Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, premios Xerais 2009

6 Xuño, 2009 (18:35) | Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Premios, Xerais

Despois da súa última deliberación, o xurado da XXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.

Pola súa banda o xurado da IVª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.

Por último, o xurado da XXVIª edición do Premio Xerais de novela despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.

A cerimonia de entrega, na que participan máis de trescentas persoas, estase celebrando na illa de San Simón podendo ser seguida dende Blogaliza.tv.