destrución do emprego que no período inicial da crise afectou máis aos homes, debido a que o emprego feminino se concentra no sector servizos (82%), algo menos sensible que os da construción e da industria aos efectos da crise sobre o emprego. Unha situación que conleva unha maior porcentaxe do emprego feminino a tempo parcial (o 77% das persoas ocupadas neste tipo de xornada son mulleres) e de maior taxa de eventualidade (27,3% fronte ao 22,4% dos homes). Con todo, os datos claves son que en 2011 a taxa de paro feminino en Galicia (18,3%) continúa sendo superior ao do masculino (16,6%) e que o número de mulleres que perderon o emprego xa é superior ao de homes. Os efectos da segunda fase da crise, xusto a anterior á reforma laboral, cébanse sobre as mulleres traballadoras.

O estudo de CC.OO amosa, ademais, a existencia dunha brutal fenda salarial entre homes e mulleres en Galicia. O salario dunha muller galega en 2010 foi inferior nun 23% a dun home, o que en termos estatísticos se traduce en que cada ano percibe 4.704 euros menos. Unha diferenza aínda superior en determinados sectores de actividade, como os do comercio, a industria, as actividades financeiras ou os medios de comunicación, onde os salarios femininos supoñen apenas o 70% dos masculinos. Outrosí sucede coas prestacións de desemprego, apenas o 82% das percibidas polos homes, e as pensións, o 74%. Unha pensionista galega percibiu en 2010 como media 8.901 euros, a cuarta cantidade máis baixa entre todas as CC.AA., sendo 772 euros inferior á media española, cantidades que en moitos casos sitúan a estas pensións femininas por baixo do salario mínimo interprofesional, no umbral da pobreza. Situación que se agravará coa nova normativa sobre xubilación aos 67 anos que, segundo un informe da CIG, supoñerá que só o 24% das mulleres galegas poderá xubilarse co cen por cen de prestacións, fronte ao 76% dos homes.

Estas cifras amosan que no mundo do traballo a igualdade real entre homes e mulleres aínda está moi, moi lonxe de acadarse. As mulleres incorpóranse ao mundo de traballo a cambio de cobrar menos cos seus compañeiros (xeralmente pola vía dos “complementos salariais”), de flexibilizar máis a súa xornada e de aceptar un maior nivel de eventualidade. Por non falar das menores posibilidades para as súas carreiras profesionais, sobre todo no que atinxe ao seu acceso aos postos directivos, onde nalgúns sectores, a presenza da muller continúa sendo meramente testemuñal. Unha fenda laboral entre homes e mulleres que é moi probable se agrandará coa desaparición ou privatización xa en marcha dalgúns servizos sociais públicos, no que atinxe sobre todo a dependencia e educación infantil, ou da paralización doutros programas de igualdade como os de conciliación e paternidade no eido da función pública

A loita para pechar esta inxusta fenda laboral debe inscribirse no marco da procura da igualdade real e do empoderamento das mulleres en todos os eidos da vida política e social. A igualdade real de dereitos, oportunidades e salarios no mundo do traballo é o único xeito de conseguir un progreso idéntico de homes e mulleres. O reto da igualdade laboral atinxe da mesma forma a homes e mulleres, xa que é un reto da humanidade. Como sinala a convocatoria do Consello Municipal da Muller de Vigo para este 8 de marzo “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”, razón pola que a celebración do Día Internacioal das Mulleres afecta a todas as persoas.