Campo do Fragoso LXIX

5 Xaneiro, 2009 (02:24) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

BENVIDO OUBIÑA
Todo o encontro co magnífico Hércules foi moi desputado e igualado. Se ben na primeira, os dous conxuntos acusaron os efectos da paradiña do nadal, a segunda parte foi excepcionalmente competida e emocionante ata o seu derradeiro minuto. Os alacantinos xa avisaron no primeiro cuarto de hora, cun xute perigoso dende fóra da área de Taborda, que non viñan a Vigo a pecharse diante da súa área, querían a vitoria para coller o liderado. Durante toda a primeira parte sucedéronse os ataques visitantes, aínda que as mellores oportunidades de gol foron celestes, grazas, sobre todo as subidas polas bandas de Abalo e Óscar Díaz, cada vez máis atrevidos nas súas evolucións. O partido rompeu tras o descanso xa que o Celta marcou na xogada do saque do centro, cando apenas transcorreran quince segundos. Dinei enviou longo sobre David Rodríguez para que este dun xute cruzado abrise o marcador. Cun gol no peto, o Celta animouse a resolver o partido, o que conseguiu Óscar Díaz de forma espectacular aproveitando un polémico roubo de balón de Dinei na liña de fondo. Co marcardor tan adverso e faltando aínda media hora, os do galego Mandiá non deron o partido por perdido e empurraron con moita afouteza, aseñorearon o xogo e acurralaron ao Celta diante da meta de Notario. Froito deste esforzo chegou o gol de Rubén Navarro, tras unha combinación de ata catro dianteiros, outro de Taborda (anulado por “fóra de xogo”) e varios remates de Tote que Notario salvou de forma asombrosa. Nestes minutos finais, angustiosos para os celestes e para a bancada, as saídas de Trashorras, Oubiña e Noguerol axudaron a recobrar alento e conter a avalancha herculina. Felizmente, os nosos souberon resistir e mesmo tiveron oportunidade de aumentar o marcador, durante o desconto, grazas a un xute formidable de Trashorras que pegou no pao. En definitiva, a bonita matinal de onte déixanos tres puntos e dúas excelentes noticias. Primeira: a fórmula que ensaiou Pepe Murcia fronte ao Zaragoza de xogar con dúas puntas e dous extremos profundos demóstrase que é moi competititva para esta segunda división; este fútbol máis directo e sinxelo (quizais, tamén, menos elaborado e vistoso) facilita vitorias que, amodiño, van colocando ao Celta no espazo dos soños. Segunda: tras unha dificilísima travesía do deserto en solitario e durante quince meses, Borja Oubiña debutou esta liga en Balaídos e demostrou, en apenas dez minutos, que volve ser futbolista decisivo, xa que cada vez que toca a pelota, o Celta é un equipo con sentido e maiores argumentos de xogo colectivo. Este regreso de Borja pode axudar moito a acelerar a esperanzadora traxectoria que o equipo veu collendo nos últimos meses.