Campo do Fragoso LXXXII

11 Outubro, 2009 (18:15) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

ESTE CELTA NON VAI

Pepe Murcia e a súa panda de veteráns viaxaron a Vigo coa intención moi clara de impedir que este renqueante Celta de Eusebio confirmase unha certa recuperación diante dos seus seareiros. E abofé que debeu saír satisfeito abondo con este empate que funde ao Celta nas posicións de descenso. Tras a súa marcha forzada de Vigo a pasada tempada, esta debeu ser a súa secreta vinganza. Máis alá da trasnadas de Murcia e do comportamento pouco deportivo de Notario, outro xogador que semella quedou ferido do seu paso polo Celta, é innegable que, a pesar de ter a fortuna de fronte en Huelva e de amosar clara superioridade no encontro de copa en Girona, este Celtiña de Eusebio non vai, non arrinca, quedou atoado nesta primeira cuarta parte do campionato e presenta uns números penosos, seis puntos de vinte e un, que agoiran as maiores dificultades para manter a categoría. E, por suposto, nin soñar con posibilidade ningunha de ascenso nin con outras lerias marqueteiras propias do Celtómetro de inicio de tempada. O partido fronte ao Albacete demostrou que o equipo noso ten moi boa vontade e moi boas maneiras e ao mesmo tempo enormes carencias técnicas. Como é adoito en Balaídos, os manchegos deixaron a primeira parte para que o Celta ensaiase os seus ataques de pizarra. Abondoulles amontoar xogadores no medio do campo para ateazar as liñas de pase de Trashorras sobre Iago Aspas, os nosos dous mellores xogadores diante, mentres Joselu vagaba amedoñado diante duns centrais que lle gañaban unha e outra vez a posición. En toda unha primeira parte aborrecible houbo apenas dúas ocasións para cada equipo: un centro bonito de Aspas que non atopou rematador (aí a nosa maior carencia) e un disparo ben colocado de Trashorras foron as únicas xogadas con perigo nosas; un remate de cabeza á cruceta á saída dun saque de recanto e un formidable golpe franco de Antonio López (que vimos dentro) as dúas máis claras dos visitantes. Tras o descanso, o Celta buscou a súa sorte no segundo minuto nunha falta lateral que deliñou Trashorras para que Joselu cabecease ao poste e o seu rexeite fose moi ben aproveitado por Iago Aspas, sempre espelido e oportuno. Tras o entusiasmo do gol, Joselu puido sentenciar o encontro nun remate que vimos dentro. Aí, no minuto cincuenta, acabou toda a intensidade celeste. A partir de entón os de Murcia procuraron o empate, desenvolvendo un xogo moi áspero e contundente que o árbitro non soubo ou non quixo conter. No minuto vinte, Falcón parou un penalti moi discutible a Salva Ballesta e, dous minutos depois, despexou un cacheiron formidable e saíu oportunísimo nun saque de recanto. Un auténtico heroe, o noso porteiro. Porén, os nosos medios non foron capaces de deter a carreira de Merino que faltando un cuarto de hora arruinou a que debería ser a nosa primeira vitoria na casa. A saída de Aaron nos minutos finais, substituíndo a un desafortunado Joselu, animou un chisquiño á bancada, mais xa non había nin tempos nin azos de ir a polo encontro. O empate foi un resultado xusto. A este Celta moito máis non se lle pode pedir.