Onte 235: Eufemismos

1 Maio, 2012 (10:46) | Cultura, Economía, Goberno Rajoy, Música, Onte, Política

Os debates d’ A Crónica da Radio Galega, a tertulia na que adoito participar nas noites dos luns, co mellor talante e maior serenidade, axudan a manterme atento á axenda informativa. A de onte foi unha oportunidade magnífica para xogar coa sutileza dos eufemismos que decote utilizan os membros do Goberno. Luis de Guindos e Soraya Sáenz de Santamaría, probablemente aconsellados por Alberto Núñez Feijoo, escolleron o marco de sobriedade elegante da compostelá Quinta da Auga, para presentarlle á delegación alemá da Fundación Adenauer o progreso das súas políticas de reformas («recurtes») e liberalizacións («privatizacións»). Ambos os dous ministros enumeraron, en primicia aos alemáns, as medidas recollidas no Programa Nacional de Reformas 2012, que os cidadáns iremos coñecendo nos vindeiros venres: incremento da fiscalidade ao consumo («subida do IVE e taxas»); reforma das condicións de acceso e permanencia na situación de incapacidade temporal do persoal ao servizo das administracións públicas e modulación da plenitude retributiva nos primeiros 90 días de baixa («redución dos salarios dos funcionarios de baixa»); liberalización da xestión de infraestruturas e servizos de transporte («privatización de AENA e, quizais, de ADIF ou RENFE»)… Unha marabilla de precisión semántica. Diante de semellante recital de eufemismos, non lle faltou razón ao ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schaüble, do que din é man dereita de Angela Merkel, cando cualificou como «impresionantes» estas reformas, non sabemos se polo seu contido ou pola forma de presentalas. Cómpre recoñecer que o de onte foi un auténtico prodixio de creatividade verbal , un exercicio gobernamental amable, case musical no Primeiro Día Internacional do Jazz, que celebra unha música comprensible para todas as culturas. Saíndo da emisora chamei polo meu querido Jamie Cullum e o seu «Get Your Way».