Inauguración da Cidade da Cultura

11 Xaneiro, 2011 (22:05) | Bibliotecas, Cultura, Goberno Feijoo, Museos

O acto de inauguración da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, que suporá tamén a apertura ao público  da Cidade da Cultura a partir de mañá, amosou a profunda fenda que nesta lexislatura se abriu na política galega.

Resultoume incomprensible a ausencia no acto dos membros do BNG, o partido que tivo a principal responsabilidade durante o seu período de goberno na construción e finalización de ambos os dous edificios inaugurados esta mañá, así como en imprimir un maior pulo ao desenvolvemento do proxecto ideado por Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela. Só polo respecto que merece o traballo desenvolvido por Ánxela Bugallo e polos membros do seu equipo ao longo de catro anos nesa dificilísima tarefa, a dirección do BNG debeu ter asistido a un acto ao que acudiron membros dos máis diversos sectores da sociedade e da cultura de noso. Unha presenza protocolaria que non impediría o lexítimo exercicio de crítica aos contidos e a forma de xestión escollida para a CdC por parte do actual Goberno Galego. Outrosí sucede coa ausencia de Emilio Pérez Touriño, o ex-presidente da Xunta, que sempre defendeu a continuidade do proxecto.

Resultoume desafortunado que Alberto Núñez Feijóo aproveitase o seu protocolario discurso inaugural para incluír con sutileza a Camilo Jose Cela na historia da literatura galega, ao citar que nesta «biblioteca poderán consultarse os manuscritos do único premio nóbel da literatura galega», un comentario que con certeza non asumirían ningún dos nosos membros da Real Academia Galega nin o profesorado de literatura galega das nosas tres universidades.

Con todo, para min o máis abraiante do acto sucedeu xusto ao remate da interpretación do himno galego por parte do Coro Gaos, que foi acompañado pola gaiteira Cristina Pato. No momento de acometer «nazón de breogán» os coristas (por un razón para min descoñecida) fixeron a omisión da palabra «nazón». Non sabería chamar doutra maneira a ese pianissimo tan suaviño e tan inintelixible para describir como acometeron o sintagma pondaliano, unha elipse coincidente cun tiro da gaiteira ourensá. Unha situación corrixida ao remate do acto por un berro cívico de «nazón, nazón» pronunciado por un dos convidados. Un berro, sen dúbida, moi oportuno, xa que o Arquivo e a Biblioteca de Galicia hoxe inaugurados, como toda a Cidade da Cultura, deberán estar ao servizo da nazón, da súa lingua e da súa cultura. Eis o primeiro criterio para xestionar un proxecto para todos os galegos e as galegas que, a pesar do seu enorme custo de construción e mantemento (cifras que se deberían facer públicas), non pode de maneira ningunha hipotecar o futuro do resto das políticas culturais públicas. Facer compatibles ambos os dous criterios non vai ser doado, razón pola que os responsables deste traballo ben merecen, ao inicio do seu camiño, os nosos mellores desexos de éxito.