Dez anos sen Carlos Casares

12 Marzo, 2012 (08:09) | Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, In memoriam, Narrativa, Recurso_didáctico

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura de Carlos Casares nos eu décimo cabodano.

O pasado día 9 cumpríronse dez anos do pasamento do escritor Carlos Casares. É dificil esquecer o impacto emotivo que a súa perda, tan prematura como inagardada, supuxo para moitos do seus amigos, moito máis cando moi poucas horas antes puidemos velo no García Barbón participando na homenaxe que a Fundación Premios da Crítica Galicia rendeu a don Francisco Fernández del Riego. Alá foi xa unha década complexa na que sentimos a ausencia do home do sorriso tranquilo e da ollada acolledora, o galego cosmopolita que gozaba co espectáculo do mundo e cos seus avances tecnolóxicos que lle permtían demorarse na escritura da vida. Unha década na que afortunadamente foi reeditada toda súa obra narrativa e boa parte da xornalística, ademais de celebrada e divulgada a súa figura grazas ao bo traballo da fundación que leva o seu nome e do esforzo e compromiso da editorial Galaxia que dirixiu e modernizou durante dezasete anos.

Un tempo de vertixe que non cura as saudades do derradeiro encontro na súa casa de Vilariño –tras un xantar no que pechamos con Tucho Calvo o acordo para a edición da Biblioteca 120 de LVG–, cando me puxo a funcionar a súa maqueta ferroviaria da que tantas veces falara nas viaxes de editores. Tratábase dun tinglado formidable de tres pisos, construído coa axuda dos seus fillos, polo que circulaban miniaturas marabillosas, sometidas ás velocidades, ás paradas ou aos asubíos cadenciosos que Casares programaba cun temporizador. Ensinoume, logo, as leicas, as máquinas fotográficas das que era un experto coleccionista. Máis tíñame reservada outras sorpresas: amosarme o teclado despregable, que mercara para conectar ao seu palm, o microordenador de peto que sempre o acompañaba, e o funcionamento do programiña que lle preparara un dos seus fillos para contar as palabras do procesador de textos, unha ferramenta imprescindible para escribir os seus artigos diarios de “A Marxe”. A súa derradeira sorpresa foi deixarme esculcar nos libros dixitais que tiña cargados naquela máquina diminuta, o que nunca esquecerei supuxo o meu primeiro contacto con ese soporte.

Casares gozaba moito con todas aquelas chilindradas dixitais. Lembro que foi el, tamén, quen nunha xuntanza de editores dos noventa ensinou o funcionamento do primeiro teléfono móbil con vibrador. Aquilo fora celebrado con moitas risas. Carlos era un adiantado nestas angueiras dos novos aparelliños xa que cría que unha lingua e cultura de dimensión reducida coma a nosa tiña na innovación tecnolóxica a súa mellor oportunidade de futuro. Moitas veces teño pensado canto celebraría fitos da cultura dixital que non coñeceu como a aparición dos blogs (dos que foi pioneiro sen sabelo) e das utilidades hipertextuais e multimodais como youtube, a popularización dos e-books, a disrupción que supuxeron os teléfonos e taboíñas dixitais ou a transmisión por streaming de actos nas instalacións do Consello da Cultura Galega, institución que contribuíu a modernizar durante os anos nos que foi o seu presidente.

Foi tamén esa curiosidade vital permanente a que impregnou a súa obra narrativa, sobre todo, a publicada nas páxinas do xornal, paradoxicamente, a que pode termar máis do paso do tempo. Tras esas historias breves sobre as miudallas autobiográficas do cotián vivido ou lembrado, escritas a correr no despacho ou no aeroporto, mais coa fluidez, a claridade e a retranca dos seus relatos orais de cafetaría, Carlos sempre achegaba unha faísca de luz, un fulgor que irradiaba sentido no coñecemento da alma humana. Outrosí tamén é o meu Casares preferido o dos relatos de “Vento ferido” e “Os escuros soños de Clío”, mesmo o dos medidísimos textos de literatura infantil como “A galiña azul”, o do narrador depurado que consigue unha prosa transparente, afastada de calquera grandilocuencia que vai directa ao corazón do lectorado. Eis identifico o Casares con capacidade para conectar con ese público novo que se poderá achegar a súa obra nas edicións dixitais que acertadamente preparan os seus editores de Galaxia para celebrar esta década e candidatalo para o vindeiro Día das Letras Galegas.

Mais en Casares non podemos esquecer a súa importante dimensión política, a de ser o derradeiro membro da estratexia cultural piñeirista. Un posicionamento que o levou a manter unha interlocución amable de máis co fraguismo e cos poderes económicos do seu tempo. Porén, tras a desaparición do fraguismo e o completo derrube do poder financeiro galego, tras a mobilización popular do Prestige e a experiencia do goberno de coalición de progresistas e nacionalistas, tras a ruptura do consenso sobre a lingua provocada por Feijoo e a desaparición dos galeguistas do PPdeG esa estratexia de Casares para o desenvolvemento do autogoberno quedou en augas de bacallao.