Keitai shousetsu, novelas no móbil

19 Marzo, 2008 (10:41) | Lectura, Literacidade, Tecnoloxías

Hai meses en Trafegando ronseis (para min hoxe un dos mellores blogs en galego) dábse conta do fenómeno dos keitai shousetsu, novelas por entregas que os mozos e mozas xaponeses (de quince a vinte anos) baixan e len no móbil. Dicíanos que se trataban “en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos “manga”. Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente”. A anotación de ronseis remataba salientando que estas noveliñas cando eran, despois, editadas en papel acadaban vendas enormes.
Onte Bibliómano e Libros & Tecnología (outros dos meus blogs preferidos) volvían a facerse eco do fenómeno “keitai” salientando que en Xapón (un país con 78 millóns de móbiles) constitúe o fenómeno principal da “cultura telefónica“. O móbil serve para atender chamadas, escoitar música, enviar mensaxes de texto e de imaxe, ler novelas por entregas, utilizarse como moedeiro electrónico, tirar fotografías e vídeos ou mesmo recibir alertas en caso de terremotos… En definitiva, unha multiplataforma comunicacional de peto.
A verdade estes keitai shousetsu (habería que traducilos por novelas celulares) a pesar da súa importancia no mercado editorial, non semellan literariamente moi atractivos (apenas outra versión de produtos de lectura de consumo). Porén, este fenómeno xaponés sinala, outra vez, a tendencia da integración das utilidades de comunicación nun aparello portable multiplataforma, onde a lectura tería, por pequeno que fose, tamén o seu oco. O debate sobre os libros do futuro continúa.

Etiquetas: