Lois Pereiro e a Academia Galega

27 Xuño, 2010 (18:11) | 17_de_maio, Autores, Homenaxes, Poesía

A designación de Lois Pereiro como escritor homenaxeado no 17 de maio de 2011 volve demostrar o liderado da actual Academia Galega no proceso constante de actualización do pensamento e da creación galeguista. Non podo agachar que moito me emocionei cando onte lin na pantalla de twitter do meu teléfono a nova que adiantaba Iago Martínez (atinadísimo o seu artigo de hoxe). Esta designación de Lois Pereiro, como o ditame sobre o borrador do «Decreto de Plurilingüismo», énchenos de fachenda de pertencer a un país que conta cunha corporación cultural independente con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano resultará clave para coñecer a súa traxectoria vital e artística. A designación de Lois Pereiro desfai toda clase de prexuízos sobre a institución de Tabernas e convida á sociedade civil a corresponsabilizarse sobre o éxito da homenaxe. Agora, somos os editores, os estudosos do feito literario, o profesorado, o tecido do asociacionismo cultural os que temos a obriga de achegar á sociedade unha resposta acorde co espírito de permanente renovación do poeta apupado pola Academia. Nunha xornada de entusiasmo coma a de hoxe, as nosas beizóns todas son para Josito e a súa familia toda, e para Manuel Rivas e os restos dos membros da Academia por tan importante designación, que non vai en menoscabo de ningunha outra das candidaturas participantes nas votacións.