Sector naval

14 Maio, 2012 (06:50) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Economía, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Música, Política, Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación crítica do sector naval na área metropolitana de Vigo.

Como sucedera a comezos dos oitenta, enfrontámonos ao futuro do sector naval, unha das trabes da economía do noso Vigo industrial durante o século XX. Outrosí un sector declarado de forma unánime como «estratexico» para Galicia sofre unha crise brutal que até agora supuxo a destrución de 9.000 empregos directos e varios milleiros máis indirectos, a incerteza para outros 4.000 afectados por expedientes de regulación de emprego, a entrada en estado concursal de cinco dos grandes estaleiros e a desaparición, polo momento, de 200 empresas auxiliares. Unha situación delicadísima que de non ser atallada con enerxía podería provocar a medio prazo a inevitable desaparición do sector. Un problema que afecta o celme industrial da nosa abella da ribeira, tanto porque o sector da construción naval veu achegando case un terzo da nosa riqueza, como polo feito que durante máis dun século constituíu un dos eixos do noso desenvolvemento. Non o esquezamos: Vigo é o que somos grazas a que construímos barcos, unha actividade que, até agora, formou parte da identidade da cidade.

O bloqueo da Unión Europea ao sistema de bonificación fiscal á construción naval que todo o sector español veu utilizando, a famosa «tax lease», tras a denuncia interesada realizada hai case un ano pola Asociación Marítima Holandesa, á que se sumaron outros países como Noruega, Francia, Finlandia e Portugal, provocou en boa medida a progresiva paralización dos estaleiros vigueses. Convén lembrar que este sistema de arrendamento financeiro é unha transacción complexa organizada por un banco, no que ademais do armador e estaleiro construtor da embarcación e da sociedade de leasing que intermedia entre eles, participa como inversionista unha Agrupación de Interese Económico (AIE) formada por empresas doutros sectores económicos (dende Inditex, Ikea, Ferrovial a Corporación Dermoestética) que acumulan unha serie de beneficios fiscais e consiguen unha rebaixa do prezo final do buque. Este modelo de financiamento, que pode supoñer bonificacións fiscais de até o 20%, permitiu na última década a construción en España de 272 embarcacións, mais é innegable que suscitou desconfianza no exterior (xa dende 2006) tanto pola súa complexidade societaria como polo seu encaixe coa normativa europea da competencia. Denunciado agora polos competidores da nosa industria naval como unha axuda estatal ilegal e discriminatoria, a posta en marcha dun novo sistema de bonificación, alternativo á “tax lease”, semellaría imprescindible para que os nosos estaleiros reinicien a súa actividade.

Mais como sinala nas páxinas de Faro de Vigo Alfonso Paz Andrade, un dos mellores coñecedores do sector naval e pesqueiro de noso, haberá que preguntarse cal é a razón de que na ría de Vigo haxa cinco estaleiros inactivos e, ao mesmo tempo, outros estean traballando. Un xeito moi elegante de expresar que o bloqueo europeo da “tax lease” non é o único problema do noso sector naval, que existen moitos outros de carácter estrutural que nunha situación crítica como a actual non poden ser agochados. Coa «tax lease» en vixencia, hai pouco máis dun ano a carteira de pedidos dos estaleiros da ría de Vigo comezaba a ser desoladora, incapaz de competir cos estaleiros asiáticos. Ademais, a xestión nefasta que arrastran algúns estaleiros dende hai tempo, a falta dun liderado corporativo no sector, os atrasos nalgunhas entregas e as súas penalizacións correspondentes, como o propio sistema de subcontratación sobre empresas auxiliares e a situación laboral do sector son outras claves para entender a dificil situación actual.

Con todo, a saída inmediata para o sector naval vigués ten carácter político. Así o recoñece o recente acordo por unanimidade do Consello Económico e Social de Vigo, onde están presentes partidos, sindicatos e asociacións empresariais. O reiterado compromiso electoral de Rayoy de solucionar o bloqueo da bonificación ao día seguinte de ser nomeado presidente debe facerse efectivo. Outrosí sucede coa actuación proactiva da Xunta de Galicia que non pode manterse máis tempo como un espectador que se laia impotente da situación. Como sinalaba un editorial recente de Faro de Vigo «é imprescindible atopar un réxime fiscal razoable, estable e respaldado por Bruxelas» para que o noso sector naval poida competir en igualdade de condicións no marco europeo. O Goberno español ten a obriga de negociar a cara de can diante da  Comisión Europea esta saída técnica, que é tamén política, que evite o fundimento do noso sector naval. Parafraseando o himno a ritmo de ska «Sector naval», que cantaban Os Resentidos de Antón Reixa hai vinte cinco anos: «Son como o sector naval, uua / hei, hei, resistirei / hei, hei, resistirei / Vigo, Ferrol, solución».