An Alfaya, premio novela por entregas de «La Voz de Galicia» 2010

21 Xullo, 2010 (15:47) | Autores, Narrativa, Premios, Xerais

Foi unha satisfacción poder celebrar onte en vivo un novo premio literario de An Alfaya, unha das máis interesantes narradoras galegas do noso tempo. A súa novela Vidas cruzadas resultou gañadora do Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia, esa feliz iniciativa que dende hai unha década recupera o folletín ou folletón como xénero literario en galego. Alédame moito este novo premio para An Alfaya, que hai semanas recibía a noticia da obtención do Premio Arcebispo San Clemente por Areaquente, unha autora que dende a súa discreción e constancia está ofrecendo unha das obras máis sólidas da narrativa actual. Desque en 1997 gañara o Premio Merlín por ¡Sireno! Sireno!, An foi desenvolvendo unha obra narrativa (comezou como autora teatral) moi diversa, tanto no seu enfoque temático (sempre atento a problemática humana), na abordaxe técnica (moi coidada, tanto na prosa coma na forma utilizada) como no público ao que se dirixía, dende os lectores autónomos deica as persoas adultas. As novelas de Alfaya sempre son interesantes, sempre sorprenden, sempre están ben montadas, sempre teñen persoanxes ben construídos, sempre deixan pegadas na nosa memoria de lectores. Alfaya, ademais, desminte con toda a súa obra, ese prexuízo do carácter da LIX como un «xénero menor» demostrando que para as narracións e as autoras de calidade non existen as fronteiras de idade do seu lectorado. As súas tres máis recentes novelas –a multipremiada A sombra descalza (unha das máis interesantes novelas da década), Illa soidade (o premio Fundación Caixa Galicia 2007) e a xa citada Areaquente– demostran a súa progresión imparable cara a unha madurez literaria moi prometedora, na que o mellor de An Alfaya aínda está por chegar. Sen dúbida que este mes de agosto, no que será publicada día a día a novela premiada onte, será o que popularice entre o grande público a unha das nosas grandes narradoras. Recomendo seguir estas Vidas cruzadas dende o primeiro de agosto, teño a certeza de que serán dunha lectura engaiolante. Beizóns, An!