2000

19 Xuño, 2008 (15:34) | Blogs, Internet, Literacidade, Persoal

Esta anotación fai o número 2000 das publicadas nestas brétemas. Hai menos de dous anos, cando acadamos as 1000, reflexionabamos sobre o sentido do blog, nacido hai case catro anos, coa inxenua intención de explorar as posibilidades da textualidade electrónica proporcionada polos blogs. Ao longo deste tempo produciuse o estourido do fenómeno dos blogs (afortunadamente, tamén en galego); aquel chamado blogomillo levedou na súa diversidade, procurando o camiño de pequenas comunidades especializadas; apareceron as redes sociais con toda a súa enorme forza para compartir información e coñecemento; ademais de mellorar moito as ferramentas e as utilidades para facilitar esta forma de escritura electrónica participativa.
Nestes dous últimos anos, estas brétemas foron tamén ampliando a súa mirada temática (nada do que nos afecta podemos consideralo alleo) e reducindo o peso da crónica do noso traballo como editores de Xerais (sobre todo dende a apertura do blog da editorial, onde agora publicamos moitas das informacións que aparecían aquí). No entanto, continuamos a nosa reflexión acougada (e escasamente apocalíptica) sobre os futuros do libro (quizais hoxe o tema central de brétemas), nun momento de clara transición entre soportes, no que a primacía da calidade do contido textual é o valor principal. Continuamos tamén achegando a nosa preocupación pola participación política (singularmente en Galicia, un país que nos doe e estimula na esperanza), cando se albiscan sombras preocupantes sobre a derrota (entendida como deriva, loxicamente) da cultura da cidadanía. Temas que non nos impiden, madia leva!, desbordar a nosa subxectividade máis emotiva sobre temas futbolísticos (sen eu pretendelo, outro dos sinais de identidade do blog), onde nos sentimos menos determinados ca noutros eidos que requiren maior racionalidade.
Dende a anotación número 1000, estas brétemas recibiron máis de tres mil comentarios, o que supón unha clara redución con respecto ás mil primeiras, un fenómeno que vimos comprobando se produciu na maioría dos blogs (non só galegos). Con todo, conservamos un número de visitas que non deixa de abraiarnos e as que debemos agradecer a súa deferencia por lelas, enmedalas e criticalas. Seguimos crendo que a razón de ser dos blogs, destas identidades individuais de dominio público, no marco da nova web 2.0 (non sei se debe dicirse 3.0), reside en compartir informacións, reflexións, opinións, lecturas, películas, cancións, saudades, cabreos, risas ou momentos de beleza… entre amigos e amigas. Nesa angueira, seguiremos mentres teñamos acougo e azos.