Frankfurt 2010/1

7 Outubro, 2010 (10:14) | Editores, Eventos, Persoal

A presenza na Feira do Libro de Frankfurt sinala para min o comezo do outono. Tamén será así na edición deste ano dedicada a Arxentina e protagonizada pola presenza do IPAD no imaxinario de moitos editores e nalgúns, poucos, dos espazos do famoso pavillon 4.2 dedicado á edición dixital (especialmente) educativa que agardo poder visitar hoxe co maior vagar posible.

A pesar das olleiras da crise (que xa ninguén oculta), Frankfurt non perde o seu pulo e a súa referencia como grande Babel da edición. Os editores pesimistas cren que esta edición hai menos xente, os optimistas non notamos moitas diferencias con respecto a edicións anteriores. A verdade é que vexo aos meus compañeiros e compañeiras galegos bulir polos corredores da Feira con axendas cada vez máis apretadas. Kalandraka ten xa stand de seu, como Nova Galicia (mesmo no pavillón 8, o de lingua inglesa, o corazón da Feira), o que sen dúbida supón a consolidación do seu traballo exportador. Outrosí acontécelle a OQO, unha editora que traballa dende a excelencia (este ano obtivo dous dos tres premios aos libros mellor editados do Ministerio de Cultura), Rinoceronte, Bahía, Toxosoutos, Ideas Propias, Cumio, El patito editorial ou Galaxia que traballan no estand que compartimos os editores galegos coa Consellaría de Cultura.

Entre os contactos profesionais que tiven onte chamoume a atención o fenómeno de David Monteagudo, o autor galego (naceu en Viveiro) que ven obtendo un grande éxito coa súa primeira novela, Fin (El Acantilado 2009), e do que Erika Calklizo me presentou a segunda, Marcos Montes, que lerei co maior interese. Aledoume conversar con Chus Bello, a tradutora galega de Reckless e unha das maiores especialistas na obra de Cornelia Funke. Reckless xa é a obra máis vendida nestes momentos en Alemaña. Agardamos que entre nós vaia collendo o pulo que merece, antes de que Cornelia viaxe a España o vindeiro mes de decembro. Tamén foi moi interesante e prometedora a entrevista con José Luís Gutiérrez, o responsable da axencia Gu-Ru, moi interesada en dar a coñecer autores galegos nos países do leste de Europa. Fran Alonso, Fernández Paz e Fina Casalderrey, polo momento, serán os primeiros autores deste proxecto.

A cuestión da participación galega na FIL de Guadalajara en 2012 ou 2013 queda aberta. Tras Castelá e León (“berce do español”, anúnciase na publicidade da FIL), comunidade convidada en 2010, o vindeiro ano protagonista será Alemaña. Galicia deberá reflexionar sobre a presentación definitiva da súa candidatura, xa que participar cun nivel decoroso require un investimento que pode chegar aos dous millóns de euros (case o dobre do que se inviste nun ano en que chegue o libro galego ás nosas bibliotecas).

O día de hoxe quedará marcado polo anuncio do Nobel de Literatura 2010. Polos corredores soan os nomes de Murakami (edítao Galaxia), McCarthy ou Ernesto Sábato. Jaureguizar ten publicado estes días quinielas máis longas e aquilatadas. Con todo, sabemos que oa académicos suecos adoitan ofrecer sorpresas. Non hai dúbida que en canto se coñeza, nalgún dos lugares da Feira correrá o viño do Rhin.