Campo do Fragoso XCV

24 Outubro, 2010 (09:38) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

A CRÚA REALIDADE

Tras senllos empates consecutivos fronte ao Villarreal B e o Granada, o Celta pechou un magnífico ciclo de seis vitorias que nos deixou aos seareiros un sabor moi dóce e obrigou a un exercicio notable de contención da nosa euforia. Porén, volvemos á crúa realidade de enfrontarnos ás dificultades dunha categoría dificilísima, onde se pode empatar un partido que estaba merecidamente gañado, como lles sucedeu aos nosos o sábado pasado, por mor dunha decisión arbitral moi discutible, ou se pode sumar outro puntiño nun partido moi axustado diante dunha rival notable, como foi onte o Granada, con trazas de ser un dos conxuntos con aspiracións semellantes ás nosas. Non lle faltaba razón a Herrera cando antes do encontro alertaba das dificultades que os celestes atoparían diante dun conxunto que engana ao rival deixándolle o control da primeira parte do campo, mais que logo sabe pechar de marabilla todas as súas liñas e presentar aos seus dianteiros na área rival. Como é adoito, o Celta saíu cunha verticalidade de vertixe, provocando o primeiro saque de recanto aos dezaoito segundos. Durante o primeiro cuarto de hora dominou con claridade, mais non foi capaz de crear ocasión de gol ningunha, a pesar do acerto de Hugo Mallo nas subidas pola súa banda. Notábase moito a ausencia de Quique de Lucas, un xogador que achega unha velocidade desequilibrante, ao tempo que ten esa capacidade de artellar unha sociedade fugaz con David Rodríguez, xeradora de goles nos momentos decisivos. Onte o Celta atragoouse decontado co esquema tan disciplinado do seu rival, o que provocou que nin López Garai nin Álex López nin Trashorras, os seus mediocampistas, tivesen o seu mellor día. Aí puido estar unha das claves que permitiu que os andaluces aseñorasen o control do xogo ao longo de case todo o encontro e tivesen varias oportunidades, impedindo que durante o resto da primeira parte o Celta construíse o seu característico xogo de ataque moi profundo. Nin unha xogada celeste con perigo que reseñar, xa que as paredes que trataban de trazar os nosos eran desbaratadas con facilidade por unha defensa granadina moi ordenada e atenta. Ende ben, chegou no minuto 6 da segunda parte o noso golazo, outra xenialidade de Iago Aspas, unha rosca con moita parábola que se coou pola escuadra esquerda, unha auténtica marabilla que a todos nos fixo enxergar esperanzas de reorientar tan incómodo partido. Foi un espellismo, as esperanzas duraron apenas outros seis minutos, o tempo que tardou Geijo, un dos mellores dianteiros da categoría, en marcar tras unha combinación moi ben levada polo seu equipo dende a defensa. Afortunadamente, os visitantes non souberon aproveitar algunha das oportunidades que tiveron logo e permitiron que no derradeiro cuarto de hora, o Celta, por fin, empurrado pola forza de Michu e a capacidade de desborde de Dani Abalo, os dous xogadores que entraron de refresco, os puxera contra as cordas. Mágoa que no minuto 38 Roberto fixera un paradón incrible a un xute frontal de Michu, aí estivo a derradeira posibilidade de gañar un partido difícil. Con todo, o resultado é moi positivo, xa que para o Celta supón continuar invicto por oitava xornada consecutiva e manter as posicións de ascenso. Con certeza, esta é a crúa realidade desa difícil loita polo ascenso.