«Malia ao escaso tirón»

21 Decembro, 2008 (16:03) | Lectura, Novidades, Polémicas, Promoción do libro

Lendo esta incrible noticia publicada no xornal.com sobre o posicionamento nas librarías das novidades editoriais galegas durante esta campaña de nadal, compréndese mellor que a nosa peor e principal doenza é a da falta de autoestima e confianza na literatura propia.
Velaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.