Varela crea a Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas

2 Novembro, 2010 (22:00) | Bibliotecas, Cultura, Goberno Feijoo, Libro

Non hai dúbida de que o anuncio realizado por Roberto Varela esta mañá no Parlamento Galego, cando comparecía na comisión de orzamentos,  sorprendeunos a todos, dende aos partidos da oposición aos diversos sectores profesionais da Cultura. A creación dunha Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas supón elevar de rango administrativo e político o libro, apostando por priorizar as políticas de lectura, o que constitúe un motivo de esperanza. No entanto, a pesar do espectacular e inagardado anuncio, que ende ben supón unha reestruturación da Consellaría de Cultura, ao que non pode ser allea, tampouco, a próxima inauguración da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, a chave reside nos recursos humanos e económicos cos que contará esta nova Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas. Velaí o cerne da deboura, como adoitabamos dicir hai trinta anos, cando comezaba o proceso autonómico. A de hoxe pode ser unha grande noticia ou unha grande decepción (como nos aconteceu co chamado «Ano da Lectura» que saudamos con ledicia). Polas noticias que apareceron ao longo da xornadas as esperanzas axiña poden esmorecer, xa que a consellaría de Varela en 2011 reducirá o seu orzamento nun 33%, cifra que duplica a redución do conxunto da Xunta. Ogallá Varela, que con esta decisión recuperou moita iniciativa, tomase boa nota do modelo da Dirección General del Libro y Bibliotecas do Ministerio de Cultura, un dos poucos departamentos do Goberno de Zapatero que non reduce o seu orzamento en 2011. Varela sabe que o libro e a lectura son un proxecto estratéxico, agora, tamén para o seu futuro e a súa credibilidade.