Xosé María Álvarez Blázquez, os actos de Vigo

18 Maio, 2008 (09:54) | 17_de_maio, Efemérides, Eventos

Onte asistín aos actos en homenaxe de Xosé María Álvarez Blázquez organizados en Vigo pola Real Academia Galega.
O acto institucional, celebrado no auditorio do concello, foi literariamente moi brillante, aínda que coa presenza de menos público do agardado (apenas un centenar de persoas, o que amosa un certo desleixo na realización da convocatoria e un desinterese popular por estes actos académicos). Darío Xohán Cabana abriu os parlamentos cunha intervención potente, enérxica, co punto necesario de emoción, defendendo a figura integral de don Xosé María e o carácter revolucionario da súa actividade como editor. Oportunísima foi a súa proposta de convocar este ano un congreso multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado, fose pola Consellaría de Cultura e Deporte ou pola Universidade de Vigo (unha iniciativa que aínda hai tempo para que fose considerada por estas institucións, pola propia Academia ou por calquera outra entidade que o puidese apoiar economicamente). Logo interviu, Víctor Freixanes que abordou moi fermosamente a actividade editorial de Álvarez Blázquez (o título da súa intervención é moi significativo: “Arte da paquetería”) sinalando o carácter innovador que lle imprimiu á actividade editora, tanto na concepción da creación editorial como da súa promoción e comercialización. Pola súa banda X.L. Méndez Ferrín nun parlamento literariamente memorable describiu os espazos de don Xosé María (a súa descrición das Travesas de XMAB empregando só substantivos foi espectacular) e salientou a sensibilidade literaria e o carácter patriótico do traballo do homenaxeado. Pechou a quenda de intervencións, o presidente da Academia que definiu a don Xosé María como un dos “exiliados na súa propia Terra”.
Despois do xantar institucional no Museo de Castrelos, organizado e pagado pola Academia (un feito inédito na efeméride), se celebrou en Gran Vía 180, na porta do edificio onde Xosé María viviu durante trinta e nove anos, o acto de descuberta dunha praca. Outra vez, apenas cen persoas, asistimos aos parlamentos de Luz Pozo Garza, Alfonso Álvarez Cáccamo (que leu un texto sobre as Travesas en 1946, escrito polo seu pai en 1981, que foi editado nunha fermosa seaparata por Galaxia) e do alcalde de Vigo. Para min, o momento máis emocionante foi a breve intervención, fóra de programa, de Aurora, unha das fillas de Xoán Vidal, inseperable amigo de XMAB (co que fundou Cristal).
Rematado o acto, subimos a Gran Vía cismando na decepción que nos provocou o raquítico entusiasmo amosado polas institucións galegas e locais (ensimesmadas nos intereses partidarios dos seus responsables) a unha celebración cultural tan relevante, por non falar xa do claro afastamento do conxunto da sociedade sobre a efeméride (coa excepción da programación da radio Galega na praza da Constitución, Vigo permaneceu totalmente alleo a estes actos). Se continuamos por este vieiro, o 17 de maio esmorecerá inevitablemente. A figura revolucionaria de don Xosé María merecía máis.