Publicados en galego os dous volumes d’ «O segundo sexo» e un libro de Steiner

9 Marzo, 2010 (20:58) | Ensaio, Igualdade, Novidades, Traducións, Xerais

Poucas veces sentín maior alivio por ter culminado un proxecto de edición cando esta mañán chegaron da imprenta os exemplares de control de calidade do segundo volume d’ O segundo sexo. Tras unha década de traballo da tradutora, a teimosa e rigorosísima Marga Rodríguez Marcuño, por fin poden lerse na lingua de noso as máis de 1.200 páxinas da obra principal de Simone de Beauvoir. Para o primeiro volume contamos coa grande axuda proporcionada por África López Souto, que se ocupou da revisión filosófica e do limiar, e por Carme Adán, daquela Secretaria Xeral de Igualdade, que impulsou moi decididamente a edición. Para este segundo volume, tras os cambios da Xunta, cremos que contaremos só con algunha axuda á tradución das que solicitamos este ano.

Xunto ao volume de Beauvoir, chegaron tamén os exemplares do primeiro libro de Steiner en galego, George Steiner en The New Yorker, o que constitúe un xesto que como editores facemos para contribuír ao proceso de coñecemento da nosa cultura no mundo. Coa publicación destas dúas importantes obras, continuamos o noso proxecto de traducir para o galego algúns dos ensaios do canon cultural do noso tempo. Velaí un dos compromisos da nosa edición cultural.