As axudas á tradución

3 Outubro, 2007 (07:17) | Traducións

O aumento previsto das axudas de tradución é unha boa noticia, mais parece claro que o importe previsto é aínda insuficiente para dar resposta ao pulo do noso sector editorial e para promover efectivamente a internacionalización da nosa literatura. A información de hoxe no Pais-Galicia é moi aclaratoria. Cos datos na man a precariedade do noso subsector da tradución é evidente, sobre todo debido a que o sesenta por cento dos textos traducidos (datos de 2005) proceden do castelán, sendo a maior parte deles libros de texto e de literatura infantil e xuvenil. Con axudas cativas, coa presenza meramente publicitaria en máis feiras internacionais ou cun espazo na rede en inglés non se vai conseguir invertir esta tendencia. Precisamos unha extratexia de pais compartida por autores, editores e pola propia administración, algo que, mágoa!, aínda non cuallou. Ademais, dentro dunha nova política de Lectura (esa que se reflectirá cando sexa aprobado o Plan de Lectura de Galicia), o impulso da importación e exportación de textos será un dos eixos principais de actuación. A Consellaría de Cultura debería asumir estas ideas con maior determinación. Para cando a creación dunha Oficina de Promoción da literatura galega no mundo?

Etiquetas: