Campo do Fragoso LXXXVIII

17 Xaneiro, 2010 (11:46) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

YELLOW SUBMARINE

A intervención do espíquer de Balaídos onte foi autenticamente xenial. Recibiu aos heroes do Madrigal con «Sementeira», a mítica canción de Fuxan os Ventos que fala de esperanza e compromiso, e despediu ironicamente aos colexiados, tras unha actuación deplorable (pésima, lamentable… escolla cadaquén o adxectivo), ao ritmo de «Yellow submarine», unha das cancións máis divertidas dos Beatles. Entre ambos os dous temas, desenvolveuse un encontro que tivo dous grandes protagonistas: Gregorio Bernabé García, un árbitro murciano con tantas maneiras de figura do espectáculo como escaso criterio técnico e moral, e Iago Aspas, o líder natural deste Celta da canteira, expulsado, cando remataba o primeiro tempo, por unha segunda tarxeta, tan rigorosa coma a primeira, por sacar unha falta antes que asubiase o colexiado (un terrible delito, sen dúbida). Esa maldita xogada escarallou un partido (sei que saberán desculpar o exabrupto), até entón, moi xeitoso, xogado a corazón aberto, con intensidade máis sen asomo ningún de violencia, por dous bos equipos que non se conformaban co empate. O Celta saíu na súa formación inicial con sete xogadores formados na Madroa, hoxe xa a auténtica selección galega, consolidando o proxecto de Eusebio de refacernos dende o paciente traballo da canteira. Apenas transcorridos dous minutos, Joselu xa rematou con enorme perigo un servizo excelente de Iago Aspas, un xogador en estado de graza, imprevisible, capaz de comunicar un estado de excitación e autoestima aos seus compañeiros descoñecido ata agora. Esta combinación alboral volvería a repetirse un cuarto de hora despois, cando Bravo, o porteiro donostiarra salvou in extremis outro cabezazo rotundo do noso dianteiro centro, tras un centro de Toni. Durante toda a primeira parte o xogo na lameira foi electrizante e vertical camiño de ambas as dúas áreas. Á altura da media hora de xogo, Falcón fixo dúas paradas extraordinarias que evitaron senllos goles feitos dos vascos que, a pesar do esforzo dese valadar chamado Bustos, foran nivelando o encontro. Porén, a beleza do espectáculo foi crebada polo colexiado con dúas tarxetas moi discutibles a Garai e Aspas e pola xa comentada expulsión da nosa figura. Unha perda absolutamente decisiva para o devir do encontro. Tras o descanso, e tras apupar o espíquer aos nosos coa sintonía de «Orzowei», Eusebio viuse obrigado a incorporar a Trashorras coa intención de compensar a inferioridade numérica cunha maior posesión do esférico. A solución non cuallou. Sen Aspas, os nosos perderon moita voltaxe, a nosa defensa (totalmente da canteira) vacilou na súa disciplina, e os donostiarras souberon aproveitar decontado eses furadiños para que Nsue marcase dende a área pequena no que sería o único (e fatal) erro de Falcón. Porén, os nosos sacando moito peito conseguiron que non aumentase a diferencia e tiveron un par de ocasións clarísimas para igualar o partido. Se chega entrar a vaselina de Joselu, salvada baixo o longueiro por un defensa, ou o remate de Jordi ao pao, non teño dúbidas de que o partido tería sido noso. Os tres puntos marcharon de Balaídos, mais as sensacións que achega este Celta de Eusebio foron boas. Semella que rematou o tempo do conformismo e amodiño comeza a tecerse unha nova rede de esperanza cos nomes de Mallo, Túñez, Jordi, Toni, Joselu, Oriol…, as figuras dese novo Celta que se enxerga no horizonte.

Foto da anotación: Óscar Vázquez (La Voz de Galicia)

Máis imaxes do partido (Xornal de Galicia).