Campo do Fragoso LXXIII

8 Marzo, 2009 (10:42) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

NOVA AGONÍA

A esperanza dun renacer celeste da man de Eusebio Sacristán durou apenas corenta e cinco minutos. Durante este primeiro período o Celta semellaba un equipo de estrea: novo técnico de gostos refinados na banda, novo debuxo táctico máis ofensivo (4-3-3) cun trivote inédito de mediocampistas (Rosada, Michu, Trashorras), defensa moi adiantada e presionante, e, sobre todo, manexo constante da pelota coa intención de construír un xogo paciente dende a liña defensiva. Semellaba que podían dar resultado as receitas que Eusebio traía ben aprendidas de Can Barça: o balón é quen organiza o xogo, o mellor xeito de defender é contar coa posesión da bola, cómpre rematar todas as xogadas para evitar contras imprevistas… Durante todo esta primeira parte o Celta, cun aparencia anímica sensiblemente mellorada, tivo máis tempo a pelota ca en ningún dos seus partidos anteriores, movéndoa de banda a banda coa intención de buscar os desbordes dos que onte foron os seus extremos, Ghilas e un David Rodríguez moi motivado. Froito deste xogo  atrevido chegaron varias boas oportunidades que os nosos dianteiros non souberon aproveitar. Nin Ghilas nin David nin Dinei nin o mesmo Trashorras tiveron acerto suficiente para marcar, unhas veces chegaron tarde, outras marraron estrepitosa ou inocentemente diante da portería baleira. Froito de semellante desacerto atacante celete, o Huesca, un equipo modestiño que só viña a defenderse o mellor posible, foi adiantando as súas liñas e na fase final desta primeira parte atuou á defensa céltica con dúas oportunidades magníficas. Aí vimos a sombra do sucedido fronte ao Éibar. Coa reanudación e coa incomprensible saída de Trashorras, substituído por Oubiña, o interesante debuxo celeste da primeira parte foi esvaecendo e aparecendo sobre a lameira a sombra que tan ben identificamos do equipo impotente e desconcentrado. O Huesca percibiu decontado as súa oportunidade e no minuto setenta Esparza aproveitou unha pelota longa de contragolpe que soubo rematar de forma moi potente dende a esquerda. Aí remataron as posibilidades dos nosos. Como sucedeu noutras xornadas, co marcador en desavantaxe chegaron ás présas e as imprecisións provocadas polo pánico da derrota. Por riba, dende a banda Eusebio errou nos trocos, quizais por descoñecemento do cadro de xogadores, meteu a Maris prescindindo de Dani Abalo, o canteirán con maiores posibilidades de desborde. Estes derradeiros vinte e cinco minutos foron outra agonía , idéntica a que viviu hai quince días. A crise deste Celta é moi seria, agoira dificultades importantes, mesmo para manter a categoría. Onte na bancada xa non houbo posibilidade de botarlle as culpas ao adestrador que, polo que puidemos comprobar, é tan inexperto na categoría como ben intencionado na súa concepción do xogo. Seremos capaces de salvarnos con estes vimbios?