Balance 2010/1: «Todos vós sodes capitáns» de Oliver Laxe

28 Decembro, 2010 (16:03) | Balance_2010, Beizóns, Cine, Premios, Vídeos

Coñecín a Oliver Laxe o pasado ano no xurado do Premio Cinema e Ciencia que promove ese infatigable e xeneroso amigo que é Martin Pawley. Naqueles dous días quedei deslumbrado polo discurso de Oliver, pola súa poética cinematográfica, literaria ou pictórica e, sobre todo, pola súa ansia teimosa en perseguir na conversa a beleza nos territorios das artes. Foron os seus argumentos os que nos levaron a premiar tamén Ljusär, unha película pouco convencional na que o sueco Mikael Kristersson relata só con imaxes, durante máis dunha hora, o que sucede nunha hortiña dunha vivenda das aforas da cidade ao longo do ciclo dun ano.

Tras aquela experiencia tan grata, non me colleu por sorpresa a noticia de que Todos vós sodes capitáns, a súa primeira película longa, fose a gañadora do premio Fipresci, un galardón co que os críticos presentes no Festival de Cannes pretenden cada ano favorecer a visibilidade de novos valores. Nas conversas daqueles días, Oliver contáranos que levaba en Tánxer dende o ano 2006 e que traballaba nun obradoiro de cine con adolescentes. Adiantáranos, tamén, coa súa ironía perspicaz, que acometera o seu primeiro proxecto de longametraxe coa intención de filmar unha oliveira que moito lle impresionara, situada preto dunha das fortalezas defensivas existentes as beiras de Tánxer. Dende entón quedei co formigo no corpo e non tiven oportunidade de ver a película até a gala de Cineuropa, na que Laxe recibiu a primeira e merecida homenaxe na súa terra. E abofé que o film quedou moi por riba das miñas mellores expectativas.

Efectivamente, Todos vós sodes capitáns é unha homenaxe a sobria beleza dunha oliveira que debuxa o seu perfil sobre o horizonte. Unha árbore que serve ao autor para culminar un proceso de indagación dos límites existentes entre a realidade e ficción, fronteira que dinamita ao longo de toda a metraxe asumindo todos os riscos posibles. Baixo a aparencia dunha película documental de tintes autobiográficos sobre a experiencia dun director novo que pretende facer unha película cun grupo de adolescentes acollidos nun centro de menores inadaptados, Laxe reivindica a estirpe do cinema clásico máis sobrio e espido de calquera ornato, mesmo da presenza da música. Empregando os formatos máis primixenios do cine, dende as cámaras manuais á película de 35 mm en branco a negro, utilizando coa maior economía as escasas horas de filmación, Laxe amosa que son as imaxes e as palabras axeitadas a ferramenta indispensable para expresar o poder creador do cinema. A película toda é unha reivindicación dese poder extraordinario do cinema como arte, para o que non cómpren medios técnicos desorbitados nin industrias con pretensión de elefante, senón apenas unhas humildes cámaras nas mans dun grupo de rapaces inexpertos que viven en condicións moi precarias, mais que queren deitar a súa ollada na pantalla. Eis nese carácter artesán da súa indagación –na liña do expresado por Richard Sennet do traballo ben feito– é onde reside unha das claves da obra.

Ademais, nesa tarefa de procura colectiva, Laxe é capaz de amosar toda a intimidade do seu grupo de alumnos de xeito indirecto, case desenfocado, nun exercicio abraiante de sutileza e discreción. Moi lonxe da espectacularidade do documentalismo presuntamente naturalista, á que tan afeitos estamos polos produtos televisivos, a película consegue con enorme eficacia unha abordaxe educativa na que a vivencia do proceso acada cotas de beleza equiparables ás da propia fita, case sublimes no seu derradeiro treito. Poucas veces teño visto na pantalla un traballo tan interesante dende o punto de vista educativo. Aquí non hai paternalismo, nin o dogmatismo tan frecuente nas películas protagonizadas por rapaces con problemas. Aquí o director confía cegamente nos seus protagonistas, aos que enfronta coa construción do seu propio relato (en boa medida, sabemos que en base dun guión máis bosquexado que rotundo) diante da cámara. Asistimos así as súas crises cognitivas e afectivas, as súas desputas polos liderados, aos seus momentos de tristeza e a outros de plenitude na descuberta, momentos todos eles nos que as figuras das persoas adultas sinalan os límites e amosan os horizontes a enxergar. Eis nesa educación concibida como práctica da liberdade onde reside outra das claves da película.

Os moitos premios que ven recibindo avalan, sen dúbida, esta película de beleza inquedante que nos reconcilia co cinema máis transparente, co cinema que supera toda clase de fronteiras, linguas e culturas. Non teño dúbida que o seu éxito é unha das máis importantes noticias literarias deste 2010. Anuncia que o mellor de Oliver Laxe aínda está por chegar. Agardamos que a copia galega se poida proxectar nas salas do país nas vindeiros semanas ou meses. Hoxe, as nosas beizóns para Oliver e, tamén, para Felipe e Óscar, que sei comparten ao seu carón idéntico espírito e entusiasmo.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/b2Epb_C11Bw" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/xR1uDAZUuWY" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/VUbkUjy-O7A" width="750" height="448" wmode="transparent" /]