Día Escolar da Paz e a Non Violencia

29 Xaneiro, 2007 (22:24) | Dereitos_humanos, Educación, Efemérides, Sociedade

Mañá celébrase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia (DENIP), efeméride que promoveu en España (dende 1964) o profesor mallorquín Llorenç Vidal (coincidente co aniversario da morte de Ghandi) e que en Galicia se ven celebrando dende o curso 1981-1982 (en plena carreira armamentista), promovida polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega.

Cada 3o de xaneiro as escolas énchense de carteis e globos pola paz. A celebración deste “Día da Paz” remóntase en Galicia a 1982, ano no que comezaron as actividades de educación pola paz no Colexio Público García Barbón. Unha iniciativa que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar galega. Os actos alegóricos como a solta de pombas ou globos no patio de cada centro; a confeción de carteis; a elaboración de manifestos; as cadeas humanas na rúa do Príncipe de Vigo; a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían nesta xornada reivindicativa e que agora son unha rutina que non falta en ningún centro educativo.

Daquelas primeiras celebracións dos oitenta xerminou o movemento galego de educadores pola paz, que dende entón celebra cada ano os seus encontros e promove investigacións, materiais didácticos e publicacións que desenvolven unha cultura para a paz e para a educación nos dereitos humanos. Fito sobranceiro do compromiso destes educadores e educadoras foi Construír a Paz. Cultura para a paz; un proxecto interdisciplinar promovido polo profesor Xesús R. Jares, o infatigable motor e estudoso deste movemento, no que participaron máis de cento trinta persoas de todo o mundo, que se plasmou nun libro solidario do mesmo título, editado por Xerais (1996), e nunha exposición de pintura, escultura, fotografía e ilustración que percorreu as cidades galegas. Aquel proxecto, colectivo e solidario –os beneficios tirados da venda do libro e das obras de arte empregáronse para apoiar un programa de educación para o desenvolvemento no Brasil–, contribuíu a irradiar dende Galicia unha mirada global sobre a paz, tratando de repensar esta idea en todas as esferas e ámbitos da acción humana.

Neste comezo de século da chamada era da información e do coñecemento persiste a vulneración dos dereitos humanos en todos os continentes, rebrota a xenofobia e a aporofobia, profundízanse os desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta, institucionalízase a pobreza, a marxinación e a exclusión de amplos sectores da poboación, e non cesan os conflictos bélicos en máis cincuenta puntos do planeta. Vivimos nun tempo que require unha auténtica mobilización mundial, onde a nosa actitude cívica non pode ser nin a da resignación nin a da indiferencia.

Este 30 de xaneiro de 2007 é especialmente emotivo para min xa que acelebramos o vinte e cinco aniversario dunha data que debe servir para reflexionar no entorno escolar sobre a triste situación do mundo. Co mesmo motivo, acompañarei a Jares a Lugo, onde presentaremos a terceira edición de Aprender a convivir, que serve de referente para o programa “Vivir xuntos. Convivir” promovido polo concello de Lugo nos centros escolares. Sabemos das limitacións destas efemérides, no entanto en poucas ocasións pode ser tan necesario parar a rotina escolar, aínda que sexa só por unhas poucas horas, e pensar cara onde imos.

Etiquetas: