Campo do Fragoso XCIV

27 Setembro, 2010 (07:17) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

A VONTADE DOS GAÑADORES
Foi Jorge Valdano, actual director general do Real Madrid, quen acuñou que “O fútbol é un estado de ánimo”. Unha oración afortunada para expresar que o fútbol é un deporte cuxo resultado depende en boa medida da combinación de dous factores, a enerxía e a tensión. Semella que seguindo este esquema de análise a combinación ideal do equipo de fútbol gañador é, xeralmente, a de quen posúe altas doses de enerxía (traducida na lameira en termos de maior velocidade, atención, forza, afouteza, coraxe cos rivais) e ao mesmo tempo os niveis máis baixos de tensión e nerviosismo (acougo, tranquilidade, confianza, e disposición táctica sobre o terreo de xogo). Tras un mes de competición oficial e cinco partidos de liga, non hai dúbida que este Celta de Paco Herrera mudou radicalmente o seu estado de ánimo con respecto ás catro tempadas anteriores. Aínda que lonxe de engaiolarnos cun xogo de fantasía, posúe, porén, a vontade dos gañadores, iso que algúns chaman “sorte”. Unha mudanza decisiva. A pesar de que aínda é moi cedo e non se deben facer cábalas ningunhas até transcorrida polo menos unha cuarta parte da competición, tras catro vitorias consecutivas e un terceiro posto na táboa é inevitable que este Celta comece a facernos soñar, o que constitúe unha beizón para unha afección que leva moitos anos emocionalmente sacrificada. Tacticamente o segredo de Herrera parece que consiste en combinar niveis moi altos de disciplina de medio campo para atrás con moita velocidade e creatividade cara adiante. O éxito fronte ao Nástic de Tarragona, o conxunto do noso admirado Luis César Sampedro, residiu máis que na capacidade goleadora –o único tanto chegou moi cedo, apenas aos sete minutos, tras unha boa xogada do extremo De Lucas, mais froito dunha saída impetuosa na que os celestes derrochaban ansias de vitoria– no feito de manter por segundo partido consecutivo a portaría a cero. Eis a cerna da sacrificada vitoria de onte. Creo que será na consistencia da tea que Herrera pretende tecer sobre un trivote de mediocampistas moi traballadores –Bustos, Garai e ese fenomenal Áléx López (o ferrolán é a nova pérola da canteira galega)– e dous centrais grandes –Catalá e Jonathan Vila (admirable a capacidade de adaptación do porriñés)– onde poden residir boa parte das posibilidades competitivas dun equipo que agardemos conte cos goles que lles vaian proporcionando De Lucas, David Rodríguez, Trashorras e esperemos que tamén Iago Aspas e Dani Abalo. Diante do Nástic a saída dos nosos foi dominadora, mais tamén tiveron fases nas que foron claramente superados, sobre todo nos primeiros vinte minutos da segunda parte. Herrera, un adestrador con vontade gañadora, fixo tres trocos valentes que devolveron nos derradeiros quince minutos a enerxía atacante que faltaba e axiña chegaron as oportunidades para aumentar o marcador. A entrada de Dani Abalo foi decisiva para empurrar definitivamente a un equipo que amosaba preocupantes síntomas de cansazo. Endebén, hai tempo que nos contragolpes non gozabamos con tantas diagonais e pases longos de calidade como os que onte debuxaron sobre a lameira Álex, Trashorrras ou Michu. Nun mes pasamos dun equipo que expresaba algunhas dúbidas a outro co que enxergamos algunhas esperanzas. Un balance moi positivo.