Valentín Arias, merecida homenaxe

30 Setembro, 2008 (15:12) | Autores, Efemérides, Traducións

Ben merece Valentín Arias a homenaxe, organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte, que se lle vai tributar este serán en Vigo con motivo do Día Internacional da Tradución. Valentín Arias, ademais de prolífico tradutor, é unha das figuras senlleiras da historia da edición en galego. Traballador da Fundación Penzol, xerente da editorial Galaxia, nos díficiles anos do Tardofranquismo e do inicio da Reforma Política (1975-1978), tamén colaborou de forma decisiva no nacemento de Edicións Xerais de Galicia e no xermolo das súas primeiras publicacións educativas e de edición literaria; sendo autor do manual de divulgación ¿Como se fai un libro? e doutros manuais de estilo sobre o proceso de edición. Outrosí debemos apuntar no seu papel como mestre e promotor pioneiro da galeguización da nosa escola. É autor de dous dos traballos claves sobre esta cuestión publicados nos anos setenta A lingua galega na escola e A escola rural en Galicia, alén de participar, xunto a Avelino Pousa Antelo, en experiencias pioneiras para a escola rural en Galicia. Como tradutor, labor pola que hoxe é merecidamente homenaxeado, Valentín desenvolveu un labor hercúleo. Fundador da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) en 1984, revisor de milleiros de páxinas en galego, recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución (1989) e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra á Lúa, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de Albert Camus e A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas. A homenaxe que recibe hoxe é un xusto recoñecemento a tan importante traballo dunha vida ao servizo da causa de Galicia e da súa lingua.