Campo do Fragoso CXXIII

13 Maio, 2012 (09:10) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

PROBA DE SOLVENCIA

O Celta superou con aparente facilidade unha difícil proba de solvencia. Fronte ao perigoso Alcorcón, un dos mellores cadros da segunda volta, demostrou que ten cadro de xogadores e capacidade goleira abondas para, a pesar do paso atrás de Cartaxena, manter as súas aspiracións de ascenso directo. O partido comezou con mala cara para os nosos. Até que Aspas conseguiu o seu primeiro gol, á altura do minuto dezanove, a iniciativa levárona os amarelos que puideron inaugurar o marcador cando o seu estremo esquerdo Paco Montañés xutou só diante de Sergio e o de Catoira conseguiu desviar fóra case de milagre. Ben é certo que o Celta respondeu decontado na seguinte xogada, na que Aspas, despois de gañar arteiramente as costas a un dos centrais, xa na área pequena enredouse intentando canear ao porteiro, estragando un gol feito que xa cantaba a bancada. No entanto, a pesar destas alternativas, eran os madrileños os que máis atacaban, sobre todo, pola banda esquerda. Sen a presenza de Oubiña, o medio campo do Celta semellaba sumido no caos até que Alex López envíou un pase longo sobre Orellana, que o internacional chileno deixou coar entre as pernas, e Aspas cruzou dende a dereita un pexegazo formidable que cunha fermosa traxectoria en semiparábola superou ao porteiro madrileño. Despois do gol, o Celta caeu durante uns minutos nun dos seus perigosos sopores, que agoiraban novas dificultades. Porén, á media hora de xogo, apareceron unha serie de magníficas combinacións entre Orellana, Toni e Bermejo, tres dos xogadores máis comprometidos neste derradeiro treito do campionato, que fan moito equipo, achegando axudas, paredes e asistencias a esgalla. O xogo combinativo do Celta comezou a medrar e a facerse merecedor dun segundo tanto. Túñez, ao xeito de Beckenbauer, abriu á banda dereita cun pase moi longo sobre Orellana que enviou sobre a área pequena, onde a Iago lle faltaron milímetros para chegar. O de Moaña intentouno despois cun caneo bárbaro, chegando até a liña de fondo desde onde centrou para Álex, que non enfiou por ben pouco. Recuncou Túñez con outro envío longo sobre Roberto Lago que, tras unha parede con Aspas, dentro da área xutou en carreira sobre as mans do porteiro. Felizmente, o gol celeste chegou faltando un minuto para o descanso, tras un xogada ensaiada: saque longo de Sergio sobre Toni que cun grande xesto técnico baixa o balón e envía en profundidade sobre Orellana que canea a quen se lle pon por diante, sentando a un defensa e ao propio porteiro. Tras a reanudación, o Alcorcón volveu intentalo. Produciuse entón a xogada clave do partido, un gol anulado ao Alcorcón, por un dubidoso fóra de xogo de Oriol Rivera, tras unha perda de balón de Orellana e o erro en cadea da defensa celeste. Aí os madrileños enterraron as súas posibilidades. Despois houbo ocasións para que o Celta setenzase co terceiro. Tras unha gran xogada de Roberto Lago, que centrou dende a liña de fondo, a porta baleira Bermejo cabeceou fóra. Outrosí sucedeu cun servizo boísimo de Orellana, un xogador que foi un pesadelo para os xigantóns do Alcorcón, que Joán Tomás enviou sobre o moneco. Logo Toni, outra das figuras do partido, serviu de marabilla sobre Aspas que quixo facerlle un chapeu ao porteiro. Como sucedera na primeira parte, a insistencia de tantas combinacións de ataque celeste permitu que faltando seis minutos Aspas marcase de novo pechando o encontro e facilitando o entusiasmo da bancada. Deseguido, Herrera mudouno por Oubiña. Un gran detalle do técnico. O de Moaña, que se estrea estes días en twitter, recibiu entón as beizóns intensas que a grada de Río só concede as maiores figuras celestes. Un fermoso peche para unha merecida vitoria que sitúa ao Celta, polo momento, na segunda posición, de onde debe intentar non saír.