O sentido da «Lei de Convivencia e Participación»

5 Xaneiro, 2011 (19:56) | Educación, Goberno Feijoo, Lingua

Non é ningún segredo que o equipo actual da Consellaría de Educación gosta de anunciar as súas máis importantes medidas nas vacacións de nadal. Xa o fixo o pasado ano, cando presentou uns días antes do anovello o borrador do decreto de Plurilingüismo; faino este curso, aproveitando as xornadas de descanso do profesorado, para presentar o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación, coa que se pretende «dignificar o labor docente, corresponsabilizar ás familias e mellorar o clima nas aulas». Obxectivos que todos compartimos, mais que non poden agochar outros como os «de regular, tamén, a consulta e a participación directa das familias no proceso educativo», un eufemismo xurídico para avalar a intención do Goberno Galego de establecer un mecanismo que permita ás familias a elección da lingua vehicular da ensinanza (como figuraba no programa co que o PPdeG concorriu ás pasadas eleccións). En definitiva, un ano despois, enfrontámonos co debate arredor dunha norma que pretende lexitimar o «Decreto de Plurilingüismo» e superar algúns dos atrancos que lle puidese ocasionar o ditame do Consello Consultivo e mesmo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional (STC 337/1994) contraria á elección de lingua por parte dos pais.

Tempo haberá de analizar e debater polo miúdo os contidos dunha lei aparentemente seguidista doutras de semellante fasquía e intencionalidade aprobadas polas Comunidades de Madrid e Valencia. Os feitos de non procurar ningún tipo de consenso ou negociación coa representación do profesorado nin de consultar ao Observatorio da Convivencia e o de presentar o borrador do anteproxecto aos medios de comunicación antes que aos membros do Consello Escolar Galicia, representantes lexítimos da comunidade educativa, denotan o contido profundamente político que os responsables da Consellaría de Educación queren imprimir a unha lei destinada a satisfacer algunhas das demandas das clases medias urbanas, onde o PPdeG pretende atopar a maioría para conquistar no vindeiro mes de maio as alcaldías das cidades que tanto se lle resisten.

Anuncios retóricos como os de «devolver a autoridade ao profesorado» (algo que cremos só se consegue coa lexitimidade que achega o apoio que reciba do conxunto da comunidade educativa), «facer fronte ao acoso e ciberacoso escolar», «posibilidade de que os centros públicos acorden un uniforme para o seu alumnado» ou que «os profesores quedarán habilitados para requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro, dentro do recinto escolar e durante a realización de actividades complementarias e extraescolares» ou a atención por correo electrónico do profesorado aos pais e nais ou a comunicación das faltas por Internet expresan, inequivocamente, a intención do Goberno Galego de enlazar coas preocupacións expresadas polas «familias» (un eufemismo conservador para evitar referirse ás nais e pais do alumnado) da clase media urbana. Medidas de mercadotecnia moi doadamente vendibles nos medios de comunicación que, porén, non apuntan cara a orixe da maior parte dos problemas de convivencia nos centros educativos, que residen na masificación dos centros de Secundaria e na ausencia de medios e recursos para abordar a súa diversidade, precariedade moi acentuada polos recurtes orzamentarios  nestes tempos de crise. Dificilmente se poderá mellorar a convivencia nestes centros, se non se baixa a ratio de profesorado/alumnado, se non se contan con desdobres en determinadas materias, se non existe profesorado de apoio, se «as aulas de convivencia» son «aulas de castigo atendidas por profesorado de garda». A este teor sería moi recomendable que os responsables da Consellaría de Educación non desbotasen o valor de experiencias anteriores desenvolvidas arredor desta cuestión no noso país. Resolverá esta lei os problemas que suscita nos centros educativos a integración de minorías ou de alumnado con dificultades relacionais? O sistema previsto de «castigos express» abondará para resolver este tipo de conflitos?

Non descartaría que textos coma este (e como os xa aprobados polas comunidades de  Madrid e Valencia) prefigurasen os contidos e a orientación dunha nova Lei de Educación que aprobaría o Partido Popular na vindeira lexislatura, destinada a substituír a actual LOE. Semella que o modelo de participación da comunidade educativa (profesorado, pais e nais, concellos e persoal non docente) na xestión dos centros escolares non universitarios por medio dos Consellos Escolares tería os días contados, sendo substituído polo das direccións escolares completamente profesionalizadas e dependentes das directrices da Administración Educativa, nas que a dirección funciona coma a xefatura de persoal.

Unha Lei de Convivencia e Participación no sistema educativo para ser eficaz e exitosa ten que contar cun amplísimo apoio da comunidade educativa, moi especialmente do profesorado. Con este anteproxecto, o equipo de Jesús Vázquez desbota as posibilidades de artellar un amplo consenso na comunidade educativa, o que sen dúbida agoira, como sucede co «Decreto de Plurilingüismo», outro duro enfrontamento co profesorado. Non entendo como con semellante procedemento se pretende mellorar a convivencia nos centros educativos.