Steiner será traducido ao galego por Xerais

28 Outubro, 2008 (22:30) | Ensaio, Traducións, Xerais

Tras a polémica Steiner reflexionamos moito sobre o posicionamento da cultura galega no mundo. O debate foi ben produtivo e, finalmente, matizado. Nós chegamos á conclusión que como editores galegos tiñamos a responsabilidade de contribuír a profundizalo. Esta foi a razón que nos levou a explorar as posibilidades de traducir algunha das obras do polémico filósofo. Finalmente as xestións chegaron a bo porto e acadamos un compromiso cos axentes de Steiner para que Xerais publicase durante o ano 2009 dúas das súas obras: After Babel: Aspect of Language and Translation (1975) e George Steiner at the New Yorker (obra, aínda inédita, que aparecerá nos Estados Unidos no vindeiro mes de xaneiro). A estes dous títulos, que alicerzan o proxecto que iniciamos este ano de publicar traducións de importantes obras do ensaio do século XX, se unirán o segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir (preparado por Marga Rodríguez Marcuño) e o Tractatus Logico-Philosoficus 1918 de Wittgenstein (traducido por Arturo Leyte). Cremos que este é unha aposta necesaria para incrementar o acervo do patrimonio cultural galego, ao tempo que debería contribuír a que fose máis valorado e mellor coñecido no mundo.