Campo do Fragoso XCVI

8 Novembro, 2010 (07:53) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

O CELTA NON CEDE

Unha hora e cuarto de xogo case marabilloso non lle abondou ao Celta para dobregar ao Betis, o actual líder. Os de Paco Herrera realizaron un gran partido, impoñendo un ritmo moi intenso de ataque e unha disciplina nas axudas defensivas que lles proporcionou unha clara superioridade en todos os terreos e un elevado número de ocasións. Nese período contamos até catro deses goles feitos, cinco bos remates celestes e outra media ducia de bólas entre os tres paos, que puideron provocar un enorme furado na meta de Goitia. Porén de todos eles, só subiu ao marcador o tanto de Álex López, un xutazo moi preciso, dende a banda dereita, tras un servizo cara atrás que recibiu de Hugo Mallo, quen antes roubara e subira o coiro até a liña de fondo. Unha combinación excelente, pasada a media hora de encontro, entre dous dos nosos canteiráns con maior proxección; unha xogada fermosa de dous xogadores que perderon a inocencia e calquera tipo de medo. A volta ao cadro inicial de De Lucas volveu ser decisiva. A verticalidade de vertixe que introduce o dianteiro de L´Hospitalet é incrible. Aínda non trascorreran dous minutos e xa estragara no segundo decisivo un tiraliñas interior debuxado por Trashorras, acción que agradecía a bancada cos seus primeiros apupos. Tres minutos despois, foi Murillo que non soubo pechar de cabeza o centro do catalán. Nestes minutos iniciais navegaba seguro o Celta sobre a lameira famento de gol, grazas, sobre todo, ao labor dese valadar chamado Bustos, un xogador incansable e inmenso que recuperaba unha e outra vez o coiro devolvéndollo con premura a Trashorras e Álex para que os nosos artistas comezasen unha nova acometida. Porén, semellante intensidade foi paralizada de súbito pola “síndrome do colexiado afouto” do estremeño Ceballos Silva, quen non sinalou dous penaltis consecutivos, deses coma unha casa, que se produciron na área bética. A pesar das erradas decisións arbitrais e das provocacións de Iriney, un vello coñecido de noso, o Celta non perdeu o control diante dun rival que confiaba todo o seu escaso xogo ofensivo no talento dun Emaná que chegou a subir as pelotas dende a altura da súa propia área. Tras unha primeira parte tan completa, na reanudación o Celta non perdeu ao mando. David Rodríguez puido marcar en senllos remates moi ben dirixidos. Con todo a mellor ocasión de liquidar ao partido estivo no xutazo que Trashorras enviou ao pao, tras o desborde dun Dani Abalo que acaba de substituír a De Lucas. Corría o minuto 71 e o sistema de fútbol solidario do Celta, baseado nunha complexa estrutura de axudas, comezaba daquela a esborrallarse. O equipo noso desordenouse e perdeu consistencia. Por vez primeira, a tendencia do partido mudaba. O gol bético víase vir. E, magoadamente, non tardou en chegar: Rubén Castro plantouse na área pequena tras unha combinación con Salva, na única ocasión na que os nosos centrais non estiveron ao seu máximo nivel de concentración. Unha mágoa. A pesar do insuficiente e inxusto que poida parecer este cuarto empate consecutivo, despois deste formidable partido co Betis, o Celta non cede e presenta a súa firme candidatura ao ascenso automático. Polo calidade do xogo desenvolvido nesta primeira cuarta parte da tempada é un obxectivo que está ao alcance da súa man.