Campo do Fragoso LXXVIII

11 Maio, 2009 (06:45) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

ABISMO

No serán do pasado sábado o Celta deu un chimpo de xigante para precipitarse no abismo e enterrar máis de oitenta anos da afouta historia do fútbol atlántico. Unha auténtica temeridade. Un suicidio deportivo. Os seis mil resistentes da bancada –os que non desertamos da causa celeste, a pesar de vivir en Balaídos fracaso tras fracaso– non podemos comprender como un equipo que, a pesar dunha nefasta tempada, tiña todas as posibilidades na súa man de asegurar a permanencia gañando apenas dous partidiños, decide baixar os brazos e enlearse nunha batalla onde ten moitas posibilidades de quedar ferido de morte. Esa liña celeste suicida, albiscada no período de Pepe Murcia, cando comezaron aquelas derrotas do mes de xaneiro que nos desengancharon dos postos de cabeza, acentuouse con esta lamentable xeira dirixida por Eusebio Sacristán, sen dúbida, o principal responsable desta perigosísima derrota co equipo das Palmas. O sábado o Celta saíu xustamente derrotado por que en ningunha das fases do encontro mantivo a intensidade e a serenidade abonda para controlar con claridade o xogo. Os de Eusebio estiveron atenazados, torpes e sen chispa ningunha en ataque (onde apenas podemos contar unha ocasión clara, estragada por David Rodríguez dous minutos despois do descanso) e, sobre todo, trabados no medio campo, onde Renan e Jonathan Vila  non puideron en momento ningún coa parella de pivotes canarios. Diante dos temibles ataques amarelos, que se repetiron dende o primeiro cuarto de hora de xogo, o esquema de tres centrais e dous carrileiros de Eusebio amosou a súa insuficiencia defensiva. O troco no minuto trinta de xogo de Trashorras por Jordi (que recibira unha tarxeta) e o precipitado debut do xuvenil Joselu (que substituíu a Óscar Díaz ao comezo da segunda parte) supuxeron unha mudanza radical do debuxo táctico do equipo, e outra mostra de que Sacristán non acaba de atopar o seu once ideal nin un esquema solvente para facer fronte a estas finais a cara de can. Con estes trocos, o Celta gañou unhas pingas de control defensivo, máis non de profundidade atacante. Diante de semellante escenario de conformismo galego, os pacientes canarios foron durmindo aínda máis o encontro, conscientes de que un dominio morno facilitaría a aparición da súa oportunidade, que chegou en forma doutro dos agasallos habituais de Peña (unha das maiores fichas do cadro celeste, expulsado por segunda vez consecutiva por cometer penalti). Co marcador desfavorable, como era previsible, o noso equipo de xiz quedou noqueado. Nos case vinte minutos de xogo que restaron, o Celta amosou todo o amplo repertorio da súa impotencia, agoirando o peor dos remates de tempada posibles. Sendo realistas debemos admitir que diante da situación anímica e deportiva do equipo (acomodado nas tebras do abismo) e das escasas posibilidades do adestrador para atopar unha saída de luz, para evitar o descenso a Segunda B (e, quizais, tamén a desaparición da entidade), só cabe confiar no fracaso dalgún dos dous rivais directos, do Córdoba ou do Alavés. Así de difícil ten o seu futuro o noso Celtiña do corazón.