Campo do Fragoso LXXXIX

8 Febreiro, 2010 (07:54) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

SEN PEGADA

Este Celta de Eusebio é un estilista sen pegada. Ninguén pode negar que o noso adestrador inculcou con enorme paciencia e honestidade no seu cadro un estilo de xogo moi definido, baseado no bo trato da pelota e nun esquema táctico que constrúe o ataque dende a defensa e o xogo defensivo dende a dianteira, por medio dun sistema de axudas entre as tres liñas. Fiel ao espírito dos seus mestres de Can Barsa, esta convicción de Eusebio na validez do seu estilo de xogo facilitou a incorporación masiva ao equipo de xogadores de canteira, algo inédito en Balaídos nas dúas derradeiras décadas. No magnífico campionato de Copa a fórmula funcionou de marabilla, demostrando que o xogo que atesouran nas biqueiras os rapaces formados na Madroa nada ten que envexar á lexión de cedidos que tanto nos fixeron sufrir en tempadas anteriores. Porén, no campionato de Liga desta difícil Segunda División a fórmula eusebiana non arrinca, sobre todo nos partidos en Balaídos, onde o equipo só foi capaz de obter 11 puntos nunha ducia de partidos e leva xa outros dous meses sen gañar. Un balance negativo e pouco agradecido para os seareiros. Onte fronte o Salamanca, un conxunto que traía a lección moi ben aprendida, os nosos recuncaron no empate sen goles nun partido no que volveron amosarse as carencias endémicas de remate. Como xa é adoito, os nosos saíron coma lobos, famentos de gol. Os dous primeiros minutos abondaron para que López Garai xutase con perigo dende a frontal e Dani Abalo caese na área rival. O Celta desenvolveu durante o primeiro cuarto de hora un primoroso xogo de salón, trazando triángulos coa precisión do tiraliñas e presionando sobre a mediana no campo rival. Porén, os charros que, até entón, adoptaran a estratexia da resistencia paciente, avisaron que lles importaba o resultado do partido en dúas xogadas a balón parado que provocaron o pánico na bancada. Con todo, durante toda esta primeira parte, Iago Aspas e Dani Abalo xeraron xogo de ataque abondo para marcar un par de goles, en oportunidades que malograron Michu e Joselu. A reanudación foi moi diferente, o partido toleou. Produciuse un constante intercambio de golpes en ambas as dúas áreas. Aos catro minutos puideron marcar os visitantes; dous minutos despois, Joselu fixo o máis difícil e, cando quedou só, envíou a pelota ao pao. Dez minutos máis tarde, Dani Abalo non chegou a rematar unha diagonal asombrosa tirada por Aspas. Sen embargo, foi Falcón quen salvou un remate magnífico de Linares que vimos dentro. Nesta lideira, o equipo gañou en profundidade co debut de Papadopoulos, que semellaba podería desnivelar un partido, nesta fase, emocionante e xeitoso para os espectadores. No cuarto de hora final nin a entrada de Botelho nin a de Danilo intensificaron o xogo dos celestes que moi cansados abrazaron o empate diante da indiferencia dunha bancada que se preguntaba as razóns de deixar fóra da convocatoria a Roberto Trashorras, o elemento máis desequilibrante do cadro. Con todo, deste empate poden tirarse unhas cantas leccións positivas: a solidez defensiva, tanto da parella de centrais (onde Túñez comeza a asombrar) como de laterais; o traballo eficacísimo dos medioscentros, Busto e López Garai; e a esperanza que pode supoñer a incorporación de Papadopoulos, o veterán internacional grego, que a pesar de estar colocado en banda, demostrou en media hora posuír electricidade abonda para suplir as nosas carencias de pegada.