Manifestación polo traslado de Reganosa

3 Xuño, 2007 (21:21) | Política, Sociedade

Hoxe fun con Agustín Fernández Paz a Ferrol para participar na manifestación, convocada polo Comité Cidadadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, co obxectivo de reclamar o traslado de Reganosa fóra da ría e a posta en liberdade de Bastida, o patrón da confraría de pescadores de Ferrol. A protesta (moi numerosa, catro mil persoas é unha cifra importante) serviu para romper definitivamente o muro de silencio sobre este conflito (non esquezamos, aberto desde hai case unha década). A presenza de Beiras e Camilo Nogueira entre os manifestantes foi moi significativa, xa que expresa que afortunadamente dentro do BNG hai voces que non se conforman con lamentar estoutra herdanza dos gobernos de Manuel Fraga. Ben sabemos que solucionar agora o problema de Reganosa é moi difícil, mais tamén é innegable que existen razóns xurídicas abondas para non autorizar a súa posta en funcionamento, como sinalou de forma moi clarificadora o comunicado lido ao remate do acto. É imprescindible que os membros do Goberno Galego non agachen a súa responsabilidade (ten a obriga de aprobar o plan de seguridade e emerxencia da instalación) sobre cuestión tan decisiva para asegurar o futuro sostible da Ría de Ferrol e a seguridade dos habitantes da comarca toda de Ferrolterra. Volveremos sobre o tema.
Etiquetas: Reganosa