Onte 198: No meu país danse as grazas

24 Marzo, 2012 (11:19) | Autores, Educación, Eventos, Galeguismo, Lingua, Onte, Recurso_didáctico

Inesquecible foi a sesión académica da investidura de Manuel Rivas e John Rutherford como Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Cinco discursos memorables –dúas laudatios formidables, senllas respostas para a nosa historia cultural e un peche do reitor de grande altura– que salientaron de forma unánime o compromiso dos doutores e da UDC co futuro da cultura e lingua galegas. No entanto, é inevitable salientar a intervención colosal de Manuel Rivas, escrita e expresada dende unha felicidade inquieta, que constituíu unha reivindicación do poder das palabras, unha manifestación de confianza na lingua galega, ao tempo que unha presentación da súa iconografía da esperanza. Un discurso que merecería ser reproducido íntegro nos xornais e medios dixitais para o goce reflexivo da cidadanía á que estaba dirixido. Rivas comezou e pechou o seu parlamento con esta frase de inequívoca humildade: «No meu país danse as grazas». Unha forma de vindicar os lexemas de simpatía, que sempre nos foron propios aos galeguistas, e que Rivas utilizou para insistir nunha idea fulcral sobre a lingua galega: «Non só estamos vivos, seguiremos vivindo. A lingua galega non nos pertence a nós, pertence ao mundo». Aí escribíu o fillo de Elviña a súa aposta polas palabras de noso, xa que son «portadoras da información básica da humanidade, utilizan a grafía da vida»; aí afortalou a actual literatura galega, «na que se conteñen todos os rexistros do resto das literaturas». Dedicou o marabilloso cuarto de hora final do discurso a reivindicar a esperanza en tempos de conformismo, xa que a «da esperanza é a peor das subtracións». A súa coñecida referencia ao sorriso de Daniel –contaxioso, claro e enigmático a un tempo– serviulle para salientar como o lexema de simpatía agroma da pedra granítica de Galicia. Referencia que uníu a unha cita de Steiner («Un bo ensino sería aquel no que os estudantes puidesen cometer o erro de ter esperanza») para debuxar a inconografía da esperanza presente na súa obra: as bandas de estorniños sobre a cidade da torre, os círculos concéntricos, as mulleres que levan cousas na cabeza, a chorima a gabear polas espiñas do toxo… A lectura de «A sección aurea», poema de Costa da Morte Blues, libro que reeditamos en Xerais da man da UDC para celebrar a investidura, pechou un discurso que nos emocionou moito. Fachenda nosa de contar en Galicia con este extraordinario Manuel Rivas. Beizóns para el e para Rutheford, como para José María Barja, alxebrista e reitor saínte, que recibiu a Medalla de Ouro da UDC. No meu país danse as grazas.