Campo do Fragoso LXXIX

24 Maio, 2009 (12:03) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

ARGUMENTO COÑECIDO

Para os que imos cada quince días a Balaídos non foi sorpresa ningunha o empate diante do Murcia, que afunde ao equipo noso un pouco máis nese escuro territorio das tebras e fantasmas da perda da categoría. Magoadamente, o encontro desenvolveuse cun argumento ben coñecido: un inicio moi esperanzador, no que o Celta se adiantou con dous tantos; un desenvolvemento tedioso e pouco brillante, durante a maior parte do partido, no que o Celta dominaba e a medida que transcorrían os minutos perdía gas e serenidade; e un remate dramático, no que os nosos, vencidos polo medo, recuaron e estragaron toda a súa vantaxe. Con este argumento desenvolvéronse outros empates anteriores a dous goles, fronte ao Elxe e fronte ao Levante. Partidos feitos, ambos os tres, que semellaban gañados polos celestes cando ían moi avanzadas as súas segundas partes. Encontros, porén, incriblemente malogrados pola incapacidade do Celta e, especialmente, do seu adestrador de saber vencer o medo diante do fracaso e manexar  coa serenidade precisa os tempos defensivos que requiren as situacións de asedio medualiano. Tivo a vantaxe o Celta de contar co apoio de máis de dezasete mil seareiros, na mellor entrada do campionato, que apuparon de seu nos momentos máis difíciles; mais iso non abondou para acadar esa vitoria tan necesaria para afastarnos do precipicio. Sacristán apostou pola volta ao seu esquema de xogo máis habitual, catro defensas tres medios e tres dianteiros. Nos vinte primeiros minutos deulle un resultado excelente. A pesar de que os pementoneiros levaban a iniciativa, no minuto dezaseis Dinei loitou nun barullo na área rival e conseguiu así roubar o primeiro gol.  Tres minutos despois, foi Kameli Ghilas quen, tras dous bos caneos, trazou unha diagonal pola banda esquerda desde a que rematou cun xute cruzado moi preciso que superou ao porteiro murciano. No resto da primeira parte, a bancada soubo agradecer as boas combinacións técnicas entre Michu e Trashorras, mais paseniñamente o dominio local foi minguando. No entanto, co comezo da reanudación, dúas boas asociacións pola banda esquerda de Ghilas e Roberto Lago puideron liquidar o partido, ao tempo que o Celta comezou a amosar preocupantes síntomas da súa vertixe diante da “síndrome do 2-0”. Foi entón cando Eusebio deu orde, como fixo noutras ocasións, de que se retirasen os recollepelotas para así ralentizar o desenvolvemento da media hora final. Un erro fatal. Semella que ese foi o sinal que os murcianos agardaban para arrecunchar ao Celta na súa área e agardar a que chegasen os seus habituais erros defensivos. Ese argumento coñecido polos rivais desenvolveuse con toda fidelidade: no minuto 79 marcou o ex-céltico Núñez e no derradeiro minuto da prolongación,  o do empate, tras un saque de recanto moi mal defendido polos nosos. O Celta, outra vez máis, non soubo xestionar a súa vantaxe nin o seu dominio durante a maior parte do encontro. A este equipo de Eusebio fáltanlle moitas doses de competitividade para ser minimamente fiable. Como agoiramos en crónicas anteriores e polo que vimos onte, a salvación celeste pendura dun único fío, o previsible fracaso do Alavés. Que medo!