Manuel Bragado Rodríguez (currículum)

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959). Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994, empresa na que traballa dende 1990. Licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago (1976-1981). Profesor de educación infantil e primaria en excedencia, dende o ano 1990, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Profesor da materia «Edición e actividade editorial» do Mestrado en Edición 2009/2010 das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Membro de ProLingua, Nova Escola Galega e Amnistía Internacional. Membro da sección de «Lingua, literatura e comunicación» do Consello da Cultura Galega. Membro do Consello Asesor do Libro. Redactor do documento «Lingua e edición» da ponencia de Lingua e Cultura do Proxecto Galicia 2010. Foi presidente da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88) e director da Revista Galega de Educación (1986-2000). Traballa en Edicións Xerais de Galicia dende o ano 1990, desempeñando as función de director de edicións (1990-93) e director xeral (1994 ata a actualidade). É presidente da Asociación Galega de Editores, dende o 15 de xullo de 2010, secretario da Fundación Premios da Crítica Galicia, dende o 4 de agosto de 2011 e membro do padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Colaborador de diferentes medios de comunicación, participou no consello de redacción d’ A Pizarra (suplemento de educación de Faro de Vigo, 1982-1986), Na escola (suplemento de educación de La Región e Atlántico diario, 1987-1989). Colaborador de Faro de Vigo, publica semanalmente, dende o mes de agosto de 1999 e de forma ininterrumpida, a sección «Campo de Granada», sobre actualidade socio-cultural de carácter local (651 artigos publicados até 6 de maio de 2012), pola que obtivo o Premio Gómez Román (2000) convocado polo concello de Vigo e o espazo «Campo do Fragoso» de reflexión futbolística (121 artigos até maio de 2012). Colaborador de Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza e da Radio Galega dende 2000, participa semanalmente na tertulia do programa informativo «A Crónica», e mantén aberto o blog Brétemas (http://bretemas.blogaliza.org) onde realiza un seguimento de temas editoriais, literarios, políticos de actualidade, con especial atención á nova literacidade electrónica e aos futuros do libro. Conforma a súa identidade dixital cos seus espazos en Facebook e Twitter. Por este traballo recibiu o Premio AELG Blog Literario 2010 e o Premio Fervenzas Literais ao mellor blog dos anos 2009, 2010 e 2011.

Ten dirixido a elaboración e os proxectos didácticos de máis de tres centenares de libros de texto dirixidos á educación non universitaria; deseñou e dirixe varias colección de literatura e literatura infantil e xuvenil, publicou varios libros de carácter pedagóxico, estudos sobre o estado da edición en lingua galega e o libro para primeiros lectores Dona Carme (Ir Indo edicións, 1989). Algún día gustaríalle rematar o traballo «Historia das publicacións educativas en Galicia (1900-1980)», proxectado inicialmente como tese de doutoramento.