Galician Literature in English Translation

15 Febreiro, 2009 (10:54) | Cultura, Traducións

Jonathan Dunne, hoxe o mellor tradutor da literatura galega ao inglés, actualiza a súa páxina persoal na que vai recollendo todos os textos da literatura galega traducidos ao inglés. Unha panorámica ben interesante composta por quince títulos individuais (de autores e autoras clásicos e contemporáneos) e dez antoloxías (tres delas de Rosalía de Castro). Jonathan Dunne traballa na tradución e edición dunha Antoloxía da Literatura galega (1196-1982), na que se inclúen as escolmas de 51 escritores e académicos, que debería constituír (temos prevista a súa edición no verán de 2010) a tarxeta de presentación do corpus histórico da literatura galega no ámbito da fala inglesa. O esforzo individual e altruísta de Dunne (actualmente vive en Sofía) amosa o útil que sería para a proxección internacional da literatura galega contar cunha humilde oficina pública na que sen grandilocuencias se fosen sistematizando os recursos existentes.

Recomendo seguir o blog que abriu Dunne estes días.