ProLingua, o día despois

6 Febreiro, 2010 (15:48) | Iniciativas, Lingua

O serán de onte foi un dos máis felices dos últimos tempos. As presentacións expansivas do libro de ProLingua foron un éxito rotundo. Os datos falan por si sós: máis de 5.000 persoas mobilizadas en 69 localidades de aquí e acolá para participar na presentación do argumentario argallado contras as falacias dos negacionistas, eses poucos concidadáns nosos que non queren de maneira ningunha contacto coa lingua de todos.

Na presentación de Vigo (como con certeza sucedeu en calquera das outras localidades) comprobamos que existe unha vontade cívica, apartidaria, plural, pacífica ata o lirismo de participar nesta revolución tranquila e radicalmente teimosa de devolver a dignidade que se lle pretende roubar ao idioma de noso. Non temos dúbidas de que hai moita xente, cada vez máis xente (de querenzas nacionalista e non nacionalista)  disposta a traballar moi activamente para evitar que as políticas de fomento do galego e os dereitos lingüísticos da cidadanía galega retrocedan. A mellor lección que debemos tirar destas exitosas presentacións expansivas é o carácter cívico e plural de todos e cada un dos actos, onde o único protagonismo recaeu nos argumentos, nas razóns empregadas para desmontar as falacias e prexuízos utilizados polos que pretenden facer retroceder ao galego.

ProLingua, ademais de contribuír a renovar o discurso sobre o idioma, en apenas cinco meses de funcionamento acuñou un novo estilo nas tarefas de defensa e promoción do galego baseado en dous principios: primeiro, traballo voluntario (moito traballo e dedicación) en man común de persoas de diversa ideoloxía e profesión; segundo, as actividades fináncianse en base ás achegas dos seus membros , o que supón manter unha independencia total das administracións públicas, xa que a plataforma non recibe nin solicita axudas de ningunha delas.

Despois de coller un acougo e continuar coa promoción do libro, ProLingua prepara xa unha segunda acción destinada a promoción do emprego da lingua nos establecementos comerciais e outras posteriores de maior alcance. Aí estaremos.

A foto corresponde á presentación de Barcelona.