Ferrín presidente

25 Xaneiro, 2010 (08:31) | Artigos Faro de Vigo, Autores, Beizóns, Campo de Granada, Cultura

No artigo da semana en Faro de Vigo (desta volta publicado en luns) parabenizo a X.L. Méndez Ferrín con motivo do seu nomeamento como presidente da Real Academia Galega. Entendo que esta é unha noticia feliz para a nación dos galegos, tanto por tratarse da figura cimeira da cultura galega contemporánea, como dunha das personalidades políticas máis decisivas das últimas cinco décadas.

Elección, aínda máis relevante, cando se produce nun momento decisivo, no que determinados sectores da sociedade galega pretenden facer retroceder as políticas de fomento da nosa lingua e o prestixio da nosa creación literaria. Priorizar o traballo interno dos equipos e seminarios académicos nos eidos da lexicografía, gramática ou historia; consolidar un sistema estable de financiamento institucional (a nosa primeira institución cultural padece un vergonzoso déficit crónico, que lle dificulta manter un funcionamento digno) e, sobre todo, profundizar na súa presenza social empregando os medios da comunicación cultural contemporánea semellan que serán as prioridades do mandato do autor de Estirpe.

Os nosos parabéns para Méndez Ferrín por tan merecida elección e os nosos desexos dos maiores éxitos para tarefas tan ilusionantes que inicia co seu equipo.

Sobre a mesma cuestión recomendo o magnífico artigo de Miguel Anxo Fernán Vello nas páxinas de Galicia Hoxe e o artigo de Xosé Antón Pérez Lema nas de Xornal de Galicia.