Campo do Fragoso CXXI

16 Abril, 2012 (06:48) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

UN CHANZO POR DETRÁS

Cumpríronse os peores agoiros e o Celta caíu no desconto dun derbi moi vibrante e emocionante até o seu remate. Un resultado xusto xa que os celestes estiveron case sempre por detrás dun líder sólido, moi eficiente e experimentado, que con esta vitoria decisiva xa bica o ceo do ascenso. Magoadamente para os celtistas que enchemos Balaídos, un fito case histórico, e a pesar de que doa moito recoñecelo o Deportivo foi en liñas xerais superior ao Celta, Oltra estivo máis fino dirixindo aos seus ca Herrera, Valerón mellorou a condución do partido de Oubiña e Riki –pese aos minutos da súa eficaz paxarada, polos que recibiu unha merecida amarela– co seu gol foi máis determinante ca Iago Aspas. A clave da derrota céltica non foi clase ningunha de mala sorte, atribuíble a recibir un gol no derradeiro minuto do desconto, tras unha xogada a balón parado moi mal defendida, como pola escasa intensidade defensiva e nula concentración coa que saíron os vigueses, que facilitou o gol de Riki, apenas aos tres minutos do inicio, aproveitando un excelente servizo interior de Juan Domínguez. Dende ese momento, o Celta foi por detrás, ás presas, a empurróns de afouteza, procurando atopar algún espazo entre as dúas liñas de catro debuxadas por Oltra diante de Aranzubía, como inexpugnables barreiras de contención. Durante toda a primeira parte, Orellana, desta volta polo centro, semellaba que sería capaz de facelo nalgunha das súas xogadas individuais. Máis a solidez e disciplina defensiva coruñesa foi modélica, axudada por esa terra de ninguén existente entre a posición adiantada de Joán Tomás como enganche e a ocupada polos dous medios centros celestes, así como pola dificultade de Lago e Mallo para subir polas bandas. A única oportunidade clara do Celta neste período naceu nun centro dende a banda esquerda de Lago que Diego Colotto despexou de biqueira sobre a propia meta, o que obrigou a Aranzubía a realizar unha extraordinaria intervención. O espectáculo antideportivo de Riki acabou por descentrar a un Celta cada vez máis incómodo e desconcertado de cal debía ser a estratexia a seguir. Tras o descanso, a situación empeorou para os nosos. Valerón e Guardado, nos seus mellores minutos, comezaron a aseñorar o partido. O internacional mexicano aproveitou outro erro defensivo celeste e deliñou unha pelota interior para que Lassad xutase en carreira diante da saída de Yoel. Un 0-2, que semellaba inacadable, cando aínda faltaba media hora de xogo. Uns minutos antes, Aspas tivera na súa biqueira o empate cando con Aranzubía batido, disparou sobre un defensa situado na mesma liña de meta. O de Moaña non tivo o seu mellor día. Foi coa saída do terreo de Valerón, moi aplaudido pola Grada de Río, cando Quique de Lucas aproveitou un balón perdido preto da área cun fermoso xutazo de reviravolta que meteu ao Celta e a súa afección no partido. Inxectado polo entusiasmo da bancada, tras uns minutos eléctricos, o mesmo Quique en estado irado bombardeou dende a frontal un saque de falta que rexeitou coma mellor puido Aranzubía, un porteirazo, o que provocou un barullo no área que soubo aproveitar Catalá, que acababa de substituír a Mallo tocado. Consumada a proeza do empate, a falta de apenas sete minutos, un Celta agotado pola persecución, recuou e non foi capaz de xestionar tan magnífico resultado. O Deportivo víu o burato e foi decidido a pola vitoria nos minutos de desconto. Así chegou o gol de Borja Fernández e unha puñada no estómago tremenda para o equipo e para a afección. Con tan dolorosa derrota fronte ao noso primeiro rival, é inevitable que lembrando a tempada anterior volvan as dúbidas sobre as polémicas decisións tácticas do adestrador no treito decisivo do campionato.