Aquilino Iglesia Alvarino, hoxe centenario do seu nacemento

12 Xuño, 2009 (09:21) | Autores, In memoriam, Poesía, Xerais

Un doce de xuño de 1909 nacía en Seivane, unha aldea do concello de Abadín o que sería o grande poeta chairego Aquilino Iglesia Alvariño.

Afortunadamente o PEN de Galicia estivo atento e este centenario do autor de Señardá (1930), Corazón ao vento (1933) ou  Lanza de soledá (1961) non pasará completamente desapercibido, a pesar de que os medios apenas, coa excepción cremos que de El Progreso, repararon na noticia.

Esta tarde viaxaremos a Abadín para participar nos actos de homenaxe, preparados polo PEN Galicia e o concello de Abadín, e na presentación do libro O po dos días. Introdución á temática da poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez. A celebración deste centenario de Aquilino debe abrir un período de recuperación da obra dun dos poetas maiores da poesía galega do século XX.