Un paso adiante, outro atrás

18 Maio, 2009 (20:23) | 17_de_maio, Goberno Feijoo, Lingua, Política

Tras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004.  Cantos pasos adiante, cantos atrás?

No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:

– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora. 

– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego  fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.

– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?