Updike, o adianto de "Terrorista"

7 Xuño, 2007 (10:49) | Adiantos, Autores, Narrativa, Novidades, Traducións, Xerais

Terrorista, a primeira obra en galego de John Updike, é a historia de Ahmad Ashmawy Mulloy, un mozo de dezaoito anos que vive en New Prospect, unha antiga vila industrial do estado de Nova Jersey. Fillo de nai irlandesa-americana e de pai exipcio, que os abandona cando non tiña mais que tres anos, Ahmad non soubo nunca atopar o seu lugar na sociedade na que vive. Furioso coa súa nai, por non ter conseguido manter unida a familia, adopta aos once anos a fe do pai, o islam, refuxiándose na influencia do xeque Rashid, o imán da mesquita da Rúa West Main. A pesar de contar cun grande potencial para os estudos, como lle recorda Jack Levy, o orientador do seu instituto, un xudeo renegado e infeliz que o aconsella ingresar na Universidade, decide obter o carné de condutor de camións para comezar a traballar de transportista, como lle recomenda o imán. É así como lle chega a proposta clave da súa vida: facer estourar un camión cargado con catro toneladas de dinamita nun dos principais tuneis de Nova York. Para Ahmad esta é unha misión elevada que o afastaría da superficialidade e o materialismo da cultura norteamericana que aborrece, un acto suicida que lle permitiría dar a vida por Alá.
John Updike (Shillington, Pensylvania, 1932), autor de máis de vinte novelas, é un dos escritores máis relevantes da narrativa norteamericana contemporánea. Crítico literario do The New Yorker dende 1957, obtivo os máis importantes premios literarios: o Pulitzer, o American Book Award, o National Book Award, o National Book Critics Circle Award, o Rosenthal Award e a Howells Medal. Terrorista (Xerais 2007) é a súa primeira obra traducida para o galego por Lara Domínguez Araújo e ilustrada na súa portada por Fran Herbello Hermelo. Aquí pode baixarse en PDF as primeiras páxinas da novela, que estará nas librarías na primeira quincena de xuño, coincidindo coa aparición das versións en castelán e catalán.

Etiquetas: John_Updike